Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Xoves, 20 de setembro de 2001 Páx. 12.532

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 27 de agosto de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se publica a declaración de impacto ambiental do 17 de agosto de 2001 do proxecto de clausura, selaxe e acondicionamento do vertedoiro de RSU do concello de Melide, promovido polo Concello de Melide e pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental.

Antecedentes

A Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, estipula que os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización de obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II, deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental cando así o decida o órgano ambiental en cada caso.

Á vista das características do proxecto, e con data do 18 de xuño de 2001, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cualificou o proxecto como sometido a avaliación de impacto ambiental.

O proxecto ten como obxecto a clausura e selaxe do vertedoiro de RSU de Melide, sito no lugar de Moldes, entre o Monte de Liboreiro e o río Furelos, ocupando o lugar dunha antiga canteira, no concello de Melide.

O vertedoiro atópase a uns 600 metros do ámbito do espacio natural denominado Serra do Careón, declarado provisionalmente como espacio natural en réxime de protección xeral e proposto para a súa inclusión na Rede Natura 2000, en virtude da Orde do 28 de outubro de 1999 (DOG nº 216, do 9 de novembro), prorrogada pola Orde do 7 de novembro de 2000.

No vertedoiro atópanse principalmente residuos urbanos incinerados subterráneos. O volume destes residuos no momento da redacción do proxecto estímase nuns 24.000 m. O río Furelos atópase a uns 80 metros da instalación do vertedoiro.

Proxéctase a adecuación da masa de residuos para garantir unhas condicións óptimas de estabilidade e proceder posteriormente a illa-los residuos acumulados, controlar e xestiona-los gases xerados, con

trola-las augas superficiais como medida de reducción de lixiviados, captar, controlar e xestiona-los lixiviados producidos, e recupera-la calidade paisaxística da zona ocupada polo vertedoiro.

Na rexeneración proponse realizar unha sementeira de herbáceas e arbustivas e hidrosementeira de noiros coas seguintes especies: Lolium perenne (xoio), Festuca rubra (festuca encarnada), Agrostis melidesi (agrosta), Dactylis glomerata (dáctilo), Trifolium pratense e Trifolium repens (trevo), Cytisus scoparius e Cytisus multiflorus (xestas), Crataegus monogyna (estripo). Ademais, plantaranse unidades de Betula celtiberica (bidueiro), de Pinus pinaster (piñeiro) e Populus alba (choupo branco).

No anexo I resúmese a situación actual e a prevista trala execución do proxecto, ademais das medidas preventivas e correctoras recollidas no estudio ambiental presentado.

O estudio ambiental do proxecto de clausura, selaxe e acondicionamento do vertedoiro de Melide someteuse ó trámite de información pública, polo prazo de 30 días, mediante Resolución do 19 de xuño de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 131, do 6 de xullo. O certificado de exposición pública na Delegación da Consellería de Medio Ambiente na Coruña recíbese con data do 14 de agosto de 2001, non tendo constancia da presentación de alegacións.

Con data do 19 de xuño de 2001 consúltase a Dirección Xeral de Saúde Pública e o organismo Augas de Galicia. Non tendo constancia da emisión destes informes no prazo legalmente establecido, e á vista do tempo transcorrido, cómpre prosegui-la tramitación de conformidade co artigo 83 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula para os únicos efectos ambientais a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto de clausura, selaxe e acondicionamento do vertedoiro de RSU do municipio de Melide, promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e o concello de Melide.

O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No cumprimento das condicións desta DIA terase en conta que, segundo o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o concello de Melide, a obriga de asumi-lo mantemento e conservación das obras unha vez recibidas será do concello de Melide. Durante a fase de obras, esta obriga recaerá na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental

Examinado o documento de proxecto de clausura, selaxe e acondicionamento do vertedoiro de RSU do municipio de Melide. Xuño 2001, e tendo en conta o carácter de corrección ambiental das obras, considérase a necesidade de realiza-lo proxecto.

Sen embargo, coa finalidade de optimizar estas medidas e co obxecto de minimiza-las posibles afeccións ambientais negativas, deberanse aplicar, ademais das medidas que se propoñen no proxecto, as recollidas nesta declaración de impacto ambiental, todo isto para cumprir co disposto na Lei 10/1997, de residuos sólidos urbanos de Galicia.

No caso de que exista contradicción entre o establecido na documentación avaliada e esta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Condicionado

1. Ámbito da declaración.

Esta declaración de impacto ambiental refírese en exclusiva ó proxecto de clausura e selaxe do vertedoiro de Melide.

2. Sobre o nivel sonoro ambiental.

Observarase ó disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (DOG do 20 de agosto), así como o estipulado, se é o caso, pola ordenanza municipal ó respecto.

3. Sobre a calidade do aire.

A maquinaria utilizada na obra cumprirá coa normativa de emisións de aplicación, debendo dispor de documentación acreditativa ó respecto.

Durante a adecuación da masa de residuos consideraranse as condicións meteorolóxicas, evitando a remoción de residuos en presencia de vento, alta temperatura ou elevada pluviosidade.

Así mesmo, na escavación de residuos procederase á súa aireación, co obxecto de evitar explosións.

Trala finalización das obras vixiarase que as emisións nos pozos de extracción non sexan percibidas de forma habitual polas poboacións do contorno, e, se é o caso, recollerase este gas e procederase a queimalo.

4. Sobre as augas.

Dado que o río Furelos se atopa a uns 80 metros do vertedoiro, para calquera afección no dominio público hidráulico, zona de servidume e policía de leitos, consecuencia da realización do proxecto, así como para a vertedura de efluentes, será preceptiva a autorización administrativa outorgada polo organismo Augas de Galicia.

Efectuaranse as regas previstas para evita-la emisión de po de xeito que se humecte o solo, pero evitarase que se formen anegamentos e regatos.

Terase en conta, na execución dos movementos de terras e residuos, que non se impida o libre fluxo de auga, evitando a formación de anegamentos ou doutras formas que dificulten a súa circulación.

Na fase postclausura, os lixiviados recollidos na balsa serán conducidos ata unha estación depuradora de augas residuais segundo o proxectado. Os lixiviados acumulados na balsa durante o mantemento posterior á clausura retiraranse cando se acade, como máximo, as 3/4 partes da súa capacidade.

Garantirase o adecuado tratamento das augas residuais xeradas nos servicios hixiénicos.

As augas de escorrega superficial conduciranse a través das canles de intercepción proxectadas, incorporándose ó medio sen producir fenómenos erosivos mediante a colocación, se é o caso, de elementos disipadores de enerxía nos puntos de vertedura. Así mesmo, nestes puntos débense impedi-los fenómenos de asolagamento ou deposición.

Realizaranse periodicamente labores de mantemento, co fin de asegura-lo correcto funcionamento dos sistemas de drenaxe de augas pluviais e de lixiviados.

As reparacións e os cambios de aceite da maquinaria móbil realizaranse en talleres autorizados, tal como se especifica no proxecto.

5. Sobre o solo.

De maneira previa ó comezo efectivo das obras, procederase a delimita-lo terreo afectado por estas, de maneira que se minimice a afección do proxecto sobre o territorio e restrinxíndose o movemento da maquinaria ás zonas destinadas para o efecto.

Os materiais sobrantes de escavacións, os residuos da obra e calquera outro elemento contaminante xestionaranse de acordo coa súa natureza e coa lexislación vixente. Os residuos almacenados temporalmente á espera da súa entrega a xestor autorizado deberán poñerse en contedores localizados nun lugar debidamente sinalizado.

Queda expresamente prohibido depositar calquera tipo de residuo fóra da superficie delimitada para o vertedoiro.

Os materiais precisos para a adecuación e selaxe do vertedoiro deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada.

6. Sobre a restauración.

Ata asegura-la viabilidade da sementeira e da plantación procederase á rega regular e á fertilización mineral de reforzo anual, e á resementeira das superficies nas que se aprecie a presencia de calvas e á reposición de marras no caso de que se produzan.

As especies que se van utilizar na revexetación deben ser autóctonas da zona.

7. Sobre a protección e control de accesos.

Adoptaranse as medidas precisas para evita-la aparición de focos de vertedura, tanto na fase de adecuación e selaxe como na fase postclausura.

O peche perimetral deberá asegura-la súa función en todo momento.

8. Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo, o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Así mesmo, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Este programa ten como obxectivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Tódolos controis realizados no seguimento, así como tódalas incidencias que se produzan, rexistraranse no momento da súa avaliación nun libro-rexistro que estará á disposición da Administración competente. Estes rexistros deberán considerarse na elaboración dos informes que se vai remitir a esta dirección xeral.

As analíticas que se van realizar serán efectuadas por laboratorio homologado segundo métodos oficiais de análise. Este laboratorio deberá realizar, así mesmo, a toma de mostras.

A documentación indicada a continuación deberá presentarse por duplicado perante a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8.1. Informe final de obras.

Presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos, comprendendo, como mínimo, os seguintes elementos:

a) Data de finalización das obras.

b) Plano en planta a escala 1:1.000 dotado de coordenadas UTM, no que se localicen os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras, así como a localización exacta dos dispositivos de control. Este plano irá xunto cunha relación de coordenadas UTM que defina o perímetro da parcela.

c) Reportaxe fotográfica da zona, que reflicta o estado final do lugar. Esta reportaxe irá xunto cun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

d) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados durante a obra que non puidesen ser obxecto de depósito no vertedoiro.

e) Definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, así como memoria das medidas adoptadas para o control de acceso e vertedura. Así mesmo, definirase o responsable do control ambiental requirido no punto 9.2 desta declaración.

8.2. Informe de seguimento ambiental.

Presentarase con periodicidade semestral, contado desde o final das obras e ata que esta dirección

xeral informe da súa finalización. O seu contido será o indicado no punto 10. Programa de Vixilancia Ambiental. Plan de Seguimento e Control do proxecto, debendo incluír, ademais, a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da entrega dos lixiviados a xestor autorizado.

b) Reportaxe fotográfica da superficie selada e revexetada, das zonas nas que quedaron implantados os diversos elementos, do peche perimetral e da eficacia do sistema de disuasión de verteduras. Esta reportaxe irá xunto cun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

Se durante o período de control postclausura se producise unha variación significativa na calidade das augas superficiais ou nos lixiviados, ou un incremento importante na producción destes últimos, deberá notificarse inmediatamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por proposta motivada da entidade encargada do mantemento e control postclausura, ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-la lista dos parámetros que se van controlar, así como a frecuencia dos controis que se van realizar.

9. Condicións adicionais.

9.1. O Concello de Melide poderá solicitar do órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican nesta declaración.

Nesta circunstancia, efectuarase a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada esta declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ó concello o acordo adoptado.

9.2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o antedito concello deberá designar un responsable deste, notificándolle o seu nomeamento á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

9.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá serlle notificado previamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e informará sobre se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

9.4. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, a Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental poderá paralizar cautelarmente a obra ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que sexan corrixidas.

9.5. Esta dirección xeral, por iniciativa propia, poderá dictar en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais a está declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase posterior, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

9.6. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial das condicións impostas nesta DIA poderá ser causa suficiente para proceder a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

9.7. A presente resolución adoptada por esta dirección xeral non exime o promotor de lles solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificala, incluídos, se é o caso, os da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou normas subsidiarias.

9.8. Cumpriranse tódalas disposicións que se dicten con posterioridade en relación con este tipo de actividades.

ANEXO I

Resumo do proxecto

Localización e descrición do vertedoiro

LocalizaciónLugar de Moldes, concello de Melide

Superficie da parcela4.800 m

Volume de residuos actual24.000 m

Volume de residuos que se van selar24.000 m

Tipos de residuosRSU incinerados

Tipo de vertedoiroRecheo de oco de canteira

Uso do vertedoiro22 anos

Situación actual e situación prevista

coa realización do proxecto

Situación

actual

Proxecto

LixiviadosFondo impermeabilizadoNon, terreo naturalNon, terreo natural

Drens lixiviadosNonSi

Captación de lixiviadosNonBalsa cuberta

TratamentoNon (vertedura directa)Traslado a EDAR

GasesDrensNonSi

CaptaciónNon4 pozos de captación pasiva

TratamentoNonNon

PluviaisFoxos de recolla perimetralNonSi

Situación

actual

Proxecto

Punto de vertidoNonÓ medio

CubertaLámina/capa impermeableNonSi

Terra vexetalNon30 cm

VexetaciónNonSi

EstabilidadeEstabilidadeSiSi

AccesosPosibilidade de accesoSiNon

Vixilancia ambientalPlan de vixilancia ambientalNonSi

Compoñentes do sistema de selaxe

Superficie do vertedoiro

Capa de acondicionamento25 cm de xabre compactado

Capa de impermeabilizaciónLámina mixta xeotéxtil-bentonita-xeotéxtil

Capa de drenaxe20 cm de capa drenante de saburra

Separación entre capasXeotéxtil de 280 g/m

Capa de cobertura70 cm de solo seleccionado e 30 cm de terra vexetal

Resumo das medidas preventivas e correctoras

A maquinaria empregada durante a fase de selaxe deberá cumprir coa lexislación vixente en materia de gases e ruídos de vehículos a motor. No caso de que non se cumpran os límites legais serán inmediatamente substituídas.

Limitarase a velocidade dos camións, evitando as aceleracións e frenadas fortes, o que permitirá reduci-los niveis sonoros producidos pola maquinaria móbil de obra.

Terase especial coidado en que o levantamento de po durante a fase de construcción sexa o menor posible, cinguíndose unicamente ás zonas proxectadas e realizando regas periódicas. Terase precaución de non regar sobre os residuos, para evita-la formación de lixiviados.

As reparacións e os cambios de aceite da maquinaria móbil realizaranse en talleres autorizados.

Os residuos perigosos que se xeren durante a fase de selaxe (aceites, envases empregados con residuos perigosos, etcétera) xestionaranse conforme a lexislación vixente.

Os materiais empregados nos labores de selaxe deberán cumprir tódolos controis de calidade e as especificacións técnicas necesarias.

Realizarase o control das augas superficiais e do sistema de desgasificación.

Inspeccionarase o estado da cuberta vexetal para repoñe-la capa vexetal o efectua-las emendas necesarias.

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2001.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental