Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Mércores, 26 de setembro de 2001 Páx. 12.754

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 3 de setembro de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se publica a declaración de impacto ambiental, do 13 de agosto, do proxecto de clausura e selaxe dos vertedoiros de Vila de Cruces e Merza (Pontevedra), promovido polo Concello de Vila de Cruces e pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental.

Antecedentes.

Segundo o artigo 1.2º do Real decreto lexislativo 9/2000, do 6 de outubro, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización de obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II, deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental cando así o decida o órgano ambiental en cada caso.

Á vista das características do proxecto, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cualificou o proxecto como sometido a avaliación de impacto ambiental con data 16 de marzo de 2001.

O proxecto define os traballos de escavación e transporte dos residuos do vertedoiro de Merza ata o de Vila de Cruces, así como as obras e instalacións necesarias para a adecuación do vertedoiro de RSU de Vila de Cruces para a súa clausura, selaxe e recuperación ambiental.

O vertedoiro de Merza sitúase nunha antiga canteira de granito sobre terreos de propiedade veciñal, na ladeira do río Toxa. A superficie sitúase sobre solo de protección de canles na fervenza do río Toxa, cualificado como espacio natural protexido segundo o planeamento vixente municipal. O acceso ó vertedoiro comunica coa ruta de senderismo cara a fervenza do Toxa. O volume de residuos depositados no lugar calcúlase nuns 2.036 m, e ó igual que no vertedoiro de Vila de Cruces, os residuos son transportados e soterrados en parcelas de monte de propiedade privada.

Dadas as características propias do vertedoiro de Merza e do seu contorno, a solución proposta contempla a retirada dos residuos e o seu traslado ó lugar de Vila de Cruces recuperando o lugar e eliminando toda proba do seu actual uso.

O vertedoiro de Vila de Cruces atópase nunha parcela de 3.500 m de propiedade municipal, moi próxima o núcleo urbano. A pouca distancia do vertedoiro sitúase o centro de saúde e o instituto e a uns 5 km atópase o espacio natural Sobreiras do

Arnego. O emprazamento localízase xusto detrás do cemiterio. Os residuos son envorcados sobre unha explanada e periodicamente incinerados. Cando o volume de residuos acada cotas elevadas (uns 1.431 m), son retirados e trasladados a parcelas de monte de propiedade privada, logo de acordo co propietario, procedendo a soterralos.

O proxecto define as medidas destinadas ó confinamento e selaxe da masa de residuos depositada no vertedoiro de Vila de Cruces, unha vez recibidos os residuos procedentes de Merza. Para isto, os traballos que se van acometer son: escavación e transporte de residuos do vertedoiro de Merza ó de Vila de Cruces, conformación da masa de residuos en Vila de Cruces mediante compactación e reperfilado, drenaxe de aguas superficiais e subsuperficiais, instalación do sistema de desgasificación, instalación dunha selaxe superficial, recuperación paisaxística dos dous vertedoiros e control ambiental.

Co obxecto de recupera-lo vertedoiro de Vila de Cruces prevese acondiciona-lo camiño perimetral con grava e realizar unha hidrosementeira da superficie, prevéndose emprega-las seguintes especies: xoio (Lolium perenne, 40%), festuca encarnada (Festuca rubra, 25%), festuca (Festuca ovina, 15%) e poa (Poa pratensis, 20%). Ademais, plantarase, ó lado do peche perimetral bidueiros (Betula celtiverica) e guindeiras (Prunus cerasus).

No caso do vertedoiro de Merza realizarase unha hidrosementeira da superficie e plantaranse exemplares de sobreira (Quercus suber). Na plataforma superior, despois da limpeza correspondente, botarase grava e instalarase unha varanda no bordo a modo de mirador cara o curso do río Toxa. O peche e as portas retiraranse.

No anexo I resúmese a situación actual e a prevista trala execución do proxecto, ademais das medidas preventivas e correctoras recollidas no estudio ambiental presentado.

O estudio de impacto ambiental do proxecto de clausura e selaxe dos vertedoiros municipais de Vila de Cruces e Merza someteuse ó trámite de información pública, polo prazo de 30 días, mediante Resolución do 12 de xuño de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 128, do 3 de xullo. O certificado de exposición pública na delegación da Consellería de Medio Ambiente en Pontevedra recíbese con data 13 de agosto de 2001, non tendo constancia da presentación de alegacións.

Con data 12 de xuño de 2001 consúltase á Dirección Xeral de Saúde Pública, á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural (MAN), e o organismo autónomo Augas de Galicia, tendo entrada o informe elaborado pola Dirección Xeral de Montes e MAN o 17 de xullo de 2001. Non tendo constancia da emisión dos restantes informes no prazo legalmente establecido, e á vista do tempo transcorrido, procede prosegui-la tramitación de conformidade co artigo 83 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de

réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

No anexo II resúmese o contido do antedito informe.

Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula ós sós efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de clausura e selaxe dos vertedoiros de Vila de Cruces e Merza (Pontevedra), promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e o Concello de Vila de Cruces.

O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No cumprimento das condicións desta DIA terase en conta que, segundo o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e os Concello de Vila de Cruces, a obriga de asumi-lo mantemento e conservación das obras unha vez recibidas será do Concello de Vila de Cruces. Durante a fase de obras, esta obriga recaerá na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental.

Examinado o documento Proxecto de clausura e selaxe dos vertedoiros de Vila de Cruces e Merza. Maio 2000 e tendo en conta o carácter de corrección ambiental das obras, estímase a necesidade de realiza-lo proxecto.

Nembargantes, coa finalidade de optimizar estas medidas e co obxecto de minimiza-las posibles afeccións ambientais negativas, deberanse aplicar ademais das medidas que se propoñen no proxecto, as recollidas nesta declaración de impacto ambiental, todo isto para cumprir co disposto na Lei 10/1997, de residuos sólidos urbanos de Galicia.

No caso de que exista contradicción entre o establecido na documentación avaliada e a presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Condicionado.

1. Ámbito da declaración.

Esta declaración de impacto ambiental refírese en exclusiva ó proxecto de clausura e selaxe dos vertedoiros de Vila de Cruces e Merza.

2. Sobre o nivel sonoro ambiental.

Haberá que aterse ó disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (DOG do 20 de agosto), así como ó estipulado, se é o caso, pola ordenanza municipal ó respecto.

3. Sobre a calidade do aire.

Durante a adecuación da masa de residuos, consideraranse as condicións metereolóxicas, evitando a remoción de residuos en presencia de vento, alta temperatura ou elevada pluviosidade.

Trala finalización das obras vixiarase que as emisións na cheminea de desgasificación non sexa percibida de forma habitual polas poboacións do contorno e, se é o caso, recollerase este gas e procederase a queimalo.

Así mesmo, na escavación de residuos procederase á súa aireación, co obxecto de evitar explosións.

Tal e como se indica no proxecto, o transporte dos residuos do vertedoiro de Merza realizarase mediante camión con bañeira estanca para evitar posibles perdas de lixiviados; cubríndoos mediante lonas para evita-lo voo de lixeiros.

4. Sobre as augas.

Para calquera afección no dominio público hidráulico, zona de servidume e policía, consecuencia da realización do proxecto, así como para a vertedura de efluentes, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia.

As regas previstas para evita-la emisión de po efectuaranse de xeito que se humecte o solo, pero non se formen asolagamentos nin regatos. Este aspecto tamén deberá ser tido en consideración durante os movementos de terras e residuos, de tal xeito que non se impida o libre fluxo de auga.

Os lixiviados acumulados na balsa durante o mantemento posterior á clausura, retiraranse cando se acade como máximo as 3/4 partes da súa capacidade e serán entregados a xestor autorizado, para o seu traslado ata a estación depuradora de augas residuais de Vila de Cruces.

Os lixiviados acumulados sobre o terreo serán recollidos e entregados a un xestor autorizado se superan os límites de vertedura recollidos na táboa 3 do anexo ó título IV do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico.

Garantirase o adecuado tratamento das augas residuais xeradas nos servicios hixiénicos.

As augas de escorrega superficial conduciranse a través das canles de intercepción proxectadas. Para evita-la erosión na incorporación das augas á rede natural de drenaxe, deberanse colocar sistemas de disipación de enerxía (empedramentos, pequenos diques, etcétera) nos puntos de vertedura. Así mesmo, nestes puntos débense impedi-los fenómenos de asolagamento ou deposición.

Realizaranse periodicamente labores de mantemento co fin de asegura-lo correcto funcionamento dos sistemas de drenaxe de augas pluviais e de lixiviados.

5. Sobre o solo.

De maneira previa ó comezo efectivo das obras, procederase a delimita-lo terreo afectado por estas e a zona dedicada ós labores de mantemento e reparación de maquinaria, de maneira que se minimice a afección do proxecto sobre o territorio, restrinxíndose o movemento da maquinaria ás zonas destinadas para o efecto.

En caso de realizar tarefas de mantemento e reparación da maquinaria no lugar, deberán dispoñerse na zona os medios necesarios para evita-la chegada de verteduras accidentais ó solo, facilitando a súa recollida.

Tal e como se recolle no proxecto, os materiais sobrantes de escavacións, os residuos da obra e calquera outro elemento contaminante, xestionaranse de acordo coa súa natureza e coa lexislación vixente. Os residuos almacenados temporalmente á espera da súa entrega a xestor autorizado deberán poñerse en contedores localizados nun lugar debidamente sinalizado.

Queda expresamente prohibido depositar calquera tipo de residuo fóra da superficie delimitada para os vertedoiros.

Os materiais precisos para a adecuación e selaxe dos vertedoiros deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada.

6. Sobre a restauración.

Na superficie que se vai revexetar empregarase unha dose mínima de sementes de 300 kg/ha.

As especies que se van utilizar na revexetación deben ser autóctonas da zona.

Ata asegura-la viabilidade da sementeira e da plantación, procederase á rega regular e a fertilización mineral de reforzo anual, á resementeira das superficies nas que se aprecie a presencia de calvas e á reposición de faltas no caso de que se produzan.

7. Sobre a protección e control de accesos.

Adoptaranse as medidas precisas para evita-la aparición de focos de vertedura, tanto na fase de adecuación e selaxe como na fase posclausura.

Segundo o proxecto, planifícase un peche perímetral cun acceso en cada un dos vertedoiros, debe asegurarse a funcionalidade destes peches en todo momento, así como limita-la entrada polo acceso só a persoal autorizado.

8. Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo, o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Así mesmo, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Este programa ten como obxectivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Tódolos controis realizados no seguimento, así como tódolas incidencias que se produzan, rexistraranse no momento da súa avaliación nun libro-rexistro que estará á disposición da administración competente. Estes rexistros deberán considerarse na elaboración

dos informes que se van remitir a esta dirección xeral.

As analíticas que se van realizar serán efectuadas por laboratorio homologado segundo métodos oficiais de análise. Este laboratorio deberá realizar tamén a toma de mostras.

A documentación indicada a continuación deberá presentarse por duplicado perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8.1. Informe final de obras.

Presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos, comprendendo, como mínimo os seguintes elementos:

a) Data de finalización das obras.

b) Plano en planta, de ámbolos dous vertedoiros, a escala 1:500 dotado de coordenadas UTM, no que se localicen os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras, así como a localización exacta dos dispositivos de control. Este plano acompañarase de relación de coordenadas UTM que defina o perímetro das parcelas.

c) Reportaxe fotográfica das dúas zonas, que reflicta o estado final. Esta reportaxe acompañarase dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

d) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados durante a obra, daqueles residuos que pola súa natureza non sexan incluídos na masa de residuos que se van selar e, se é o caso, do destino final dos lixiviados acumulados no lugar.

e) Definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, así como memoria das medidas adoptadas para o control de acceso e vertedura. Así mesmo, definirase o responsable do control ambiental requirido no punto 9.2 desta declaración.

8.2. Informe de seguimento ambiental.

Presentarase con periodicidade semestral, contada desde o final das obras e ata que esta dirección xeral informe da súa finalización. O seu contido será o indicado no anexo XVI. Plan de seguimento e control ambiental do proxecto, debendo incluír ademais a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da entrega dos lixiviados a xestor autorizado, indicando os volumes e as súas características.

b) Reportaxe fotográfica da superficie selada e revexetada, das zonas nas que quedaron implantados os diversos elementos, do peche perimetral e da eficacia do sistema de disuasión de verteduras. Esta reportaxe acompañarase dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

c) Os parámetros que se van controlar nas augas subterráneas, superficiais e nos lixiviados serán: pH, conductividade, sólidos en suspensión totais, D.Q.O., DBO, fósforo, sulfatos, nitróxeno total Kjeldhal, amonio, nitratos, cloruros, ferro, cinc, cobre, aceites e graxas.

Se durante o período de control posclausura se producise unha variación significativa na calidade das augas superficiais, das subterráneas ou dos lixiviados, un incremento importante na producción destes últimos, ou olores que se detecten nos núcleos habitados do contorno, deberá notificarse inmediatamente a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a proposta motivada da entidade encargada do mantemento e control posclausura, ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-la lista dos parámetros que se van controlar, así como a frecuencia dos controis que se van realizar.

9. Condicións adicionais.

9.1. O Concello de Vila de Cruces poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, efectuarase a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada esta declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ó concello o acordo adoptado.

9.2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o antedito concello deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

9.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada, deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

9.4. Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, a Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental poderá paralizar cautelarmente as obras ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que sexan corrixidas.

9.5. Esta dirección xeral, por iniciativa propia poderá dictar en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais a esta declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase posterior, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

9.6. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial, das condicións impostas nesta DIA poderán ser causa suficiente para proceder a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

9.7. Esta resolución adoptada por esta dirección xeral non exime ó promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificala, incluídos, se é o caso, os da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou Normas Subsidiarias.

9.8. Cumpriranse tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

ANEXO I

Resumo do proxecto

Localización e descrición do vertedoiro

Vila de CrucesMerza

LocalizaciónConcello de Vila de CrucesMerza, concello de Vila de Cruces

Superficie da parcela3.500 m

Superficie para selar aprox.2.465 m

Volume de residuos actual1.431 m2.050 m

Volume de residuos para trasladar2.050 m

Volume de residuos para selar3.315 m

Tipos de residuosRSU, RSU incinerados,

inertes e entullos

RSU, RSU incinerados

Tipo de vertedoiroGabiaVertedura por gravidade nunha antiga canteira

AntigüidadeDesde 1985Desde 1985

Situación actual e situación prevista do vertedoiro

de Vila de Cruces coa realización do proxecto

Situación

actual

Proxecto

LixiviadosFondo impermeabilizadoNon, terreo naturalNon, terreo natural

Drens lixiviadosNonSi

Captación de lixiviadosNonSi

TratamentoNonBalsa de lixiviados e traslado á EDAR

GasesDrensNonSi

CaptaciónNonSi, 1 pozo

TratamentoNonExtracción pasiva

PluviaisGabias de recollida perimetralNonSi

Punto de verteduraNonÓ medio

Situación

actual

Proxecto

CubertaLámina/capa impermeableNonSi

Terra vexetalNonSi

VexetaciónNonSi

EstabilidadeEstabilidadeNonSi

AccesosPosibilidade de accesoSiNon

Vixilancia ambientalPlan de vixilancia ambientalNonSi

Compoñentes do sistema de selaxe no vertedoiro de Vila de Cruces das Pontes de García Rodríguez

Superficie do vertedoiro

Capa de cubrición0,20 m de terras compactadas

Capa de drenaxe de gases0,30 m de material drenante

Capa de impermeabilización0,5 m de arxila compactada

Capa de drenaxe de augas0,30 m de material drenante cunha lámina de xeotéxtil na superficie superior

Capa de cobertura0,70 m de terra cun nivel inferior de terras seleccionadas (0,40 m) e un nivel superior de terra vexetal (0,30 m)

Situación actual e situación prevista do vertedoiro de Merza coa realización do proxecto

A rexeneración do lugar do vertedoiro de Merza consiste no traslado dos seus residuos, realizando unha limpeza do contorno, recollendo os elementos voantes dos arredores, retirando as terras superficiais que se atopen contaminadas e limpando no posible as paredes de pedra da canteira.

