Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Mércores, 12 de setembro de 2001 Páx. 12.133

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Rías Baixas Comunicación, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Rías Baixas Comunicación, S.A., con nº de código 3602812 que tivo entrada nesta delegación provincial o día 2-7-2001, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa con data de 9-4-2001. De conformidade co disposto no artigo 90, 2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 4 de xullo de 2001.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo Rías Baixas

Comunicación, S.A. 2000-2001-2002

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio é de aplicación nos centros de traballo de Rías Baixas Comunicación, S.A.,

actualmente existentes e naqueles que durante a vixencia do presente convenio puideran establecerse.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O convenio afecta a totalidade do persoal que preste servicios na empresa e o faga en virtude dunha relación laboral contractual. Quedan expresamente excluídos os que desempeñen funcións de alto consello de goberno e alta dirección, profesionais liberais vinculados por contratos civís de prestación de servicios, asesores, correspondentes e colaboradores que teñan formalizado contrato civil coa empresa no que exclúa a relación laboral de colaboradores a peza e os que non manteñan unha relación continuada coa empresa, axentes comerciais e publicitarios que traballen para Rías Baixas Comunicación, con liberdade de representar a outras empresas dedicadas a igual ou diferente actividade, e o persoal pertencente a empresas concesionarias de servicios que teñan formalizado un contrato civil de prestación de servicios con Rías Baixas Comunicación.

Artigo 3º.-Vixencia e duración.

O presente convenio terá unha vixencia desde a data 1-1-2000 ata o 31-12-2002, con independencia da súa publicación oficial unha vez homologado pola autoridade laboral.

Artigo 4º.-Prórroga.

Extinguido o período de vixencia e no caso de non mediar denuncia expresa por calquera das dúas partes, con alomenos un mes de antelación ó seu termo, entenderase prorrogado no seu contido normativo, excepto as táboas salariais e os complementos que deberán ser negociados e pactados por separado.

Artigo 5º.-Rescisión e revisión da denuncia do convenio.

A denuncia do presente convenio haberá de realizarse, alomenos, cun mes de antelación ó seu termo. Haberá de formalizarse por escrito e comunicarse á empresa e ó comité de empresa.

Artigo 6º.-Da proposta de negociación.

A representación do persoal empresarial que formule a denuncia e pretenda negociar un novo convenio que substitúa o entón vixente deberá xuntar ó seu escrito de denuncia unha proposta do punto ou puntos que se van negociar:

a) Prazo de duración do novo convenio.

b) Materias concretas que se van negociar.

c) Repercusión económica anual das condicións que teñan carácter ou incidencia económica.

d) Criterios empresariais en relación á estructura e determinación do persoal laboral.

Capítulo II

Garantías e absorbilidade

Artigo 7º.-Vinculación á totalidade.

As representacións conveñen que, sendo o pactado un total orgánico indivisible, consideran o novo convenio nulo e sen efecto no suposto de que a autoridade competente non aprobase algún punto fundamental a xuízo das partes, pasando neste caso a unha nova redacción e á conseguinte negociación dun novo convenio.

Artigo 8º.-Absorcións.

As disposicións legais futuras que impliquen variación económica en todos ou nalgúns dos conceptos retributivos, unicamente terán eficacia se globalmente consideradas e sumadas ás vixentes con anterioridade ó convenio superan o nivel total deste. No caso contrario, consideraranse absorbidas polas melloras pactadas.

Artigo 9º.-Garantía persoal.

Respectaranse as situacións persoais que, con carácter global, excedan o convenio.

Capítulo III

Comisión mixta

Artigo 10º.-Constitución e funcións.

No prazo máximo dun mes a partir da sinatura deste convenio, crearase unha comisión mixta constituída por dous representantes dos traballadores e dúas persoas en representación da empresa. As funcións desta comisión serán as seguintes:

a) Interpretación do convenio.

b) Definición e valoración dos postos de traballo orixinados pola empresa que non estean catalogados.

c) Conciliación nos conflictos colectivos, con independencia da conciliación ante os organismos competentes.

d) Cantas outras actividades tendan á eficacia práctica do convenio.

Artigo 11º.-Funcionamento da comisión.

A comisión mixta reunirase:

a) Cando así o acorden ámbalas dúas partes (reunión extraordinaria).

b) Unha vez cada trimestre, con carácter ordinario.

Os acordos adoptaranse conxuntamente, entre as dúas representacións, e non serán efectivos ata a aprobación da acta en que consten.

No caso de non chegar a un acordo ámbalas dúas partes, se así o conveñen, poden someterse a arbitraxe, conciliación ou mediación ante o SMAC ou outro organismo competente, fin este para o cal lle serán remitidos os informes que as partes consideren oportunos. A decisión dos citados organismos terá carácter vinculante, excepto no caso de que ámbalas dúas partes chegasen a un acordo posterior ou simultáneo, caso este no que prevalecerá este sobre aquela que quedará nula e sen efecto.

Capítulo IV

Organización do traballo

Artigo 12º.-Principios xerais.

Ámbalas dúas partes conveñen en seguir aplicando técnicas de racionalización do traballo e coinciden na conveniencia de aplica-los sistemas de modernización que se consideren, debendo oír en todo caso o comité de empresa.

Artigo 13º.-Xornadas.

A xornada de todo o persoal afectado por este convenio será de 36 horas semanais (seis horas diarias), con 36 horas seguidas de descanso. Sen embargo os horarios xerais das diferentes quendas de traballo serán acordados pola empresa e oído o comité de empresa, en función das necesidades de producción e servicio.

Artigo 14º.-Descansos.

Dadas as características de traballo redaccional, a empresa permitirá a acumulación dos descansos semanais, sempre e cando non inflúa no desenvolvemento normal da actividade productiva.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias.

A iniciativa do traballo en horas extraordinarias corresponderá á empresa e ó traballador a súa libre aceptación ou denegación. O seu número non poderá excede-los límites establecidos no artigo 35.2º ET. A remuneración da hora extraordinaria traballada en días laborais será incrementada nun 75% adicional á hora ordinaria e un 100% adicional se se realizase en domingo ou día festivo. Se as horas extraordinarias se realizasen entre as 22 e as 6 horas terán, ademais, o aumento da porcentaxe correspondente ó complemento de nocturnidade consistente nun 25% do salario base máis a antigüidade. Debido á natureza do traballo xornalístico os traballadores comprométense a realiza-lo traballo necesario para dar saída ós traballos que teñan a particularidade de diarios. A prolongación da xornada terá que ser notificada ó persoal correspondente polo xefe de sección ó que corresponda, antes da conclusión da xornada laboral.

Capítulo V

Réxime de persoal

Artigo 16º.-Contratación de persoal.

Toda persoa que sexa admitida para traballar en Rías Baixas Comunicación, S.A., como traballador por conta allea terá que asinar un contrato de traballo onde se recollan os requisitos esixidos pola lexislación vixente.

Artigo 17º.-Vacantes.

As vacantes que se produzan na empresa comunicaránselle ó comité de empresa dela, para así transmitilo ó resto dos traballadores para que poidan presenta-la solicitude co tempo necesario.

Artigo 18º.-Traballos de superior categoría.

O traballador que desempeñe tarefas de categoría superior por un período que sobrepase os dez meses dun total de dezaoito ascenderá automaticamente á categoría superior sempre que cumpra os requisitos regulamentarios para o dito ascenso. A retribución do persoal que realice estes traballos será a da categoría desempeñada.

Artigo 19º.-Traballos de inferior categoría.

Ningún traballador poderá ser destinado a realizar traballos de inferior categoría, agás naqueles casos de común aceptación por ámbalas dúas partes e polo tempo máximo de tres meses, pero sen que supoña perda ningunha da súa retribución.

Cando o traballador solicitase desempeñar unha tarefa de inferior categoría á que desempeña poderáselle asigna-lo salario correspondente ó traballo efectivamente prestado. A solicitude deberá formalizarse por escrito e comunicarse ó comité de empresa.

Artigo 20º.-Adaptación do persoal.

Enténdese por traballador con capacidade diminuída aquel que deixe de estar en condicións físicas ou psíquicas para continuar realizando eficazmente as tarefas que viña desempeñando en función da súa categoría, sexa iso debido a accidente ou enfermidade, aínda que non haxa posibilidade de obte-la baixa da Seguridade Social pero sexa declarada por un servicio médico.

Logo dos dictames ou asesoramentos técnicos oportunos para aquela situación e de acordo coas súas indicacións, procederase a asignar a este traballador unha tarefa conforme a súa capacidade diminuída, pactándose a retribución en cada caso. Este dereito do traballador diminuído quedará condicionado á existencia de posto vacante que vaia desempeñar que reúna as características idóneas.

Artigo 21º.-Cambio de tecnoloxía.

En caso de que un cambio de posto viñese imposto polo progreso tecnolóxico e esixira ó mesmo tempo unha variación ou aumento dos coñecementos profesionais do traballador, procederase á súa reconversión profesional sendo a dirección da empresa a que tome a decisión sobre o resultado positivo ou non da reconversión do traballador, e por tanto da súa avaliación.

As operacións de reconversión realizaranse con asistencia dos técnicos que a empresa designe, informando o comité de empresa. Os traballadores afectados non perderán as súas categorías e retribucións alcanzadas. Se o traballador convertido pasa a desempeñar traballos de superior categoría, será retribuído de acordo coa nova situación.

Artigo 22º.-Xornalistas.

Ningún xornalista poderá ser obrigado a copiar ou a introducir no sistema electrónico orixinais alleos, a non ser cando se trate dunha reelaboración xornalística. Os xornalistas non poderán ser valorados no seu traballo a través dos medios electró

nicos, tanto nos aspectos cualitativos como cuantitativos.

Capítulo VI

Condicións económicas

Artigo 23º.-Remuneracións.

Para efectos deste convenio, fíxase unha suba salarial en escala, dada a característica trianual do convenio:

-Ano 2000: aplícase unha subida do 3,5% do salario base, que se aboará no mes de marzo de 2001 con carácter retroactivo ó conxunto do ano. Este incremento terá a súa correspondente repercusión nos distintos complementos da nómina. Ó total do incremento do ano 2000 sumaráselle un 10% a cargo da paga de beneficios do exercicio (artigo 28º do convenio).

-Ano 2001: o salario base resultante do cálculo anterior, incrementaráselle o IPC do ano 2000. Un 2% con carácter retroactivo ó 1 de xaneiro, que se aboará na nómina de setembro de 2001, coa súa correspondente repercusión nos complementos da nómina. Así mesmo, en xaneiro de 2002 aplícase o outro 2%, con carácter retroactivo ó mes de setembro. Este segundo segmento incrementarase cun 10% a cargo da paga de beneficos do ano.

-Ano 2002: a empresa aboará na nómina de xaneiro, o IPC resultante do 2001+1% consolidable sobre o último salario base corrixido e a súa correspondente repercusión nos distintos complementos da nómina ós que lles afecte.

Artigo 24º.-Salario base.

Enténdese por salario base a totalidade das remuneracións que, con carácter fixo e ordinario, se perciben mensualmente con independencia daqueles complementos que, por seren persoais, por posto de traballo, de vencemento superior ó mes ou devengos extrasalariais, cobre a maiores cada traballador en concreto, servindo de base para a obtención dos demais.

O salario base será especificado para cada categoría que se relaciona no anexo a este convenio. As variacións deste virán dadas polo ordenamento legal ou polo pactado no convenio entre as partes.

Artigo 25º.-Antigüidade.

Sen prexuízo do establecido nas disposicións vixentes sobre a material, establécese que todo traballador, ó cumpri-los anos preceptivos cobrará trienios na cantidade do 5% do salario base que teña, independentemente, cada traballador. En canto ós límites da acumulación dos incrementos por antigüidade, en ningún caso, poderá supera-lo 25% do salario base máis a antigüidade.

Artigo 26º.-Complemento dominical.

O persoal percibirá por cada domingo traballado un complemento equivalente ó 240% do salario base máis a antigüidade.

Artigo 27º.-Excedencia.

Calquera traballador cun mínimo dun ano de antigüidade na empresa terá dereito a un período de excedencia de 5 anos como máximo sempre e cando non se dea o caso de concorrencia coa empresa en medios escritos en Galicia e en tódolos medios no ámbito local. En calquera período dela ou ó seu termo, o traballador poderá reincorporarse á empresa inmediatamente se esta dispón dun posto libre na súa categoría, e se non o dispuxera, a empresa está obrigada a admitilo na primeira vacante que se produza na súa categoría profesional.

Artigo 28º.-Pagas extraordinarias.

Como parte integrante do seu salario, os traballadores de Rías Baixas Comunicación, S.A. terán dereito á percepción das seguintes pagas extras:

-Paga de verán, que se percibirá en xullo.

-Paga de Nadal, que se percibirá antes do 20 de decembro.

Estas pagas serán retribuídas con salario base máis antigüidade, se é o caso.

-Paga de beneficios, consistente nun 10% de tódolos emolumentos devengados en nómina durante un ano. Farase efectiva no primeiro trimestre de cada exercicio.

Artigo 29º.-Compensación por enfermidade.

O traballador que se atope en situación de baixa por incapacidade laboral transitoria será compensado pola empresa mentres permaneza de baixa por longa enfermidade ou hospitalización, a partir de 16 días dela cunha cantidade que, sumada á percepción da Seguridade Social por este concepto, alcande o 100% do seu emolumento mensual.

Artigo 30º.-Delegados.

Os responsables das delegacións que Atlántico Diario manteña fóra da redacción central terán a categoría de delegados. A súa retribución corresponderá á dun redactor, percibindo un complemento de responsabilidade consistente na diferencia de salario existente entre o seu propio e o de xefe de sección, mentres ocupe tales cometidos.

Capítulo VII

Melloras sociais

Artigo 31º.-Festivos.

Dadas as características do traballo de prensa, o persoal traballará os días festivos. Estes días festivos serán compensados ós traballadores afectados cun día de vacación por cada día festivo traballado podendo acumula-lo total dos festivos traballados ás vacacións anuais.

Artigo 32º.-Vacacións.

As quendas de vacacións estableceranse en función do disposto no artigo 38 do Estatuto dos traballadores. En caso de baixa por enfermidade, as vacacións interromperanse continuando os días que falten despois da alta médica, sen que iso cause

prexuízo a outro compañeiro nas súas vacacións. Se a baixa é anterior ó inicio do desfrute, sinalaráselle un novo período de vacacións.

Artigo 33º.-Permisos.

Ausencias do traballo con dereito a remuneración que logo de aviso e xustificación se lle conceden ó traballador.

-En caso de enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, establécese por un período de dous días, ampliable a catro en caso de necesidade por desprazamento.

-A ausencia prevista por causa de traslado de domicilio do artigo 37.3º c) do Estatuto dos traballadores con dereito a remuneración establécese en dous días.

-Por matrimonio, quince días naturais ininterrompidos, aboables que se poderán desfrutar cunha antelación de dous días á data sinalada. Para matrimonio de irmáns ou fillos, un día.

-Tempo necesario para ser asistido por facultativos da Seguridade Social.

-Por paternidade, dous días naturais a elección do interesado.

-Por maternidade, de acordo coa normativa vixente.

-Para desfrutar dos dereitos educativos xerais e de formación profesional, disporase de 10 días ó ano para concorrer a exames finais e demais probas de avaliación e aptitude de ensinos regrados.

Artigo 34º.-Videoterminais.

Ningún traballador poderá ser obrigado a permanecer ante os videoterminais máis tempo do establecido na súa xornada laboral, con descanso de dez minutos cada hora de traballo.

O uso de videoterminais obrigará a pasar unha revisión oftalmolóxica anual, ademais do chequeo anual. Tódolos gastos médicos derivados de enfermidades ou lesións que se demostren atribuíbles ó traballo en videoterminais e que non sexan cubertos pola Seguridade Social serán satisfeitos pola empresa. Os empregados que, como se demostre, necesiten adquirir lentes correctoras para vista terán unha subvención de 3000 pesetas.

Artigo 35º.-Esquelas.

A dirección da empresa porá unha esquela gratuíta en caso de falecemento dun familiar dos traballadores ata o segundo grao de consanguinidade.

Artigo 36º.-Seguridade e hixiene.

O comité de empresa designará, logo de consulta cos traballadores, os vocais representantes destes no comité de seguridade e hixiene, entre o persoal da empresa con categoría profesional mínima de especialista ou asimilado e que seguise algún curso de seguridade e hixiene, sendo as súas funcións as enmarcadas no ET.

Capítulo VIII

Mobilidade xeográfica

Artigo 37º.-Normas xerais.

Nos casos de traslado xeográfico forzoso, logo dos trámites legais establecidos, o traballador recibirá logo de xustificación, o importe dos seguintes gastos: os de locomoción do interesado e familiares que con el conviven e que del dependen economicamente; os de transporte do mobiliario, roupa e utensilios e unha indemnización en metálico equivalente a 60 ou 30 días do salario real que veña percibindo no momento do traslado, segundo teña ou non familiares ó seu cargo.

Artigo 38º.-Permuta.

Os traballadores con destino nunha mesma localidade ou localidades distintas e pertencentes á mesma empresa e grupo profesional poderán concerta-la permuta dos seus respectivos postos a reserva do que a empresa decida tendo en conta as necesidades do servicio, a aptitude dos permutantes para o destino e demais circunstancias que deban ser consideradas.

Artigo 39º.-Permuta obrigatoria.

A muller embarazada a partir do cuarto mes de xestación, en caso de desenvolver un traballo previamente declarado polo médico como penoso ou perigoso para o seu embarazo, terá dereito, logo de solicitude, a ocupa-la primeira vacante que se produza no posto de traballo ou permuta do seu posto por outro, sempre que o posto de acceso sexa adecuado á súa formación profesional, non estea exposto ós citados riscos, dentro do mesmo grupo profesional e exista posibilidade na empresa.

O dereito ás expresadas ocupacións ou permutas non significan prexuízo para a categoría e soldo da interesada, nin tampouco xerará a necesidade ou obriga de crear un posto de traballo novo.

En caso de permuta a empresa, oído o comité de empresa, designará á persoa que obrigatoriamente quede afectada, quen, polo carácter de provisionalidade e duración da situación, se reincorporará ó seu anterior posto de traballo cando a embarazada cause baixa no traballo.

Ámbolos supostos de ocupación ou permuta non darán lugar, en ningún caso, á consolidación dos traballadores afectados nos postos de traballo provisionalmente ocupados, entre a situación de interinidade supere os dous meses.

Artigo 40º.-Axudas de custo e desprazamentos.

Consideraranse desprazamentos con dereito ó aboamento de gastos de locomoción todos aqueles que realice o persoal desde o seu centro de traballo por necesidades de servicio fóra da localidade.

Os traballadores que realicen a dita viaxe no seu vehículo recibirán o seu aboamento en metálico (ver anexo) por quilómetro percorrido ou no seu defecto o aboamento dos gastos de locomoción noutros

medios, así como comidas ou aloxamento se fose necesario, tras xustificalos e logo de aprobación do seu inmediato xefe. En caso de que o gasto fose superior a 5.000 pesetas a empresa aboaraas de antemán e despois liquidará co persoal desprazado contra xustificantes.

Capítulo IX

Disposición derradeira

Artigo 41º.-Aplicacións da lexislación laboral.

No non previsto ou regulado polo presente convenio, serán de aplicación, sobre as respectivas materias, as normas e disposicións de carácter xeral establecidas pola lexislación vixente en cada momento.

Asinado.

Pola empresa: Alfonso Sánchez Izquierdo.

Polo comité:

Miguel Esqueira.

Milagros Alonso.

Mar Bermúdez.

Ana Fuentes.

Jorge García.

-Redacción.

Redactor xefe.

É o xornalista máximo responsable da redacción, que só depende do director e subdirector. Toma decisións operativas sobre a paxinación e contidos do xornal, que coordina informativamente e por delegación decide os cambios das funcións do persoal no seu ámbito de competencia.

Xefe de sección.

É o xornalista que asume a responsabilidade dunha sección, na que organiza, coordina e supervisa o traballo dos redactores que a integran.

Redactor.

É a persoa que traballa directamente a noticia, quen a busca, selecciona, escribe ou reelabora, realiza crónicas, comentarios, reportaxes ou calquera outra actividade literaria propia do traballo xornalístico, todo iso de acordo coas pautas definidas pola dirección.

Redactor gráfico.

Ten como funcións traballa-la noticia, a reportaxe ou a crónica a través da fotografía, así como o seu posterior tratamento mecánico ou informático para a súa reinserción nas páxinas do xornal.

Secretario de redacción.

Está encargado da coordinación de encargos, envíos ou mensaxes que afecten ou dependan da redacción. Ocuparase tamén das tarefas de coordinación con delegacións e corresponsais e atenderá os aspectos mecánicos diarios que requiran atención especial para o funcionamento normal da redacción.

Axudante de redacción preferente.

É a persoa encargada de gravar ou introducir textos en ordenador segundo instruccións a partir de orixinais ou referencias debidamente cursadas, e con autonomía na elaboración de contidos e de gráficos.

Axudante de redacción.

É a persoa encargada de gravar ou introducir textos en ordenador segundo instruccións a partir de orixinais ou referencias debidamente cursadas.

Documentalista.

Son os axudantes preferentes que arquivan e organizan os fondos documentais, literarios, gráficos ou en calquera outro soporte para a súa posterior utilización na confección do xornal ou calquera outra publicación da empresa.

-Informática.

Xefe de sección.

Ten a responsabilidade de xerar, coordinar, supervisar e corrixir todo o proceso productivo da súa área.

Operador de sistemas.

O seu labor consistirá en operar e segui-los equipos informáticos, así como a súa posta a punto para a actividade diaria.

Maquetista.

Son os axudantes de redacción (ou preferentes) que, seguindo instruccións dos redactores elaboran as maquetas das páxinas, as adaptan ás necesidades do xornal e as corrixen antes da súa impresión.

Infografista.

Son os axudantes de redacción (ou preferentes) especializados en deseño gráfico que baixo a supervisión dos responsables da redacción realizan informacións baseadas fundamentalmente na combinación de textos, fotografías e/ou debuxos.

Técnico de sistemas.

É o especialista que se encarga da instalación, mantemento dos sistemas informáticos, telefónicos, transmisión de datos, reproducción e programas da empresa.

Axudante de sistemas.

É o especialista que, baixo a supervisión dun técnico de sistemas, realiza tarefas auxiliares nos traballos sinalados na categoría anterior.

-Administración.

Xefe de sección.

Asume, baixo a dependencia directa da dirección xeral ou administrativa, a responsabilidade de toda a actividade burocrática, administrativa, control, facturación e bo fin de tódalas operacións. Terá completo coñecemento do manexo do sistema operativo do equipo informático, así como de tódolos programas que o compoñen, encargándose do seu coidado

e bo uso e tendo baixo a súa responsabilidade o persoal desta sección.

Oficial de primeira.

Terán esta categoría os traballadores que, cun servicio determinado ó seu cargo, e con iniciativa e responsabilidade propia, executan funcións administrativas baixo a dependencia do xefe de administración, dispoñendo dos coñecementos precisos de informática no relativa á súa actividade. Requírese capacidade de mecanografar textos a unha velocidade mínima de 300 pulsacións por minuto.

Oficial de segunda.

Os traballadores que desempeñen esta categoría terán capacidade de iniciativa e realizarán funcións auxiliares de administración e contabilidade ás ordes dos seus superiores na sección. Deberán acreditar coñecementos similares ós oficiais de primeira, pero non terán a responsabilidade directa daqueles. Deberán poder mecanografar a un mínimo de 200 pulsacións por minuto.

Auxiliar.

Consideraranse como tales os traballadores que realicen as súas funcións asignados ós oficiais de segunda, sen acada-la competencia daqueles.

Cobrador.

Realiza o seu labor fóra das oficinas tendo como misión principal e habitual, a materialización de todo tipo de cobramentos.

Ordenanza.

Ten como misión atende-la centraliña telefónica, coidar dos accesos ós locais da empresa de acordo coas instruccións dos seus superiores. Realizará os traballos ou recados que lle sexan expresamente encomendados e recollerá e distribuirá a correspondencia.

-Comercial.

Xefe de sección.

É o responsable directo e inmediato do equipo de promoción. Ten ó seu cargo as funcións de organización, coordinación e dinamización do persoal ás súas ordes, así como o desenvolvemento das xestións comerciais que lle sexan asignadas.

Promotor preferente comercial.

É a persoa que, baixo o mando do xefe de sección, coordina e supervisa o traballo de varios promotores comerciais.

Promotor comercial.

Ten como responsabilidade a promoción e venda de todos aqueles productos comerciais que lle sexan encomendados polos seus responsables.

-Distribución.

Xefe de sección.

Asume o mando e a responsabilidade da distribución (estructuración, organización, control de

rutas, inspectores, horarios, etc...) e terá baixo a súa competencia ó persoal pertencente a esta sección.

Inspector de vendas.

Pertencen a esta categoría os encargados da inspección e visita a tódolos postos de venda do xornal, coordinando os envíos, informando de tódalas variacións e erros que puidesen producirse e emitindo os oportunos informes.

Oficial de primeira.

Son os traballadores que tendo un servicio ó seu cargo, con responsabilidade propia, executan os labores propios do departamento, dependentes do xefe de sección.

Oficial de segunda.

Son os traballadores que, con certa iniciativa e subordinación ó xefe de sección e/ou un oficial de primeira, efectuarán os labores propios do departamento.

ANEXO IV

Custo do km

O importe que se vai aboar por quilómetro percorrido segundo se especifica no artigo 40 do presente convenio, será de 24 ptas./km segundo o Regulamento da renda das persoas físicas, Real decreto 214/1999, con data do 5-2-1999, publicado no BOE do 9-2-1999.

Asinado.

Alfonso Sánchez Izquierdo.

Milagros Alonso Rodríguez.

Mar Bermúdez Pérez.

Jorge García Herosa.

Miguel Esqueira Huerta.

Ana Fuentes Crego.

Táboas salariais 2001 ata revisión en setembro

CategoríasPesetas

-Redacción

Redactor xefe162.831

Xefe de sección146.273

Redactor127.530

Axudante preferente redacción103.208

Axudante de redacción92.741

Documentalista92.741

Secretario de redacción101.902

Redactor gráfico103.208

-Comercial

Xefe de sección146.273

Promotor preferente comercial101.197

Promotor comercial92.741

-Administración

Xefe de sección146.273

Oficial de primeira103.208

Oficial de segunda95.504

CategoríasPesetas

Auxiliar92.741

Cobrador92.741

Ordenanza78.930

-Distribución

Xefe de sección146.273

Inspector de vendas95.388

Oficial 1ª86.092

Oficial 2ª84.984

-Departamento informático

Xefe de sección146.273

Operador de sistemas140.882

Infografista103.208

Maquetista92.741

Técnico de sistemas103.208

Axudante de sistemas92.741