Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Xoves, 13 de setembro de 2001 Páx. 12.189

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

CORRECCIÓN de erros.-Resolución do 13 de xuño de 2001, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se ordena o rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da acta de constitución e o Regulamento de funcionamento da Comisión Territorial de Formación Continua da Comunidade Autónoma de Galicia.

Advertido erro na resolución arriba referenciada, publicada no DOG nº 146, de data 30-7-2001, cómpre realiza-la seguinte corrección:

Na páxina nº 10.381, despois do último parágrafo, punto oitavo da acta, debe engadirse o texto do Regulamento de funcionamento da Comisión Paritaria Territorial de Formación Continua da Comunidade Autónoma de Galicia:

REGULAMENTO DE FUNCIONAMENTO DA COMISIÓN PARITARIA TERRITORIAL DA FORMACIÓN CONTINUA DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA PARA O III ACORDO NACIONAL DE FORMACIÓN CONTINUA

O presente regulamento fundaméntase no establecido no artigo 19 f) do III Acordo Nacional de Formación Continua do 19 de decembro de 2000, asinado polas organizacións empresariais CEOE e CEPEME e as organizacións sindicais UGT, CCOO e CIG.

Na súa virtude, a Comisión Paritaria Territorial de Galicia, como órgano de administración bilateral do III Acordo Nacional de Formación Continua no ámbito da súa comunidade autónoma aproba o seguinte regulamento:

Artigo 1º.-Sede social.

A sede social da Comisión Paritaria Territorial de Formación Continua da Comunidade Autónoma de Galicia fíxase na praza de Europa 10-A, 6º andar, de Santiago de Compostela.

Artigo 2º.-Composición.

A Comisión Territorial de Formación Continua de Galicia, con composición paritaria, comporase de seis membros titulares, dos cales tres serán designados pola Confederación de Empresarios de Galicia, un pola Unión Xeral de Traballadores, un polo sindicato nacional de Comisións Obreiras de Galicia e un pola Confederación Intersindical Galega.

Designaranse igualmente, na mesma proporción, seis membros suplentes, que asumirán as competencias asignadas ós titulares cando por calquera causa deban substuílos.

A composición da comisión modificarase pola incorporación ou abandono dalgunha organización empresarial ou sindical, preservando en todo caso a paridade existente.

Artigo 3º.-Substitución.

As organizacións membros desta comisión poderán substituír en todo momento as persoas que as representen na mesma, asumindo os substitutos as mesmas competencias. A dita substitución deberase notificar á Comisión Paritaria Territorial de Galicia, mediante acreditación por escrito ante o presdiente da comisión.

Artigo 4º.-Da presidencia.

A Comisión Paritaria Territorial elixirá de entre os seus membros un presidente, que terá o cargo durante o período dun ano. Este cargo terá carácter rotatorio, revezándose na mesma un representante da parte empresarial e un representante da parte sindical, polo período sinalado, sen que en ningún caso poida exercerse o mandato presidencial, por membros representantes da mesma organización, en dous exercicios consecutivos.

As funcións fundamentais do presidente serán as de:

1. Representar formalmente a comisión.

2. Presidir, convocar e mante-la orde das reunións.

3. Asina-las actas e certificacións, xunto co secretario, dos acordos que adopte a comisión.

4. Calquera outra que leve aparellada a condición de presidente e aquelas qeu lle poidan ser atribuídas pola Comisión Paritaria Territorial, mediante oportuno acordo.

En todo caso, o seu voto non terá consideración de voto de calidade.

Artigo 5º.-Da secretaria.

A Comisión Paritaria designará de entre os seus membros a persoa que deberá exerce-las funcións de secretario. Sendo o mandato igualmente por un ano e con carácter rotativo.

O cargo de secretario non poderá recaer en persoa que represente, no seo da comisión, a mesma organización da que emana a presidencia, nin se poderá ostentar por representantes dunha organización durante dous exercicios consecutivos.

As funcións fundamentais do secretario serán as de:

1. Convoca-las reunións da Comisión Paritaria co acordo do presidente.

2. Confecciona-las actas correspondentes de cada sesión.

3. Expedir certificacións dos acordos que se adopten.

4. Custodia-las actas e toda a documentación que se reciba ou remita desde a dita comisión.

5. Leva-lo arquivo e depósito de toda a documentación que se xere.

O secretario, como membro de pleno dereito da comisión, terá voz e voto.

Artigo 6º.-Dos vocais.

Corresponden ós vocais da Comisión Paritaria Territorial de Galicia as seguintes funcións:

1. Asistir ás reunións.

2. Exerce-lo dereito ó voto nos acordos que se someterán á Comisión Paritaria Territorial.

3. Formular propostas e emitir cantas oponións estimen necesarias.

4. Participar nos debates da comisión.

5. Estar puntualmente informados de cantas cuestións sexan de competencia da comisión.

6. Formular rogos e preguntas.

Artigo 7º.-Da rotación nos cargos.

A rotación nos cargos de presidente e secretario será a que a continuación se establece por anos naturais:

AnoPresidenciaSecretaría

2001CEGCIG

2002CC.OO.CEG

2003CEGUGT

2004CIGCEG

Artigo 8º.-Dos asesores e grupos de traballo.

En función dos temas obxecto de debate, en cada sesión da comisión, as organizacións nela representadas poderán solicita-la presencia de determinadas persoas que, en calidade de asesores, poderán asistir ás mesmas, con voz pero sen voto.

Así mesmo, a comisión poderá acordar para o tratamento e análise de cuestións específicas a constitución de grupos de traballo, nos termos que en cada caso se acorde.

Artículo 9º.-Reunións.

A Comisión Territorial reunirase polo menos unha vez ó trimestre con carácter ordinario, podéndose celebrar tantas reunións extraordinarias como sexan precisas, por iniciativa do presidente ou por petición dalgún dos seus membros integrantes.

a) Convocatoria: a Comisión Paritaria Territorial será convocada polo secretario coa antelación fuciente que requiran os temas a tratar, en todo caso cun mínimo de tres días. A convocatoria farase mediante citación cursada para o efecto polo medio máis rápido e eficaz do que se dispoña.

b) Orde do día: ó face-la convocatoria, incluirase nela:

-A orde do día, que se elaborará polo secretario co visto e prace do presidente e na que se incorporarán os puntos que sexan solicitados polas organizacións membros da comisión mediante escrito dirixido para o efecto, así como a documentación e información precisa para o desenvolvemento da reunión.

c) Réxime de asistencia: a comisión quedará validamente constituída, co obxecto de celebrar calquera das súas sesión cando asista polo menos un representante de cada organización asinante.

d) Adopción de acordos: a Comisión Paritaria Territorial de Galicia validamente constituída adoptará os seus acordos por unanimidade.

No suposto de que existan discrepancias entre as distintas organizacións integrantes da Comisión Paritaria Territorial, darase traslado destas á Comisión Mixta Estatal de Formación Continua, que ó abeiro do artigo 17 do III Acordo Nacional de Formación Continua decidirá sobre as controversias xurdidas.

e) Acta das reunións: de tódalas reunións celebradas pola Comisión Paritaria Territorial de Galicia deberase levanta-la correspondente acta, na que se fará constar:

Lugar de reunión: día, mes e ano. Nome, apelidos, organización e sinatura dos asistentes. Existencia ou non de quórum. Orde do día e contidos dos acordos.

As actas serán asinadas polo secretario co visto e prace do presidente.

f) Suplencia do presidente e secretario: en ausencia do presidente ou do secretario asumirán as súas funcións para esa reunión os designados como os seus suplentes.

Artículo 10º.-Funcións.

Conforme o establecido no artigo 19 do III Acordo Nacional de Formación Continua serán as seguintes:

a) Velar polo cumprimento do acordo na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Establece-los criterios orientativos para a elaboración dos plans de formación correspondentes ó seu ámbito e que afectarán exclusivamente as seguintes materias:

I. Prioridades con respecto ás iniciativas de formación continua a desenvolver no seu ambito.

II. Orientación respecto ós colectivos de traballadores destinatarios das accións.

c) Emitir informe sobre os plans de empresa e agrupados naqueles sectores que non conten con convenio colectivo estatal ou acordo sectorial de formación, plans específicos de economía social, plans intersectoriais e medidas complementarias e de acompañamento á formación, en tódolos casos cando o seu ámbito se limite a esa comunidade autónoma. Así mesmo, sobre os permisos individuais de formación que se soliciten no ámbito da súa comunidade autónoma, salvo que o convenio colectivo de empresa de ámbito estatal aplicable ó solicitante remita esta competencia á Comisión Paritaria Sectorial que lle corresponda.

d) Intevir no suposto de discrepancias xurdidas en relación co disposto no artigo 14.2º do III Acordo Nacional de Formación Continua.

e) Atender e dar cumprimento ás solicitudes e requirimentos que lle poidan ser trasladados pola Fundación Tripartita.

f) Aproba-lo seu regulamento de funcionamento, que deberá adecuarse ó disposto no III Acordo Nacional de Formación Continua.

g) Elaborar estudios e investigacións no ámbito da comunidade autónoma.

h) Realizar unha memoria anual de aplicación do III Acordo Nacional de Formación Continua no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Aquelas tarefas que poida asignarlle a Fundación Tripartita.

Artigo 11º.-Do idioma.

A totalidade da documentación que xere a Comisión Paritaria Territorial de Formación Continua de Galicia estará redactada en lingua galega. Cando algunha documentación deba ser enviada fóra de Galicia deberá xuntarse a correspondente traducción.

E, en proba de conformidade, é asinado polas partes o presente regulamento en Santiago de Compostela, o vintenove de marzo de 2001.

Por CEG.

Fausto Santamarina Fernández.

Por UGT.

José Tomé Roca.

Por CC.OO.

Florentino García Solla.

Por CIG.

Serafín Otero Fernández.