Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Martes, 25 de setembro de 2001 Páx. 12.708

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 29 de agosto de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se publica a declaración de impacto ambiental, do 22 de agosto de 2001, do proxecto de apertura dun vertedoiro de residuos de construcción e demolición no concello de Monforte de Lemos (Lugo), promovido polo Concello de Monforte de Lemos e pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental.

Antecedentes.

A Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación del Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, estipula que os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización de obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II, deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental cando así o decida o órgano ambiental en cada caso.

Á vista das características do proxecto, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cualificou o proxecto como sometido a avaliación de impacto ambiental con data 19 de xuño de 2001.

O proxecto define as obras necesarias para a creación e explotación controlada dun vertedoiro de residuos inertes de demolición e construcción situado na canteira de arxila de Río Seco, no lugar denominado O Castelo; zona colindante co núcleo urbano de Monforte de Lemos, provincia de Lugo. Actualmente a zona está sendo empregada para a extracción de arxila, empregada na construcción de materiais cerámicos.

No mesmo proxecto defínense as obras necesarias para executa-la selaxe e clausura da masa de vertedura depositada no vertedoiro co fin de recupera-la zona degradada e reduci-los efectos negativos despois de 7 anos de explotación.

No anexo I resúmese o contido do proxecto, as medidas protectoras e correctoras e o plan de vixilancia ambiental.

O estudio ambiental someteuse a información pública, por un prazo de 30 días, mediante Resolución do 20 de xuño de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 132, do 9 de xullo de 2001. O certificado de exposición pública na Delegación da Consellería de Medio Ambiente en Lugo recíbese con data 16 de agosto de 2001, non tendo constancia da presentación de alegacións.

Con data 20 de xuño de 2001 consúltase á Dirección Xeral de Saúde Pública e á de Obras Públicas, o 25 de xuño de 2001 á Dirección Xeral de Industria e o 2 de xullo de 2001, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. O informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural recibiuse o 22 de agosto de 2001, non tendo constancia da emisión dos restantes informes no prazo legalmente establecido, por isto, e á vista do tempo transcorrido, procede prosegui-la tramitación de conformidade co artigo 83 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

No anexo II resúmese o contido do informe recibido.

Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula para os sós efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de apertura dun vertedoiro de residuos de construcción e demolición no concello de Monforte de Lemos (Lugo), promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e o Concello de Monforte de Lemos.

O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No cumprimento das condicións desta DIA terase en conta que, segundo o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o Concello de Monforte de Lemos, a obriga de asumi-la explotación, mantemento e conservación das obras unha vez recibidas será do Concello de Monforte de Lemos, ou, se é o caso, do adxudicatario. Durante a fase de obras, esta obriga recaerá na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa o documento titulado proxecto de apertura dun vertedoiro de residuos de construcción e demolición. Localización: Monforte de Lemos (Lugo). Marzo 2001 a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer pola presente declaración de impacto ambiental as seguintes condicións, ademais das incluídas na documentación avaliada, de xeito que se asegure a minorización dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito da declaración.

1.1. Esta declaración refírese en exclusiva ó proxecto definido no documento proxecto de apertura dun vertedoiro de residuos de construcción e demolición. Localización Monforte de Lemos (Lugo). Marzo 2001.

1.2. De acordo co proxecto, a superficie do vaso de vertedura será de 4.367 m.

1.3. Os residuos obxecto de depósito no vertedoiro procederán da construcción e demolición.

2. Sobre a xestión dos residuos.

2.1. No vertedoiro só poderán admitirse residuos considerados inertes, entendendo como tales os así definidos na Directiva 1999/31/CEE do Consello do 26 de abril de 1999, relativa á vertedura de residuos, que se recolle a continuación:

-Residuos inertes: residuos que non experimentan transformacións físicas, químicas ou biolóxicas significativas. Os residuos inertes non son solubles nin combustibles, nin reaccionan física nin quimicamente,

nin de ningunha outra maneira, nin son biodegradables, nin afectan negativamente a outras materias coas cales entran en contacto de forma que poidan dar lugar a contaminación do ambiente ou prexudica-la saúde humana. A lixiviabilidade total, o contido de contaminantes dos residuos e a ecotoxicidade do lixiviado deberán ser insignificantes e en particular non deberán supoñer un risco para a calidade das augas superficiais.

2.2. Garantirase a ausencia de residuos non inertes nas fraccións que se depositen no vertedoiro e no caso de recibirse residuos perigosos, estes serán entregados a xestor autorizado.

2.3. A xestión de residuos rexerase polo principio de prevención da súa xeración, debendo limitarse á eliminación segura dos residuos, a aquelas fraccións non susceptibles de valorización, dado o estado da técnica. Co fin de cumprir estes principios é obrigatorio realizar unha clasificación previa dos residuos xestionados, separando e xestionando os residuos valorizables, debendo discriminarse nas tarifas e prezos este feito.

2.4. Aplicarase o procedemento de control de entrada e identificación de carga recollido no proxecto, garantindo que os residuos perigosos se entregan a xestor autorizado e que os materiais susceptibles de valoración se reciclarán.

2.5. Para asegura-lo control dos residuos depositados no vertedoiro, o promotor deberá levar un rexistro no que se incluirán, ademais dos datos propostos no plan de explotación, os seguintes datos: procedencia do residuo, cantidade e natureza, código de identificación (CER).

2.6. Os labores de mantemento da maquinaria non apta para circular por estrada realizaranse dentro dunha zona delimitada con este fin, dispoñendo dos medios necesarios para previr calquera afección ó solo por derramos accidentais. No caso da maquinaria apta para esta circulación, deberán realizarse en talleres autorizados

2.7. Os aceites dos equipos e da maquinaria xestionaranse correctamente recolléndoos en contedores e entregándoos a un xestor autorizado.

2.8. Os 3 m/ano de lodos que se prevé obter no decantador xestionaranse de acordo coa lexislación vixente, baleirandoo polo menos cando o seu volume quede reducido á cuarta parte.

3. Sobre o ruído.

3.1. Tendo en conta a proximidade do núcleo urbano de Monforte de Lemos, non se superarán os límites establecidos na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (Diario Oficial de Galicia do 20 de agosto), e, se é o caso, o establecido polo Concello de Monforte de Lemos.

4. Sobre a atmosfera.

4.1. As emisións de gases dos motores de combustión da maquinaria de obras deberán cumpri-los niveis estipulados polo Decreto 3025/1974, do 9 de agosto,

sobre limitación de la contaminación atmosférica producida polos vehículos automóbiles, debendo dispor de documentación que o acredite.

5. Sobre as augas.

5.1. Efectuaranse regas para evita-la emisión de po de xeito que se humecte o solo, pero evitarase que se formen anegamentos e regatos.

5.2. Terase en conta na execución dos movementos de terras e residuos, que non se impida o libre fluxo de auga, evitando a formación de anegamentos ou doutras formas que dificulten a súa circulación.

5.3. Garantirase o adecuado tratamento das augas residuais xeradas nos servicios hixiénicos.

5.4. As augas de escorrega superficial conduciranse a través das canles de intercepción proxectadas, incorporándose ó medio sen producir fenómenos erosivos mediante a colocación, se é o caso, de elementos disipadores de enerxía nos puntos de vertedura.

5.5. De acordo co indicado no proxecto, as augas bombeadas serán conducidas ata a rede de saneamento municipal, debendo controlar que se cumpren os límites establecidos se é o caso na correspondente autorización.

6. Sobre o solo.

6.1. De maneira previa ó comezo efectivo das obras, procederase a delimita-lo terreo afectado por estas, de maneira que se minimice a afección do proxecto sobre o territorio e se restrinxa o movemento da maquinaria ás zonas destinadas para o efecto.

6.2. Queda expresamente prohibido depositar calquera residuo fóra da superficie de vertedura prevista inicialmente, aínda que sexa con carácter temporal.

6.3. Os materiais sobrantes de escavacións, os residuos da obra e calquera outro elemento contaminante xestionaranse de acordo coa súa natureza e coa lexislación vixente. Os residuos almacenados temporalmente á espera da súa entrega a xestor autorizado deberán poñerse en contedores localizados nun lugar debidamente sinalizado.

6.4. Delimitaranse os espacios destinados á acollida das instalacións auxiliares para a execución da obra (parque de maquinaria, zona de mantemento de maquinaria, zona de almacenamento de materiais, etcétera). Estas localizaranse en espacios carentes de valores ambientais relevantes e estarán dotadas dos equipamentos precisos para garantir que non se xeran impactos adicionais ós do proxecto a consecuencia do seu funcionamento.

7. Sobre a protección e control de accesos.

7.1. Procederase a executa-lo cerramento periférico do vertedoiro tal e como se indica no proxecto, co fin de controla-lo libre acceso ó lugar de persoas e animais, pechando as entradas fóra das horas de servicio. Así mesmo, a plantación prevista para a fase

de clausura, na que se prevé empregar Thuja plicata (tuia) e Hedera helix (hedra), realizarase antes do inicio da explotación co fin de reduci-lo impacto visual do vertedoiro.

7.2. Ademais dos controis propostos e co obxecto rexistra-las cantidades de residuos que teñan entrada ou saída no lugar disporase unha báscula.

8. Sobre a restauración.

8.1. A totalidade da superficie do vertedoiro deberá ser revexetada.

8.2. Se fose necesario realizar achegas externas de terra vexetal para acada-la profundidade mínima de 30 cm na restauración, asegurarase que estas conten coa súa procedencia e aptitude debidamente xustificadas, comprobándose o nivel de fertilidade e corrixindo as súas características (pH, porcentaxe de materia orgánica...).

8.3. En toda a superficie do vertedoiro selado e das superficies nas que se retiren as instalacións, procederase a realizar unha sementeira de protección cunha dose mínima de 300 kg/ha das especies indicadas no proxecto. Tolo isto co fin de acadar unha protección suficiente contra a erosión pola auga e o vento e se minimice a infiltración da auga de chuvia.

8.4. Procederase á rega regular, fertilización mineral de reforzo anual e resementeira das superficies revexetadas, ata que se asegure a viabilidade da revexetación.

8.5. O desmantelamento proxectado incluirá a restauración da balsa de infiltración e das canles perimetrais.

9. Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Así mesmo, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Este programa ten como obxectivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Tódolos controis realizados no seguimento, así como tódalas incidencias que se produzan, rexistraranse no momento da súa avaliación no libro-rexistro, tal e como se recolle no proxecto.

As analíticas que se van realizar serán efectuadas por laboratorio homologado segundo métodos oficiais de análise. Este laboratorio deberá realizar tamén a toma de mostras.

A documentación indicada a continuación deberá presentarse por duplicado perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

9.1. Informe final de obras:

Presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos, comprendendo, como mínimo os seguintes elementos:

a) Data de finalización das obras.

b) Plano en planta a escala 1:500 ou maior detalle, en coordenadas UTM onde aparezan os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras.

c) Reportaxe fotográfica da zona, que reflicta o estado final do lugar e as medidas correctoras aplicadas. Nestas fotografías deberá indicarse a localización, data e hora da toma e acompañaranse dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

d) Plano de detalle e de localización da conexión coa rede de saneamento municipal e límites de vertedura esixidos.

e) Descrición do sistema de pesaxe que se vai instalar co fin de dar cumprimento ó indicado no punto 7.2 desta declaración. Ademais, a localización da báscula indicarase no plano solicitado no punto 9.1.b desta declaración.

f) Definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, así como memoria das medidas adoptadas para o control de acceso e vertedura e o resultado dos controis. Así mesmo, definirase o responsable do control ambiental requirido no punto 10.2 desta declaración.

9.2. Informe de seguimento ambiental durante a fase de explotación:

a) Presentarase con periodicidade semestral, contada desde a data de inicio da explotación. Conterá unha memoria descritiva dos resultados obtidos nos controis previstos no punto 8 do anexo número 8. Avaliación de efectos ambientais do proxecto, acompañada de reportaxe fotográfica na que se reflicta o estado do vertedoiro e os seus arredores (sinalando a data e hora de toma das fotografías e nun plano as localizacións desde as que se realizaron as tomas). Sinalar que, no que respecta ás analíticas previstas, incluiranse como mínimo os seguintes parámetros: contido en sólidos en suspensión, pH, conductividade, DQO, sólidos disoltos, turbidez, color e osíxeno disolto.

b) Terase en conta ademais que co primeiro informe de seguimento ambiental presentarase o resultado das medicións de ruídos en plena actividade, tomando como referencia as vivendas próximas á zona afectada polo proxecto; indicándose as medidas protectoras ou correctoras adoptadas no caso de supera-los límites establecidos na lexislación vixente e o equipo en funcionamento (persoas e maquinaria) durante o tempo das medicións. Esta documentación deberá estar asinada por técnico da entidade homologada. Para a realización das medicións haberá que aterse ó recollido no Decreto 150/1999 polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.

9.3. Informe de seguimento ambiental para a fase posclausura:

a) Tres meses antes de proceder a realiza-la clausura do vertedoiro presentarase unha proposta de programa de seguimento ambiental.

Se durante o período de control posclausura se producise unha variación significativa na calidade das augas superficiais, ou na calidade ou cantidade das augas procedentes do vertedoiro, deberá notificarse inmediatamente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por proposta motivada da entidade encargada do mantemento e control posclausura, ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-la frecuencia dos controis que se van realizar.

10. Condicións adicionais.

10.1. O Concello de Monforte de Lemos poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican nesta declaración.

Nesta circunstancia, efectuarase a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada esta declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ó promotor o acordo adoptado.

10.2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o antedito concello deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

10.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

10.4. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, a Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, ata que sexan corrixidas.

10.5. Esta dirección xeral, por iniciativa propia poderá dictar en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase posterior, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

10.6. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial das condicións impostas nesta DIA poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

10.7. Esta resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime ó promotor de solicitar tódolos permisos necesarios para levar a cabo a actividade ós organismos competentes, incluíndo se é o caso, os da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou normas subsidiarias.

10.8. Cumpriranse tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

ANEXO I

Resumo do proxecto.

O proxecto define as obras necesarias para a creación e explotación controlada dun vertedoiro de residuos inertes de demolición e construcción situado na canteira de arxila de Río Seco, no lugar denominado O Castelo; zona colindante co núcleo urbano de Monforte de Lemos, provincia de Lugo.

Tralo movemento de terras definido no proxecto, obtense un vaso de vertedura cunha profundidade media de 9,75 m e un fondo de 4.367 m. Estimándose a súa capacidade útil en 60.894 m, o que se corresponde cuns 7 anos de vida útil.

As obras para a apertura do depósito, de acordo co proxectado son:

* Control e construcción de accesos: existe xa un acceso e realizarase un novo nun punto situado entre o quilómetro 7 e 8 da estrada comarcal que une Monforte de Lemos coa Pobra do Brollón. Co fin de controla-las entradas instalarase un peche perimetral con porta e colocarase un panel informativo.

* Acondicionamento do terreo: a superficie de vertedura dotarase dunha pendente dun 2%.

* Sistema de drenaxe, depósito e control de lixiviados: disporase unha capa drenante de 0,5 m de espesor, separada do terreo natural por xeotéxtil. Esta capa conducirá os lixiviados ata un decantador de sólidos e un pozo de bombeo que enviará o efluente ata a rede de saneamento que discorre paralela á estrada.

No mesmo proxecto defínense as obras necesarias para executa-la selaxe e clausura da masa de vertedura depositada no vertedoiro co fin de recupera-la zona degradada e reduci-los efectos negativos despois da súa explotación. Os compoñentes do sistema multicapa para a fase de clausura son:

Capa de impermeabilización.

Superficie do vertedeiro: 0,3 m de material impermeable.

Capa de drenaxe.

Superficie do vertedeiro: 0,3 m de grava.

Capa de protección.

Superficie do vertedeiro: xeotéxtil de protección.

Capa de cobertura.

Superficie do vertedeiro: 0,3 m de solo seleccionado e 0,2 m de terra vexetal.

Medidas protectoras e correctoras.

Ademais das medidas de corrección de proxecto, prevese a aplicación das seguintes medidas:

-Estabilización de noiros xerados polos movementos de terras.

-Revexetación de solos afectados.

-Separación de concas mediante construcción dun foxo perimetral que recolla a auga de chuvia.

-Recollida das augas de escorrega e subterráneas mediante un sistema de drenaxe profunda.

-Construcción de arquetas para recoller esta auga e enviala á depuradora.

-Selaxe do vertedoiro e posterior rexeneración.

Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental:

Proxéctase realizar un programa de vixilancia e seguimento ambiental para a fase de obras, explotación e posclausura, consistente en:

-Fase de obra: control de verteduras accidentais, da extracción e conservación do solo vexetal, da realización das operacións de revexetación, da rega das pistas e da colocación de sinalización.

-Fase de explotación: control de sistemas de drenaxe, do proceso de deposición de residuos, control topográfico da zona, estado do valado perimetral, comprobación do nivel freático e toma de mostras para analiza-la calidade das augas, comprobación de posibles fugas de auga polo muro de terras, seguimento da conservación das plantacións.

ANEXO II

Resultado das consultas realizadas.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe no que se recolle o seguinte:

1. Considerando as caracterísiticas do proxecto, que comprende a realización da totalidade da obra dentro dunha explotación mineira xa existente, e na actualidade en proceso de abandono, o proxecto de vertedoiro de residuos da construcción e demolición no concello de Monforte de Lemos non leva consigo novos movementos de terra que puideran afecta-lo patrimonio cultural.

2. Así mesmo, os accesos utilizados para a construcción do proxecto serán os existentes na actualidade.

Por todo isto, desde o punto de vista do Patrimonio Cultural, consideran informar favorablemente a realización do proxecto de apertura dun vertedoiro de residuos da construcción e demolición no concello de Monforte de Lemos (Lugo).

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2001.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental