Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Venres, 21 de setembro de 2001 Páx. 12.598

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 27 de agosto de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se publica a declaración de impacto ambiental do 13 de agosto de 2001 do proxecto de clausura, selaxe e rexeneración ambiental do vertedoiro de Cangas (Pontevedra), promovido polo Concello de Cangas e pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental.

Antecedentes.

A Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, estipula que os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización de obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II, deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental cando así o decida o órgano ambiental en cada caso.

Á vista das características do proxecto, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cualificou o proxecto como sometido a avaliación de impacto ambiental con data 4 de xuño de 2001.

O proxecto ten como obxecto a clausura, selaxe e rexeneración do vertedoiro de Cangas, localizado nos Montes de Varalonga, parroquia de Darbo, concello de Cangas.

No vertedoiro atópanse principalmente residuos urbanos e en menor medida materiais inertes de construcción e lodos.

Proxéctase a selaxe da zona onde se atopan os residuos urbanos e a adecuación da zona de residuos inertes da construcción e lodos, controlar e xestiona-los gases xerados, controla-las augas superficiais como medida de reducción de lixiviados, captar, controlar e xestiona-los lixiviados producidos, recupera-la calidade paisaxística da zona ocupada polo vertedoiro e controla-lo acceso.

Na rexeneración proponse realizar unha sementeira a voleo ou con máquina sementadora de herbáceas e arbustivas coas seguintes especies: Dactylis glomerata (dactilo), Bromus inermis (bromo), Lolium perenne (xoio), Festuca rubra (festuca encarnada), Festuca arundinacea (festuca alta), Trifolium repens (trevo branco), Trifolium subterraneum (trevo subterraneo), Erica arborea (urce), Calluna vulgaris (queiruga) e Cytisus scoparius (xesta).

No anexo I resúmese a situación actual e a prevista trala execución do proxecto, ademais das medidas preventivas e correctoras establecidas no estudio ambiental presentado.

O proxecto de clausura, selaxe e rexeneración ambiental do vertedoiro de Cangas someteuse ó trámite de información pública, durante o prazo de 30 días, mediante Resolución do 18 de xuño de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 130, do 5 de xuño de 2001. O certificado de exposición pública na Delegación da Consellería de Medio Ambiente en Pontevedra recíbese con data 13 de agosto de

2001, non tendo constancia da presentación de alegacións.

Con data 19 de xuño de 2001 consultouse coa Dirección Xeral de Saúde Pública e con Augas de Galicia. Non tendo constancia da emisión dos informes no prazo legalmente establecido e á vista do tempo transcorrido, procede prosegui-la tramitación de conformidade co artigo 83 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Formalizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula para os efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de clausura, selaxe e rexeneración ambiental do vertedoiro de Cangas (Pontevedra), promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e o Concello de Cangas.

O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No cumprimento das condicións desta DIA terase en conta que, segundo o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o Concello de Cangas, a obriga de asumi-lo mantemento e conservación das obras unha vez recibidas será do Concello de Cangas. Durante a fase de obras, esta obriga recaerá na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental.

Examinado o documento de proxecto de clausura, selaxe e rexeneración ambiental do vertedoiro de Cangas (Pontevedra). Setembro 1999 e tendo en conta o carácter de corrección ambiental das obras, estímase a necesidade de realiza-lo proxecto.

Sen embargo, coa finalidade de optimizar estas medidas e co obxecto de minimiza-las posibles afeccións ambientais negativas, deberanse aplicar ademais das medidas que se propoñen no proxecto, as recollidas na presente declaración de impacto ambiental, todo isto para cumprir co disposto na Lei 10/1997, de residuos sólidos urbanos de Galicia.

No caso de que exista contradicción entre o establecido na documentación avaliada e a presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Condicionado

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración de impacto ambiental refírese en exclusiva ó proxecto de clausura, selaxe e rexeración ambiental do vertedoiro de Cangas.

2. Sobre o nivel sonoro ambiental.

Aplicarase o disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (DOG do 20 de agosto), así como ó estipulado, se é o caso, pola ordenanza municipal ó respecto.

3. Sobre a calidade do aire.

Durante a adecuación da masa de residuos, consideraranse as condicións metereolóxicas, evitando a remoción de residuos en presencia de vento, alta temperatura ou elevada pluviosidade.

Así mesmo, na escavación de residuos procederase á súa aireación, co obxecto de evitar explosións.

Trala finalización das obras vixiarase que as emisións na cheminea de desgasificación non sexan percibidas de forma habitual polas poboacións do contorno, se é o caso, recollerase este gas e procederase a queimalo.

4. Sobre as augas.

Para calquera afección ó río Postillón ou ó dominio público hidráulico, zona de servidume e policía de bacías, consecuencia da realización do proxecto, así como para a vertedura de efluentes, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia.

As regas previstas para evita-la emisión de po efectuaranse de xeito que se humecte o solo, pero non se formen anegamentos nin regatos. Este aspecto tamén deberá ser tido en consideración durante os movementos de terras e residuos.

Terase en conta na execución dos movementos de terras e residuos, que non se impida o libre fluxo de auga, evitando a formación de encharcamentos ou doutras formas que dificulten a súa circulación.

No caso de que os lixiviados acumulados actualmente no terreo non cumpran cos límites de vertedura recollidos na táboa 3 do anexo ó título IV do Real decreto 849/1986, de 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico, estes deberán ser entregados a un xestor autorizado. Na fase posclausura serán transportados, como se indica no proxecto, á estación depuradora de Areamilla.

Garantirase o adecuado tratamento das augas residuais xeradas nos servicios hixiénicos.

As augas de escorrega superficial conduciranse a través das canles de intercepción proxectadas, incorporándose ó medio sen producir fenómenos erosivos mediante a colocación, se é o caso, de elementos disipadores de enerxía nos puntos de vertedura.

Realizaranse periodicamente labores de control e/ou mantemento, co fin de asegura-lo correcto funcionamento dos sistemas de drenaxe de augas pluviais e de lixiviados.

As reparacións e cambios de aceite da maquinaria móbil realizaranse en talleres autorizados.

5. Sobre o solo.

De maneira previa ó comezo efectivo das obras, procederase a delimita-lo terreo afectado por estas e a zona dedicada ós labores de mantemento e reparación de maquinaria, de maneira que se minimice

a afección do proxecto sobre o territorio, restrinxíndose o movemento da maquinaria ás zonas destinadas para o efecto.

Queda expresamente prohibido depositar calquera tipo de residuo fóra da superficie delimitada para o vertedoiro.

Os materiais sobrantes de escavacións, os residuos da obra e calquera outro elemento contaminante, xestionaranse de acordo coa súa natureza e coa lexislación vixente. Os residuos almacenados temporalmente á espera da súa entrega a xestor autorizado, deberán poñerse en contedores localizados nun lugar debidamente sinalizado.

O solo contaminado por lixiviados a pé dos noiros será selado xuntamente cos residuos. Este non poderá empregarse na cuberta de protección que se instalará sobre a impermeabilización.

Os materiais precisos para a adecuación e selaxe do vertedoiro deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada.

6. Sobre a restauración.

Ata asegura-la viabilidade da sementeira proposta polo promotor, procederase á rega regular e ó aboado mineral de reforzo anual, á resementeira das superficies nas que se aprecie a presencia de calvas e á reposición de marras no caso de que se produzan.

7. Sobre a protección e control de accesos.

Adoptaranse as medidas previstas no proxecto para evita-la aparición de focos de vertedura, tanto na fase de adecuación e selaxe como na fase de posclausura.

O peche perimetral deberá asegura-la súa función en todo momento, debendo ser reposto en caso de deterioración.

8. Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras establecidas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Así mesmo, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Este programa ten como obxectivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Tódolos controis realizados no seguimento, así como tódolas incidencias que se produzan, rexistraranse no momento da súa avaliación nun libro-rexistro que estará á disposición da Administración competente. Estes rexistros deberán considerarse na elaboración dos informes que se remitirán a esta dirección xeral.

As analíticas que se realizarán serán efectuadas por laboratorio homologado segundo métodos oficiais de análise. Este laboratorio deberá realizar así mismo a toma de mostras.

A documentación indicada a continuación deberá presentarse por duplicado perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8.1. Informe final de obras.

Presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos, comprendendo, como mínimo, os seguintes elementos:

a) Data de finalización das obras.

b) Plano en planta a escala 1:500 dotado de coordenadas UTM, no que se localicen os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras, así como a localización exacta dos dispositivos de control. Este plano irá acompañado de relación de coordenadas UTM que defina o perímetro da parcela.

c) Reportaxe fotográfica da zona, que reflicta o estado final do lugar. Esta reportaxe irá acompañada dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

d) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados durante a obra e que non puideron ser obxecto de depósito no vertedoiro.

e) Documentación acreditativa da xestión dos lixiviados presentes no vertedoiro, segundo o indicado no punto 4 da presente DIA.

f) Definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, así como memoria das medidas adoptadas para o control de acceso e vertedura. Así mesmo, definirase o responsable do control ambiental requirido no punto 9.2 desta declaración.

8.2. Informe de seguimento ambiental.

Presentarase con periodicidade semestral, que se contará desde o final das obras e ata que esta dirección xeral informe da súa finalización. O seu contido será o indicado no punto 7 do anexo II Avaliación de impacto ambiental do proxecto, debendo incluír ademais a seguinte documentación:

a) Analítica nos lixiviados dos seguintes parámetros: pH, conductividade, sólidos en suspensión totais, DQO, DBO, fósforo, sulfatos, nitróxeno total Kjeldhal, amonio, nitratos, cloruros, ferro, cinc, cobre, aceites e graxas.

b) Co fin de controla-la calidade das aguas superficiais, tomaranse mostras en dous puntos do río Postillón, un augas arriba do vertedoiro e outro augas abaixo, analizándose os seguintes parámetros: pH, conductividade, sólidos en suspensión totais, DQO, DBO, fósforo, sulfatos, nitróxeno total Kjeldhal, amonio, nitratos, cloruros, ferro, cinc, cobre, aceites e graxas.

c) Documentación acreditativa da entrega dos lixiviados a xestor autorizado.

d) Reportaxe fotográfica da superficie selada e revexetada das zonas nas que quedaron implantados

os diversos elementos, do peche perimetral e da eficacia do sistema de disuasión de verteduras. Esta reportaxe irá acompañada dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

Se durante o período de control posclausura se producise unha variación significativa na calidade das augas superficiais ou nos lixiviados, ou un incremento importante na producción destes últimos, deberá notificarse inmediatamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por proposta motivada da entidade encargada do mantemento e control posclausura, ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-la lista dos parámetros que hai que controlar, así como a frecuencia dos controis que hai que realizar.

9. Condicións adicionais.

9.1. O Concello de Cangas poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, efectuarase a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada esta declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ó concello o acordo adoptado.

9.2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o antedito concello deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

9.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada, deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

9.4. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental poderá paralizar cautelarmente a obra ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos e ata que sexan corrixidas.

9.5. Esta dirección xeral, por iniciativa propia poderá dictar, en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se

obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase posterior, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

9.6. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial das condicións impostas nesta DIA poderá ser causa suficiente para proceder a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

9.7. Esta resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificala, incluídos, se é o caso, os da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou normas subsidiarias.

9.8. Cumpriranse tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

ANEXO I

Resumo do proxecto

Localización e descrición do vertedoiro

SituaciónDarbo, concello de Cangas

Superficie da parcela12.400 m

Superficie ocupada por residuos urbanos10.000 m

Superficie ocupada por residuos inertes 2.400 m

Superficie que hai que selar10.000 m

Superficie que hai que acondicionar12.400 m

Volume de residuos actual3.296 m

Tipos de residuosRSU e residuos inertes da construcción

Tipo de vertedoiroRecheo de oco

Situación actual e situación prevista

coa realización do proxecto

Situación

actual

Proxecto

LixiviadosFondo ImpermeabilizadoNon, terreo naturalNon, terreo natural

Drens lixiviadosSiSi

Captación de LixiviadosSiBalsa cuberta

TratamentoNon (vertedura directa)Traslado a EDAR

GasesDrensNonSi

Captación Non2 pozos de captación pasiva

TratamentoNonNon

PluviaisFoxos de recollida perimetralNonSi

Punto de verteduraNonÓ medio

CubertaLámina/capa impermeableNonSi

Terra vexetalNon30 cm

VexetaciónNonSi

EstabilidadeEstabilidadeSiSi

Situación

actual

Proxecto

AccesosPosibilidade de accesoSiNon

Vixilancia ambientalPlan de vixilancia ambientalNonSi

Compoñentes do sistema de selaxe

Superficie do vertedoiro

Capa de acondicionamento20 cm

Protección da capa de impermeabilizaciónXeotéxtil non inferior a 200 g/m

Capa de impermeabilizaciónArxila 30 cm + xeotéxtil non inferior a 200 g/m

Capa de drenaxeArea e grava 30 cm + xeotéxtil non inferior a 200 g/m

Capa de cobertura40 cm de solo seleccionado e 30 cm de terra vexetal

Resumo das medidas preventivas e correctoras.

-Humectación de vías para minimiza-las emisións de po.

-Control das operacións de escavación e movemento de terras (préstamos, reperfilado) co fin de minimizar no posible a emisión de gases do vertedoiro e o espallamento de residuos. Prestarase especial atención a suprimi-los riscos de explosión e autocombustión dos residuos debido ás operacións de recolocación destes.

-Control dos niveis de ruído xerados polos distintos focos.

-Control da estabilidade das zonas seladas (asentamentos).

-Seguimento do programa de calidade.

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2001.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental