Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Venres, 21 de setembro de 2001 Páx. 12.563

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 11 de setembro de 2001 pola que se convocan axudas para o mantemento de razas autóctonas puras en perigo de extinción.

O desenvolvemento dunha agricultura e dunha gandería menos intensivas, co emprego de prácticas

de producción que diminúan os efectos contaminantes e que contribúan á conservación do solo como recurso natural básico, ó mantemento da diversidade biolóxica e á utilización racional doutros medios de producción, forman parte dos obxectivos da política agraria común.

O Regulamento (CE) 1257/1999, do consello, do 17 de maio, sobre axudas ó desenvolvemento rural a cargo do Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agrarias (FEOGA), establece no seu capítulo VI, título II, artigos 22 ó 24, un réxime de axudas para a utilización de métodos de producción agropecuaria que permita protexe-lo ambiente e mante-lo campo (agroambiente). Así mesmo, no seu artigo 55, derroga o Regulamento (CEE) 2078/1992, do Consello, do 30 de xuño, sobre métodos de producción agraria compatibles coas esixencias da protección do ambiente e a conservación do espacio natural, aínda que establece que este seguirá sendo de aplicación ás medidas que aprobase a comisión en virtude desas normas antes do 1 de xaneiro de 2000.

O Regulamento (CE) 1750/1999, da comisión, do 23 de xuño, que establece disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1257/1999, condiciona a aplicación da normativa nacional na que se sustentaba o desenvolvemento do programa agroambiental español, aínda que especifica que continuarán aplicándose as accións aprobadas pola comisión no marco do Regulamento (CEE) 2078/1992.

Por outra banda, o Real decreto 4/2001, do 12 de xaneiro, polo que se establece un réxime de axudas á utilización de métodos de producción agraria compatibles co ambiente, determina o marco estatal para a aplicación de distintas actuacións agroambientais, entre as que se atopa a de mantemento de razas autóctonas puras en perigo de extinción.

Na súa disposición transitoria única prevese a atención, con cargo ó actual programa, dos compromisos adquiridos con cargo á normativa anterior, antes do 30 de xuño de 1999, así como das solicitudes recibidas antes do 30 de xuño de 2000, sempre que se axusten ó programa respectivo de desenvolvemento rural, neste caso o Programa Horizontal I. De acordo co anterior, neste programa teranse en conta as axudas para o fomento das razas autóctonas en perigo de extinción, das que a última convocatoria se efectuou pola orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 7 de novembro de 2000.

De acordo co disposto na Lei 7/1994, do 29 de decembro, pola que se creou o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, compételle a este a execución das actuacións derivadas da aplicación da reforma da Política Agraria Común (PAC), inclusive as medidas de acompañamento, como neste caso as agroambientais, o que tamén se establece no artigo 5 do Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que desenvolve

a citada lei, así como no artigo 14 do Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e do propio Ilgga. Pola Resolución do 16 de abril de 2001 faise pública a delegación de determinadas fases da xestión das axudas do programa de protección de razas autóctonas puras en perigo de extinción no director xeral de Producción Agropecuaria e nos órganos dependentes funcionalmente daquel.

Segundo o anterior, nesta orde defínense os obxectivos, ámbito, beneficiarios, compromisos e procedemento de solicitude, tramitación e control das axudas para o mantemento de razas autóctonas puras en perigo de extinción en Galicia, no marco da normativa europea e estatal, que se transcriben parcialmente para unha mellor comprensión polos interesados, establecéndose, en suma, as bases reguladoras para a aplicación dese programa, á vez que se convocan estas e se determina a súa imputación económica no exercicio orzamentario 2001, ó abeiro do disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

O obxecto desta orde é o establecemento e a regulación das axudas para o mantemento e a mellora da cabana gandeira galega de especies autóctonas puras en perigo de extinción, perfectamente adaptadas pola súa rusticidade ó medio físico onde se desenvolven, utilizando métodos de producción agraria compatibles coa conservación do ambiente, no marco da medida agroambiental 9.2 de mantemento de razas autóctonas puras en perigo de extinción, regulada polo Real decreto 4/2001, do 12 de xaneiro.

Artigo 2º.-Obxectivos.

Preténdense alcanza-los seguintes obxectivos:

1. Contribuír ó mantemento e á conservación do acervo xenético da cabana gandeira galega autóctona en perigo de extinción, ligando as razas ó seu espacio natural de orixe.

2. Axudar ó mantemento da renda das explotacións nas zonas de orixe destas razas, contribuíndo a evita-la despoboación e achegando unha riqueza natural e paisaxística a elas.

3. Fomenta-lo aproveitamento de terras onde poidan sobrevivir só razas autóctonas.

4. Contribuír a conserva-lo medio natural, así como a diminuí-la incidencia dos incendios forestais ó manter limpo o sotobosque.

Artigo 3º.-Definicións.

Para os efectos desta orde entenderase por:

1. Titular de explotación: a persoa física ou xurídica, ou agrupación de productores, que exerce a actividade agraria organizando os bens e dereitos integrantes da explotación con criterios empresariais e asumindo os riscos e responsabilidades civil, social e fiscal que poidan derivar da xestión da explotación. Inclúe, así mesmo, aquelas entidades públicas de montes de utilización comunal que teñen organizado o seu aproveitamento en común, mediante ordenanza de pastos ou regulamento de utilización.

2. Explotación agraria: o conxunto de bens e dereitos organizados empresarialmente polo seu titular no exercicio da actividade agraria, primordialmente con fins de mercado, que constitúe, en si mesma, unha unidade técnico-económica.

Así mesmo, terán a mesma consideración de explotación agraria os aproveitamentos en común mediante ordenanza de pasteiros ou regulamentación de utilización xestionados por entidades públicas.

3. Parcela agrícola: a superficie continua de terreo na que un único titular de explotación realice un único tipo de cultivo ou aproveitamento.

4. Actividade agraria: o conxunto de traballos que se requiren para a obtención de productos agrícolas, gandeiros e forestais.

5. Boas prácticas agrarias: aquelas que aplica un agricultor responsable na súa explotación e que inclúen o cumprimento dos requisitos ambientais obrigatorios, así como as que veñen recollidas expresamente no anexo I desta orde.

6. Carga gandeira: o número de unidades de gando maior (UGM), que soporta, por termo medio, anualmente, unha hectárea de superficie agraria da explotación con aproveitamento gandeiro. A unidade de medida será a de gando maior (UGM) segundo a seguinte táboa de conversión:

Gando equino:

-Equino maior de 6 meses: 1 UGM.

Gando vacún:

-Bovino de 6 meses a 2 anos: 0,6 UGM.

-Bovino maior de 24 meses: 1 UGM.

Gando ovino-cabrún:

-Ovinos e cabrúns: 0,15 UGM.

Gando porcino:

-Porca en ciclo pechado*: 0,96 UGM.

-Porca con leitóns ata a desteta (0 a 6 kg): 0,25 UGM.

-Porca con leitóns ata 20 kg: 0,30 UGM.

-Porca de reposición: 0,14 UGM.

-Leitóns de 6 a 20 kg: 0,02 UGM.

-Porco de 20 a 50 kg: 0,10 UGM.

-Porco de 50 a 100 kg: 0,14 UGM.

-Porco da ceba de 20 a 100 kg: 0,12 UGM.

-Verrón: 0,30 UGM.

* Inclúe a nai e a súa descendencia ata a finalización da ceba.

En todo caso, a carga gandeira definirase tendo en conta todo o gando de pasto da explotación.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Terán dereito a percibi-las axudas previstas nesta orde os titulares de explotacións gandeiras con algún exemplar das razas autóctonas puras en perigo de extinción de Galicia que figuran no anexo III desta orde, sexa en réxime de propiedade ou de cesión pola Administración autonómica, e que se comprometan, mediante contrato subscrito coa Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, a cumprir durante un período de cinco anos, en toda ou en parte da súa explotación, os compromisos expostos no artigo 5º desta orde.

Artigo 5º.-Compromisos.

1. Os beneficiarios deberán cumprir en toda a súa explotación as normas sobre boas prácticas agrarias habituais recollidas no anexo I desta orde.

2. Realiza-las actuacións de pastoreo con animais das razas incluídas no anexo III desta orde.

3. Mante-lo censo gandeiro das razas autóctonas en perigo de extinción acollidas a este programa durante un período mínimo de cinco anos, salvo causa de forza maior.

4. Non supera-la carga gandeira de 2 UGM/ha.

5. Pertencer a unha asociación gandeira que teña como fins a mellora e conservación das razas autóctonas e que colabore coa Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria na xestión do Libro Xenealóxico.

6. Os efectivos obxecto de prima deberán estar inscritos no Libro Xenealóxico da raza.

7. Manter en pureza os efectivos machos e femias reproductores destas razas.

8. Participar no programa de mellora xenética que estableza para cada raza a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

9. Obriga de achegar información para o seguimento da raza, así como para a elaboración de valoracións.

No caso de que, durante o período dun compromiso contraído como condición para a concesión da axuda, un beneficiario aumente o número de animais das razas en perigo de extinción, a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria poderá:

a) Amplia-lo compromiso a estes novos efectivos, polo resto do período do mesmo, sempre que a dita ampliación:

-Constitúa un beneficio indiscutible para o ambiente en relación coa medida en cuestión.

-Estea xustificada, no que respecta á natureza do compromiso, a duración do período restante e a dimensión do rabaño adicional.

-Non diminúa a comprobación efectiva do cumprimento das condicións requiridas para a concesión da axuda.

b) Substituí-lo compromiso orixinal do beneficiario por un novo compromiso, ata o resto do período para tódolos animais de que se trate, en condicións, como mínimo, tan rigorosas como as do compromiso orixinal.

Artigo 6º.-Contía das axudas.

Concederáselles anualmente ós interesados unha axuda de 20.000 pesetas (120,20 euros) por UGM sempre que se comprometan por un período mínimo de cinco anos a realiza-la explotación destas razas seguindo os compromisos subscritos.

Artigo 7º.-Solicitude e documentación complementaria.

1. As solicitudes, dirixidas ó director xeral de Producción Agropecuaria, presentaranse, preferentemente, nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, ou en calquera dos rexistros ou dependencias ós que se refire a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de outubro de 2001.

A presentación fóra de prazo da solicitude de axuda, salvo os supostos de forza maior recollidos no artigo 12º.2, dará lugar, de acordo co establecido no Regulamento (CE) 3887/1992, a unha reducción da axuda do ano correspondente do 1% por cada día hábil transcorrido desde a data de peche do prazo de solicitude.

No caso dun atraso superior ós 25 días hábiles, a petición considerarase como non presentada e non dará lugar á concesión de ningunha axuda.

3. Ás solicitudes deberá xuntarse a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI/NIF do solicitante.

b) Certificado orixinal da entidade financeira, coa especificación do código da conta do cliente, na que se solicita o ingreso da axuda.

c) Declaración do gandeiro do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

d) Fotocopia cotexada da declaración de superficie forraxeira, ou relación de parcelas agrícolas, segundo o anexo III.

e) No caso que proceda, fotocopia cotexada da folla de saneamento gandeiro en vigor.

f) Certificado orixinal ou fotocopia cotexada emitida pola comisión rectora de cada un dos respectivos libros xenealóxicos dos animais inscritos.

g) Orixinal do impreso das primas ás que ten dereito, asinado polos facultativos das respectivas asociacións ou polos facultativos da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria.

h) Certificado da asociación correspondente de que o solicitante pertence a ela.

Artigo 8º.-Tramitación, verificación, resolución e notificación.

1. Os servicios técnicos da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria realizarán as funcións de tramitación comprobando se a documentación está completa, solicitando, se é o caso, a documentación complementaria pertinente e realizando os controis administrativos e os cruzamentos informáticos necesarios para determina-lo cumprimento, polos solicitantes, das condicións para a percepción das primas establecidas nesta orde. Así mesmo, realizarán os preceptivos controis sobre o terreo.

2. A Dirección Xeral de Producción Agropecuaria dictará as correspondentes resolucións que, se é o caso, establecerán, en forma individualizada, as porcentaxes e contías correspondentes ás axudas outorgadas con cargo ó FEOGA, ó MAPA e á Xunta de Galicia.

3. Posteriormente notificaráselle ó beneficiario o contido da resolución dictada, así como as condicións e compromisos dela, que deberán ser aceptados no prazo de 30 días hábiles contados desde a comunicación da resolución da concesión. De non facelo así terase por desistido da solicitude. A sinatura do contrato agroambiental suporá a aceptación das condicións e compromisos anteriomente citados por parte do beneficiario.

4. O prazo de resolución rematará o 15 de decembro de 2001, podendo considerarse desestimadas, por silencio administrativo, as solicitudes non resoltas e comunicadas no dito prazo.

Artigo 9º.-Solicitude de anos posteriores ó primeiro.

1. A percepción da axuda nos catro anos posteriores ó primeiro estará condicionada á correspondente solicitude anual e ó cumprimento dos compromisos establecidos.

2. No caso de non presentación de solicitude de renovación nun ano, e se durante ese período se seguiron cumprindo os compromisos, condicionado á súa verificación, o titular non percibirá as axudas para ese ano, pero manterase o compromiso, para os seguintes, non solicitándose, polo tanto, a devolución das cantidades percibidas nos anos anteriores.

3. A renuncia en anos posteriores suporá a devolución do importe de tódalas axudas percibidas, incrementado nos xuros correspondentes ó tempo transcorrido desde o pagamento.

Artigo 10º.-Controis administrativos e sobre o terreo.

1. Persoal facultativo da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria realizará os controis sobre o terreo correspondentes, coa finalidade de lle dar cumprimento ó establecido nos artigos 46 e 47 do Regulamento (CE) 1750/1999.

2. Tódolos compromisos e obrigas dun beneficiario estarán sometidos a control. En caso necesario, os controis e obrigas específicos realizaranse en diferentes épocas do ano. En todo caso, a porcentaxe da mostra estará en función do número de solicitudes aprobadas e non do número de compromisos controlados.

3. As actividades de control das axudas comprenderán tanto os controis administrativos como as inspeccións sobre o terreo, nos termos previstos no Regulamento (CE) 3887/1992, da Comisión, do 23 de decembro, polo que se establecen normas de aplicación do sistema integrado de xestión e control relativo a determinados réximes de axudas comunitarias.

4. Os titulares das explotacións deberán permiti-lo acceso á explotación ó persoal facultado para a realización dos controis e facilita-la información e documentación necesarias para a comprobación do cumprimento dos compromisos asumidos.

5. No caso de que o control sobre o terreo poña de manifesto a existencia de irregularidades significativas, en todo ou parte do territorio de Galicia, a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria efectuará controis adicionais durante o ano en curso e aumentará a porcentaxe de solicitudes que sexan obxecto de control ó ano seguinte na provincia correspondente ou en parte dela.

6. O beneficiario estará obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 11º.-Incompatibilidades.

As actuacións obxecto destas axudas so poderán acollerse a outros réximes de axuda comunitarios cando estas non sexan incompatibles con ningunha das condicións específicas que se requiren para acollerse ás axudas que regula o Regulamento (CE) 1257/1999, especialmente as que están reguladas no anexo III do Real decreto 4/2001.

Artigo 12º.-Incumprimentos e causas de forza maior.

1. Incumprimentos.

a) Nos casos de incumprimento do previsto nesta orde terase en conta o establecido nos puntos 1º

a 3º do artigo 9 do Regulamento (CEE) nº 3887/1992, sen prexuízo da aplicación da sanción correspondente, logo da instrucción do correspondente expediente, de acordo co disposto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aprobou o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

b) Se se demostra que unha declaración falsa foi o resultado dunha neglixencia grave, o beneficiario de que se trate será excluído de todo tipo de medidas de desenvolvemento rural incluídas no capítulo correspondente do Regulamento (CE) nº 1257/1999 para o ano natural de que se trate. No caso dunha declaración falsa realizada intencionadamente, o beneficiario será tamén excluído durante o ano seguinte.

2. Causas de forza maior.

Sen prexuízo doutras circunstancias concretas admisibles en dereito, cando resulte procedente, poderanse admitir como casos de forza maior os seguintes supostos:

a) Falecemento do solicitante ou unha longa incapacidade profesional.

b) A expropiación dunha parte importante da superficie agraria da explotación, sempre que tal circunstancia non fose previsible no momento da solicitude.

c) Unha catástrofe natural grave que afecte considerablemente á superficie agraria da explotación.

d) Unha epizootia que afecte a todo ou a parte do gando.

e) A destrucción accidental dos edificios dalgunha das explotacións destinados á gandería.

Artigo 13º.-Modificacións dos compromisos.

1. Se, durante o período do compromiso, o beneficiario traspasa total ou parcialmente a súa explotación a outra persoa, esta poderá continua-lo compromiso durante o período que quede por cumprir. Se non se reasume o compromiso, o beneficiario estará obrigado a reembolsa-las axudas percibidas mailos xuros, calculados en función do prazo transcorrido entre o pagamento e o reembolso polo beneficiario.

Se se trata dun beneficiario que cese definitivamente na actividade agraria e cumpra unha parte significativa do compromiso, estimada, polo menos, en tres anos, o director xeral de Producción Agropecuaria poderá non requirir este reembolso cando exista unha imposibilidade manifesta para que o compromiso poida ser asumido polo sucesor, segundo o artigo 29 do Regulamento (CE) 1750/1999.

2. No caso de que o beneficiario non puidese seguir asumindo os compromisos subscritos, debido a causa de forza maior, conforme os supostos establecidos no artigo 12º.2 desta orde, o director xeral de Producción Agropecuaria adoptará as medidas necesarias para adapta-los compromisos á nova situación

da explotación. Se a devandita adaptación resulta imposible, o compromiso darase por finalizado sen que se esixa reembolso ningún polo período de compromiso efectivo.

Artigo 14º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución de concesión, por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 12.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 15º.-Reintegro.

Non se poderá esixi-lo pagamento da axuda concedida e procederá o reintegro, total ou parcial, do seu importe máis os xuros de demora devengados desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, conforme o procedemento previsto no seu artigo 20.

Artigo 16º.-Recursos administrativos.

As resolucións que, en aplicación esta orde, dicte o director xeral de Producción Agropecuaria, non esgotan a vía administrativa, e contra elas poderase interpor recurso de alzada ante o presidente do Ilgga, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 107, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposición adicional

Financiamento.

1. A Decisión 2000/3549, da Comisión, do 24 de novembro, establece o marco financeiro polo que se rexen estas actuacións, fixando o financiamento do FEOGA Garantía no 75% para Galicia, como zona obxectivo 1. O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Xunta de Galicia financiarán o 25% restante.

2. No exercicio 2001, as axudas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.60 712A 773.2 do orzamento de gastos do Ilgga, dotada con 46.000.000 de pesetas, para esta finalidade.

3. O aboamento da axuda ó interesado poderá condicionarse á recepción pola Administración autonómica das transferencias correspondentes ás participacións do MAPA e do FEOGA-Garantía.

Disposición transitoria

1. Tódolos compromisos adquiridos antes do 30 de xuño de 1999 en virtude dos reais decretos 51/1995, 632/1995 e 928/1995, con base no Regulamento (CEE) 2078/1992, serán cumpridos conforme o que neles se establece, de acordo co que se indica no punto 3º do artigo 55 do Regulamento (CEE) 1257/1999, sen prexuízo do establecido no Real decreto 4/2001, do 12 de xaneiro.

Para tal efecto, as solicitudes anuais de pagamento efectuaranse segundo os correspondentes modelos, publicados como anexos á orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 7 de novembro de 2000 (DOG nº 220, do 14 de novembro), no prazo establecido no artigo 7º.1 desta orde.

2. As solicitudes recibidas antes do 30 de xuño de 1999 e aprobadas en virtude do Regulamento (CE) 2603/1999, tal e como se establece nel, deberanse axustar ó Programa Horizontal-1 de Desenvolvemento Rural para as Medidas de Acompañamento en España, aprobado pola comisión. O período anterior a este axuste non se terá en conta para o cálculo da vixencia dos compromisos adquiridos ó abeiro do Regulamento (CE) 1257/1999.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria

ANEXO I

Boas prácticas agrarias habituais

As boas prácticas agrarias habituais que deberán respectarse son as seguintes:

1. Conservación do solo como recurso natural básico e loita contra a erosión.

a) Labor:

O laboreo dos solos galegos é unha das prácticas máis problemáticas desde o punto de vista agroambiental e precisa, máis que ningunha outra, que se establezan normas para que non supoñan un prexuízo máis que un beneficio para os ecosistemas. A mecanización do campo e a aparición de máquinas cada vez máis grandes e potentes orixinaron, en moitos casos, graves problemas de erosión e perda da fertilidade dos solos, paliados con frecuencia polo incremento doutros inputs: fertilizantes, sementes, etc.

Por tal motivo, o control da erosión e das perdas de textura e estructura dos solos será o principal empeño que se acometa coas medidas agroambientais:

1º «Son habituais todo tipo de labores en canto a profundidade, apeiros ou momento de realización». Isto dependerá da profundidade dos solos, a súa textura e estructura. O agricultor sempre é consciente desta circunstancia e non utiliza instrumentos de labranza nin tipo de labores que vaian en detrimento das produccións esperadas. Por outro lado, é difícil establecer unha norma diferenciadora que sexa válida, non só para o conxunto de Galicia, senón para unha rexión ou, incluso, para unha comarca ou a mesma explotación.

2º «Prohibición do labor convencional a favor da pendente». Nun país como Galicia, onde o elevado índice pluviométrico podería constituír un risco de erosión, establécese como boa práctica agrícola de maneira obrigatoria para tódalas parcelas agrícolas que se acollan ás medidas agroambientais.

Quedan excluídas desta norma as parcelas cunha lonxitude inferior a 200 m e un largo inferior a 25 m. Tamén quedan excluídos os labores realizados para a implantación dunha pradería de longa duración.

b) Alternativas e rotacións:

Considéranse habituais todo tipo de alternativas conforme criterios sustentables.

2. Para optimiza-la utilización da enerxía na maquinaria agrícola:

Pasaranse as inspeccións prescritas nas correspondentes estacións de Inspección Técnica de Vehículos Agrícolas, conforme a normativa vixente, co obxecto de garanti-la seguridade vial, previr riscos laborais e asegura-lo uso eficiente de combustibles fósiles.

3. Para conserva-la diversidade biolóxica:

a) Material vexetal:

Os beneficiarios de axudas agroambientais agrícolas deberán xustificar que se cumpriron tódolos requisitos esixidos pola normativa vixente sobre a producción, comercialización e utilización de sementes e plantas de viveiro.

b) Hábitos de recolección e post-recolección para datos de mantemento.

b.1. A conservación dos niños de especies protexidas de difícil localización será unha boa práctica que deberán cumprir tódolos solicitantes de axudas agroambientais. En tódolos casos, deberanse toma-las medidas adecuadas para evitar danos nas tarefas de recolección. Calquera sanción firme da autoridade administrativa competente relacionada con estes feitos dará lugar á denuncia do compromiso agroambiental.

b.2. Queda prohibida a queima de restos da colleita.

No caso de que sexa aconsellable proceder á súa queima por motivos sanitarios ou fitopatolóxicos, o beneficiario deberá dispor do corresponde informe do Servicio de Sanidade Vexetal da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria indicando os motivos que xustifican a queima, así como a autorización do servicio competente da Consellería de Medio Ambiente que exprese as medidas de seguridade que se deberán tomar á hora de realiza-la operación, cumpríndoas estrictamente.

4. Para a racionalización do uso de fertilizantes:

a) Fertilizantes minerais:

En primeiro lugar, hai que partir da base de que a contaminación por un mal uso e un abuso de fertilizantes, especialmente os nitroxenados, non representa un problema agroambiental na maior parte do territorio galego e, por tanto, do territorio que abrangue o programa. En efecto, na maior parte dos secaños galegos os niveis de achega de fertilizacións nitroxenadas son, por regra xeral, moi baixos.

En todo caso, ó non ser estas zonas vulnerables a causa dos nitratos, conforme se fixa na Directiva, CEE 679/1991 do Consello, non é necesario nin conveniente establecer niveis máximos de fertilización nitroxenada, que sempre estarían moi por riba das achegas habituais.

b) Estercos e xurros:

b.1. Non aplicar sobre terreos encharcados, xeados, con neve ou con fortes choivas.

b.2. Aplicalos cando sexan aproveitables polos cultivos: implantación, corte ou aproveitamento sucesivo.

b.3. Evita-lo reparto en terreos con moita pendente e espidos de vexetación.

b.4. Deixar unha marxe de 2 a 6 metros dos leitos de auga sen fertilizar.

b.5. Non excede-las doses que poidan ser absorbidas polos cultivos.

b.6. Mante-lo terreo o máximo tempo posible cunha cuberta vexetal.

5. Para a utilización racional dos productos fitosanitarios:

En todo o referente á aplicación de fitosanitarios existe unha normativa moi extensa en España de obrigado cumprimento en materia de productos autorizados, normas de aplicación, manexo de residuos, etc. Esta normativa establece as sancións en caso de incumprimento e fixa os medios para alcanza-los obxectivos que propón:

No uso de fitosanitarios e herbicidas, dentro das marxes establecidas pola normativa, deberán respectarse as indicacións dos fabricantes, así como utilizar productos autorizados.

6. Para a reducción da contaminación por residuos de orixe agraria.

Os restos derivados dos plásticos usados e outros residuos como os envases de zoosanitarios e fitosanitarios deberán retirarse das parcelas e depositarse en lugares apropiados.

7. Outras actuacións:

a) Cultivos rematados:

Non se deberán abandona-los cultivos unha vez esgotada a súa vida útil económica e, en calquera caso, deberán manterse libres de pragas, enfermidades, parasitos susceptibles de seren transmitidos a outras propiedades, con riscos de perdas económicas ou agroambientais.

b) Sanidade animal:

As explotacións que se acollan ás medidas reguladas nesta orde deberán levar un programa sanitario preventivo, marcado por un técnico competente, especialmente en todo o relacionado co control de parasitos, externos e internos e as enfermidades de declaración obrigatoria.

Non poderán percibir axudas agroambientais ou de indemnización compensatoria as explotacións que non cumpran co establecido en materia de campañas oficiais de saneamento gandeiro de carácter obrigatorio.

As explotacións que perciban axudas agroambientais e indemnización compensatoria deberán cumprir todo o establecido pola normativa vixente en materia de uso de alimentos prohibidos e de anabolizantes.

c) Carga gandeira:

Tendo en conta os índices pluviométricos de Galicia, a carga gandeira na Comunidade Autónoma non poderá superar, para os efectos desta medida, 2,0 UGM/ha.

8. Normas mínimas Cambientais:

En calquera caso, ademais de aplica-las boas prácticas agrícolas habituais anteriormente expostas, os beneficiarios deberán respecta-la lexislación ambiental ó respecto, contida na seguinte normativa:

a) Lei 4/1989, modificada polas leis 40/1997 e 41/1997, de conservación de espacios naturais e da flora e fauna silvestres.

b) Real decreto 1997/1995, polo que se establecen medidas para contribuír a garanti-la biodiversidade mediante a conservación de hábitats naturais e da flora e fauna (Directiva 92/43/CE).

c) Real decreto 262/1996, sobre protección contra a contaminación por nitratos procedentes de fontes agrarias (Directiva 91/679/CE).

d) Lei 10/1998, sobre residuos.

e) Lei 29/1985, de augas.