Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Luns, 24 de setembro de 2001 Páx. 12.653

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 27 de agosto de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se publica a declaración de impacto ambiental do 13 de agosto de 2001 do proxecto de clausura e selaxe do vertedoiro municipal de Ferreira do Valadouro, promovido polo Concello do Valadouro e pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental.

Antecedentes.

Segundo o artigo 1.2º da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II deste real decreto lexislativo, só deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental na forma prevista nesta disposición, cando así o decida o órgano ambiental en cada caso.

Á vista das características do proxecto, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cualificou o proxecto como sometido a avaliación de impacto ambiental con data 7 de xuño de 2001. O proxecto ten como obxecto a clausura selaxe do vertedoiro situado en Ferreira, Concello do Valadouro, provincia de Lugo.

No vertedoiro atópanse principalmente residuos urbanos, total ou parcialmente queimados, sendo o volume destes residuos, no momento da redacción do proxecto, de 3.305 m.

A explotación do vertedoiro é en ladeira, aínda que previamente no depósito realizouse unha escavación, resultando a localización actual un recheo parcial do oco xerado. O vertedoiro está limitado ó sur pola estrada LU-161 (Ferreira-Viveiro), ó norte atópase a uns 90 m o Rego de Ferreira. A vexetación predominante na zona son as xestas e as silvas, nas proximidades do vertedoiro atópanse unha serie de bosques mixtos de eucaliptos e piñeiros.

Proxéctase unha adecuación da masa de residuos co fin de dota-lo vertedoiro dunha morfoloxía estable e proceder a un confinamento dos residuos, controlando as augas superficiais e subálveas co fin de minimiza-los lixiviados e a recuperación da calidade paisaxística da zona actualmente ocupada polo vertedoiro mediante a revexetación da superficie.

Co obxecto de recupera-lo emprazamento prevese realizar unha sementeira nas zonas de menor pendente (423 m) e hidrosementeira nos noiros dos bancos e das pistas e nas zonas de difícil acceso (944 m). Nas zonas con selaxe utilizaranse as seguintes especies: toxo (Ulex europaeus, 5%), xesta (Citysus scoparius, 5%), dactilo (Dactilys glomerata, 30%), xoios (Lolium perenne, 15% e Lolium multiforum, 15%), festuca encarnada (Festuca rubra, 5%), trevo (Trifolium pratense, 10%), herba triga (Holcus lanatus, 5%) e avea (Avena sp., 5%). Nas zonas sen selaxe, utilizarase a seguinte mestura: piñeiro galego (Pinus pinaster, 10%), toxo (Ulex europaeus, 5%), dactilo (Dactylis glomerata, 30%), xoio (Lolium perenne, 20%), festuca encarnada (Festuca rubra, 20%), trevo (Trifolium pratense, 10%) e xesta (Cytisus scoparius, 5%). Ademais, plantaranse 125 unidades de piñeiro galego (Pinus pinaster) nas zonas comprendidas entre a selaxe e o peche perimetral, e 100 estacas de salgueiro (Salix spp.) no límite

inferior do depósito.

No anexo I resúmese a situación actual e a prevista trala execución do proxecto, ademais das medidas preventivas e correctoras previstas no estudio ambiental presentado.

O estudio de impacto ambiental do proxecto de clausura e selaxe do vertedoiro municipal de Ferreira do Valadouro (Lugo) someteuse ó trámite de información pública, polo prazo de 30 días, mediante Resolución do 15 de xuño de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 130, do 5 de xullo de 2001. O certificado de exposición pública na delegación da Consellería de Medio Ambiente en Lugo recíbese con data 13 de agosto de 2001, non tendo constancia da presentación de alegacións.

Con data 19 de xuño de 2001 consúltase a Dirección Xeral de Saúde Pública e a Augas de Galicia, non tendo constancia da emisión dos informes no prazo legalmente establecido, e á vista do tempo transcorrido, procede prosegui-la tramitación de conformidade co artigo 83 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Realizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula para os sós efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de clausura e selaxe do vertedoiro municipal de Ferreira do Valadouro (Lugo), promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e o Concello do Valadouro.

O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No cumprimento das condicións desta DIA terase en conta que, segundo o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o Concello do Valadouro, a obriga de asumi-lo mantemento e conservación das obras unha vez recibidas será do Concello do Valadouro. Durante a fase de obras, esta obriga recaerá na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental.

Examinado o documento clausura e selaxe do vertedoiro municipal de Ferreira do Valadouro (Lugo). Maio 2000 e tendo en conta o carácter de corrección ambiental das obras, estímase a necesidade de realiza-lo proxecto.

Nembargantes, coa finalidade de optimizar estas medidas e co obxecto de minimiza-las posibles afeccións ambientais negativas, deberanse aplicar ademais das medidas que se propoñen no proxecto, as recollidas na presente declaración de impacto ambiental, todo isto para cumprir co disposto na Lei 10/1997, de residuos sólidos urbanos de Galicia.

No caso de que exista contradicción entre o establecido na documentación avaliada e a presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Condicionado.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración de impacto ambiental refírese en exclusiva ó proxecto de clausura e selaxe do vertedoiro municipal de Ferreira do Valadouro.

2. Sobre o nivel sonoro ambiental.

Rexerá o disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (DOG do 20 de agosto), así como o estipulado, se é o caso, pola ordenanza municipal ó respecto.

3. Sobre a calidade do aire.

Durante a adecuación da masa de residuos, consideraranse as condicións metereolóxicas, evitando a remoción de residuos en presencia de vento, alta temperatura ou elevada pluviosidade.

Trala finalización das obras vixiarase que as emisións na cheminea de desgasificación non sexa percibida de forma habitual polas poboacións do contorno, e se é o caso, recollerase este gas e procederase a queimalo.

Así mesmo, na escavación de residuos procederase á súa aireación, co obxecto de evitar explosións.

4. Sobre as augas.

Tendo en conta que o vertedoiro se atopa a uns 90 m do Rego de Ferreira, para calquera afección no dominio público hidráulico, zona de servidume e policía, consecuencia da realización do proxecto, así como para a vertedura de efluentes, será pre

ceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia.

As regas previstas para evita-la emisión de po efectuaranse de xeito que se humecte o solo, pero non se formen asolagamentos nin regatos. Este aspecto tamén deberá ser tido en consideración durante os movementos de terras e residuos, de tal xeito que non se impida o libre fluxo de auga.

Os lixiviados acumulados no depósito durante o mantenemento posterior á clausura retiraranse cando se acade como máximo as 3/4 partes da súa capacidade e serán entregados a xestor autorizado, para o seu traslado ata unha estación depuradora de augas residuais. Tendo en conta que no proxecto se indica que se procederá ó baleirado do depósito cada quince días, terase especial coidado de que non se produzan saídas de lixiviados por rebordamento.

Garantirase o adecuado tratamento das augas residuais xeradas nos servicios hixiénicos.

As augas de escorrega superficial conduciranse a través das canles de intercepción proxectadas. Para evita-la erosión na incorporación das augas á rede natural de drenaxe, deberanse colocar sistemas de disipación de enerxía (encachados de pedra, pequenos diques, etcétera) nos puntos de vertedura. Así mesmo, nestes puntos débense impedi-los fenómenos de asolagamento ou deposición.

Realizaranse periodicamente labores de mantemento co fin de asegura-lo correcto funcionamento dos sistemas de drenaxe de augas pluviais e de lixiviados.

5. Sobre o solo.

De maneira previa ó comezo efectivo das obras, procederase a delimita-lo terreo afectado por estas e a zona adicada ós labores de mantemento e reparación de maquinaria, de maneira que se minimice a afección do proxecto sobre o territorio e restrinxíndose o movemento da maquinaria ás zonas destinadas para o efecto.

Previamente á realización de tarefas de mantenemento e reparación da maquinaria, deberán dispoñerse na zona os medios necesarios para evita-la chegada de verteduras accidentais ó solo, facilitando a súa recollida.

Os materiais sobrantes de escavacións, os residuos da obra e calquera outro elemento contaminante, xestionaranse de acordo coa súa natureza e coa lexislación vixente. Os residuos almacenados temporalmente á espera da súa entrega a xestor autorizado deberán poñerse en contedores localizados nun lugar debidamente sinalizado.

Queda expresamente prohibido depositar calquera tipo de residuo fóra da superficie delimitada para o vertedoiro.

Os materiais precisos para a adecuación e selaxe do vertedoiro deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada.

6. Sobre a restauración.

Na superficie que se vai revexetar empregarase unha dose mínima de sementes de 300 kg/ha.

As especies que se van utilizar na revexetación deben ser autóctonas da zona.

Ata asegura-la viabilidade da sementeira e da plantación, procederase á rega regular e á fertilización mineral de reforzo anual, á resementeira das superficies nas que se aprecie a presencia de calvas e á reposición de marras no caso de que se produzan.

7. Sobre a protección e control de accesos.

Adoptaranse as medidas precisas para evita-la aparición de focos de vertedura, tanto na fase de adecuación e selaxe como na fase posclausura.

Segundo o proxecto planifícase un peche perimetral con dous accesos, debe asegurarse a funcionalidade deste peche en todo momento, así como limita-la entrada polos accesos só a persoal autorizado.

8. Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir, ó longo do tempo, o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Así mesmo, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Este programa ten como obxectivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Tódolos controis realizados no seguimento, así como tódolas incidencias que se produzan, rexistraranse no momento da súa avaliación nun libro-rexistro que estará a disposición da administración competente. Estes rexistros deberán considerarse na elaboración dos informes a remitir a esta dirección xeral.

As analíticas que se vaian realizar serán efectuadas por laboratorio homologado segundo métodos oficiais de análise. Este laboratorio deberá realizar así mesmo a toma de mostras.

A documentación indicada a continuación deberá presentarse por duplicado perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8.1. Informe final de obras.

Presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos, comprendendo, como mínimo os seguintes elementos:

a) Data de finalización das obras.

b) Plano en planta a escala 1:500 dotado de coordenadas UTM, no que se localicen os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras, así como a localización exacta dos dispositivos de control. Este plano acompañarase de relación de coordenadas UTM que defina o perímetro da parcela.

c) Reportaxe fotográfica da zona, que reflicta o estado final do lugar. Esta reportaxe acompañarase dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

d) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados durante a obra, e que non puideron ser obxecto de depósito no vertedoiro.

e) Definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, así como memoria das medidas adoptadas para o control de acceso e vertedura. Así mesmo, definirase o responsable do control ambiental requirido no punto 9.2 desta declaración.

8.2. Informe de seguimento ambiental.

Presentarase con periodicidade semestral, contando desde o final das obras e ata que esta dirección xeral informe da súa finalización. O seu contido será o indicado no anexo 13. Seguimento e Avaliación Ambiental do proxecto, debendo incluír ademais a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da entrega dos lixiviados a xestor autorizado, indicando os volumes e as súas características.

b) Reportaxe fotográfica da superficie selada e revexetada, das zonas nas que quedaron implantados os diversos elementos, do peche perimetral e da eficacia do sistema de disuasión de verteduras. Esta reportaxe acompañarase dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

c) Volume de lixiviados recollidos no depósito, e analítica dos seguintes parámetros: pH, conductividade, sólidos en suspensión totais, DQO, DBO, fósforo, sulfatos, nitróxeno total Kjeldhal, amonio, nitratos, cloruros, ferro, cinc, cobre, aceites e graxas.

d) Co fin de controla-la calidade das aguas superficiais, tomaranse mostras en dous puntos do Rego de Ferreira, un augas arriba do vertedoiro e outro augas abaixo, analizándose os seguintes parámetros: pH, conductividade, sólidos en suspensión totais, DQO, DBO, fósforo, sulfatos, nitróxeno total Kjeldhal, amonio, nitratos, cloruros, ferro, cinc, cobre, aceites e graxas.

Se durante o período de control posclausura se producise unha variación significativa na calidade das augas superficiais ou nos lixiviados, ou un incremento importante na producción destes últimos, deberá notificarse inmediatamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por proposta motivada da entidade encargada do mantemento e control posclausura, ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-la lista dos parámetros que se van controlar, así como a frecuencia dos controis que se van realizar.

9. Condicións adicionais.

9.1. O Concello do Valadouro poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, efectuarase a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada a presente declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ó concello o acordo adoptado.

9.2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o antedito concello deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

9.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada, deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

9.4. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, a Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental poderá paralizar cautelarmente as obras ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que sexan corrixidas.

9.5. Esta dirección xeral, por iniciativa propia, poderá dictar en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase posterior, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

9.6. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial, das condicións impostas nesta DIA, poderán ser causa suficiente para proceder a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

9.7. A presente resolución adoptada por esta dirección xeral non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificala, incluídos, se é o caso, os da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou normas subsidiarias.

9.8. Cumpriranse tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

ANEXO I

Resumo do proxecto

Localización e descrición do vertedoiro

SituaciónFerreira, concello do Valadouro

Superficie da parcela1.367 m

Superficie que se vai selar1.004 m

Volume de residuos3.035 m

Tipos de residuosRSU, maioritariamente incinerados

Tipo de vertedoiroEn ladeira

Ano inicio1975

Situación actual e situación prevista

coa realización do proxecto

Situación

actual

Proxecto

LixiviadosFondo impermeabilizadoNon, terreo naturalNon, terreo natural

Drens lixiviadosNonSi

Captación de lixiviadosNonSi

TratamentoNonDepósito de almacenamento de lixiviados e traslado a EDAR

GasesDrensNonSi

CaptaciónNonSi, 3 pozos

TratamentoNonExtracción básica

PluviaisGabias de recollida perimetralNonSi

Punto de verteduraNonÓ medio

CubertaLámina/capa impermeableNonSi

Terra vexetalParcialmente, cunha capa de 10-15 cm30 cm

VexetaciónNonSi

EstabilidadeEstabilidadeNonSi

AccesosPosibilidade de accesoSiNon

Vixilancia ambientalPlan de vixilancia ambientalNonSi

Compoñentes do sistema de selaxe

Superficie do vertedoiro

Capa de drenaxe de gasesNúcleo de xeomalla, cun filtro xeotéxtil nunha cara

Capa de impermeabilizaciónLámina de PEAD de 2 mm de espesor

Capa de drenaxe de augasNúcleo de xeomalla, cun filtro xeotéxtil na cara superior

Capa de cobertura40 cm de solo seleccionado e 30 cm de terra vexetal

Resumo das medidas preventivas e correctoras.

-Minimizar e controla-la auga das precipitacións.

-Impedi-la entrada de auga superficial no vertedoiro.

-Recoller adecuadamente os lixiviados.

-Controla-la acumulación de gases no vertedoiro.

-Evita-la dispersión de residuos e o transporte de volantes.

-Evita-lo risco de incendios.

-Suprimi-la proliferación de parasitos, roedores e insectos.

-Adecua-la superficie para a revexetación e rexeración da área.

-Impedi-lo acceso ó lugar e evita-la vertedura incontrolada de residuos.

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2001.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade

e Avaliación Ambiental