Unha vez limpo o lugar procederase a botar terra, 0,40 m de terras seleccionadas e 0,30 m de terra vexetal sobre a que se realizará unha hidrosementeira e se plantarán exemplares de sobreira (Quercus suber) para mimetiza-lo lugar co contorno.

Resumo das medidas preventivas e correctoras:

* Boas prácticas de obra.

-Evitar derramos de lixiviados durante o transporte dos residuos ó vertedoiro de Vila de Cruces, así como a caída de residuos, mediante o emprego de camións que garantan a súa estanquidade.

-Evitar derramos de combustible e aceites da maquinaria de obra, que deberá realizarse en talleres, gasolineiras ou lugares convenientemente acondicionados.

-Limita-las operacións de carga e descarga de materiais, evitando realizar operacións que poidan xerar dispersión de po cando a velocidade do vento supere os 10 km/h. Esta medida pode vir acompañada por unha rega lixeira previa dos materiais, sempre evitando a xeración de líquido.

-Estableceranse procedementos formais e controis administrativos para tódalas operacións de carga, descarga e transferencia.

-Efectuarase un mantemento preventivo consistente na inspección e limpeza periódica dos equipos, substituíndo as pezas defectuosas.

-Utilizaranse follas de instruccións para os equipos, que deberán estar cerca deles, detallando as súas características, funcionamento óptimo e mantemento necesario para evitar unha xeración inútil de residuos.

* Residuos xerados.

-Ó longo dos traballos xeraranse diversos restos de materiais como ferralla, restos de conduccións, area, restos de xeosintéticos, etcétera. Por isto, disporanse os medios necesarios que permitan a recollida selectiva e a súa reutilización sempre que a calidade e a súa adecuación ó uso queden garantidas. De calquera xeito, efectuarase unha xestión acorde coa natureza de cada tipo de residuo.

* Xeración de olores.

-Trataranse de efectua-los movementos de residuos en condicións climatolóxicas de baixas temperaturas, ausencia de vento e pluviosidade mínima; se as condicións son moi adversas deberán paralizarse as operacións.

* Risco de explosión.

-A modo de precaución e sempre que a situación o permita, realizarase unha aireación coidadosa dos residuos evitando en todo momento movementos bruscos ou violentos, co fin de non provocar explosións debido ás atmosferas de metano xeradas.

ANEXO II

Resumo do informe

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural emite informe no que se recolle:

A documentación entregada está integrada polo documento titulado Proxecto de clausura e selaxe dos vertedoiros de Vila de Cruces e Merza (Pontevedra).

De acordo con esta documentación e co informe do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural emítese informe no que se recolle:

As actuacións que se prevén recaen sobre dous vertedoiros distintos: o de Vila de Cruces está nunha parcela duns 3.500 m que se sitúa xusto detrás do cimeterio municipal, accédese a el pola estrada local cara a Toiriz; mentras que o de Merza atópase nuna antiga canteira de granito, nunha escarpada ladeira sobre o río Toxa.

O obxectivo do proxecto previsto é a definición do alcance e valoración para proceder á selaxe e clausura dos vertedoiros de referencia, que veñen a persegui-los seguintes obxectivos particulares:

-Escavación e transporte de residuos do vertedoiro de Merza ó de Vila de Cruces.

-Conformación da masa de residuos en Vila de Cruces mediante compactación e reperfilado.

-Drenaxe de aguas superficiais e subsuperficiais.

-Instalación do sistema de desgasificación.

-Instalación dunha selaxe superficial.

-Recuperación da calidade paisaxística dos dous vertedoiros.

-Control ambiental.

Revisada a documentación presentada exponse que, os obxectivos que se perseguen, así como a súa formulación e desenvolvemento, imprimen unha calidade adecuada para a precisa integración ambiental. Non cabe polo tanto máis que referir que se adecue a execución e seguimento posclausura ó establecido no proxecto e estudio ambiental para así mante-los impactos negativos a un nivel de aceptabilidade.

Infórmase isto sempre dentro do ámbito competencial que lles é propio, polo que se emite este informe sen prexuízo das comunicacións, autorizacións ou outros informes que sexan precisos.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2001.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental