Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Mércores, 26 de setembro de 2001 Páx. 12.749

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 29 de agosto de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se publica a declaración de impacto ambiental, do 17 de agosto de 2001, do proxecto de clausura do vertedoiro municipal de Ribas de Sil (Lugo), promovido polo Concello de Ribas de Sil e pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental.

Antecedentes.

Segundo o artigo 1.2º da Lei 6/2001, do 8 de maio de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II deste real decreto lexislativo, só deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental na forma prevista nesta disposición, cando así o decida o órgano ambiental en cada caso.

Á vista das características do proxecto, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cualificou o proxecto como sometido a avaliación de impacto ambiental con data 5 de xuño de 2001.

O proxecto ten como obxecto a clausura do vertedoiro situado no lugar da Borrén, parroquia de San Clodio, concello de Ribas de Sil, provincia de Lugo.

No vertedoiro atópanse principalmente residuos urbanos parcialmente queimados, así como restos de animais mortos, sendo o volume destes residuos, no momento da redacción do proxecto, de 2.100 m.

O vertedoiro sitúase nunha ladeira de forte pendente, na que se utilizou a parte máis elevada como zona de vertedura. Atópase a 1,08 quilómetros do núcleo de poboación de San Clodio, na estrada que une San Clodio e Rairos, a uns 70 m en dirección sueste atópase o regato de Cabana e a 150 m en dirección noreste o río Sil. No vertedoiro non existe vexetación por estar o solo moi degradado, nos arredores predominan as toxeiras, silvas e fieitos, os terreos máis agrestes están dedicados á producción madeireira de dúas especies: piñeiros e eucaliptos.

O proxeto prevé a limpeza da área circundante ó vertedoiro e a adecuación da superficie do vertedoiro por medio da selaxe. Ademais para evita-la contaminación procederase a realizar unha drenaxe de garda e outra profunda, os lixiviados recollidos nesta última son tratados nunha planta depuradora no propio vertedoiro. Colocaranse escapes de gas para evitar posibles explosións e saídas incontroladas e finalmente realizarase unha plantación na superficie do vertedoiro.

Co obxecto de recupera-lo emprazamento prevese realizar unha sementeira en todo o predio (2.800 m) coa seguinte mestura de sementes: falaris (Phalaris tuberosa, 5%), bromos (Bromus inermis, 15% e Bromus squarrosus, 10%), xoio (Lolium rigidum, 10%), festucas (Festuca arundinacea, 25% e Festuca rubra,

10%), trevo de cornos (Lotus corniculatos, 5%), verza (Vicia sativa, 5%) e trevo (Trifolium subterraneum, 15%). Ademais na zona con selaxe plantaranse 26 unidades de piñeiro galego (Pinus pinaster), de carballo (Quercus pedunculata), de freixo (Fraxinus excelsior) e de maceira brava (Malus sylvestris) e 15 unidades de xesta (Cytisus striasus) e de urceira branca (Erica arborea).

No anexo I resúmese a situación actual e a prevista trala execución do proxecto, ademais das medidas preventivas e correctoras previstas no estudio ambiental presentado.

O estudio de impacto ambiental do proxecto de clausura do vertedoiro do Concello de Ribas de Sil (Lugo) someteuse ó trámite de información pública, polo prazo de 30 días, mediante Resolución do 18 de xuño de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 130, do 5 de xullo de 2001. O certificado de exposición pública na Delegación da Consellería de Medio Ambiente en Lugo recíbese con data 13 de agosto de 2001, non tendo constancia da presentación de alegacións.

Con data 19 de xuño de 2001 consúltase a Dirección Xeral de Saúde Pública e a de Turismo e a Confederación Hidrográfica do Norte. O informe elaborado pola Confederación Hidrográfica do Norte recíbese o 23 de xullo de 2001, non tendo constancia da emisión dos informes das direccións xerais de Saúde Pública e Turismo no prazo legalmente establecido, e á vista do tempo transcorrido, procede prosegui-la tramitación de conformidade co artigo 83 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

No anexo II resúmese o contido do informe da Confederación Hidrográfica do Norte.

Realizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula para os sós efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de clausura do vertedoiro do concello de Ribas de Sil (Lugo), promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e o Concello de Ribas de Sil.

O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No cumprimento das condicións desta DIA terase en conta que, segundo o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o Concello de Ribas de Sil, a obriga de asumi-lo mantemento e conservación das obras unha vez recibidas será do concello de Ribas de Sil. Durante a fase de obras, esta obriga recaerá na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental.

Examinado o documento de clausura do vertedoiro do concello de Ribas do Sil (Lugo), abril 1999, e tendo en conta o carácter de corrección ambiental das obras, estímase a necesidade de realiza-lo proxecto.

Nembargantes, coa finalidade de optimizar estas medidas e co obxecto de minimiza-las posibles afeccións ambientais negativas, deberanse aplicar, ademais das medidas que se propoñen no proxecto, as recollidas na presente declaración de impacto ambiental, todo isto para cumprir co disposto na Lei 10/1997, de residuos sólidos urbanos de Galicia.

No caso de que exista contradicción entre o establecido na documentación avaliada e a presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Condicionado.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración de impacto ambiental refírese en exclusiva ó proxecto de clausura do vertedoiro municipal de Ribas de Sil.

2. Sobre o nivel sonoro ambiental.

Aplicarase o disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (DOG de 20 de agosto), así como o estipulado, se é o caso, pola ordenanza municipal ó respecto.

3. Sobre a calidade do aire.

Durante a adecuación da masa de residuos, consideraranse as condicións metereolóxicas, evitando a remoción de residuos en presencia de vento, alta temperatura ou elevada pluviosidade.

Trala finalización das obras vixiarase que as emisións na cheminea de desgasificación non sexa percibida de forma habitual polas poboacións do contorno e, se é o caso, recollerase este gas e procederase a queimalo.

Así mesmo, na escavación de residuos procederase á súa aireación, co obxecto de evitar explosións.

4. Sobre as augas.

Visto que o vertedoiro se atopa a uns 70 m do regato da Cabana e a uns 150 m do río Sil, terase en conta que para calquera afección no dominio público hidráulico, zona de servidume e policía, consecuencia da realización do proxecto, así como para a vertedura de efluentes, será preceptiva a autorización administrativa outorgada pola Confederación Hidrográfica do Norte.

Deberase instalar unha arqueta tomamostras á entrada dos lixiviados á planta de tratamento.

As regas previstas para evita-la emisión de po efectuaranse de xeito que se humecte o solo, pero non se formen asolagamentos nin regatos. Este aspecto tamén deberá ser tido en consideración durante os movementos de terras e residuos, de tal xeito que non se impida o libre fluxo de auga.

Garantirase o adecuado tratamento das augas residuais xeradas nos servicios hixiénicos.

As augas de escorrega superficial conduciranse a través das canles de intercepción proxectadas. Para evita-la erosión na incorporación das augas á rede natural de drenaxe, deberanse colocar sistemas de disipación de enerxía (encachados de pedra, pequenos diques, etcétera) nos puntos de vertedura. Así mesmo, nestes puntos débense impedi-los fenómenos de asolagamento ou deposición.

Realizaranse periodicamente labores de mantemento co fin de asegura-lo correcto funcionamento dos sistemas de drenaxe de augas pluviais e de lixiviados.

As reparacións e cambios de aceite da maquinaria móbil realizaranse en talleres autorizados.

5. Sobre o solo.

De maneira previa ó comezo efectivo das obras, procederase a delimita-lo terreo afectado por estas, de maneira que se minimice a afección do proxecto sobre o territorio e restrinxíndose o movemento da maquinaria ás zonas destinadas para o efecto.

Os materiais sobrantes de escavacións, os residuos da obra e calquera outro elemento contaminante, xestionaranse de acordo coa súa natureza e coa lexislación vixente. Os residuos almacenados temporalmente á espera da súa entrega a xestor autorizado deberán poñerse en contedores localizados nun lugar debidamente sinalizado.

Queda expresamente prohibido depositar calquera tipo de residuo fóra da superficie delimitada para o vertedoiro.

Os materiais precisos para a adecuación e selaxe do vertedoiro deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada.

No caso de apertura de novas canteiras co fin de obter material para a selaxe, deberase dispoñer de tódolos permisos e autorizacións pertinentes, informando a esta dirección xeral ó respecto.

6. Sobre a restauración .

Na superficie que se vai revexetar empregarase unha dose mínima de sementes de 300 kg/ha.

As especies que se van utlizar na revexetación deben ser autóctonas da zona.

Ata asegura-la viabilidade da sementeira e da plantación, procederase á rega regular e á fertilización mineral de reforzo anual, á resementeira das superficies nas que se aprecie a presencia de calvas e á reposición de marras no caso de que se produzan.

7. Sobre a protección e control de accesos.

Adoptaranse as medidas precisas para evita-la aparición de focos de vertedura, tanto na fase de adecuación e selaxe como na fase posclausura.

Segundo o proxecto planifícase un peche perímetral cun acceso, debe asegurarse a funcionalidade

deste peche en todo momento, así como limita-la entrada polo acceso só a persoal autorizado.

8. Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir, ó longo do tempo, o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Así mesmo, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Este programa ten como obxectivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Tódolos controis realizados no seguimento, así como tódolas incidencias que se produzan, rexistraranse no momento da súa avaliación nun libro-rexistro que estará á disposición da Administración competente. Estes rexistros deberán considerarse na elaboración dos informes a remitir a esta dirección xeral.

As analíticas que se van realizar serán efectuadas por laboratorio homologado segundo métodos oficiais de análise. Este laboratorio deberá realizar tamén a toma de mostras.

A documentación indicada a continuación deberá presentarse por duplicado perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8.1. Informe final de obras.

Presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos, comprendendo como mínimo os seguintes elementos:

a) Data de finalización das obras.

b) Plano en planta a escala 1:400 dotado de coordenadas UTM, no que se localicen os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras, así como a localización exacta dos dispositivos de control. Este plano acompañarase de relación de coordenadas UTM que defina o perímetro da parcela.

c) Reportaxe fotográfica da zona, que reflicta o estado final do lugar. Esta reportaxe acompañarase dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

d) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados durante a obra e que non puideron ser obxecto de depósito no vertedoiro.

e) Definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, así como memoria das medidas adoptadas para o control de acceso e vertedura. Así mesmo, definirase o responsable do control ambiental requirido no punto 9.2º desta declaración.

8.2. Informe de seguimento ambiental.

Presentarase con periodicidade semestral, contado desde o final das obras e ata que esta dirección xeral informe da súa finalización. O seu contido será o indicado no punto 7. Programa de vixilancia e control do anexo 14. Avaliación de impacto ambiental do proxecto, debendo incluír ademais a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da entrega dos lodos da planta de tratamento a xestor autorizado.

b) Analítica nos lixiviados dos seguintes parámetros: pH, conductividade, sólidos en suspensión totais, DQO, DBO, fósforo, sulfatos, nitróxeno total Kjeldhal, amonio, nitratos, cloruros, ferro, cinc, cobre, aceites e graxas.

c) Analítica do efluente tratado á saída da planta de tratamento tendo en conta que os límites de vertedura serán os da táboa 3 do anexo ó título IV do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico.

d) Co fin de controla-la calidade das aguas superficiais, tomaranse mostras en dous puntos do regato de Cabana, un augas arriba do vertedoiro e outro augas abaixo, analizándose os seguintes parámetros: pH, conductividade, sólidos en suspensión totais, DQO, DBO, fósforo, sulfatos, nitróxeno total Kjeldhal, amonio, nitratos, cloruros, ferro, cinc, cobre, aceites e graxas.

e) Reportaxe fotográfica da superficie selada e revexetada, das zonas nas que quedaron implantados os diversos elementos, do peche perimetral e da eficacia do sistema de disuasión de verteduras. Esta reportaxe acompañarase dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

Se durante o período de control posclausura se producise unha variación significativa na calidade das augas superficiais ou nos lixiviados, ou un incremento importante na producción destes últimos, deberá notificarse inmediatamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por proposta motivada da entidade encargada do mantemento e control posclausura, ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-la lista dos parámetros que hai que controlar, así como a frecuencia dos controis que se van realizar.

9. Condicións adicionais.

9.1. O Concello de Ribas de Sil poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvol

vemento da actividade e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, efectuarase a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada a presente declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ó concello o acordo adoptado.

9.2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o antedito concello deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

9.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

9.4. Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio, a Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental poderá paralizar cautelarmente as obras ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos e ata que sexan corrixidas.

9.5. Esta dirección xeral, por iniciativa propia poderá dictar en calquera momento, e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase posterior, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

9.6. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial, das condicións impostas nesta DIA poderá ser causa suficiente para proceder a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

9.7. A presente resolución adoptada por esta dirección xeral non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificala, incluídos, se é o caso, os da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou normas subsidiarias.

9.8. Cumpriranse tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

ANEXO I

Resumo do proxecto

Localización e descrición do vertedoiro

SituaciónSan Clodio, concello de Ribas de Sil
Superficie da parcela2.800 m
Superficie do vertedoiro900 m
Superficie que se vai selar934 m
Volume de residuos2.100 m
Tipos de residuosRSU e animais mortos
Tipo de vertedoiroEn ladeira

Situación actual e situación prevista

coa realización do proxecto

Situación

actual

Proxecto

LixiviadosFondo impermeabilizadoNon, terreo naturalNon, terreo natural

Drens lixiviadosNonSi

Captación de lixiviadosNonSi

TratamentoNonPlanta de tratamento

GasesDrensNonSi

Captación NonSi, 1 pozo

TratamentoNonExtracción básica

PluviaisGabias de recollida perimetralNon, muro que actúa como elemento de contenciónSi

Punto de verteduraNonÓ medio

CubertaLámina/capa impermeableNonSi

Terra vexetalNon20 cm

VexetaciónNonSi

EstabilidadeEstabilidadeSiSi

AccesosPosibilidade de accesoSi, existe un muro con dous accesos libresNon

Vixilancia ambientalPlan de vixilancia ambientalNonSi

Compoñentes do sistema de selaxe

Superficie do vertedoiro

Capa de impermeabilizaciónCapa de arxila (espesor o 30 cm)

Capa de drenaxe e cobertura30 cm de solo seleccionado e 20 cm de terra vexetal

Resumo das medidas preventivas e correctoras.

-Xeoloxía:

Estabilización de noiros xerados polo movemento de terras.

Revexetación dos solos afectados, contribuíndo ó control da erosión superficial e á restauración da cuberta vexetal.

Coidado especial da localización das canteiras para materiais de obra e de depósito de material sobrante de escavación.

-Réxime hidrolóxico:

Separación de concas mediante a construcción dunha cuneta perimetral que recolla a auga de chuvia que normalmente accedía ó vertedoiro.

Recollida de augas de escorrega e subterráneas mediante un sistema de drenaxe profunda.

Depuración das augas que atravesen o vertedoiro. A depuración realízase mediante un sistema mixto anaerobio en primeira fase e aerobio de alta carga hidráulica en segunda.

-Solos:

Prevese no proxecto a rexeneración do solo da zona do vertedoiro mediante a achega de solo vexetal, que permita unha reforestación posterior.

-Vexetación:

O proxecto prevé a realización de plantacións acordes co contorno, que conduzan a recupera-la cuberta vexetal da zona degradada pola existencia do vertedoiro. Estas plantacións comprenderán: piñeiro galego (Pinus pinaster), carballo (Quercus pedunculata), freixo (Fraxinus excelsior), xesta (Cytisus striatus) e urceira branca (Erica arborea).

-Medio socioeconómico:

Debido á escasa contaminación xerada pola actuación, sinálase como medida correctora conducente a reduci-lo impacto ambiental a rega das pistas de acceso á maquinaria, procurando reduci-la concentración de po no aire.

ANEXO II

Resumo do informe

A Confederación Hidrográfica do Norte emite informe no que se recolle:

Proxéctase unha planta de tratamento de lixiviados cunha vertedura final do efluente mediante gabia filtrante que pode afecta-las augas subterráneas.

No proxecto descríbese que as augas procedentes da escorrega pluvial concentraranse ó pé do vertedoiro e que poden incorporar substancias contaminantes ás augas do subsolo.

Por isto, enténdese que o titular do vertedoiro debe solicita-la autorización de vertedura para os dous tipos de augas residuais que se xerarán, de conformidade co artigo 92 e seguintes da Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas, modificada pola Lei 46/1999, do 13 de decembro, e cos artigos 245 e seguintes do Regulamento do dominio público hidráulico, aprobado por R.D. 849/1986, do 11 de abril (BOE do 30 de abril). Así mesmo será de apli

cación a normativa específica das substancias concretas que conteñan os efluentes antes citados.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2001.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental