Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Venres, 21 de setembro de 2001 Páx. 12.572

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 12 de setembro de 2001 pola que se regula a concesión de subvencións ós concellos de Galicia para a normalización da lingua galega.

A Lei 5/1988, do 21 de xuño, de uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais, ten como obxectivos de normalización lingüística no ámbito da Administración Local os mencionados nos artigos seguintes:

Artigo 1º: «As convocatorias de sesións, ordes do día, votos particulares, propostas de acordo, dictames das comisións informativas e actas das entidades locais de Galicia redactaranse en lingua galega».

Artigo 2º.1: «Correspóndelle á Xunta de Galicia o impulso do proceso de incorporación da lingua galega na Administración local, moi especialmente a través de programas de formación de funcionarios en lingua galega»; e no punto 2º.2: «Sen prexuízo do anterior, a Xunta de Galicia adoptará as medidas oportunas para que nos concursos de acceso de funcionarios á Administración local se garanta o coñecemento da lingua galega».

Por outra banda, a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, nos seus puntos 1º e 3º do artigo 7 dispón, respectivamente: «O galego, como lingua propia de Galicia, éo tamén da súa Administración local.

As convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, dictames das comisións informativas, actas, notificacións, recursos, escrituras públicas, comparecencias xudiciais e tódolos actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactaranse en lingua galega».

«A Xunta de Galicia impulsará o proceso de incorporación da lingua galega na Administración local, especialmente a través de programas de formación de funcionarios das entidades locais en lingua galega».

Co fin de acadar estes obxectivos a Xunta de Galicia elaborou un plan integral de estudios dedicado ós funcionarios que presten os seus servicios nas corporacións locais galegas, do que forman parte os cursos básico, medio e superior, obténdose, ó remate destes, o título de traductor oficial de linguaxe administrativa galega, título que habilita, ós que o obteñan, para encargarse da traducción da documentación á que se refire o artigo 1 da Lei 5/1988, do 21 de xuño.

Os funcionarios que se formen nos devanditos cursos serán a base duns gabinetes de traducción ó idioma galego que deberán estar implantados en tódolos municipios de Galicia co fin de cumpri-los mandatos contidos nas Leis 5/1988, do 21 de xuño, e 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

Proseguindo coa liña, desta consellería, de cooperación coas corporacións locais e coa finalidade de impulsa-la normalización lingüística na Administración local, conforme o Decreto 161/2000, do 29 de xuño,

polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais convoca axudas destinadas a sufraga-los custos de contratación de persoal polos concellos, para a realización das funcións de traducción ó galego dos documentos ós que se refire o artigo 1 da Lei 5/1988, do 21 de xuño.

Artigo 2º

As axudas ás que se refire o artigo anterior faranse efectivas, no seu día, con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.760.0, Programa 353.E, dos vixentes orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega, ata un límite de trinta e oito millóns de pesetas (38.000.000 de pesetas).

Artigo 3º

As subvencións serán solicitadas polo alcalde de cada concello, utilizando o modelo que figura como anexo I desta orde, e concederanse para as modalidades que a continuación se relacionan:

1. Mantemento dos servicios municipais de normalización lingüística xa existentes.

2. Creación de novos servicios municipais de normalización lingüística, debidamente xustificados e sempre que exista crédito suficiente.

3. Organización de campañas co obxecto de logra-la normalización lingüística no concello.

Artigo 4º

Os servicios municipais de normalización lingüística contarán, polo menos, cun especialista titulado en lingua galega (licenciado en filoloxía galego-portuguesa, en filoloxía galega ou mestre co diploma de especialista en lingua galega).

Artigo 5º

Os gabinetes municipais de normalización lingüística deberán cumpri-las seguintes misións:

a) Velar por que sexa aplicada a Lei de normalización lingüística de Galicia, no ámbito de actuación do concello correspondente, así como a Lei do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais. As accións máis importantes serán: confección en galego das actas, edictos, convocatorias de sesións, ordes do día, dictames das comisións informativas, mocións e traduccións de tódolos impresos oficiais en lingua galega.

b) Ofrecerlle ó público asesoramento lingüístico para a corrección de textos galegos e para a súa traducción, se fose posible.

c) Impulsa-la normalización do galego nos diferentes ámbitos da vida pública.

Artigo 6º

Xunto coa solicitude remitirase a seguinte documentación.

a) Breve memoria descritiva da modalidade para a que se solicita a subvención, na que consten tódolos datos referidos a ela.

b) Orzamento de gastos, total e desagregado por capítulos, para a realización da actividade para a que se solicita a axuda.

c) Transcrición certificada do acordo municipal, en pleno ou comisión de goberno, da solicitude de subvención.

d) Certificación bancaria (orixinal) da conta corrente na que desexen que se lles ingrese o importe da subvención.

e) Nome e titulación, cando proceda, do/os especialista/s en lingua galega que a corporación local vaia contratar para o servicio de normalización lingüística.

f) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia).

Artigo 7º

1. O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera outro dos medios ós que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O defecto na solicitude seralles notificado ós interesados e daráselles un prazo de dez días para que emenden erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas de conformidade co disposto na devandita Lei 30/1992, trala súa modificación pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 8º

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Administración Local, e o director xeral elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá no prazo máximo dun mes.

Artigo 9º

Os beneficiarios da subvención, unha vez concedida esta, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos ó obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Administración Local poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

Artigo 10º

Para recibi-la subvención, os concellos seleccionados deberán remitir, por triplicado, á Dirección Xeral de Administración Local (Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais), antes do día 30 de novembro de 2001, os seguintes xustificantes dos gastos realizados:

1º No caso de que a subvención se concedese para o mantemento dos servicios de normalización lingüística xa existentes ou para a creación de novos servicios municipais de normalización lingüística:

a) Copia compulsada do contrato vixente que o concello formalice co/os especialista/as.

b) Certificación expedida polo interventor ou secretario xeral do concello, do pagamento das retribucións especificadas no contrato sinalado, incluídos os gastos de Seguridade Social.

c) No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia).

2º No caso de que a subvención se concedera para a organización de campañas co obxecto de logra-la normalización lingüística no concello:

a) Facturas orixinais do gasto realizado ou copias compulsadas, acompañadas de certificación expedida polo secretario xeral da corporación relativa ó acordo da súa aprobación.

b) No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia).

Artigo 11º

1. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de tres meses contados desde a publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

2. Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais no prazo dun mes contado a partir do seguinte ó da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Administración Local para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde, rexerá o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro,

polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2001.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais