Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Venres, 21 de setembro de 2001 Páx. 12.594

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 27 de agosto de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se publica a declaración de impacto ambiental do 20 de agosto de 2001 do proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedoiro de RSU de Agolada (Pontevedra), promovido polo Concello de Agolada e pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental.

Antecedentes.

Segundo o artigo 1.2º da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto legislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II deste real decreto lexislativo, só deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental na forma prevista nesta disposición, cando así o decida o órgano ambiental en cada caso.

Á vista das características do proxecto, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cualificou o proxecto como sometido a avaliación de impacto ambiental con data 1 de xuño de 2001.

O obxecto do proxecto é a definición das obras e instalacións necesarias para a clausura, selaxe e recuperación medioambiental do vertedoiro de RSU de

Agolada (Pontevedra), que se atopa concretamente no lugar de Cotoimil, a uns 2 quilómetros do núcleo urbano de Agolada.

Nel atópanse principalmente residuos urbanos e, debido á queima a que se ven sometidos, unha gran cantidade de cinzas. O volume de residuos no momento da redacción do proxecto é de 1.355 m, esperando que se acade un valor de 2.751 m no momento da clausura. O vertedoiro pode dividirse en catro zonas:

-Zona 1: comprende a zona máis próxima á plataforma de descarga, nela atópanse os residuos máis recentes.

-Zona 2: nesta zona acumúlanse superficialmente envases, botellas e latas que están calcinados na súa maior parte.

-Zona 3: acumúlanse os residuos máis antigos do vertedoiro, moi mineralizados e cunha elevada portentaxe de terras. Presentan un lixeiro manto de especies herbáceas.

-Zona 4: pequena zona de amoreamento de residuos voluminosos, planchas de vidro, envases, etcétera.

O vertedoiro sitúase nun oco de forma rectangular, existen dous portóns de acceso, un superior desde o que se fai a vertedura de lixo e outro inferior que conduce directamente o oco para proceder á vertedura de envases de vidro.

No que respecta a vexetación, o lugar atópase rodeado polo sur e leste por vexetación tipo toxeiras, na que se asenta algún exemplar aillado de piñeiro e eucalipto, na zona norte distínguese unha repoboación de piñeiro galego e no oeste existe unha área dedicada a prados.

Co obxecto de rexenera-la zona prevese realizar unha sementeira na zona que se vai selar (uns 1.300 m) coa seguinte mestura de herbáceas e arbustivas: xoio (Lolium perenne, 20%), festuca encarnada (Festuca rubra, 20%), pelo de raposo (Agrostis curtissi, 15%), dáctilo (Dactylis glomerata, 15%), trevo branco (Trifolium repens, 10%), trevo encarnado (Trifolium pratense, 10%), xesta (Citysus scoparius, 6%) e toxo (Ulex europaeus, 4%).

No anexo I resúmese a situación actual e a prevista trala execución do proxecto, ademais das medidas preventivas e correctoras recollidas no estudio ambiental presentado.

O estudio de impacto ambiental do proxecto de clausura e selaxe do vertedoiro de RSU de Agolada (Pontevedra) someteuse ó trámite de información pública, polo prazo de 30 días, mediante Resolución do 19 de xuño de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 132, do 9 de xullo de 2001. O certificado de exposición pública na delegación da Consellería de Medio Ambiente da provincia de Pontevedra recíbese con data 20 de agosto de 2001, non tendo constancia da presentación de alegacións.

Con data 19 de xuño de 2001 consúltase á Dirección Xeral de Saúde Pública, non tendo constancia da emisión do informe no prazo legalmente establecido, e

á vista do tempo transcorrido, procede prosegui-la tramitación de conformidade co artigo 83 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula ós sós efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedoiro de RSU de Agolada (Pontevedra), promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e o concello de Agolada.

O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No cumprimento das condicións desta DIA terase en conta que, segundo o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o concello de Agolada, a obriga de asumi-lo mantemento e conservación das obras unha vez recibidas será do concello de Agolada. Durante a fase de obras, esta obriga recaerá na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental.

Examinado o documento proxecto de adecuación, selaxe e clausura del vertedoiro de RSU de Agolada (Pontevedra). Abril 2000 e tendo en conta o carácter de corrección ambiental das obras, estímase a necesidade de realiza-lo proxecto.

Nembargantes, coa finalidade de optimizar estas medidas e co obxecto de minimiza-las posibles afeccións ambientais negativas, deberanse aplicar ademais das medidas que se propoñen no proxecto, as recollidas nesta declaración de impacto ambiental, todo isto para cumprir co disposto na Lei 10/1997, de residuos sólidos urbanos de Galicia.

No caso de que exista contradicción entre o establecido na documentación avaliada e a presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Condicionado.

1. Ámbito da declaración.

Esta declaración de impacto ambiental refírese en exclusiva ó proxecto de adecuación, selaxe e clausura do vertedoiro de RSU de Agolada (Pontevedra).

