Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Martes, 11 de setembro de 2001 Páx. 12.081

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 3 de setembro de 2001 pola que se clasifica como mixta a Fundación Amancio Ortega Gaona.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Amancio Ortega Gaona, con domicilio na avenida da Deputación, Arteixo (A Coruña).

Supostos de feito.

1. Antonio Abril Abadín, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 24 de xullo de 2001, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o día 10 de xullo de dous mil un ante o notario Francisco Manuel Ordóñez Armán co número mil setecentos cincuenta e sete do seu

protocolo por Amancio Ortega Gaona, José María Castellano Ríos, Antonio Abril Abadín e José Arnau Sierra; interveñen no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos estatutos a fundación ten por obxecto xenericamente, a promoción, fomento, desenvolvemento, execución e financiamento de todo tipo de actividades que coadxuven á difusión e extensión da cultura, da educación, da investigación e da ciencia en calquera das súas manifestacións.

4. O padroado da fundación estará constituído por Amancio Ortega Gaona como presidente, Antonio Abril Abadín como secretario e José María Castellano Ríos, José Arnau Sierra, Carlos Espinosa de los Monteros Bernaldo de Quirós e Juan Manuel Urgoiti López-Ocaña como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como mixta da Fundación Amancio Ortega Gaona dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como mixta e a súa adscrición á Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 23 de agosto de 2001.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como mixta a Fundación Amancio Ortega Gaona e adscribila á Consellería da Presidencia e Administración Pública que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública