Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Xoves, 13 de setembro de 2001 Páx. 12.180

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 9 de agosto de 2001 pola que se autoriza o centro privado Vigo de Redondela (Pontevedra), para imparti-lo bacharelato da modalidade de ciencias da natureza e da saúde, en substitución do bacharelato da modalidade de humanidades e ciencias sociais.

Examinado o expediente instruído por instancia de José Álvarez Carpintero, en representación da titularidade do centro privado Vigo de Redondela (Pontevedra), solicitando poder imparti-lo bacharelato da modalidade de ciencias da natureza e da saúde en substitución do de humanidades e ciencias sociais (autorizado segundo a Orde do 12 de xullo de 2000, DOG do 16 de agosto).

Tendo en conta que o expediente foi tramitado pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra, que se remite cos informes correspondentes.

Vistos a Lei 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4 de outubro), de ordenación xeral do sistema educativo; o Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño (BOE do 26 de xuño), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral non universitarias; Decreto 133/1995, do 10 de maio (DOG do 22 de maio), sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e a Orde do 20 de setembro de 1995 (DOG do 15 de decembro) que desenvolve o antedito decreto.

Considerando que concorren no expediente os requisitos esixidos nas disposicións vixentes para poder acceder ó solicitado.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa

DISPÓN:

Primeiro.-Autoriza-lo centro privado Vigo de Redondela para poder imparti-lo bacharelato da modalidade de ciencias da natureza e da saúde, en substitución do bacharelato da modalidade de humanidades e ciencias sociais, segundo os datos que se especifican no anexo desta orde.

Segundo.-Mentres non se extinguen as ensinanzas de FP2, segundo o calendario de aplicación da Lei 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, poderán seguir impartindo as ensinanzas de segundo grao autorizadas.

Terceiro.-Antes do inicio das ensinanzas que se autorizan, a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo de informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá docencia no dito centro.

Cuarto.-Queda o centro obrigado ó cumprimento da lexislación vixente e a solicita-la oportuna revisión cando teñan que modificarse calquera dos datos que sinala a presente orde.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día siguiente ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo do dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Provincia: Pontevedra.

Concello: Redondela.

Localidade: Rande.

Enderezo: A Formiga, s/n.

Código do centro: 36018033.

Denominación: centro privado Vigo.

Titular: Sociedad Mercantil Colegio Vigo, S.A.

Composición resultante:

a) Centro de educación infantil: 3 unidades.

b) Centro de educación primaria: 6 unidades.

c) Centro de educación secundaria:-4 unidades de educación secundaria obrigatoria.

-4 unidades de bacharelato das modalidades de ciencias da natureza e da saúde; e tecnoloxía.

d) Centro de formación profesional específica:-Familia profesional: administración.

1 ciclo formativo de grao medio de xestión administrativa (1 unidade para 30 alumnos).-Familia profesional: comercio e marketing .

1 ciclo formativo de grao medio de comercio (1 unidade para 30 alumnos).-Familia profesional: mantemento de vehículos autopropulsados.

1 ciclo formativo de grao medio de electromecánica de vehículos (2 unidades para 30 alumnos/unidade).-Familia profesional: electricidade e electrónica.

1 ciclo formativo de grao medio de equipos electrónicos de consumo (2 unidades para 30 alumnos/unidade).-Familia profesional: edificación e obra civil.

1 ciclo formativo de grao superior de desenvolvemento e aplicación de proxectos de construcción (2 unidades para 20 alumnos/unidade).