2. Sobre o nivel sonoro ambiental.

Estarase ó disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (DOG do 20 de agosto de 1997), así como ó estipulado, se é o caso, pola ordenanza municipal ó respecto.

3. Sobre a calidade do aire.

Durante a adecuación da masa de residuos, consideraranse as condicións meteorolóxicas, evitando a

remoción de residuos en presencia de vento, alta temperatura ou elevada pluviosidade.

Trala finalización das obras vixiarase que as emisións nas chemineas de desgasificación non sexan percibidas de forma habitual polas poboacións do contorno, e se é o caso, recollerase este gas e procederase a queimalo.

Así mesmo, na escavación de residuos procederase á súa aireación, co obxecto de evitar explosións.

4. Sobre as augas.

Para calquera vertedura de efluentes, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia.

As regas previstas para evita-la emisión de po efectuaranse de xeito que se humecte o solo, pero non se formen asolagamentos nin regatos. Este aspecto tamén deberá ser tido en consideración durante os movementos de terras e residuos, de tal xeito que non se impida o libre fluxo de auga.

Os lixiviados acumulados na arqueta durante o mantemento posterior á clausura, retiraranse cando se acade como máximo as 3/4 partes da súa capacidade e serán entregados a xestor autorizado, para o seu traslado ata unha estación depuradora de augas residuais.

No caso de existir acumulacións de lixiviados sobre o terreo serán recollidos e entregados a un xestor autorizado se superan os límites de vertedura recollidos na táboa 3 do anexo ó título IV do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico.

Garantirase o adecuado tratamento das augas residuais xeradas nos servicios hixiénicos.

As augas de escorrega superficial conduciranse a través das canles de intercepción proxectadas. Para evita-la erosión na incorporación das augas á rede natural de drenaxe, deberanse colocar sistemas de disipación de enerxía (empedramentos, pequenos diques, etcétera) nos puntos de vertedura. Así mesmo, nestes puntos débense impedi-los fenómenos de asolagamento ou deposición.

Realizaranse periodicamente labores de mantemento co fin de asegura-lo correcto funcionamento dos sistemas de drenaxe de augas pluviais e de lixiviados.

As reparacións e cambios de aceite da maquinaria móbil realizaranse en talleres autorizados.

5. Sobre o solo.

De maneira previa ó comezo efectivo das obras, procederase a delimita-lo terreo afectado por estas, de maneira que se minimice a afección do proxecto sobre o territorio e se restrinxa o movemento da maquinaria ás zonas destinadas para o efecto.

Os materiais sobrantes de escavacións, os residuos da obra e calquera outro elemento contaminante, xestionaranse de acordo coa súa natureza e coa lexislación vixente. Os residuos almacenados temporalmente á espera da súa entrega a xestor autorizado deberán poñerse en contedores localizados nun lugar debidamente sinalizado.

Queda expresamente prohibido depositar calquera tipo de residuo fóra da superficie delimitada para o vertedoiro.

Os materiais precisos para a adecuación e selaxe do vertedoiro deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada.

6. Sobre a restauración.

Ata asegura-la viabilidade da sementeira, procederase á rega regular e a fertilización mineral de reforzo anual e á resementeira das superficies nas que se aprecie a presencia de calvas.

No caso de que a zona de lixo estabilizado, na que non se ten previsto realizar selaxe, estea moi degradada, procederase a realizar unha sementeira coa mesma mestura de especies e coa mesma dose que na zona con selaxe.

7. Sobre a protección e control de accesos.

Adoptaranse as medidas precisas para evita-la aparición de focos de vertedura, tanto na fase de adecuación e selaxe como na fase posclausura.

Segundo o proxecto planifícase mante-lo peche perímetral existente, a este respecto, deberá asegurarse a funcionalidade deste peche en todo momento, así como limita-la entrada polos accesos só a persoal autorizado.

8. Programa de vixilancia e seguimento ambiental (P.V.S.A.).

O obxecto deste programa é o de garantir, ó longo do tempo, o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Así mesmo, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Este programa ten como obxectivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Tódolos controis realizados no seguimento, así como tódolas incidencias que se produzan, rexistraranse no momento da súa avaliación nun libro-rexistro que estará á disposición da administración competente. Estes rexistros deberán considerarse na elaboración dos informes que se van remitir a esta dirección xeral.

As analíticas que se van realizar serán efectuadas por laboratorio homologado segundo métodos oficiais de análise. Este laboratorio deberá realizar tamén a toma de mostras.

A documentación indicada a continuación deberá presentarse por duplicado perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8.1. Informe final de obras.

Presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos, comprendendo, como mínimo os seguintes elementos:

a) Data de finalización das obras.

b) Plano en planta a escala 1:350 dotado de coordenadas UTM, no que se localicen os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras, así como a localización exacta dos dispositivos de control. Este plano acompañarase de relación de coordenadas UTM que defina o perímetro da parcela.

c) Reportaxe fotográfica da zona, que reflicta o estado final do lugar incluíndo a zona non selada. Esta reportaxe acompañarase dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

d) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados durante a obra, e que non puideron ser obxecto de depósito no vertedoiro.

e) Definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, así como memoria das medidas adoptadas para o control de acceso e vertedura. Así mesmo, definirase o responsable do control ambiental requirido no punto 9.2 desta declaración.

8.2. Informe de seguimento ambiental.

Presentarase con periodicidade semestral, contada desde o final das obras e ata que esta dirección xeral informe da súa finalización. O seu contido será o indicado no anexo 13. Plan de seguimento ambiental do proxecto, debendo incluír ademais a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da entrega dos lixiviados a xestor autorizado, indicando os volumes e as súas características.

b) Reportaxe fotográfica da superficie selada e revexetada, das zonas nas que quedaron implantados os diversos elementos, do peche perimetral e da eficacia do sistema de disuasión de verteduras. Esta reportaxe acompañarase dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

Se durante o período de control posclausura se producise unha variación significativa na calidade dos lixiviados, ou un incremento importante na producción destes, deberá notificarse inmediatamente a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a proposta motivada da entidade encargada do mantemento e control posclausura, ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-la lista dos parámetros que se van controlar, así como a frecuencia dos controis que se van realizar.

9. Condicións adicionais.

9.1. O Concello de Agolada poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican nesta declaración.

Nesta circunstancia, efectuarase a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada esta declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ó concello o acordo adoptado.

9.2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o antedito concello deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

9.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

9.4. Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, a Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental, poderá paralizar cautelarmente as obras ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que sexan corrixidas.

9.5. Esta dirección xeral, por iniciativa propia poderá dictar en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase posterior, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

9.6. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial das condicións impostas nesta DIA poderá ser causa suficiente para proceder a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

9.7. Esta resolución adoptada por esta dirección xeral non exime ó promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificala, incluídos

se é o caso, os da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou normas subsidiarias.

9.8. Cumpriranse tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

ANEXO I

Resumo do proxecto

Localización e descrición do vertedoiro.

LocalizaciónCotoimil, Concello de Agolada

Superficie da parcela3.000 m

Superficie para selar1.300 m

Volume de residuos actual1.355 m

Volume de residuos para selar2.751 m

Tipos de residuosRSU, maioritariamente incinerados

Tipo de vertedoiroRecheo de oco

Duración do vertedoiro25 anos

Situación actual e situación prevista coa realización do proxecto:

Situación

actual

Proxecto

LixiviadosFondo impermeabilizadoNon, terreo

natural

Non, terreo

natural

Drens lixiviadosNonSi

Captación de lixiviadosNonSi

TratamentoNonArqueta e traslado a EDAR

GasesDrensNonSi

CaptaciónNonSi, 5 pozos

TratamentoNonExtracción

pasiva

PluviaisGabias de recollida

perimetral

NonSi

Punto de verteduraNonÓ medio

CubertaLámina/capa impermeableNonSi

Terra vexetalNalgunhas

zonas uns

20 cm

30 cm

VexetaciónNalgunhas

zonas

Si

EstabilidadeEstabilidadeSiSi

AccesosPosibilidade de accesoSiNon

Vixilancia

ambiental

Plan de vixilancia

ambiental

NonSi

Compoñentes do sistema de selaxe:

Superficie do vertedoiro

Capa de asentamento30 cm de xabre compactado

Protección da capa de impermeabilizaciónXeotéxtil de 300 g/m

Capa de impermeabilizaciónLámina de PEAD de 2 mm de espesor

Superficie do vertedoiro

Capa de drenaxeXeocomposto drenante

Capa de cobertura70 cm de solo seleccionado e 30 cm de terra vexetal

Resumo das medidas preventivas e correctoras.

-Atmosfera:

* Eliminación dos procesos de combustión que sofren os residuos e reducción das emisións gasosas e dos malos olores producidos polo vertedoiro.

-Solo:

* Recuperación do terreo mediante solo seleccionado e terra vexetal, facilitando a incorporación de vexetación.

-Augas:

* Recollida dos lixiviados producidos e conducción destes a unha arqueta, onde serán recollidos e xestionados.

* Drenaxes que eviten a entrada da auga de escorrega no interior do oco.

-Vexetación:

* Rexeneración ambiental da zona afectada polo proxecto.

* Non se afectará a ningún tipo de vexetación que non se atope no interior do vertedoiro, limitando a eliminación desta ó estrictamente necesario.

* Achegarase o substrato axeitado para a implantación da vexetación, o que permitirá restituír hábitats e o acceso da vexetación natural.

* Procederase a revexeta-la zona o que facilitará a sucesión climática.

-Fauna:

* Coa creación de novos hábitats producirase unha progresiva utilización destes espacios por especies máis esixentes e en condicións de maior naturalidade, ó tempo que se evita en gran medida a presencia de vectores.

-Paisaxe:

* Integración paisaxística da zona.

-Socioeconomía:

* Elimínanse riscos para a saúde das persoas motivada pola presencia do vertedoiro, aumentando o valor económico dos terreos próximos.

* Diminúese o risco de incendios forestais ó eliminar un axente potencialmente xerador.

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2001.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental