Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Mércores, 12 de setembro de 2001 Páx. 12.131

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 6 de agosto de 2001 pola que se autoriza o centro privado Santa Apolonia de Santiago de Compostela (A Coruña), para imparti-lo ciclo formativo de grao medio de xestión administrativa en quenda de tarde noite, o ciclo formativo de grao superior de desenvolvemento de aplicacións informáticas en quenda de mañá e o ciclo formativo de grao superior de hixiene bucodental en quenda de tarde noite, segundo os datos do anexo.

Examinado o expediente instruído por instancia do titular do centro privado Santa Apolonia de Santiago de Compostela, polo que se solicita autorización para imparti-lo ciclo formativo de grao medio de xestión administrativa en quenda de tarde noite e o ciclo formativo de grao superior de desenvolvemento de aplicacións informáticas en quenda de mañá.

Así mesmo, solicita imparti-lo ciclo formativo de grao superior de hixiene bucodental en quenda de tarde noite (autorizado en quenda de mañá segundo a Orde do 10 de decembro de 1997 DOG do 13 de xaneiro de 1998).

Vistos o Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño (BOE do 26 de xuño), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral non universitarias; Real decreto 777/1998 (BOE do 8 de maio), polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo; Orde do 21 de decembro de 1999 (DOG do 31 de xaneiro de 2000), pola que se regulan determinados aspectos relativos á autorización de centros privados exclusivos de formación profesional específica; Decreto 296/1999 (DOG do 18 de novembro), polo que se desenvolven determinados aspectos dos currículos dos ciclos formativos de formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia; Decreto 133/1995, do 10 de maio (DOG do 22 de maio), sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e a Orde do 20 de setembro de 1995 (DOG do 15 de decembro) que desenvolve o dito decreto.

Considerando que concorren no expediente os requisitos esixidos nas disposicións vixentes para poder acceder ó solicitado, esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Autoriza-lo centro privado Santa Apolonia de Santiago de Compostela para imparti-lo ciclo formativo de grao medio de xestión administrativa en quenda de tarde noite e o ciclo formativo de grao superior de desenvolvemento de aplicacións informáticas en quenda de mañá, quedando a composición resultante segundo se especifica no anexo desta orde.

Segundo.-Autoriza-lo dito centro para imparti-lo ciclo formativo de grao superior de hixiene bucodental en quenda de tarde noite.

Terceiro.-Para as ensinanzas que se autorizan, a Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo do informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá docencia no dito centro, así como o equipamento adecuado para imparti-las ditas ensinanzas.

Cuarto.-Queda o centro obrigado ó cumprimento da lexislación vixente y a solicita-la oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que sinala a presente orde.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso

contencioso-administrativo no prazo do dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Provincia: A Coruña.

Concello: Santiago de Compostela.

Localidade: Santiago de Compostela.

Enderezo: A Rocha, Poza Real, 5

Código do centro: 15025116.

Denominación: Centro Privado Santa Apolonia.

Titular: Mª del Rosario Medina Gómez.

Composición resultante:

Quenda de mañá.

a) Centro de educación infantil: 3 unidades.

b) Centro de educación primaria: 6 unidades.

c) Centro de educación secundaria:

-4 unidades de educación secundaria obrigatoria.

-6 unidades de bacharelato das modalidades de ciencias da natureza e da saúde; humanidades e ciencias sociais e tecnoloxía.

d) Centro de formación profesional específica:

Familia profesional: actividades físicas e deportivas:

-1 ciclo formativo de grao medio de conducción de actividades físico-deportivas no medio natural (1 unidade para 30 alumnos).

-1 ciclo formativo de grao superior de animación de actividades físicas e deportivas (2 unidades para 30 alumnos/unidade).

Familia profesional: informática.

-1 ciclo formativo de grao superior de desenvolvemento de aplicacións informáticas (2 unidades para 30 alumnos/unidade).

Familia profesional: sanidade.

-1 ciclo formativo de grao medio de coidados auxiliares de enfermería (1 unidade para 30 alumnos).

-1 ciclo formativo de grao superior de documentación sanitaria (1 unidade para 30 alumnos).

-1 ciclo formativo de grao superior de próteses dentais (2 unidades para 30 alumnos/unidade).

-1 ciclo formativo de grao superior de saúde ambiental (2 unidades para 30 alumnos/unidade).

Familia profesional: servicios socioculturais e á comunidade.

-1 ciclo formativo de grao superior de educación infantil (2 unidades para 30 alumnos/unidade).

Quenda de tarde noite:

Familia profesional: administración.

-1 ciclo formativo de grao medio de xestión administrativa (1 unidade para 30 alumnos).

Familia profesional: informática.

-1 ciclo formativo de grao superior de administración de sistemas informáticos (2 unidades para 30 alumnos/unidade).

Familia profesional: sanidade.

-1 ciclo formativo de grao superior de hixiene bucodental (1 unidade para 30 alumnos).

-1 ciclo formativo de grao superior de dietética (2 unidades para 30 alumnos/unidade).