Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Luns, 24 de setembro de 2001 Páx. 12.650

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 27 de agosto de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se publica a declaración de impacto ambiental do 17 de agosto de 2001 do proxecto de transporte, clausura e restauración do vertedoiro municipal de residuos urbanos da Guarda (Pontevedra), promovido polo Concello da Guarda e pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental.

Antecedentes.

A Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, estipula que os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización de obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II, deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental cando así o decida o órgano ambiental en cada caso.

Á vista das características do proxecto, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cualificou o proxecto como sometido a avaliación de impacto ambiental con data 7 de xuño de 2001.

No vertedoiro atópanse principalmente residuos urbanos. O volume destes residuos no momento da redacción do proxecto estímase nuns 21.000 m.

O proxecto ten como obxecto o transporte dos residuos ó vertedoiro do Porriño e a clausura e restauración do espacio ocupado polo vertedoiro da Guarda, localizado no PK 174 da estrada C-550, na parroquia da Guarda, concello do mesmo nome.

Na rexeneración proponse realizar unha achega e estendido de terra vexetal e unha sementeira de herbáceas e arbustivas coas seguintes especies: Lolium perenne (raigrás inglés), Lolium multiflorum (raigrás italiano), Trifolium pratense (trevo de pradeira), Cytisus scoparius (xesta) e Ulex europaeus (toxo).

No anexo I resúmese a situación actual e a prevista trala execución do proxecto, ademais das medidas preventivas e correctoras recollidas no estudio ambiental presentado.

O proxecto de transporte, clausura e restauración do vertedoiro municipal de residuos urbanos da Guarda (Pontevedra) someteuse ó trámite de información pública, polo prazo de 30 días, mediante Resolución do 18 de xuño de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 130, do 5 de xullo de 2001. O certificado de exposición pública na Delegación da Consellería de Medio Ambiente en Pontevedra recíbese con data 13 de agosto de 2001, non tendo constancia da presentación de alegacións.

Con data 19 de xuño de 2001 procedeuse a consultar ás direccións xerais de Saúde Pública e Obras Públicas, ademais de á Demarcación de Costas. Non tendo constancia da emisión dos informes no prazo legalmente establecido e á vista do tempo transcorrido, procede prosegui-la tramitación de conformidade co artigo 83 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Formalizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula para os sós efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de transporte, clausura e restauración do vertedoiro municipal de residuos urbanos da Guarda (Pontevedra), promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e o Concello da Guarda.

O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No cumprimento das condicións desta DIA terase en conta que, segundo o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o Concello da Guarda, a obriga de asumi-lo mantemento e a conservación das obras unha vez recibidas será do Concello da Guarda. Durante a fase de obras, esta obriga recaerá na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental.

Examinado o documento de proxecto de transporte, clausura e restauración do vertedoiro municipal de

residuos urbanos da Guarda (Pontevedra). Xullo 2000 e tendo en conta o carácter de corrección ambiental das obras, estímase a necesidade de realiza-lo proxecto.

Nembargantes, coa finalidade de optimizar estas medidas e co obxecto de minimiza-las posibles afeccións ambientais negativas, deberanse aplicar, ademais das medidas que se propoñen no proxecto, as recollidas na presente declaración de impacto ambiental, todo isto para cumprir co disposto na Lei 10/1997, de residuos sólidos urbanos de Galicia.

No caso de que exista contradicción entre o establecido na documentación avaliada e a presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Condicionado.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración de impacto ambiental refírese en exclusiva ó proxecto de transporte, clausura e restauración do vertedoiro municipal de residuos urbanos da Guarda (Pontevedra).

2. Sobre o nivel sonoro ambiental.

Aplicarase o disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (DOG do 20 de agosto), así como ó estipulado, se é o caso, pola ordenanza municipal ó respecto.

3. Sobre a calidade do aire.

Durante a remoción e transporte da masa de residuos, consideraranse as condicións metereolóxicas, evitando a remoción de residuos en presencia de vento, alta temperatura ou elevada pluviosidade.

No transporte, os camións deberán cubrirse para evita-la perda de residuos e a xeración de po, debendo ademais empregar contedores estancos co fin de evita-la producción de lixiviados.

Así mesmo, na escavación de residuos procederase á súa aireación, co obxecto de evitar explosións.

4. Sobre as augas.

Para calquera afección no dominio público marítimo terrestre, consecuencia da realización do proxecto, así como para calquera tipo de vertedura, será preceptiva a autorización administrativa outorgada pola Dirección Xeral de Costas.

Debido á proximidade do vertedoiro á liña de costa deberase dispoñer un valado de protección que impida a chegada de materiais ó mar.

No caso de que a remoción e a carga dos residuos coincida na época de seca efectuaranse regas de xeito que se humecte o solo, pero non se formen encharcamentos nin regatos, para evita-la emisión de po.

Garantirase o adecuado tratamento das augas residuais xeradas nos servicios hixiénicos.

As reparacións e cambios de aceite da maquinaria móbil realizaranse en talleres autorizados.

5. Sobre o solo.

De maneira previa ó comezo efectivo das obras, procederase a delimita-lo terreo afectado por estas

e a zona dedicada ós labores de mantemento e reparación de maquinaria, de maneira que se minimice a afección do proxecto sobre o territorio, restrinxíndose o movemento da maquinaria ás zonas destinadas para o efecto.

Queda expresamente prohibido depositar calquera tipo de residuo sólido urbano fóra do vertedoiro do Porriño.

Os materiais sobrantes de escavacións, os residuos da obra e calquera outro elemento contaminante, xestionaranse de acordo coa súa natureza e coa lexislación vixente. Os residuos almacenados temporalmente á espera da súa entrega a xestor autorizado, deberán poñerse en contedores localizados nun lugar debidamente sinalizado.

O solo contaminado por lixiviados será transportado xuntamente cos residuos, non podendo empregarse como substrato na revexetación.

6. Sobre a restauración.

Ata asegura-la viabilidade da sementeira proposta polo promotor, procederase á rega regular, ó aboado mineral de reforzo anual e á resementeira das superficies nas que se aprecie a presencia de calvas.

Os materiais precisos para a revexetación do vertedoiro deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada.

7. Sobre a protección e control de accesos.

Adoptaranse as medidas precisas para evita-la aparición de novas verteduras.

8. Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Así mesmo, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Este programa ten como obxectivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Tódolos controis realizados no seguimento, así como tódolas incidencias que se produzan, rexistraranse no momento da súa avaliación nun libro-rexistro que estará á disposición da Administración competente. Estes rexistros deberán considerarse na elaboración dos informes que se remitirán a esta dirección xeral.

As analíticas que se realizarán serán efectuadas por laboratorio homologado segundo métodos oficiais de análise. Este laboratorio deberá realizar tamén a toma de mostras.

A documentación indicada a continuación deberá presentarse por duplicado perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8.1. Informe final de obras.

Presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos, comprendendo, como mínimo os seguintes elementos:

a) Data de finalización das obras.

b) Reportaxe fotográfica da zona, que reflicta o estado final do emprazamento restaurado. Esta reportaxe irá acompañada dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

c) Documentación acreditativa da entrega dos residuos no vertedoiro do Porriño.

d) Definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, así como memoria das medidas adoptadas para o control de acceso e vertedura. Así mesmo, definirase o responsable do control ambiental requirido no punto 9.2 desta declaración.

8.2. Informe de seguimento ambiental.

Presentarase con periodicidade semestral, contada desde o final das obras e ata que esta dirección xeral informe da súa finalización, debendo incluír unha reportaxe fotográfica da superficie revexetada. Esta reportaxe acompañarase dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

9. Condicións adicionais.

9.1. O Concello da Guarda poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade e sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, efectuarase a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada a presente declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ó concello o acordo adoptado.

9.2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o antedito concello deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

9.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada, deberá ser notificado previamente a esta dirección xeral, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

9.4. Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, a Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental poderá paralizar cautelarmente a obra ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos e ata que sexan corrixidas.

9.5. Esta dirección xeral, por iniciativa propia poderá dictar en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase posterior, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

9.6. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial das condicións impostas nesta DIA poderá ser causa suficiente para proceder a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

9.7. A presente resolución adoptada por esta dirección xeral non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificala, incluídos, se é o caso, os da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou normas subsidiarias.

9.8. Cumpriranse tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

ANEXO I

Resumo do proxecto

Localización e descrición do vertedoiro

SituaciónA Guarda

Superficie da parcela6.000 m

Superficie ocupada por residuos urbanos3.900 m

Superficie que se vai acondicionar1.250 m

Volume de residuos actual21.000 m

Tipos de residuosRSU

Situación actual e situación prevista coa realización do proxecto.

Na actualidade a explotación do vertedoiro de residuos sólidos urbanos da Guarda realízase en dous noiros. No noiro superior deposítanse os residuos e incinéranse, unha vez incinerados os residuos vértense no noiro inferior. O vertedoiro non conta con recollida de lixiviados nin de gases, tampouco ten recollida perimetral de augas.

Proxéctase a retirada e transporte dos residuos ata o vertedoiro do Porriño e a revexetación de parte da superficie do vertedoiro.

Resumo das medidas preventivas e correctoras.

-Humectación de vías para minimiza-las emisións de po.

-Control das operacións de escavación e movemento de terras (préstamos, reperfilado) co fin de minimizar no posible a emisión de gases do ver

tedoiro e o espallamento de residuos. Prestarase especial atención a suprimi-los riscos de explosión e autocombustión dos residuos debido ás operacións de recolocación destes.

-Control dos niveis de ruído xerados polos distintos focos.

-Control da estabilidade das zonas seladas (asentamentos).

-Seguimento do programa de calidade.

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2001.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental