Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Mércores, 26 de setembro de 2001 Páx. 12.759

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 3 de setembro de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se publica a declaración de impacto ambiental, do 14 de agosto de 2001, do proxecto de clausura do vertedoiro de Viana do Bolo (Ourense), promovido polo Concello de Viana do Bolo e pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental.

Antecedentes.

A Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, estipula que os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización de obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental cando así o decida o órgano ambiental en cada caso.

Á vista das características do proxecto, e con data do 8 de xuño de 2001, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cualificou o proxecto como sometido a avaliación de impacto ambiental.

O proxecto ten como obxecto a clausura e selaxe do vertedoiro situado no concello de Viana do Bolo, nunha ladeira de forte pendente, nunha zona de explotacións forestais próxima á estrada de Viana do Bolo-A Gudiña.

No vertedoiro atópanse principalmente residuos urbanos soterrados e incinerados parcialmente. Tamén existen residuos voluminosos de electrodo

mésticos, mobles vellos e madeiras. O volume destes residuos no momento da redacción do proxecto estímase nuns 18.200 m.

Proxéctase a adecuación da masa de residuos para garantir unhas condicións óptimas de estabilidade e proceder posteriormente a illa-los residuos acumulados, controlar e xestiona-los gases xerados, controla-las augas superficiais como medida de reducción de lixiviados, captar, controlar e xestiona-los lixiviados mediante a construcción dun depósito de lixiviados e dunha unidade de depuración para o seu tratamento, e recupera-la calidade paisaxística da zona ocupada polo vertedoiro.

Na rexeneración proponse realizar unha sementeira de herbáceas e arbustivas, e unha hidrosementeira de noiros coas seguintes especies: Lolium rigidum (xoios), Phalaris tuberosa (foxos), Bromus inermis e Bromus squarrosus (bromos), Festuca arundinacea (festuca), Festuca rubra (festuca encarnada), Lotus corniculatus (loto), Vicia sativa (ervellaca), Trifolium subterraneum (trevo). Ademais, plantaranse 100 unidades de Pinus pinaster (piñeiro), 100 unidades de Quercus pedunculata (carballo), 150 unidades de Cistisus striasus (xesta) e 150 unidades de Erica arborea (urceira branca).

No anexo I resúmese a situación actual e a prevista trala execución do proxecto, ademais das medidas preventivas e correctoras recollidas no estudio ambiental presentado.

O estudio ambiental do proxecto de clausura do vertedoiro de Viana do Bolo someteuse ó trámite de información pública, polo prazo de 30 días, mediante Resolución do 18 de xuño de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 130, do 5 de xullo de 2001. O certificado de exposición pública na Delegación da Consellería de Medio Ambiente en Ourense recíbese con data do 14 de agosto de 2001 e non se ten constancia da presentación de alegacións.

Con data do 19 de xuño de 2001 consúltase a Dirección Xeral de Saúde Pública e non se ten constancia da emisión deste informes no prazo legalmente establecido; á vista do tempo transcorrido, cómpre prosegui-la tramitación de conformidade co artigo 83 da Lei 30/1992, doe 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Formalizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula para os únicos efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto do clausura do vertedoiro do Concello de Viana do Bolo, promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e o Concello de Viana do Bolo.

O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No cumprimento das condicións desta DIA terase en conta que, segundo o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o Concello de Viana do Bolo, a obriga de asumi-lo mantemento e a conservación das obras unha vez recibidas será do Concello de Viana do Bolo. Durante a fase de obras, esta obriga recaerá na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental.

Examinado o documento de proxecto de clausura do vertedoiro do Concello de Viana do Bolo. Tomo I. Abril 1999, e tendo en conta o carácter de corrección ambiental das obras, considérase a necesidade de realiza-lo proxecto.

Sen embargo, coa finalidade de optimizar estas medidas e co obxecto de minimiza-las posibles afeccións ambientais negativas, deberanse aplicar, ademais das medidas que se propoñen no proxecto, as recollidas nesta declaración de impacto ambiental, todo isto para cumprir co disposto na Lei 10/1997, de residuos sólidos urbanos de Galicia.

No caso de que exista contradicción entre o establecido na documentación avaliada e esta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Condicionado.

1. Ámbito da declaración.

Esta declaración de impacto ambiental refírese en exclusiva ó proxecto de clausura do vertedoiro de Viana do Bolo.

2. Sobre o nivel sonoro ambiental

Terase en conta o disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (DOG do 20 de agosto), así como o estipulado, se é o caso, pola ordenanza municipal ó respecto.

3. Sobre a calidade do aire.

A maquinaria utilizada na obra cumprirá coa normativa de emisións de aplicación e debe dispor de documentación acreditativa ó respecto.

Durante a adecuación da masa de residuos consideraranse as condicións metereolóxicas, evitando a remoción de residuos en presencia de vento, alta temperatura ou elevada pluviosidade.

Así mesmo, na escavación de residuos procederase á súa aireación, co obxecto de evitar explosións.

Trala finalización das obras vixiarase que as emisións nos pozos de extracción non sexan percibidas de forma habitual polas poboacións do contorno, e, se é o caso, recollerase este gas e procederase a queimalo.

4. Sobre as augas.

Para a vertedura de efluentes será preceptiva a autorización administrativa outorgada polo correspondente organismo de cunca.

Efectuaranse regas para evita-la emisión de po de xeito que se humecte o solo, pero evitarase que se formen anegamentos e regatos.

Terase en conta, na execución dos movementos de terras e residuos, que non se impida o libre fluxo de auga, evitando a formación de anegamentos ou doutras formas que dificulten a súa circulación.

Os lixiviados recollidos na balsa serán conducidos ata o sistema depurador proxectado.

Garantirase o adecuado tratamento das augas residuais xeradas nos servicios hixiénicos.

As augas de escorrega superficial conduciranse a través das canles de intercepción proxectadas, incorporándose ó medio sen producir fenómenos erosivos mediante a colocación, se é o caso, de elementos disipadores de enerxía nos puntos de vertedura.

Realizaranse periodicamente labores de mantemento, co fin de asegura-lo correcto funcionamento dos sistemas de drenaxe de augas pluviais e de lixiviados.

As reparacións e os cambios de aceite da maquinaria móbil realizaranse en talleres autorizados.

5. Sobre o solo.

De maneira previa ó comezo efectivo das obras, procederase a delimita-lo terreo afectado por estas, de maneira que se minimice a afección do proxecto sobre o territorio e restrinxíndose o movemento da maquinaria ás zonas destinadas para o efecto.

Queda expresamente prohibido depositar calquera tipo de residuo fóra da superficie delimitada para o vertedoiro.

Os materiais sobrantes de escavacións, os residuos da obra e calquera outro elemento contaminante xestionaranse de acordo coa súa natureza e coa lexislación vixente. Os residuos almacenados temporalmente á espera da súa entrega a xestor autorizado deberán poñerse en contedores localizados nun lugar debidamente sinalizado.

Os materiais precisos para a adecuación e selaxe do vertedoiro deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada.

6. Sobre a restauración.

A mestura de sementes que se van utilizar na revexetación deberá estar formada por especies presentes na zona.

Ata asegura-la viabilidade da sementeira e da plantación, procederase á rega regular, á fertilización mineral de reforzo anual, á resementeira das superficies nas que se aprecie a presencia de calvas e á reposición de marras no caso de que se produzan.

7. Sobre a protección e o control de accesos.

Adoptaranse as medidas precisas para evita-la aparición de focos de vertedura, tanto na fase de adecuación e selaxe como na fase postclausura.

O cerramento perimetral deberá asegura-la súa función en todo momento.

8. Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental (PVSA)

O obxecto deste programa é o de garantir, ó longo do tempo, o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Así mesmo, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Este programa ten como obxectivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Tódalos controis realizados no seguimento, así como tódalas incidencias que se produzan rexistraranse no momento da súa avaliación nun libro-rexistro que estará á disposición da Administración competente. Estes rexistros deberán considerarse na elaboración dos informes que se van remitir a esta dirección xeral.

As analíticas que se van realizar serán efectuadas por laboratorio homologado segundo métodos oficiais de análise. Este laboratorio deberá realizar, así mesmo, a toma de mostras.

A documentación indicada a continuación deberá presentarse, por duplicado, perante a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8.1. Informe final de obras.

Presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos e comprenderá, como mínimo, os seguintes elementos:

a) Data de finalización das obras.

b) Plano en planta a escala 1:500 dotado de coordenadas UTM, no que se localicen os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras, así como a localización exacta dos dispositivos de control. Este plano irá xunto cunha relación de coordenadas UTM que defina o perímetro da parcela.

c) Reportaxe fotográfica da zona, que reflicta o estado final do lugar. Esta reportaxe irá xunto cun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

d) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados durante a obra, que non puideron ser obxecto de depósito no vertedoiro.

e) Definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, así como memoria das medidas adoptadas para o control de acceso e vertedura. Así mesmo, definirase o responsable do control ambiental requirido no punto 9.2º desta declaración.

8.2. Informe de seguimento ambiental.

Presentarase con periodicidade semestral, contado desde o final das obras e ata que esta dirección xeral informe da súa finalización. O seu contido será o indicado no anexo 13. Plan de seguimento e control ambiental do proxecto e deberá incluír, ademais, a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da entrega dos lodos da depuradora a xestor autorizado.

b) Analítica nos lixiviados dos seguintes parámetros: pH, conductividade, sólidos en suspensión totais, DQO, DBO, fósforo, sulfatos, nitróxeno total Kjeldhal, amonio, nitratos, cloruros, ferro, cinc, cobre, aceites e graxas.

c) Analítica do efluente tratado á saída da depuradora tendo en conta que, os límites de vertedura serán os da táboa 3 do anexo ó título IV do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico.

d) Reportaxe fotográfica da superficie selada e revexetada, das zonas nas que quedaron implantados os diversos elementos, do cerramento perimetral e da eficacia do sistema de disuasión de verteduras. Esta reportaxe ira xunto cun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

Se durante o período de control postclausura se producise unha variación significativa na calidade das augas superficiais ou nos lixiviados, ou un incremento importante na producción destes últimos, deberá notificarse inmediatamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por proposta motivada da entidade encargada do mantemento e control postclausura, ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-la lista dos parámetros que se van controlar, así como a frecuencia dos controis que se van realizar.

9. Condicións adicionais.

9.1. O Concello de Viana do Bolo poderá solicitar do órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican nesta declaración.

Nesta circunstancia efectuarase a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada esta declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ó concello o acordo adoptado.

9.2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o antedito concello deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

9.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e informará de se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

9.4. Se, unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, a Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental poderá paralizar cautelarmente a obra ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que sexan corrixidas.

9.5. Esta dirección xeral, por iniciativa propia, poderá dictar en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais a esta declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase posterior, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

9.6. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial das condicións impostas nesta DIA poderá ser causa suficiente para proceder a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

9.7. A resolución adoptada por esta dirección xeral non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes para levar a cabo a actividade ou modificala, incluídos, se é o caso, os da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou normas subsidiarias.

9.8. Cumpriranse tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

ANEXO I

Resumo do proxecto

Localización e descrición do vertedoiro

LocalizaciónConcello de Viana do Bolo

Superficie da parcela10.000 m

Superficie ocupada por residuos6.500 m

Superficie que se vai selar6.500 m (4.500 m para revexetar)

Volume de residuos actual18.200 m

Volume de residuos que se van selar18.200 m

Tipos de residuosRSU incinerados e voluminosos

Tipo de vertedoiroTipo terraplén

Situación actual e situación prevista

coa realización do proxecto

Situación

actual

Proxecto

LixiviadosFondo impermeabilizadoNon, terreo naturalNon, terreo natural

Drens lixiviadosNonSi

Captación de lixiviadosNonSi

TratamentoNon (vertedura directa)Si, sistema depurador

GasesDrensNonSi

Captación Non4 pozos

TratamentoNonNon, captación pasiva

PluviaisFoxos de recolla perimetral NonSi

Punto de verteduraNonTerreos colindantes

CubertaLámina/capa impermeableNonSi

Terra vexetalNon30 cm

VexetaciónNonSi

EstabilidadeEstabilidadeSiSi

AccesosPosibilidade de accesoSiNon

Vixilancia ambientalPlan de vixilancia ambientalNonSi

Compoñentes do sistema de selaxe

Superficie do vertedoiro

Capa de acondicionamento25 cm

Protección da capa de impermeabilizaciónXeotéxtil antipunzamento de 110 g/m

Capa de impermeabilizaciónLámina de PEAD de 2 mm de espesor

Capa de drenaxeXeodrén

Capa de cobertura30 cm de solo seleccionado e 20 cm de terra vexetal

Resumo das medidas preventivas e correctoras.

-Separación de cuncas mediante a construcción dunha canle perimetral que recolla as augas pluviais que acceden ó vertedoiro.

-Depuración das augas que atravesan o vertedoiro. A depuración realízase mediante un sistema mixto anaerobio na primeira fase e aerobio de alta carga hidráulica na segunda fase.

-A maquinaria empregada durante a fase de selaxe deberá cumprir coa lexislación vixente en materia de gases e ruídos de vehículos de motor.

-Os materiais empregados nos labores de selaxe deberán cumprir tódolos controis de calidade e as especificacións técnicas necesarias.

-Terase especial coidado en que o levantamento de po durante a fase de construcción sexa o menor posible, cinguíndose unicamente ás zonas proxectadas e á rega das pistas de acceso á maquinaria.

-O control do estado da vexetación esixirá corrixi-los erros de plantación, mellorar e fertiliza-lo solo, e indaga-las causas polas que poidan verse afectadas as zonas sen cobertura suficiente. A presencia destas monteiras indicará erros que haberá

que identificar e corrixir: mala aplicación das técnicas de revexetación, asfixias de raíz por afundimento do substrato e asolagamentos.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2001.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental