Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Venres, 07 de setembro de 2001 Páx. 11.963

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 5 de setembro de 2001 pola que se clasifica como mixta a Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Santiago.

Visto o expediente de clasificación da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Santiago, con domicilio no Concello de Santiago de Compostela.

Supostos de feito.

1. Andrés Precedo Ledo, na súa calidade de presidente da fundación, en escrito do 29 de agosto de 2001, formulou solicitude de clasificación para efectos da sua inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 30 de xullo de 2001, ante o notario Manuel Peregil Cambón, co número 1621 do seu protocolo, por Jaime Alberto Pita Varela, que intervén en representación

da Xunta de Galicia, Andrés Precedo Ledo, como secretario xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal da Xunta de Galicia, José Sánchez Bugallo, en representación do Concello de Santiago de Compostela, Juan Manuel Baleato Iglesias, en representación do Concello do Val do Dubra, Odón Casimiro Cobas García, en representación do Concello de Vedra, Adolfo Gacio Vázquez, en represtación do Concello de Boqueixón, José Luís García García, en representación do Concello de Brión, Armando Blanco Martínez, en representación do Concello de Teo, José Astray Lorenzo, en representación do Concello de Ames, José Antonio Sangil Noya, delegado provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública na Coruña, e Dositeo Rodríguez Rodríguez, en representación da Deputación Provincial da Coruña.

3. Segundo consta no artigo cinco dos seus estatutos, o obxecto da fundación é pór en marcha as accións xenéricas enunciadas no Plan de Desenvolvemento Comarcal, deseñando programas, solicitando a súa implementación ós organismos correspondentes e animando e incentivando a participación dos sectores e axentes económicos e sociais ós que vai dirixido.

Así mesmo poderá acometer actuacións, programas, accións e proxectos que contribúan e incidan no desenvolvemento territorial, económico e social da comarca que constitúe o seu ámbito de actuación.

4. O padroado da fundación estará constituído segundo se determina no artigo 17 dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como mixta da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Santiago, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como mixta e a súa adscrición á Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da

fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 4 de setembro de 2001.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como mixta a Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Santiago e adscribila á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública