Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Xoves, 13 de setembro de 2001 Páx. 12.200

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 3 de setembro de 2001 pola que se convoca un curso de formación para o persoal da Xunta de Galicia.

En execución do Plan de Formación da EGAP para 2001, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase o curso referido no anexo I a esta resolución, que se desenvolverá de conformidade coas seguintes bases:

Primeira.-Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar no curso programado deberá solicitalo coa presentación da instancia e certificación que, como modelos oficiais, se recollen no anexo II e III desta resolución, respectivamente.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección dos aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso neste ano.

3. O prazo de presentación de instancias rematará o día 5 de outubro.

4. As solicitudes, dirixidas ó director da EGAP, presentaranse no rexistro xeral da escola, sita na rúa de Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou en calquera das dependencias recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Acceso ás actividades.

Poderá participa-lo persoal que cumpra os requisitos específicos esixidos no aludido anexo I.

Terceira.-Selección.

1. Os criterios selectivos que se van utilizar serán os sinalados con carácter xeral na resolución da Escola Galega de Administración Pública do 27 de xuño de 1994 (Diario Oficial de Galicia nº 149, do 3 de agosto).

2. A relación de seleccionados para participar no curso previsto publicarase nos taboleiros de anuncios da Escola Galega de Administración Pública e do Centro de Información Administrativa e Atención ó Cidadán e, se é o caso, nas delegacións provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Cuarta.-Certificacións de asistencia.

1. Outorgaráselle-lo correspondente certificado de asistencia ós alumnos que participen con regularidade e dedicación no desenvolvemento do curso. Para os efectos de avalia-los coñecementos adquiridos polos alumnos, a EGAP poderá fixa-la realización das probas que considere oportunas ou requiri-la presentación dun traballo final de prácticas.

2. É obrigatoria a asistencia e puntualidade a tódalas sesións do curso. Toda inasistencia deberá ser xustificada debidamente polo interesado. A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, a máis do 15% das horas lectivas programadas, impedirá a expedición da certificación anteriormente referida e dará lugar á baixa no curso coa perda de tódolos dereitos.

3. Para coñecemento e constancia no seu expediente, os participantes no curso deberán facilitar copia das certificacións recibidas ós servicios de persoal do centro directivo ó que estean adscritos.

Quinta.-Modificacións.

1. A EGAP poderá modifica-lo desenvolvemento e mailo contido do curso anunciado co fin de adaptalos ás necesidades da Administración, así como ás distintas continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de instancias recibidas sexa inferior ó 50% das prazas convocadas,

a EGAP reserva para si o dereito de suspende-la realización do curso, utilizando para o efecto os medios de notificación ós interesados previstos na normativa vixente.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2001.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

O dereito sancionador desde a perspectiva xurisdiccional.

1. Obxectivos.

Profundar nos coñecementos sobre o dereito administrativo sancionador a través do estudio da doutrina xurisprudencial do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo, así como da fixación de criterios que poidan resultar desta, e do exame das resolucións xudiciais de interese, con especial fincapé nas dictadas por órganos xurisdiccionais con sede nesta Comunidade Autónoma, para a súa aplicación á tramitación e consideración nas resolucións dos expedientes administrativos sancionadores.

2. Destinatarios.

Funcionarios dos grupos A e B e persoal laboral dos grupos I e II da Xunta de Galicia, que sexan licenciados en dereito, preferentemente con destino nos servicios técnico-xurídicos e unidades encargadas da tramitación de expedientes sancionadores.

3. Desenvolvemento.

3.1. Duración: 21 horas.

3.2. Lugares e datas: EGAP, os días 19, 20, 21, 22, 26, 27 e 28 de novembro.

3.3. Horarios: das 17 ás 20 horas.

3.4. Prazas: 30.

4. Contido.

Teoría xeral do dereito sancionador. O principio de legalidade. A irretroactividade. O principio de tipicidade. A culpabilidade-responsabilidade no dereito administrativo sancionador. O principio de proporcionalidade e a motivación das resolucións. A caducidade e a prescrición. O aspecto substantivo do non bis in idem. O non bis in idem desde unha dinámica procesual. A proba. As actas de inspección. O dereito de defensa e a ser informado da acusación. Medidas cautelares. Executividade. Sancións administrativas e medidas reparatorias. As infraccións en materia social.

ANEXO III

D..., secretario xeral/secretario provincial/responsable dos servicios de persoal na consellería/delegación provincial de...

Certifico:

Que Don/a..., no desempeño do seu posto de traballo de... realiza tarefas directamente relacionadas co contido do curso (1)...

..., de..., de 2001.

Asdo.:...

(1) Especifique a denominación do curso solicitado.