Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Venres, 21 de setembro de 2001 Páx. 12.551

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 11 de setembro de 2001 pola que se convocan axudas para a agricultura ecolóxica e a gandería ecolóxica como métodos de producción agraria compatibles co medio.

A Política Agraria Común tende a fomenta-las medidas de desenvolvemento dunha agricultura menos intensiva, o emprego de prácticas de producción que diminúan os efectos contaminantes e que contribúan á conservación do solo como recurso natural básico, o mantemento da paisaxe e da diversidade biolóxica e a utilización racional doutros medios de producción, como instrumentos da política ambiental.

O Regulamento (CE) 1257/1999, do consello, do 17 de maio, sobre axudas ó desenvolvemento rural a cargo do Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agraria (FEOGA), establece no seu capítulo VI, de medidas agroambientais, un réxime de axudas para a utilización de métodos de producción agropecuaria que permitan protexe-lo ambiente e mante-lo campo (agroambiente). Así mesmo, no artigo 55 derroga o Regulamento (CEE) 2078/1992, aínda que establece que este seguirá sendo de aplicación ás medidas que aprobe a Comisión en virtude desas normas antes do 1 de xaneiro de 2000.

As medidas agroambientais foron desenvoltas para o período 2000/2006 polo Programa de Desenvol

vemento Rural para as medidas de acompañamento, aprobado por decisión da Comisión o 24 de novembro de 2000, aplicándose no territorio nacional, a través do Real decreto 4/2001, do 12 de xaneiro, polo que se establece un réxime de axudas para fomenta-la utilización de métodos de producción agraria que permitan protexe-lo ambiente e conserva-lo medio rural, contribuíndo á consecución dos obxectivos comunitarios en materia de agricultura e medio ambiente.

A agricultura e a gandería ecolóxica son dúas liñas de actuación integradas no conxunto de medidas agroambientais previstas no Real decreto 4/2001. A primeira establécese como o nivel de actuación máis esixente no conxunto de actuacións da medida técnicas ambientais de racionalización no emprego de productos químicos e a segunda constitúe unha das actuacións sinaladas na medida de xestión integrada das explotacións.

A producción agraria ecolóxica é un método de producción que interfire o menos posible nos procesos naturais; reduce os efectos contaminantes da actividade agraria, restrinxindo o emprego de productos químicos de síntese, tanto sanitarios como fertilizantes, contribúe ó mantemento dun capital xenético promovendo o emprego de variedades ou razas adaptadas ó medio e realiza un manexo do solo, dos animais e do medio en xeral, menos intensivo. De todo isto resulta a obtención de alimentos sans e apreciables polo seu sabor, un menor risco de sobreproducción, un maior emprego de man de obra e en definitiva o respecto das condicións do ecosistema e a preservación do espacio rural.

Este sistema supón unha vía para a diversificación dos productos vexetais e animais, podendo constituír unha alternativa no plano económico para un importante número de explotacións agrarias desta comunidade. Por outra banda a transformación dunha explotación agraria tradicional nunha ecolóxica constitúe unha operación complexa na que as rendas que perciben os agricultores e gandeiros poden ser máis baixas, debido á dificultade de lograr un equilibrio no agrosistema e conseguir uns beneficios axeitados a este sistema de producción.

Considérase polo tanto necesario o establecemento de medidas específicas que contribúan á conservación do contorno rural e á diversificación da producción agraria mediante técnicas de producción respectuosas co medio, como é o caso da agricultura ecolóxica e a gandería ecolóxica.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a regulación e convocatoria das medidas agroambientais de agricultura

ecolóxica e de gandería ecolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia no marco do Real decreto 4/2001, do 12 de xaneiro, polo que se establece un réxime de axudas á utilización de métodos de producción agraria compatibles co medio.

Artigo 2º.-Finalidade.

Os fins que se pretenden acadar con cada unha destas liñas de actuación son os seguintes:

a) Agricultura ecolóxica: promove-la obtención de alimentos caracterizados pola súa calidade nutritiva, sanitaria e organoléptica, a través dunha xestión sostible do medio, priorizando o mantemento da fertilidade do solo e a diversidade biolóxica, e contribuíndo deste xeito a acadar un alto nivel de seguridade alimentaria mediante o cumprimento das normas establecidas no Regulamento 2092/1991, sobre producción ecolóxica.

b) Gandería ecolóxica: fomenta-la protección dos recursos naturais, auga, solos e paixase e a reducción dos potenciais focos e niveis de contaminación a través da acollida a unha metodoloxía de xestión sostible da explotación, como é a producción gandeira ecolóxica sobre superficies acollidas á agricultura ecolóxica.

Artigo 3º.-Definicións.

a) Titular de explotación: persoa física ou xurídica ou agrupación de productores que exerce a actividade agraria organizando os bens e dereitos integrantes da explotación agraria con criterios empresariais e asumindo os riscos e responsabilidade civil, social e fiscal, que poidan derivarse da xestión da explotación. Inclúe, así mesmo, aquelas entidades públicas de montes de utilización comunal que teñen organizado o seu aproveitamento en común, mediante ordenanza de pastos ou regulamento de utilización.

b) Explotación agraria: o conxunto de bens e dereitos organizados empresarialmente polo seu titular no exercicio da actividade agraria, primordialmente con fins de mercado e que constitúen en si mesmo unha unidade técnico-económica.

c) Así mesmo, terán a mesma consideración de explotación agraria aquelas entidades públicas de montes de utilización comunal que teñan organizado o seu aproveitamento en común, mediante ordenanza de pastos ou regulamento de utilización.

d) Parcela agrícola: a superficie continua de terreo na que un único titular de explotación realice un único tipo de cultivo ou aproveitamento.

e) Actividade agraria: o conxunto de traballos que se requiren para a obtención de productos agrícolas, gandeiros e forestais.

f) Boas prácticas agrarias: aquelas que aplica un agricultor responsable na súa explotación e que inclúe o cumprimento dos requisitos ambientais obrigatorios así como os que veñen recollidos no anexo I da presente orde.

g) Carga gandeira: o número de unidades de gando maior (UGM) que soporta por termo medio anualmente unha hectárea de superficie agraria da explotación con aproveitamento gandeiro.

Artigo 4º.-Ámbito de aplicación.

As axudas que establece esta orde serán de aplicación en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán beneficiarse destas axudas os titulares de explotacións agrarias inscritas no rexistro oficial do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e que se comprometan nun período de 5 anos contados desde o momento da concesión da axuda a asumi-los compromisos enumerados no artigo seguinte.

Artigo 6º.-Compromisos.

1. Os compromisos que terá que cumpri-lo beneficiario da axuda son os sinalados a continuación:

a) Agricultura ecolóxica.

a.1. Cumprimento das normas de producción establecidas no Regulamento (CE) 2092/1991, do consello, do 24 de xuño, sobre a producción agrícola ecolóxica e a súa indicación nos productos agrarios, así como da Orde do 7 de maio do 1997, pola que se regula a producción agrícola ecolóxica e a súa indicación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se crea o seu consello regulador.

a.2. Manter e actualizar un caderno de explotación no que se detallen as actividades de acordo cos datos do anexo V.

a.3. Non empregar fertilizantes químicos de síntese.

a.4. Non cultiva-la mesma especie noutras parcelas da explotación nas que non se practique a agricultura ecolóxica.

a.5. Non empregar productos químicos de síntese para o control de pragas e enfermidades. En caso de necesidade empregar unicamente productos autorizados no anexo II do Regulamento 2092/1991.

a.6. Estar inscrito no Craega.

a.7. Levar un plan de cultivo para todo o período de compromisos, segundo os contidos do anexo VI.

a.8. Levar unha contabilidade axeitada dos productos adquiridos e dos productos que saen da explotación agraria.

a.9. Mantemento da superficie mínima de cultivo especificada no artigo 9º.

a.10. Realización de análises e incorporación dos resultados no caderno de campo.

a.11. Participar en actividades formativas.

a.12. Establecer un plan de xestión de fertilización orgánica, na cal se considerará axeitada unha achega mínima de 5 Tm/ha e un máximo equivalente a 170 kg de nitróxeno/ha.

a.13. Comercialización da producción ecolóxica.

b) Gandería ecolóxica.

b.1. Cumprimento das normas de producción establecidas no Regulamento CE 2092/1991, do 24 de xuño, do consello, sobre a producción ecolóxica e co disposto no Regulamento 1804/1999, do 19 de xullo, polo que se completa o anterior regulamento coas produccións animais, así como da Orde do 7 de maio do 1997, pola que se regula a producción agrícola ecolóxica e a súa indicación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se crea o seu consello regulador.

b.2. Manter e actualizar un caderno de explotación de acordo cos datos do anexo VII.

b.3. Presentar un plan agroambiental da explotación de acordo co anexo VIII e que deberá ser aprobado polo organismo competente da Comunidade Autónoma.

b.4. Estar inscrito ou ter realizada a solicitude de inscrición no Craega antes de que remate o período para a presentación de solicitudes, neste último suposto a entrada no programa agroambiental neste ano estará condicionada á presentación do certificado de inscrición expedido polo Craega antes do 15 de outubro.

b.5. Levar unha contabilidade axeitada e referida ós productos adquiridos e de saída da explotación.

b.6. Realización de análises e incorpora-los resultados ó caderno de campo.

b.7. Participar en actividades de formación.

b.8. Comercialización da producción ecolóxica.

b.9. Manter unha carga gandeira entre un mínimo de 0,2 UGM/ha e un máximo de 2,0 UGM/ha. En calquera caso a carga gandeira deberá axustarse á superficie de acollida para evitar tanto o sobrepastoreo como a infrautilización desta, asegurando o aproveitamento racional e sostible dos recursos naturais. Esta valoración será realizada polos servicios técnicos da consellería tralo estudio do plan agroambiental da explotación.

b.10. Para o suposto de desenvolve-la apicultura ecolóxica deberán manter máis de 50 enxames, localizados sobre superficies cultivadas ou pasteiros ecolóxicos, empregar alimentos compostos que conteñan pole e, en definitiva, cumpri-los compromisos establecidos na apicultura dentro do Regulamento 1804/1999.

2. Ademais dos sinalados, o beneficiario deberá asumi-las boas prácticas agrarias habituais recollidas no anexo I desta orde, e establecido no Programa de Desenvolvemento Rural, segundo o artigo 28 do Regulamento (CE) 1750/1999, da comisión, do 23 de xullo.

3. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria poderá autorizar transformacións ou adaptacións destes compromisos, sempre

e cando se axusten ó establecido no artigo 20 do Regulamento (CE) 1750/1999.

4. No caso de que durante o período de execución dun compromiso contraído para a concesión da axuda un beneficiario aumente a superficie da súa explotación, a dirección xeral poderá:

4.1. Amplia-lo compromiso á superficie adicional polo resto do período del, sempre que a dita ampliación:

a) Constitúa un beneficio indiscutible para o medio en relación con esta medida.

b) Estea xustificada no que respecta á natureza do compromiso, á duración do período restante e á dimensión da superficie adicional.

c) Non diminúa a comprobación efectiva do cumprimento das condicións requiridas para a concesión da axuda.

4.2. Substituí-lo compromiso orixinal do beneficiario por un novo compromiso, ata o resto do período para toda a superficie de que se trate, como mínimo, nas mesmas condicións cás establecidas para o compromiso anterior.

Artigo 7º.-Incompatibilidades.

As actuacións agroambientais obxecto da axuda que prevé esta orde só poderán acollerse a outros réximes de axudas comunitarios cando estes non sexan incompatibles con ningunha das condicións específicas que se requiren para acollerse ás axudas que regula o Regulamento (CE) 1257/1999, do 17 de maio, sobre axudas ó desenvolvemento rural con cargo ó FEOGA, especialmente as que están reguladas polo anexo III do Real decreto 4/2001, do 12 de xaneiro.

Neste sentido, a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria garantirá que estas medidas de axuda sexan coherentes entre si e coas medidas aplicadas no marco das organizacións comúns de mercados, medidas de calidade agrícola e sanidade e as medidas de desenvolvemento rural distintas das agroambientais, partindo da base de que en ningún caso o mesmo compromiso poderá beneficiarse ó mesmo tempo dos pagamentos en virtude da axuda agroambiental e de calquera outro réxime de axuda comunitario, pero non excluíndo a axuda agroambiental para as mesmas produccións, sempre e cando a dita axuda complete e sexa coherente coas ditas medidas.

Artigo 8º.-Comité Técnico Galego de Agricultura e Gandería Ecolóxica.

1. Créase o Comité Técnico Galego de Agricultura e Gandería Ecolóxica, como órgano encargado de fixar tódolos criterios que hai que considerar para o mellor cumprimento dos obxectivos a acadar coas medidas previstas nesta orde.

2. O comité técnico estará constituído por:

Presidente: o subdirector xeral de Sanidade e Producción Vexetal.

Vicepresidente: o subdirector xeral de Sanidade e Producción Animal.

Vocais: dous técnicos da Subdirección Xeral de Sanidade e Producción Vexetal, dous técnicos da Subdirección Xeral de Sanidade e Producción Animal e un técnico do Servicio de Axudas Estructurais do Ilgga.

3. Son funcións do comité técnico:

a) Defini-las características técnicas dos compromisos agroambientais que deben presentar os titulares de explotación que pretendan acollerse a estes programas.

b) Harmoniza-las actuacións que conduzan ó mellor cumprimento dos compromisos agroambientais.

c) Dirixir todas aquelas actuacións que teñan relación cos obxectivos xenéricos e específicos das medidas previstas na presente orde.

4. En canto ás normas de procedemento, este comité rexerase polo disposto, para os órganos colexiados, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Contía da axuda.

a) Agricultura ecolóxica.

As primas máximas establécense en función do tipo de cultivo e para unha superficie mínima.

CultivoPrima máximaSuperficie

CódigoTipo(pesetas/ha)mínima de

cultivo (ha)

AHerbáceo secaño15.360 (93,32 euros) 2

BHerbáceo regadío22.500 (135,23 euros)0,5

CFroiteiras secaño19.800 (119 euros)0,5

DFroiteiras pebida42.600 (256,03 euros)0,25

EFroiteiras óso e cítricos60.600 (364,21 euros)0,25

FOliveira44.400 (364,21 euros)0,25

GHortícolas aire libre43.000 (258,44 euros)0,25

HHortícolas baixo plástico84.000 (504,85 euros)0,10

IVide para vinificación38.000 (228,38 euros)0,25

JUva de mesa82.500 (495,83 euros)0,25

b) Gandería ecolóxica.

b.1. A prima máxima é a seguinte:

ZonaPrima máximaSuperficie

CódigoTipo(pesetas/ha)mínima (ha)

KPrados e pasteiros25.000 (150,25 euros) 2

b.2) Apicultura ecolóxica.

A prima será de 3.950 pesetas (23,68 euros) por hectárea de superficie cultivada ou pasteiro ecolóxico sobre os que polinizarán as abellas.

Artigo 10º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda faranas os titulares das explotacións en modelo oficial, conforme os anexos II e III segundo se trate respectivamente de agricultura ecolóxica ou/e de gandería ecolóxica, e presentaranse preferentemente nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, ou en calquera dos rexistros ou dependencias, previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. Deberá achegarse coa solicitude a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI/CIF do solicitante.

b) Se é o caso, fotocopia do DNI do representante e documento acreditativo da representación.

c) No caso de constituír unha entidade xurídica, fotocopia compulsada dos estatutos da entidade.

d) Certificado de inscrición no rexistro de operadores titulares de empresas agrarias de producción expedido polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia ou solicitude de inscrición para a medida de gandería ecolóxica, se é o caso.

e) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo programa, das distintas administracións públicas competentes.

f) Certificación da entidade financeira indicando o número de conta, en formato código conta cliente, aberta a nome do solicitante para o ingreso da axuda.

No caso de gandería ecolóxica, presentará ademais:

g) Copia cotexada da declaración de superficie forraxeira.

h) Copia cotexada da folla de saneamento gandeiro en vigor, sempre e cando exista para esa especie animal.

i) Plan agroambiental da explotación, que deberá ser aprobado pola Comunidade Autónoma. O seu contido deberá facer referencia ós aspectos relacionados no anexo VIII.

Artigo 11º.-Tramitación, verificación, resolución e notificación.

1. A Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e os órganos periféricos da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria funcionalmente dependentes daquela realizarán as funcións de tramitación previas á resolución e pagamento, é dicir, efectuarán a recepción e rexistro das solicitudes, a comprobación e verificación de que a documentación presentada está completa, solicitando, se procede, a documentación complementaria necesaria e realizando os controis administrativos

e cruzamentos informáticos necesarios, co fin de emitir informe de adecuación dos feitos que serven de base para a determinación da cantidade que deberá ser aboada a un beneficiario, conforme coa normativa comunitaria que resulte de aplicación e a estatal e autonómica que a desenvolven. Así mesmo, realizarán os preceptivos controis sobre o terreo. Posteriormente, informatizarán as solicitudes e elaborarán a proposta de resolución correspondente que co visto e prace do delegado provincial remitirán ó director xeral de Producción Agropecuaria.

O director do Ilgga, por proposta do director xeral de Producción Agropecuaria, dictará as correspondentes resolucións que, se é o caso, establecerán, en forma individualizada, as porcentaxes e contías correspondentes ás axudas outorgadas con cargo ó FEOGA, ó MAPA e á Xunta de Galicia.

2. O prazo para dictar resolución rematará o 30 de decembro de 2001, podendo considerarse desestimadas, por silencio administrativo, as solicitudes non resoltas e comunicadas no dito prazo.

3. O beneficiario será notificado da axuda concedida, así como das condicións e compromisos dela que deberán ser aceptados mediante suscrición dun contrato entre a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e o beneficiario, no prazo de 30 días hábiles, contado desde a comunicación da resolución de concesión. De non facelo así, teráselle por desistido da solicitude.

4. O beneficiario ademais de presentar unha solicitude inicial de participación no programa da medida, deberá, durante o período do compromiso, presentar cada ano as solicitudes anuais de pagamento que correspondan, conforme os compromisos asumidos.

5. A renuncia en anos posteriores obriga á devolución de tódalas axudas percibidas, incrementadas nos intereses correspondentes ó tempo transcorrido.

6. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Así mesmo, poderase acorda-la modificación da resolución de concesión, por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 12.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 12º.-Seguimento e control do programa.

O seguimento da aplicación do programa efectuarao o técnico competente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica, anotando nun informe as incidencias que se puidesen atopar. O técnico do consello regulador poderá visita-las explotacións en

diferentes épocas do ano, revisando os cadernos de explotación e practicando as oportunas análises coa finalidade de verifica-lo cumprimento das obrigas e compromisos.

Os servicios técnicos dependentes da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria efectuarán os controis que estimen oportunos para garanti-la correcta execución do programa e axeitado cumprimento dos requisitos esixidos, tanto mediante o exame da documentación presentada como mediante controis sobre o terreo, nos termos previstos no Regulamento (CE) 3887/1992, da comisión, do 23 decembro, polo que se establecen normas de aplicación do sistema integrado de xestión e control relativo a determinados réximes de axudas comunitarias.

Non obstante, o Ilgga poderá demanda-la realización daquelas inspeccións e controis adicionais que considere necesarios para comproba-lo cumprimento de calquera requisito esixido na normativa comunitaria, estatal ou autonómica que resulte de aplicación.

Artigo 13º.-Xustificación e aboamento da axuda.

1. A xustificación da execución do programa realizarase anualmente coa presentación do certificado de cumprimento dos compromisos especificados na orde, asinado polo técnico do Craega, antes do 15 de outubro de cada ano.

2. En todo caso, o pagamento anual da axuda estará supeditado ó informe técnico anual, elaborado polos servicios técnicos dependentes da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, da execución do programa e do cumprimento dos compromisos asumidos, así como informe sobre a execución dos controis administrativos e sobre o terreo. O dito informe servirá de base para que o Ilgga efectúe, se é o caso, o pagamento da axuda.

3. Para os efectos previstos no parágrafo anterior, os beneficiarios titulares das explotacións deberán colaborar nas medidas que se adopten para o control e seguimento dos compromisos asumidos. En particular, deberán permiti-lo libre acceso á súa explotación, a toma de mostras e exame de datos ós técnicos da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

4. Se da verificación e control realizados se deduce unha execución non satisfactoria do programa e o incumprimento dos compromisos asumidos, reducirase, parcial ou totalmente, a axuda aprobada a percibir polo solicitante.

Artigo 14º.-Incumprimento, causas de forza maior e reintegros.

1. No caso de incumprimento do previsto nesta orde, rexerá o establecido nos artigos 9 e 10 do Regulamento (CEE) 3887/1992 e as súas modificacións posteriores, sen prexuízo da aplicación da sanción correspondente, logo da instrucción do correspondente expediente, de acordo co disposto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7

de outubro, polo que se aprobou o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. Ante a falsa declaración por neglixencia grave, o beneficiario quedará excluído de todo tipo de medidas de desenvolvemento rural incluídas no capítulo correspondente do Regulamento (CE) 1257/1999 para o ano natural de que se trate. No caso dunha declaración falsa realizada intencionadamente, o beneficiario quedará tamén excluído no ano seguinte. Esta sanción aplicarase sen prexuízo doutras sancións adicionais establecidas polas normas nacionais.

3. Se durante o período do compromiso establecido como condición para a concesión da axuda, o beneficiario transfire total ou parcialmente a súa explotación a outra persoa, esta poderá asumi-lo compromiso durante o período restante. No caso contrario, o beneficiario estará obrigado a reintegra-las axudas percibidas máis os xuros correspondentes desde o tempo transcorrido entre o pagamento e o reintegro polo beneficiario. Non obstante, non se requirirá o reintegro das axudas percibidas no caso de cesamento definitivo da actividade agraria dun beneficiario que cumprise tres anos do compromiso e a asunción do compromiso polo sucesor non fose factible, segundo o artigo 29 do Regulamento (CE) 1750/1999.

4. No caso de que o beneficiario non poida seguir asumindo os compromisos subscritos debido a que a súa explotación é obxecto dunha operación de concentración parcelaria ou de calquera outra intervención pública semellante de ordenación territorial, adaptaranse os compromisos á nova situación da explotación. Se a dita adaptación é imposible, o compromiso darase por finalizado sen que se esixa reembolso ningún polo período de compromiso efectivo.

5. Forza maior. Nos casos de forza maior que impidan continuar cos compromisos subscritos, non se esixirá reintegro ningún polo período do compromiso efectivo. Serán causas de forza maior as seguintes:

a) Falecemento do beneficiario.

b) Incapacidade profesional de longa duración do beneficiario.

c) Expropiación dunha parte importante da explotación, se esta expropiación non era previsible no día no que suscribiu o compromiso.

d) Catástrofe natural grave que afecte seriamente a superficie agrícola acollida á axuda e que impida continuar co cultivo obxecto da axuda.

e) A destrucción accidental dos edificios destinados á gandería ecolóxica.

f) Aparición dunha epizootia que afecte a todo ou parte do gando do beneficiario ou de pragas ou enfermidades de corentena que impliquen medidas de erradicación ou control baixo supervisión da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria.

A notificación dos casos de forza maior e as probas relativas a eles deberanse comunicar por escrito á Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, nun prazo máximo de dez días hábiles a partir do momento no que o productor estea en condicións de facelo.

6. Reintegros. Existirá obriga de reintegro total ou parcial da subvención no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión. No caso de pagamentos indebidos, o beneficiario quedará obrigado a reembolsa-lo importe indebidamente percibido xunto cos correspondentes xuros, de se-lo caso.

Artigo 15º.-Presentación fóra de prazo da solicitude anual de axuda.

1. A presentación fóra de prazo da solicitude anual de axuda, salvo nos supostos de forza maior que se recollen no punto 5 do artigo 13º desta orde, dará lugar, conforme o que se establece no Regulamento (CEE) 3887/1992 a unha reducción do 1% por día hábil dos importes das axudas comprendidas na petición, ás que o beneficiario tería dereito no caso de telas presentado ó seu debido tempo.

2. No caso dun atraso superior ós 25 días, a petición considérase como non presentada e non pode dar lugar a concesión de ningunha axuda.

3. No caso de non presentación de solicitude de renovación nun ano e se durante ese período se seguiron cumprindo os compromisos, condicionado á súa verificación, o titular non percibirá as axudas para ese ano, pero manterase o compromiso, non solicitándose, polo tanto, a devolución das cantidades percibidas nos anos anteriores.

Artigo 16º.-Financiamento da axuda.

1. A Decisión 2000/3549, da comisión, do 24 de novembro, establece o marco financeiro polo que se rexen estas actuacións, fixando o financiamento do FEOGA-Garantía no 75% para Galicia, como zona obxectivo 1. O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Xunta de Galicia financiarán o 25% restante.

2. As axudas concedidas con cargo a esta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.60.712-A.773.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, dotado con 10.000.000 millóns de pesetas para esta finalidade, podéndose utilizar outros remanentes da aplicación se fose necesario.

3. O aboamento da axuda poderá condicionarse á recepción pola Administración autonómica da transferencia correspondente ás participacións do MAPA e do FEOGA-Garantía no seu financiamento.

Artigo 17º.-Control interno.

En todo o que atinxe á execución deste programa, os órganos xestores e os beneficiarios nela recollidos nos artigos precedentes quedarán sometidos á actividade de auditoría interna do Servicio de Auditoría Interna do Ilgga, ó actuar este como organismo pagador dos fondos FEOGA-Garantía.

O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles sexa requirida por calquera órgano comunitario de inspección e control.

Disposición adicional

Única.-As resolucións que en aplicación desta orde dicte o director do Ilgga non esgotarán a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso de alzada ante o presidente do Ilgga, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 107, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Ilgga para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria

ANEXO I

BOAS PRÁCTICAS AGRARIAS HABITUAIS

As boas prácticas agrarias habituais que deben respectarse son as seguintes:

1. Conservación do solo como recurso natural básico e loita contra a erosión:

a) Laboreo:

O laboreo dos solos galegos é unha das prácticas máis problemáticas desde o punto de vista agroambiental e precisa, máis que ningunha outra, que se establezan normas para que non supoña un prexuízo máis que un beneficio para os ecosistemas. A mecanización do campo e a aparición de máquinas cada vez máis grandes e potentes orixinaron, en moitos casos, graves problemas de erosión e perda da fertilidade dos solos paliados con frecuencia polo incremento doutros inputs: fertilizantes, sementes, etc.

Por tal motivo, o control da erosión e das perdas de textura e estructura dos solos será o principal empeño que se acometa coas medidas agroambientais:

1º Son habituais todo tipo de labores en canto a profundidade, apeiros ou momento de realización. Isto dependerá da profundidade dos solos, a súa textura e estructura. O agricultor sempre é consciente desta circunstancia e non utiliza instrumentos

de labranza nin tipo de labores que vaian en detrimento das produccións esperadas. Por outra banda, é difícil establecer unha norma diferenciada que sexa válida, non só para o conxunto de Galicia, senón para unha rexión ou, incluso, para unha comarca ou a mesma explotación.

2º Prohibición do laboreo convencional a favor de pendente. Nun país como Galicia, onde o elevado índice pluviométrico podería constituír un risco de erosión establécese como boa práctica agrícola de maneira obrigatoria para tódalas parcelas agrícolas que se acollan ás medidas agroambientais.

Quedan excluídas desta norma as parcelas cunha lonxitude inferior a 200 m e unha anchura inferior a 25 m. Tamén quedan excluídos os labores realizados para a implantación dunha pradería de longa duración.

b) Alternativas e rotacións:

Consideraranse habituais todo tipo de alternativas conforme a criterios sostibles.

2. Para optimiza-la utilización da enerxía na maquinaria agrícola:

Pasaranse as inspeccións prescritas nas correspondentes estacións de Inspección Técnica de Vehículos Agrícolas, conforme a normativa vixente, co obxecto de garanti-la seguridade vial, previr riscos laborais e asegura-lo uso eficiente de combustibles fósiles.

3. Para a utilización eficiente da auga:

Regas:

a) Independentemente da eficiencia do sistema de rega implantado, este deberá estar sometido a un mantemento que evite as perdas de auga. Para tal efecto, controlarase o mal estado da rede de rega interna da explotación, procedendo á reparación das canles que presenten perdas de auga, substituíndo as pezas defectuosas dos sistemas de aspiración, impulsión e distribución que poidan conducir a perdas directas de auga ou a unha mala eficiencia do sistema de rega.

4. Para conserva-la diversidade biolóxica:

a) Material vexetal:

Os beneficiarios de axudas agroambientais agrícolas deberán xustificar que se cumpriron tódolos requisitos esixidos pola normativa vixente sobre a producción, comercialización e utilización de sementes e plantas de viveiro.

b) Hábitos de recolección e post-recolección para datos de mantemento:

1º A conservación dos niños de especies protexidas de difícil localización será unha boa práctica para cumprir por tódolos solicitantes de axudas agroambientais. En tódolos casos, deberanse toma-las medidas adecuadas para evitar danos nas tarefas de recolección. Calquera sanción firme da autoridade administrativa competente relacionada

con estes feitos dará lugar á denuncia do compromiso agroambiental.

2º Queda prohibida a queima de restos da colleita.

No caso de que sexa aconsellable proceder á súa queima por motivos sanitarios ou fitopatolóxicos, o beneficiario deberá dispor do correspondente informe do Servicio de Sanidade Vexetal da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria indicando os motivos polos que xustifica a queima, así como a autorización do servicio competente da Consellería de Medio Ambiente que exprese as medidas de seguridade que se deberán tomar á hora de realiza-la operación, cumpríndoas estrictamente.

5. Para a racionalización do uso de fertilizantes:

a) Fertilizantes minerais:

No primeiro lugar, hai que partir da base de que a contaminación por un mal uso e un abuso de fertilizantes, especialmente os nitroxenados, non representa un problema agroambiental na maior parte do territorio galego e polo tanto do territorio que abrangue o programa. En efecto, na maior parte dos secaños galegos, os niveis de achega de fertilizantes nitroxenados son, por regra xeral, moi baixos.

En todo caso, ó non ser estas zonas vulnerables a nitratos, conforme se fixa na Directiva CEE 679/1991, non é necesario nin conveniente establecer niveis máximos de fertilización nitroxenada, que sempre estarían moi por encima das achegas habituais.

b) Estercos e xurros:

b.1. Non aplicar sobre terreos encharcados, xeados, con neve ou con fortes choivas.

b.2. Aplicalos cando sexan aproveitables polos cultivos: implantación, corte ou aproveitamento sucesivo.

b.3. Evita-lo reparto en terreos con moita pendente e espidos de vexetación.

b.4. Deixar unha marxe de 2 a 6 metros dos leitos de auga sen fertilizar.

b.5. Non excede-las doses que poidan ser absorbidas polos cultivos.

b.6. Mante-lo terreo o máximo tempo posible cunha cuberta vexetal.

6. Para a utilización racional dos productos fitosanitarios:

En todo o referente á aplicación de fitosanitarios existe unha normativa moi extensa en España de obrigado cumprimento en materia de productos autorizados, normas de aplicación, manexo de residuos, etc. Esta normativa establece as sancións en caso de incumprimento e fixa os medios para acada-los obxectivos que propón:

No uso de fitosanitarios e herbicidas, dentro das marxes establecidas pola normativa, deberán res

pectarse as indicacións dos fabricantes, así como utilizar productos autorizados, retirando os residuos unha vez realizada a aplicación correspondente.

A xestión de envases farase conforme as normas establecidas pola autoridade competente.

7. Para a reducción da contaminación de orixe agrario.

Os restos derivados dos plásticos usados e outros residuos como os envases de fitosanitarios o zoosanitarios deberán retirarse das parcelas e depositarse en lugares apropiados

8. Outras actuacións.

a) Cultivos rematados:

Non se deberán abandona-los cultivos unha vez esgotada a súa vida útil económica e, en calquera caso, deberán manterse libres de pragas, enfermidades, parasitos susceptibles de ser transmitidos a outras propiedades con riscos de perdas económicas ou agroambientais.

b) Sanidade animal:

As explotacións que se acollan ás actuacións reguladas nesta orde deberán levar un programa sanitario preventivo, marcado por un técnico competente, especialmente en todo o relacionado co control de parasitos, externos e internos e as enfermidades de declaración obrigatoria.

Non poderán percibir axudas agroambientais ou de indemnización compensatoria as explotacións que non cumpran co establecido en materia de campañas oficiais de saneamento gandeiro de carácter obrigatorio.

c) Carga gandeira:

A carga gandeira das superficies forraxeiras da explotación non poderá supera-los límites de 2 UGM/ha ano.

9. Normas mínimas ambientais:

En calquera caso, ademais de aplica-las boas prácticas agrícolas habituais anteriormente expostas, os beneficiarios deberán respecta-la lexislación ambiental ó respecto, contida na seguinte normativa:

a) Lei 4/1989, modificada polas leis 40/1990 e 41/1997, de conservación de espacios naturais, da flora e fauna silvestre.

b) Real decreto 1997/1995, polo que se establecen medidas para contribuír a garanti-la biodiversidade mediante a conservación de hábitats naturais e da flora e fauna (Directiva 92/43/CE).

c) Real decreto 261/1996, sobre protección contra a contaminación por nitratos procedentes de fontes agrarias (Directiva 91/679/CE).

d) Lei 10/1998, sobre residuos.

e) Lei 29/1985, de augas.

ANEXO V

CADERNO DE EXPLOTACIÓN DE AGRICULTURA ECOLÓXICA

Identificación do titular da explotación.

1. Nome e apelidos. CEA.

2. Enderezo da explotación (lugar, concello, provincia).

3. Nº inscrición no CRAE.

4. Data de inscrición.

5. Período de reconversión.

Descrición da explotación.

1. Parcela/s: datos catastrais (superficie, nº parcela, polígono, concello).

2. Resultados da análise inicial da fertilidade do solo e contido en residuos.

3. Tipo de cultivo (especie, variedade) .

4. Marco de semente ou de plantación.

Realización do cultivo.

Neste epígrafe indicarase para cada parcela da explotación o seguinte:

1. Tipo de labor (nome, data, cantidade) .

2. Fertilización (orixe, data, doses, tipo e descrición do producto).

3. Control fitosanitario (praga ou enfermidade e tratamento). No tratamento (data, tipo de producto fitosanitario, microorganismo ou substancia, doses, método).

4. Recolección (data, cantidade).

5. Datos de análises posteriores.

ANEXO VI

CONTIDO DO PLAN DE CULTIVO DA AGRICULTURA ECOLÓXICA

1. Descrición completa da unidade de producción: datos catastrais da parcela/s do cultivo en agricultura ecolóxica, outros cultivos existentes na parcela e usos das parcelas adxacentes ás parcela/s en agricultura ecolóxica, indicando se existe perigo de contaminación polas parcelas veciñas. Descrición dos medios de producción (maquinaria, apeiros, man de obra, productos de fertilización, tratamentos...).

2. Tipo de cultivo en agricultura ecolóxica; (especie e variedade, ciclo) .

3. Memoria sobre o proceso de conversión.

4. Determina-las medidas correctoras para o cumprimento do Regulamento 2092/1991.

5. Calendario de cultivo: datas de semente ou de plantación, densidade de semente ou de plantación, labores agrícolas (datas, doses, método), datas de colleita.

6. Plan de rotación de cultivos. Indica-la relación dos cultivos que se van implantar (datas de semente

ou transplante, especie ou variedade, superficie, data de colleita).

7. Fertilidade do solo, tipos e cantidade de fertilizantes que se van empregar e empregados nos dous derradeiros anos e no período transcorrido deste ano. (Incluídos fertilizantes verdes, foliares e subministrados en auga de rega).

8. Productos e métodos previstos para o control de pragas, enfermidades e malas herbas.

9. Medios a través dos cales pretende comercializa-los seus productos.

ANEXO VII

CONTIDO DO CADERNO DE EXPLOTACIÓN DE GANDERÍA ECOLÓXICA

Identificación do titular da explotación.

1. Nome e apelidos. CEA.

2. Enderezo da explotación (lugar, concello, provincia) .

3. Nº inscrición no CRAE.

4. Data de inscrición.

Das parcelas agrícolas:

1. Identificación catastral das parcelas con indicación do tipo de cultivo.

2. Período de conversión.

3. Prácticas agrarias cotiás: datas e descrición.

4. Datas de aplicación de fertilizantes ou acondicionadores do solo. Con descrición detallada do producto utilizado e condicións de uso.

5. Tratamento fitosanitario, xustificación técnica, con indicación do período de supresión.

Dos animais:

1. Entradas de animais, orixe e data de chegada.

2. Período de conversión.

3. Marca de identificación e historial veterinario.

4. Saídas de animais: idade, número, peso no caso de sacrificio, marca de identificación e destino.

5. Baixas de animais e a súa xustificación.

6. Tipo de alimentos, incluíndo os complementos alimenticios, a proporción dos distintos compoñentes da ración, os períodos de acceso ós currais e de trashumancia no caso de existiren restriccións na materia.

7. Profilaxe e coidados veterinarios: datas de tratamentos, diagnóstico, natureza do producto utilizado no tratamento, modalidades de tratamento, receitas do facultativo para os coidados veterinarios, coa xustificación do tempo de espera imposto antes da comercialización dos productos animais. Este apartado poderá ser substituído polo libro de rexistro de tratamentos.

8. Operacións zootécnicas (limpeza, desinfección, manexo dos animais, reproducción, etc.): tipo de operación, data de realización e xustificación dela nos casos de prácticas non permitidas pero previstas nos regulamentos unha vez autorizada pola autoridade ou o organismo de control.

ANEXO VIII

CONTIDO DO PLAN DE EXPLOTACIÓN GANDERÍA ECOLÓXICA

1. Actuacións que se propón levar a cabo. Forma e prazos de execución.

2. Memoria sobre o proceso de conversión.

3. Determinación das medidas correctoras que deban tomarse a nivel da unidade de cría para asegura-lo cumprimento dos regulamentos 2092/1991 e 1804/1999.

4. Descrición dos elementos e estructuras da explotación:

a) Instalacións gandeiras, superficies adicadas á producción vexetal, zonas de exercicio ó aire libre, espacios abertos, etc. Se é o caso, dos locais de almacenamento, transformación e empaquetado dos animais, os productos animais, as materias primas e os insumos.

b) Especie, número e identificación individual dos animais de producción.

c) Maquinaria e apeiros de traballo.

d) Relación de insumos e procedencia deles.

e) Procedencia da auga de rega e de bebida.

f) Instalacións de almacenamento de esterco que haberán de ser estancos e evita-los lixiviados.

5. Plan de esparexemento do esterco, aprobado por un organismo ou autoridade de inspección. E, se é o caso, as disposicións contractuais establecidas con outros agricultores para o seu esparexemento.

6. Xestión e utilización de residuos agrarios como fertilizantes agrícolas.

7. Datas das aplicacións nas parcelas nos últimos tres anos de fertilizantes e de productos fitosanitarios.

8. Plan de xestión da unidade de cría animal ecolóxica: xestión da alimentación, reproducción, profilaxe, tratamentos veterinarios, producción, etc.