Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Martes, 11 de setembro de 2001 Páx. 12.082

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 29 de xuño de 2001, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Fábrica de Cerámica de Sargadelos, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Fábrica de Cerámica de Sargadelos, S.L. (código 2700522), da provincia de Lugo, asinado o día 6 de xuño de 2001, pola representación da mentada empresa e a dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90 apartados 2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 29 de xuño de 2001.

Manuel Teijeiro Álvarez

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo de empresa 2001 ó 2003

Artigo 1º.-Ámbito.

O convenio afecta a tódolos traballadores da empresa Fábrica de Cerámica de Sargadelos, S.L., no centro de traballo de Cervo (Lugo), excepto os seus administradores, membros do grupo técnico e apoderados.

Artigo 2º.-Vixencia.

Estará en vigor desde o 1 de xaneiro de 2001 ata o 31 de decembro de 2003.

Artigo 3º.-Prórroga.

De ano en ano, namentres non sexa denunciado por algunha das partes asinantes, antes do trinta de novembro de cada ano.

Artigo 4º.-Xornada de traballo.

1.768 horas/ano efectivas de traballo no 2001, repartidas do seguinte xeito:

a) Son xornadas laborables, tódolos días do ano, excepto os considerados non laborables no punto b) seguinte, de 8.30 ás 13 horas e desde as 14.30 ás 18 horas.

b) Son días non laborables, ademais de tódolos sábados e domingos do ano, os seguintes festivos:

1 de xaneiro; 27 de febreiro; 12 e 13 de abril; 1 e 17 de maio; 4 de xuño; 16 e 25 de xullo; 15 e 16 de agosto; 12 de outubro; 1 de novembro; 6, 24, 25 e 31 de decembro.

c) As quendas de forno, a razón de tres cada día do ano, en xornada do oito horas cada quenda, con cambio de quenda ás 6, 14 e 22 horas de cada día.

Nos anos 2002 e 2003 as horas/ano efectivas de traballo serán as que fixe o convenio colectivo de ámbito estatal e, para os mesmos anos, os días non laborables quedan a expensas da fixación pola Comunidade Autónoma, das festas oficiais e locais.

Artigo 5º.-Vacacións.

23 días hábiles, para o ano 2001, repartidas por igual nos doce meses do ano, a razón de tres persoas diarias nas seccións de reproducción e decoración (nestas seccións os días que excedan programaranse

a razón de catro persoas en función das necesidades da empresa) e unha persoa/día no resto das seccións.

As vacacións desfrutadas nos meses de xaneiro a maio e de outubro a decembro, inclusive, terán unha bolsa individual de 933 pesetas (5,61 euros)/día hábil para o ano 2.001 e, para os anos 2002 e 2003, actualizarase ese importe cos incrementos xerais das retribucións que resulten segundo o artigo 9º deste convenio.

Artigo 6º.-A incapacidade temporal.

A incapacidade temporal, anterior ou sobrevida, supedítase ó programa de vacacións, de xeito que ó traballador, no tempo coincidente, lle transcorren as vacacións e percibirá o seu salario maila prestación da Seguridade Social por IT.

Artigo 7º.-Tope máximo de ausencias por sección.

En razón da organización do traballo, establécese no 20% o tope máximo de ausencias diarias, por tódolos conceptos, en cada sección da fábrica.

A quen lle sexa imprescindible faltar toda ou parte da súa xornada laboral, só poderá facelo, namentres se supere o 20% máximo de ausencias na sección, recuperando esas horas de falta preferiblemente antes de se producir e sempre de acordo co responsable da sección.

Quedan liberadas de recuperación as faltas que se xustifiquen por atención a un familiar de 1º grao.

Artigo 8º

As faltas por asistencia a consultorio médico de cabeceira, co tope de 16 horas anuais, rexeranse do mesmo xeito cás faltas voluntarias.

Artigo 9º.-Condicións económicas.

2001: incremento 3,75% (convenio estatal+1,25%).

Táboa salarial

Categoría laboralGr. prof.NivelDíaMesAno

Ptas.EurosPtas.EurosPtas.Euros

Licenciado7II4.27525,69128.261770,861.923.91511.562,96

Perito6III4.02024,16120.610724,881.809.15010.873,21

Axudante técnico non titulado6V3.76522,63112.950678,841.694.25010.182,65

Encargado e oficial advo. de 1ª5VI3.63721,86109.119655,821.636.7859.837,28

Oficial advo. de 2ª e oficial de 1ª operario4VIII3.41420,52102.415615,531.536.2259.232,90

Auxiliar advo. e oficial de 2ª operario4IX3.25419,5697.633586,791.464.4958.801,79

Especialista de 1ª3X3.12718,7993.802563,761.407.0308.456,42

Especialista de 2ª2XI3.06418,4291.896552,311.378.4408.284,59

Peón e aprendiz1XII3.06318,4191.890552,271.378.3508.284,05

Plus de asistencia=1.054 pesetas(6,33 euros)/día efectivamente traballado.

Táboa de productividade: baseándose nos índices de productividade acadados, no cómputo xeral do ano anterior, establécense os incentivos sinalados no artigo 11º.

2002 e 2003.-Incremento: convenio estatal+1,25%.

Calquera outro incremento levará aparellado un sistema de incentivos (artigo 11º), segundo as prescricións do convenio de ámbito estatal que, se é o caso, pactarán ámbalas dúas partes asinantes, no mes de xaneiro de cada ano.

Antigüidade: segundo o convenio colectivo sectorial de ámbito estatal.

O complemento de transporte ó que se refire o convenio colectivo sectorial de ámbito estatal queda compensado coas melloras contidas neste convenio colectivo de empresa, segundo a acta de preacordo AGA 6/01.

Artigo 10º.-Gratificación de marzo.

A razón de trinta días de salario base maila antigüidade, que se aboará no primeiro trimestre do ano seguinte.

Artigo 11º.-Bolsa de productividade.

2001: a partir dunha productividade de 5,70 minutos/peza, inclusive, aboarase un incentivo de 150.000 pesetas (901,52 euros) por cada centésima de mellora obtida.

2002 e 2003: segundo o pacto que se indica no artigo 9º deste convenio.

O aboamento desta bolsa, se é o caso, efectuarase no 2º trimestre do ano seguinte.

Artigo 12º.-Seguimento.

As partes asinantes comprométense a un seguimento da xornada de traballo, para cuantifica-los resultados que se vaian obtendo, referidos fundamentalmente ó mellor aproveitamento do tempo de traballo e reducción do absentismo, o que incidirá necesariamente nun aumento da productividade e dos resultados económicos positivos.

Artigo 13º

Respectaranse as condicións máis beneficiosas que se poidan derivar do convenio colectivo sectorial de ámbito estatal, que rexerá como supletorio do convenio colectivo de empresa nas materias sobre as que este non dispoña, salvo renuncia expresa a este (AGA 6/01).

Artigo 14º

Desígnase unha comisión paritaria, que integran catro membros das partes negociadoras, dous deles en representación do comité de empresa e outros dous en representación da administración de empresa. A comisión paritaria entenderá de cantas cuestións lle sexan atribuídas e determinará os procedementos para solventa-las discrepancias no seo da propia comisión.

Artigo 15º.-Dereitos lingüísticos.

No seo desta empresa, desde a súa creación a finais de 1968, de xeito natural, espontáneo, as relacións laborais, ámbito ó que se refire este convenio colectivo, véñense producindo en galego, total e absolutamente.

Posteriormente, a lexislación democrática, estatal e autonómica, referendaron o galego como o idioma propio e oficial de Galicia.

Polo tanto, os traballadores teñen dereito a desenvolve-la súa actividade laboral e profesional en lingua galega. No seo da empresa, a administración e o comité de empresa, fomentarán o uso da lingua galega, ó se-lo idioma un dos sinais de identidade fundamental do noso pobo.