Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Venres, 07 de setembro de 2001 Páx. 11.964

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 27 de agosto de 2001 pola que se establecen axudas para fomenta-lo asociacionismo agrario e o redimensionamento empresarial das entidades asociativas agrarias en Galicia.

O fomento do asociacionismo agrario constitúe un dos obxectivos fundamentais para logra-lo reordenamento e a mellora das estructuras productivas do medio rural galego, caracterizado por un intenso e excesivo minifundismo que tamén afecta ás cooperativas e sociedades agrarias de transformación (SAT).

O redimensionamento empresarial, mediante procesos de fusión, absorción e integración das cooperativas, persigue o fortalecemento e a maior viabilidade das entidades asociativas agrarias, para poder afrontar racionalmente os procesos de normalización, transformación e comercialización das produccións agrarias, concentrando a oferta e adap

tándoa á demanda, establecendo normas comúns de producción respectuosas co medio ambiente e fomentando a innovación e a diversificación productiva, de acordo cos criterios establecidos na PAC.

A ampliación e constitución de novas cooperativas e SAT, naquelas comarcas e sectores específicos onde apenas existe asociacionismo, vai permiti-la organización e intercooperación dos agricultores e gandeiros galegos para poderen afrontar tamén procesos de transformación e/ou comercialización das súas produccións conxuntamente.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria está disposta a establecer unha serie de liñas de axuda encamiñadas a fomenta-lo asociacionismo agrario e a apoia-lo redimensionamento e a integración das entidades asociativas de carácter agropecuario para lograr fortalece-las súas estructuras productivas e comerciais, de forma que sexan máis competitivas e poidan desenvolver procesos de transformación e/ou comercialización das produccións agrarias cunha maior viabilidade.

Por outra parte, estas actuacións enmárcanse dentro do Programa Operativo Integrado de Galicia 2000-2006, cofinanciado pola Unión Europea, e que recolle boa parte das iniciativas que se van desenvolver nos vindeiros anos.

Por todo o exposto, en consonancia co establecido no artigo 30.I.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente normativa ten por obxecto regular no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e para o período 2000-2006, o procedemento de xestión das axudas para fomenta-lo asociacionismo agrario e o redimensionamento empresarial das entidades asociativas agrarias en Galicia, así como convoca-las correspondentes ó ano 2001.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderanse acoller ás axudas reguladas nesta orde as entidades asociativas agrarias, nos casos e cos obxectivos seguintes:

a) As cooperativas de carácter agropecuario, que se constitúan en comarcas ou sectores onde o asociacionismo sexa inexistente ou estea escasamente desenvolvido, coa finalidade de realiza-la transformación e/ou comercialización das produccións dos agricultores e gandeiros socios dunha forma conxunta.

b) As cooperativas de explotación comunitaria da terra e as SAT de explotación en común, que se constitúan para mellora-las condicións de vida e de

traballo dos agricultores e gandeiros e para adapta-la producción ás necesidades do mercado e afronta-la comercialización das súas produccións conxuntamente.

c) As cooperativas resultantes de procesos de fusión, absorción ou integración cooperativa, que como consecuencia dos devanditos procesos incrementen significativamente a súa dimensión empresarial, coa finalidade de estaren en disposición de adapta-la súa producción ás necesidades do mercado e de afronta-la transformación e/ou comercialización dos productos agroalimentarios dunha forma conxunta e con maior viabilidade.

d) As cooperativas e SAT que realicen ampliacións do seu capital social, admitindo a agricultores e gandeiros como novos socios, sempre que dediquen as súas achegas económicas para financiar investimentos relacionados coa transformación e/ou comercialización da súa producción dunha forma conxunta, ou para a cancelación de préstamos ou créditos a curto prazo concertados para financia-los devanditos investimentos.

Artigo 3º.-Requisitos.

1. O interese, a xustificación e a necesidade da constitución de novas entidades asociativas, da realización de procesos de fusión, absorción e integración cooperativa, e da ampliación do seu capital social, deben estar avalados polos correspondentes estudios de viabilidade, memorias técnicas, estudios socioeconómicos, auditorías, balances de fusión, programa de investimentos, programa de actividades ou calquera outro informe que se considere de relevancia, en todo caso, realizados polos correspondentes técnicos competentes.

2. As entidades asociativas deberán contemplar nos seus estatutos disposicións que obriguen os socios a cumpri-las normas de producción, subministración e comercialización que se elaboren para cada campaña, de forma que poidan reduci-los custos e programa-la producción para adaptala á demanda, concentrando a oferta e afrontando procesos de transformación e comercialización das súas produccións conxuntamente.

3. As entidades asociativas beneficiarias tamén deberán prestar asesoramento e apoio técnico ós seus socios para fomenta-la diversificación productiva e a utilización de métodos de cultivo, técnicas de producción e técnicas de xestión dos recursos compatibles co medio ambiente.

4. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, mediante a resolución de concesión, poderá establecer un número mínimo de socios ou productores, un volume de producción e unha facturación mínima que deberá acada-la entidade asociativa beneficiaria para que se poidan alcanzar en gran medida os obxectivos que se pretenden.

5. As entidades asociativas teñen que comprometerse a:

-Mante-la integración e a súa actividade durante un período mínimo de 5 anos.

-Presentar copia do balance, conta de resultados, programa de actividades e memoria técnica explicativa ante esta consellería, durante os cinco exercicios seguintes á concesión da axuda.

-Levar unha contabilidade específica e perfectamente detallada.

6. Os agricultores e gandeiros que sexan admitidos como socios dunha entidade asociativa deben:

-Ser maiores de idade e non supera-los 55 anos na data efectiva na que son admitidos.

-Ser propietarios de explotación agropecuaria ou estar directamente relacionados co sector agrario.

-Permanecer na entidade asociativa durante un mínimo de 5 anos, salvo causa xustificada allea ós seus intereses particulares.

No caso de quererse dar de baixa deberán comunicalo como mínimo cun ano de antelación. A entidade asociativa queda obrigada a incorporar a outro socio no seu lugar ou a devolve-la subvención concedida.

7. O prazo para remata-los procesos de fusión, absorción ou integración cooperativa, así como a constitución de novas cooperativas e SAT, termina coa finalización do exercicio en curso.

Cando en función da súa complexidade non sexa posible que finalicen no prazo previsto, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria poderalle conceder unha única prórroga por un período máximo dun ano, logo de solicitude ó respecto por parte das entidades asociativas afectadas.

Artigo 4º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Estudios de viabilidade previos, memorias técnicas, estudios socioeconómicos, auditorías e balances de fusión, programas de investimentos e actividades e outros informes que sexa necesario realizar para avala-la constitución de novas entidades asociativas e os procesos de fusión, absorción ou integración cooperativa que se pretenden levar a cabo, así como os gastos de asesoramento e elaboración de estatutos, tramitación, notario, rexistro e demais gastos administrativos iniciais.

A contía da subvención poderá chegar ata o 80% destes gastos, cun límite máximo de 4.000.000 de pesetas (24.040,48 A).

2. Investimentos que realicen as entidades asociativas para a transformación e/ou comercialización das súas produccións, así como para a diversificación productiva e a conservación do medio ambiente.

A contía da subvención terá as seguintes limitacións:

a) No caso das entidades asociativas resultantes dun proceso de absorción ou fusión cooperativa, a subvención poderá chegar ata o 50% do importe dos investimentos, cun límite máximo de 25.000.000 de pesetas (150.253,03 A).

b) No caso das entidades asociativas resultantes dun proceso de integración cooperativa, a subvención non superará o 40% do importe dos investimentos, cun límite máximo de 15.000.000 de pesetas (90.151,82 A).

c) No caso das cooperativas e SAT que se constitúan ou realicen ampliacións do seu capital social, de acordo cos obxectivos establecidos no artigo 2º desta orde, a subvención poderá chegar ata o 50% do importe dos investimentos que realicen, cos seguintes límites máximos:

-300.000 pesetas (1.803,04 A), por cada socio admitido, no caso das cooperativas de carácter agropecuario.

-1.000.000 de pesetas (6.010,12 A), por cada socio admitido, no caso das cooperativas de explotación comunitaria da terra e das SAT de explotación en común.

-En calquera caso, a subvención que se conceda para cada exercicio non poderá supera-lo importe máximo de 10.000.000 de pesetas (60.101,21 A), por entidade asociativa.

d) Con carácter xeral, as axudas concedidas para investimentos gardarán proporción co capital social da entidade asociativa beneficiaria e cumprirán todas aquelas condicións que considera a normativa vixente en relación coas axudas ó investimento.

3. Gastos de posta en marcha e funcionamento que efectúen as cooperativas para adapta-la producción ás necesidades do mercado e para realiza-la súa comercialización dunha forma conxunta.

Consideraranse gastos de posta en marcha e funcionamento: os alugueres de locais apropiados, os gastos derivados da ocupación e mantemento dos locais, a adquisición de material e amortización do equipamento das oficinas, os custos do persoal administrativo e do persoal técnico e de control, e outros gastos xerais de carácter administrativo relacionados co cumprimento dos obxectivos previstos.

A axuda poderase conceder para 5 anos, con carácter decrecente, podendo chegar respectivamente ata o 100%, 80%, 60%, 40% e 20% dos gastos de posta en marcha e funcionamento de cada un dos anos. A contía da axuda non poderá superar anualmente o 5% do valor da producción comercializada pola entidade asociativa beneficiaria, nin tampouco o importe de 40.000.000 de pesetas (240.404,84 A), no total dos 5 anos.

Artigo 5º.-Criterios de valoración.

Para a selección das peticións que se van aprobar, así como para establece-las porcentaxes de axuda, poderanse ter en conta os seguintes criterios:

a) A súa viabilidade técnica, económica e financeira, así como a importancia do seu programa de investimentos, para poder adapta-la súa producción ás necesidades do mercado e logra-la transformación e/ou comercialización das súas produccións dunha forma conxunta.

b) Valoraranse favorablemente aquelas solicitudes que, ademais da transformación e/ou comercialización das produccións, leven consigo actuacións encamiñadas a fomenta-la diversificación productiva e a conserva-lo medio ambiente.

c) Terán preferencia, por esta orde, aquelas cooperativas e SAT que:

-Participen en procesos de absorción ou fusión cooperativa.

-Participen en procesos de integración cooperativa.

-Se constitúan en comarcas ou sectores específicos, onde o asociacionismo a penas estea desenvolvido.

-Amplíen o seu capital social, mediante a admisión de novos socios, preferentemente agricultores profesionais que teñan menos de 40 anos de idade.

d) Finalmente, tamén se poderán ter en conta:

-O número de cooperativas e SAT que participen nos procesos de integración cooperativa.

-A súa dimensión socioeconómica.

-O número de socios de cada entidade que van resultar beneficiados.

-As achegas económicas realizadas polos socios da entidade e o esforzo suplementario que signifiquen.

Artigo 6º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda presentaranse segundo o modelo adxunto, que se compón dos seguintes anexos:

-Anexo I: instancia de solicitude.

-Anexo II: relación das liñas de axuda solicitadas.

-Anexo III: relación da documentación que se achega.

2. As solicitudes deben vir debidamente cubertas e asinadas polo presidente ou polo representante legal da entidade peticionaria. Os anexos é imprescindible cubrilos correctamente na súa totalidade.

Coas solicitudes achegarase a documentación que se detalla no artigo 7º desta orde.

3. As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería nos servicios centrais, ou do xeito previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 7º.-Documentación.

1. Copia compulsada do CIF da entidade solicitante, e da escritura de constitución, estatutos e inscrición rexistral no caso de novas entidades asociativas, así como do DNI do seu presidente ou representante legal.

2. As entidades solicitantes presentarán copia compulsada ou certificación da acta da reunión do consello rector, segundo o modelo anexo IV, na que se:

-Aproba realiza-los investimentos e accións para os que se vai pedir subvención.

-Acorda solicita-la subvención.

-Autoriza á persoa encargada dos trámites.

3. Informe xeral sobre a entidade solicitante, segundo o modelo anexo V, totalmente cuberto.

4. Certificación da entidade solicitante, segundo o modelo anexo VI, sobre os seguintes aspectos:

-Cumprimento en xeral dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que nela se establecen.

-Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

-Compromiso de facilita-la documentación complementaria que se poida requirir, así como de permiti-las comprobacións e inspeccións que para o efecto esta administración considere oportunas.

5. Copia do estudio de viabilidade, da memoria técnica xustificativa e doutros informes complementarios que avalen o interese da constitución, fusión ou integración cooperativa que se pretende levar a cabo. Nos casos de fusión ou absorción cooperativa, copia dos informes de auditoría e balances de fusión, ou alomenos certificación comprometéndose á súa realización.

6. Identificación e cualificación dos equipos técnicos realizadores dos anteriores estudios e informes, que deberán ser formalmente independentes das entidades solicitantes.

7. No caso de construccións, presentarase memoria, anteproxecto ou proxecto que inclúan como míni

mo unha desagregación do investimento por unidades de obra, o seu custo unitario e os planos necesarios para a súa definición. Ademais, no caso de novas construccións, presentarase xustificación documental da dispoñibilidade do terreo e da súa cualificación urbanística, así como copia da solicitude de licencia de obra.

8. No caso de entidades asociativas que teñan industrias xa existentes, presentarase copia compulsada da licencia de actividade do concello.

9. No caso de máquinas ou equipos, presentarase copia da solicitude de inscrición no rexistro oficial correspondente.

10. Copia compulsada da declaración do imposto de sociedades do último exercicio económico. No caso das entidades asociativas de nova constitución, presentarán copia do impreso de alta no imposto de actividades económicas.

11. Orzamento ou facturas proforma dos investimentos, actividades e gastos que se van realizar, así como previsión do seu financiamento.

12. Certificación bancaria do número de conta no que se solicita o ingreso da subvención.

13. Compromiso de non beneficiarse de ningunha outra axuda procedente de entidades públicas para os mesmos fins para os que se solicita subvención ó abeiro desta orde.

14. Relación das entidades asociativas participantes, composición e membros dos respectivos consellos rectores e data da súa elección. No caso de estar en fase de constitución ou integración, composición da comisión promotora e acordo de solicitude da axuda asinado por tódalas entidades participantes en favor da entidade que vai actuar como peticionaria.

15. Relación nominal dos socios, cos seus efectivos productivos e achegas económicas desembolsadas. Tamén deberán presentar copia compulsada do seu DNI, coa data de nacemento perfectamente lexible.

16. No caso de ser agricultor profesional, deberán acreditalo presentando copia da última declaración do IRPF e da cotización á Seguridade Social no réxime especial agrario.

17. No caso dos procesos de integración cooperativa, é necesario presentar copia compulsada ou certificación da acta da asemblea xeral de cada unha das cooperativas e SAT participantes, onde consten o acordo de integración e estes compromisos:

-Obriga de asumi-las achegas económicas ó capital social e cotas de ingreso que lle correspondan, especificando o seu importe.

-Permanecer integrada como mínimo durante 5 anos.

-Que tódolos seus socios participen alomenos na actividade económica principal realizada pola entidade asociativa integradora.

18. No caso dos procesos de absorción ou fusión de cooperativas, é necesario presentar copia compulsada ou certificación do acordo de fusión adoptado polo consello rector de cada unha das entidades participantes no proceso, no que se especifiquen o número de socios previsto e as achegas económicas que lle corresponden.

En calquera caso, o acordo de fusión adoptado polo consello rector de cada entidade queda condicionado á súa posterior ratificación en asemblea xeral.

19. No caso das ampliacións de capital social por admisión de agricultores e gandeiros como novos socios, é necesario presentar:

-Certificación do secretario da cooperativa ou SAT, co visto e prace do seu presidente, na que consten as achegas económicas que deben realiza-los agricultores e gandeiros para adquiri-la condición de socios, así como o carácter con que as devanditas achegas quedarán incorporadas á entidade asociativa beneficiaria.

-Copia das solicitudes de admisión como socios efectuadas polos agricultores e gandeiros interesados.

-Copia compulsada do seu DNI, coa data de nacemento perfectamente lexible.

-Copia da documentación que acredite que o novo socio ten explotación agropecuaria ou que está directamente relacionado co sector agrario.

-Compromiso de permanencia na cooperativa ou SAT alomenos durante 5 anos, asinado por cada interesado.

Artigo 8º.-Prazos.

Para o ano 2001 establécese un prazo de presentación de solicitudes que remata o próximo 30 de setembro.

Fóra deste prazo poderanse seguir presentando solicitudes só para efectos de cumpri-las directrices comunitarias, que establecen que os investimentos que se van realizar non se poden iniciar antes de solicita-las axudas. Neste caso, a petición quedará supeditada á súa presentación posterior, de acordo coas convocatorias de axuda expecíficas dos anos seguintes, sen ter por iso ningún dereito recoñecido ou preferencia sobre as peticións presentadas nos prazos establecidos nas ordes anuais correspondentes.

A partir da entrada en vigor desta orde non se admitirán como subvencionables investimentos, actividades e gastos realizados ou iniciados con anterioridade á presentación das solicitudes de axuda.

Artigo 9º.-Tramitación.

As unidades administrativas receptoras remitirán no prazo máis breve posible as solicitudes de axuda recibidas á Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, para que o servicio competente comprobe se a solicitude e a documentación presentada reúnen os requisitos esixidos nesta orde.

Se os impresos de solicitude non están debidamente cubertos, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase ó interesado para que nun prazo máximo de dez días, emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, terase por desistido da súa petición, logo de resolución dictada nos termos previstos no artigo 42, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 10º.-Resolución.

1. Unha vez examinadas as solicitudes e considerados os criterios de preferencia establecidos para estas axudas, elaboraranse as propostas de resolución, que o director xeral de Industrias e Alimentación remitirá para a súa fiscalización á Intervención Delegada desta consellería.

Unha vez fiscalizadas, elevaranse as propostas de resolución ante o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, como órgano competente para resolver.

2. Seguidamente notificaráselle ás entidades asociativas beneficiarias a resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, e en función das solicitudes presentadas e da dotación orzamentaria existente. De todas formas o pagamento queda supeditado á súa correcta xustificación.

3. Se non se notificase a resolución de concesión no prazo de 6 meses, entenderase desestimada a axuda solicitada.

Artigo 11º.-Incompatibilidade.

As subvencións reguladas pola presente orde son incompatibles con calquera outra axuda procedente das administracións públicas que se conceda para

os mesmos obxectivos, actuacións e investimentos. A vulneración deste precepto dará lugar á perda da subvención concedida.

Artigo 12º.-Financiamento.

A concesión das axudas previstas nesta orde efectuarase no ano 2001 con cargo ós seguintes conceptos orzamentarios:

-09.04.612-A.770.0, por un importe de 25.000.000 de pesetas (150.253,03 A).

-09.04.714-A.770.0, por un importe de 60.916.000 pesetas (366.112,53 A).

-09.04.714-A.480.0, por un importe de 21.000.000 de pesetas (126.212,54 A).

Tódalas aplicacións citadas anteriormente corresponden ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001.

Artigo 13º.-Xustificación e pagamento.

1. A xustificación do gasto correspondente ós investimentos e actividades subvencionables ó abeiro desta orde deberase realizar dentro do prazo que se estableza para o efecto na resolución de concesión da subvención.

O incumprimento deste prazo poderá implica-la perda da subvención concedida, sen necesidade de aviso ou notificación ningunha ás entidades asociativas beneficiarias.

2. Con carácter excepcional, a Dirección Xeral de Industrias e Alimentación poderá modifica-los prazos establecidos para a tramitación e xustificación das liñas de axuda contempladas nesta orde, cando así o soliciten as entidades interesadas e sempre que o motiven debidamente.

3. A xustificación do gasto efectuarase prioritariamente ante o Servicio de Fomento Asociativo, (Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, edificios administrativos de San Caetano, Santiago de Compostela).

4. Para efectua-lo pagamento da axuda concedida é necesario que as entidades asociativas beneficiarias presenten a seguinte documentación:

a) Facturas e recibos orixinais ou as súas copias compulsadas, que xustifiquen os gastos, actividades e investimentos realizados. Tamén se achegará transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento que acredite fidedignamente o seu pagamento efectivo. As facturas deberán trae-lo IVE desagregado correctamente.

b) Certificación da entidade asociativa beneficiaria, na que se detalle a súa aceptación expresa da subvención nos termos en que se lle concedeu.

c) Certificación de non ter débedas por ningún concepto, pendentes de pagamento, coa Administración pública desta comunidade autónoma.

d) Certificación de estar ó día no pagamento das obrigas fiscais.

e) Certificación de estar ó día no pagamento da Seguridade Social.

f) Certificación de tódalas axudas solicitadas ante as distintas administracións públicas para os mesmos fins considerados nesta orde, tanto as concedidas como as pendentes de resolución. Esta certificación debe vir asinada polo presidente ou representante legal da entidade asociativa.

g) No caso de investimentos en construccións, copia compulsada da licencia definitiva de obras. Se son novas instalacións, para face-lo pagamento final é necesario que presenten certificación das autoridades competentes de cumpri-las disposicións sanitarias e licencia de actividade do concello.

h) No caso de investimentos en máquinas ou equipos, copia compulsada da inscrición no rexistro oficial correspondente.

i) Certificación de que o investimento realizado está inscrito no Rexistro de Industrias Agrarias, cando así corresponda.

j) Calquera outra documentación que se indique expresamente na resolución de concesión.

Artigo 14º.-Seguimento e control.

1. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención, incluída a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Calquera modificación dos gastos ou investimentos aprobados que supoña un cambio de localización, obxectivos, conceptos, prazo de execución ou variación do orzamento, así como de calquera condición específica sinalada na resolución de concesión, requirirá a autorización da consellería, unha vez presentada a correspondente solicitude xustificativa. No caso de reducción dos investimentos, sempre que se manteñan os obxectivos iniciais, a subvención concedida verase diminuída na contía proporcional conseguinte.

3. As entidades asociativas beneficiarias deberán permitir que a Dirección Xeral de Industrias e Alimentación realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comproba-la veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Tamén facilitarán toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. As entidades asociativas beneficiarias quedan obrigadas ó reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

5. No caso de que as entidades asociativas beneficiarias destas axudas non cumpran os requisitos e fins fixados nesta orde, aplicaráselle-lo establecido no artigo 7 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 15º.-Réxime de recursos.

A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposición adicional

A concesión destas axudas quedará condicionada ás posibles observacións ou modificacións formuladas pola Unión Europea como consecuencia da notificación deste réxime de axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para que, no ámbito das súas competencias, dicte as normas necesarias para a correcta aplicación, desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria