Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Xoves, 13 de setembro de 2001 Páx. 12.196

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 6 de xullo de 2001, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do texto do convenio colectivo de limpeza de institucións hospitalarias da Seguridade Social da provincia de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo de limpeza de institucións hospitalarias da Seguridade Social da provincia de Ourense (código de convenio 3200395), con entrada nesta delegación provincial o día 26 de xuño de 2001, subscrito con data do 8 de maio de 2001, dunha parte pola Asociación de Empresarios de Limpeza de Institucións Sanitarias do Sergas en Ourense, en representación da parte empresarial, e doutra, polas centrais sindicais Confederación Intersindical Galega e Comisións Obreiras, en representación dos traballadores.

Esta delegación provincial, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo e demais normas aplicables de dereito común,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Ourense, 6 de xullo de 2001.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo de limpeza de institucións

hospitalarias da Seguridade Social da provincia

de Ourense

Artigo 1º

O presente convenio colectivo afecta ás empresas dedicadas á limpeza de institucións hospitalarias pechadas da Seguridade Social en Ourense e no ámbito de aplicación deste convenio, a tódolos traballadores dependentes destas empresas que presten os seus servicios nas institucións hospitalarias pechadas da Seguridade Social da provincia de Ourense.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

O presente convenio empezará a rexer desde a súa publicación no BOP de Ourense; non obstante, para os seus efectos económicos será desde o 1 de xaneiro de 2001 e rematará o 31 de decembro de 2001. Ó remate da vixencia do presente convenio colectivo manterán a súa vixencia todas e cada unha das súas cláusulas ata a entrada en vigor do seguinte. O convenio prorrogarase pola tácita de ano en ano, se por calquera das partes non fora denunciado, polo menos, con tres meses de antelación ó remate da súa vixencia. A fórmula de denuncia será mediante comunicación da parte denunciante á outra parte, na que expresará o desexo de denunciar e negociar un novo convenio.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións económicas de calquera índole contidas o presente convenio teñen o carácter de mínimas, polo que os pactos, cláusulas e situacións implantadas polas empresas e que impliquen condicións máis beneficiosas con respecto ó presente convenio, subsistirán para aqueles que as veñen gozando, pero sen que poida incrementarse que sobre as chamadas condicións máis beneficiosas terá que computarse o melloramento económico que supón o presente convenio.

Artigo 4º.-Salario base, complemento de destino. complemento de productividade fixo e complemento específico.

O importe que se aboará por estes conceptos especificarase nos anexos I e II deste convenio. Serán os mesmos que por este concepto cobren os limpadores e os pinches da Seguridade Social durante o ano 2001, e para o resto das categorías aumentarán en proporción correspondente ás táboas salariais de 2000.

As empresas recoñeceranlles ós traballadores as melloras salariais que o Sergas estableza para o seu persoal na categoría de pinche, grupo E, sempre e cando a dita mellora sexa para compensar unha eventual desviación do IPC.

Artigo 5º.-Complemento quenda fixa.

Todos aqueles traballadores/as que estean en quenda fixa, é dicir, en réxime de prestación de servicios que non comporte rotación, percibirán un complemento mensual de 2.799 pesetas.

Artigo 6º.-Antigüidade.

Os traballadores fixos comprendidos no ámbito de aplicación deste convenio gozarán, como complemento persoal de antigüidade, dun aumento periódico por cada tres anos de servicios prestados no mesmo centro de traballo, na contía do 5% do salario base por cada trienio.

Artigo 7º.-Pagas extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio percibirá dúas gratificacións extraordinarias, unha en xullo e outra en Nadal, cada unha delas de 30 días de

salario base máis antigüidade, máis o complemento de destino. As pagas serán aboadas respectivamente antes do 30 de xullo e 24 de decembro e o seu cómputo será semestral.

Artigo 8º.-Gratificación domingos, festivos e nocturnos.

O persoal que preste os seus servicios en domingos, festivos e traballos nocturnos, percibirá a mesma cantidade que por este concepto se lle aboe ó persoal de pinches do Sergas. O complemento de traballo en domingos e festivos será de 3.069 pesetas/día de traballo. Por noites fixas percibiranse 11.115 pesetas durante a primeira e segunda semana e 9.202 pesetas en caso de tratarse da terceira ou cuarta.

Artigo 9º.-De toxicidade, perigosidade e penosidade.

Estas gratificacións aboaranse na contía que en cada momento estableza a lexislación vixente nestas materias.

Artigo 10º.-Xornada de traballo e descansos.

A xornada laboral para 2001 será a mesma do persoal do Sergas. Os traballadores que realicen a súa prestación de servicios no réxime de quenda fixa diurna ou rotatoria simple realizarán unha xornada anual efectiva de 1.624 horas ó ano. Os que realicen a súa prestación de servicios de acordo co réxime de quenda fixa nocturna realizarán unha xornada anual efectiva de 1.430 horas ó ano.

As libranzas a que terán dereito os/as traballadores/as serán as mesmas que goza o persoal do Sergas, que nestes momentos son as seguintes:

-Os correspondentes ó terceiro sábado.

-Descanso quincenal (dous ó mes).

-Os días 9, 10 e 11 de abril.

-Os días 22, 24, 26, 27, 28 e 29 de decembro.

Destes 9 días de descanso, 5 son de libre disposición do traballador, dos cales 3 gozaranse no primeiro semestre e 2 no segundo. Farase a petición por escrito con 10 días de antelación ás datas solicitadas. No caso de acumulación de solicitudes para un mesmo día, de tal maneira que supoña un quebranto na organización do servicio, procederase de común acordo co comité a un sorteo para determina-las persoas que gozarán deses días. Non se poderán acumular a períodos de vacacións de cada traballador.

O persoal contratado desfrutará dun LD por cada 40 días de contrato.

Se durante este ano aumentan os días de libranza do persoal do Sergas, reunirase a comisión paritaria para estudia-la posible aplicación neste convenio.

Se durante a vixencia do presente convenio se producise algún cambio de adxudicatario na prestación do servicio de limpeza dos centros ós que é de aplicación, sera por conta de cada un dos adxudicatarios o aboamento das cantidades correspondentes ós des

cansos quincenal e de terceiro sábado non gozados polos traballadores durante a vixencia das súas respectivas adxudicacións, ou ben o goce acumulado destes, sempre que se produza durante a vixencia das adxudicacións baixo as cales estes non foron gozados.

No que ós restantes descansos non gozados fai referencia, será por conta dos adxudicatarios o aboamento ou goce acumulado destes, sempre en estricta proporción ós períodos de vixencia das respectivas contratas, de tal maneira que cada unha delas se faga cargo dos días non descansados en proporción ó tempo de duración da adxudicación.

No suposto de que fosen os domingos ou festivos os non gozados, procederase a actua-los mecanismos de compensación previstos no presente convenio, pero sempre considerando os períodos en que non foron gozados, procedendo entón da forma prescrita no parágrafo primeiro da presente disposición.

Artigo 11º.-Festivos.

O traballador que realice a súa xornada laboral en domingo ou festivo, de mutuo acordo coa empresa, poderá:

a) Gozar en compensación dun día de descanso semanal.

b) Percibi-lo aboamento correspondente segundo a normativa vixente.

c) Acumula-lo descanso ós días de vacacións regulamentarias.

Os días 24 e 31 de decembro cobraranse co complemento de festivos e o 25 de decembro, dous complementos e, a partir de 2002, o 1 e 6 de xaneiro percibiranse dous complementos de festivos.

Artigo 12º.-Horas extraordinarias.

Durante a vixencia deste convenio non se realizarán horas extraordinarias de carácter normal; non obstante, poderán realizarse as horas extraordinarias debidas a forza maior e as de carácter estructural.

Consideraranse horas extraordinarias motivadas pola forza maior, as traballadas e empregadas na reparación de sinistros ou as que realicen para prevelos. E as horas estructurais son as que con carácter extraordinario e esporádico se efectúen no seo dunha empresa para cubri-la realización dun traballo que non foi posible prever nen substituír por contrastacións temporais ou a tempo parcial previstas na lei.

Enviaranselle a Delegación de Traballo, un informe mensual da realización e motivos destas horas e será realizado conxuntamente polo comité de empresa e a dirección e, de se-lo caso, polos delegados/as ou delegado/a de persoal.

O incumprimento do pactado neste artigo, así como o referente ó artigo 35 da Lei 8/1980, do 10 de marzo, e R.D.L. 1985, do 20 de agosto, considerarase falta grave para os efectos do disposto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 13º.-Licencias.

Trala solicitude dos traballadores afectados, concederase licencia retribuída e polo tempo que se indica, nos casos seguintes:

-Polo matrimonio do traballador ou por constituírse en parella de feito: 15 días naturais, antes ou despois, sempre que se inclúa o día do feito.

-Polo matrimonio de fillos: 1 día natural.

-Polo parto da esposa ou convivente: 3 días naturais se é na provincia e 5 días se é fóra dela. Se fora por cesárea, os días por parto poden gozarse ó saír do centro hospitalario.

-En caso de accidente ou hospitalización de parentes de primeiro e segundo grao de consanguinidade ou afinidade: 2 días. Cando o desprazamento sexa fóra da provincia, o prazo será de 4 días.

-Polo falecemento de cónxuxe, convivente ou familiares en primeiro e segundo grao de consanguinidade ou afinidade, é dicir: pais, nais, fillos, avós, netos, irmáns, pais políticos, irmáns políticos, fillos políticos, avós políticos e netos políticos: 3 días naturais se é na provincia e, se é fóra dela, 5 días naturais.

-Polo falecemento de parentes no terceiro grao, é dicir, tíos, tíos políticos, bisavós políticos, bisnetos políticos, sobriños e sobriños políticos: 1 día natural.

-Nos demais casos aterémonos ó disposto na lexislación vixente.

-No caso de asistencia ó médico, o tempo necesario con xustificación e cun máximo de 3 horas. No caso de desprazamento ó especialista terase en conta a distancia e, en consecuencia, o tempo indispensable.

-Por traslado de domicilio: 1 día.

-Por acompañamento a familiares de primeiro grao a probas médicas, debidamente xustificadas: 7 días ó ano.

-Os permisos por nacemento ou enfermidade de familiares poderanse desfrutar dentro dun período de dez días que inclúa a data do feito causante.

Artigo 14º.-Excedencias.

Todo traballador cunha antigüidade de polo menos un ano na empresa, terá dereito a que se lle recoñeza a súa situación de excedencia voluntaria por un período máximo de 5 anos, non perdendo en ningún caso a antigüidade que tiña no momento de solicitala e sendo obrigatorio para a empresa a concesión da excedencia. No caso de excedencia por maternidade será ata 3 anos, con reserva do posto de traballo o primeiro ano.

Artigo 15º.-Cambio de posto de traballo por embarazo.

As mulleres terán dereito a cambiar de posto de traballo, co fin de que en ningún caso estean obrigadas a desempeña-las súas funcións en lugares radioactivos e infecciosos que supoñan perigo para o seu estado.

Artigo 16º.-Roupa de traballo.

Concederáselle a todo o persoal axeitada e regulamentariamente roupa de traballo, funda para o persoal masculino e bata para o persoal feminino cada 6 meses, zapatillas cada 3 meses, guantes cada 20 días e zocos cada nove meses. O persoal terá que devolve-la roupa e utensilios utilizados no momento que se produza a substitución.

Artigo 17º.-Incapacidade laboral transitoria.

O traballador que cause baixa por accidente laboral, non laboral, maternidade ou enfermidade común, percibirá o cento por cento do salario convenio desde o primeiro día da baixa, incluídas as pagas extras.

Artigo 18º.-Extinción do traballo na contrata correspondente.

O persoal de limpeza que realice a súa xornada nun centro de traballo durante un período mínimo de dous meses, no caso do cesamento da contrata, terá dereito a continuar coa nova empresa adxudicataria cos servicios de limpeza do centro. Esta nova empresa adxudicataria terá a obriga de absorber este persoal respectándolle a antigüidade e demais dereitos adquiridos.

Artigo 19º.-Garantías dos cargos sindicais.

Por mor de situacións concretas, como son confección do cadro de horarios, calendario de vacacións, e acordo para a negociación colectiva, o empresario facultará para reunirse nos locais da empresa os traballadores e os seus representantes sindicais durante a xornada de traballo, sen que poida excederse dunha hora en tales casos e de común acordo para a designación do día e hora, sen menoscabo da realización de traballos urxentes que puidesen xurdir.

Artigo 20º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio gozará dun mes natural de vacacións anuais retribuídas.

As vacacións tomaranse entre o 1 de xullo e o 30 de setembro; non obstante, o persoal que desexe toma-las vacacións no resto dos meses do ano e sempre de acordo coa empresa, recibirá unha bolsa extrasalarial de 7.000 pesetas durante o período de vacacións.

Os traballadores que, no momento de goza-las vacacións se atopan de baixa por enfermidade ou accidente terán dereito a gozalas inmediatamente despois de producirse a alta e dentro do ano natural.

Elaborarase un calendario de vacacións en cada empresa de acordo entre a empresa, o traballador e o comité de tal xeito que os traballadores gocen das súas vacacións rotativamente, respectando a lexislación vixente. O persoal da quenda de noite percibirá tamén a gratificación de nocturnidade na retribución de vacacións.

Con carácter xeral, no suposto de IT sobrevida durante o desfrute das vacacións non se suspenderán, considerándose desfrutadas. Cando un pro

ceso de IT teña lugar durante o desfrute de vacacións e dure máis de 15 días, poderase solicitar cambio das datas sinaladas.

Artigo 21º.-Control médico.

Todo o persoal comprendido no presente convenio terá dereito a efectuar unha revisión médica anual.

A revisión será por conta da empresa, farase en horas de traballo e os resultados do recoñecemento médico entregaránselles ós traballadores.

Artigo 22º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento do pactado no presente convenio e, en xeral, para cantas cuestións se deriven da súa aplicación, establécese unha comisión paritaria que estará integrada polos seguintes membros:

Parte económica: Asociación de Empresarios de Limpeza de Institucións Sanitarias do Sergas en Ourense.

Parte social: as centrais sindicais asinantes do presente convenio Confederación Intersindical Galega e Comisións Obreiras.

Artigo 23º.-Xubilacións.

Todo traballador afectado polo presente convenio poderá solicita-la xubilación ós 64 anos ó abeiro do previsto no R.D.L. 15/1981, do 28 de agosto; neste suposto a empresa verase obrigada a contratar outro traballador perceptor de desemprego ou mozo demandante do primeiro emprego a través dun contrato de idéntica natureza.

Artigo 24º.-Contratación.

As empresas adxudicatarias do servicio de limpeza de hospitais non poderán contratar persoal a través das empresas de traballo temporal (ETT) tanto para substitucións de vacacións, IT, etc., ou para calquera posto de traballo (ampliación do cadro de persoal, postos de nova creación, etc.).

Artigo 25º.-Copia básica do contrato.

As empresas entregaranlles ós representantes legais dos traballadores unha copia básica de tódolos contratos de traballo que deban realizarse por escrito, de acordo coa Lei 2/1991, do 7 de xaneiro.

Artigo 26º.-Seguro de accidente.

As empresas subscribirán unha póliza de seguro colectivo en favor de tódolos traballadores que presten os seus servicios nos centros afectados por este convenio, que cubrirá como mínimo as seguintes garantías:

-Morte ou invalidez total: 3.000.000 de pesetas.

-Invalidez absoluta ou gran invalidez: 4.000.000 de pesetas.

As ditas continxencias deberán derivarse de accidente laboral, incluído o accidente in itinere e as

indemnizacións fixadas serán totalmente independentes daquelas que lles correspondan ós traballadores en virtude da lexislación laboral vixente.

Artigo 27º.-Días para asuntos propios.

O traballador, solicitando coa debida antelación, terá dereito a dispor de 10 días de licencia ó ano, non retribuídos pola empresa.

Disposicións xerais

Primeira.-Todo o que non se previu no presente convenio estará disposto na ordenanza laboral de traballo para as empresas dedicadas á limpeza de edificios e locais, aprobada o 15 de febreiro de 1975, así como nas demais disposicións legais vixentes, que ámbalas dúas partes acordan manter como lexislación subsidiaria para o non previsto no Estatuto dos traballadores.

Segunda.-As empresas afectadas por este convenio deberán ter un exemplar, así como a copia dos boletíns de cotización da Seguridade Social no taboleiro de anuncios da empresa, para coñecemento de tódolos traballadores co fin de que constaten a súa situación laboral.

Terceira.-As partes asinantes do presente convenio son a Asociación de Empresarios da Limpeza de Institucións Sanitarias do Sergas en Ourense e as centrais sindicais Confederación Intersindical Galega e Comisións Obreiras, ámbalas dúas con capacidade suficiente e lexitimación, de conformidade co disposto na Lei 8/1980, do Estatuto dos traballadores.

Cuarta.-Se se producisen nalgunha das empresas afectadas polo presente convenio, baixas de traballadores fixos do cadro de persoal dos centros sanitarios afectados, estes serán cubertos por traballadores que teñan carácter de fixos.

Quinta.-Se se produce a revisión salarial, os atrasos producidos seranlles aboados ós traballadores antes de transcorridos os 30 días seguintes a aquel en que as empresas cobren do Sergas.

Sexta.-As traballadoras e traballadores fixos terán preferencia por orde de antigüidade e de carácter voluntario para ocupa-la praza vacante en quenda, planta ou servicio que deixe un ou unha traballador/a fixo/a. Deberán estar en quenda, planta ou servicio un mínimo de cinco anos.

ANEXO I

CategoríasSalario base

Administrativos
Xefe de 1ª104.047
Xefe de 2ª82.556
Caixeiro82.556
Oficial de 1ª81.446
Oficial de 2ª80.446
Auxiliar79.055
Cobrador78.671

CategoríasSalario base

Mandos intermedios
Encargado xeral97.237
Supervisor encargado zona84.585
Supervisor encargado sector81.446
Encargado grupo ou edificio79.602
Responsable de equipo78.656

Persoal obreiro
Especialista78.656
Peón especializado78.656
Limpador77.646
Conductor limpador78.656

Persoal oficios varios
Oficial78.656
Axudante77.646
Peón77.646
Traballadores menores de 18 anosS.M.I.

ANEXO II

Pluses:

-O plus de destino será de 33.215 pesetas/mes para tódalas categorías.

-O plus de productividade será de 12.702 pesetas/mes.

-O plus específico será de 10.152 pesetas/mes.

Seguen varias sinaturas.