Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Martes, 04 de setembro de 2001 Páx. 11.781

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 8 de agosto de 2001 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, da Fundación Laboral da Pizarra de Sobradelo de Valdeorras (Ourense).

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Laboral da Pizarra.

Supostos de feito.

Primeiro.-Con data do 21 de setembro de 2000, solicitouse o recoñecemento de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Laboral da Pizarra, por medio de escrito presentado por Lázaro Fernández López, actuando como membro do padroado da fundación.

Segundo.-A fundación constituíuse en escritura pública outorgada o 18 de setembro de 2000, ante o notario do Barco de Valdeorras, José Guillermo Rodicio Rodicio, co número 2.222 do seu protocolo.

Terceiro.-A comisión integrada por tódolos secretarios xerais elevou ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública, proposta de clasificación como de interese social da Fundación Laboral da Pizarra, dado o seu obxecto. Así, cumprindo cos requisitos recollidos na Lei estatal 30/1994, do 24 de novembro, de fundacións e incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral, na Lei 7/1983, do 22 de xuño, de fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e segundo se dispón no Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego (Decreto 248/1992, do 18 de xuño), correspóndelle a execución das facultades inherentes a aquel, á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Cuarto.-Á vista da proposta da Comisión de Secretarios Xerais, pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 16 de xaneiro de 2001 (DOG nº 29, do 9 de febreiro), clasificouse como de interese social a Fundación Laboral da Pizarra, tendo en conta o disposto no artigo 32.2º c) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado de fundacións de interese galego e adscribiuse á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Quinto.-Segundo consta no artigo catro dos seus estatutos o obxecto e finalidade da fundación é destinar e afecta-lo seu patrimonio á realización de fins xerais de interese galego, no ámbito sectorial e territorial ós que a súa denominación e fins se contraen.

En xeral, son fins da fundación o apoio ó sector da lousa, mediante a dispensa de cursos de formación

á traballadores activos de desempregados, así como fomenta-lo estudio e a investigación en materia de formación profesional dos traballadores deste sector en Galicia.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación, nos estatutos e na demais documentación que figura no expediente, constan, entre outros, os seguintes extremos: acreditación da personalidade do fundador, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta o obxecto e a denominación (Fundación Laboral da Pizarra), a composición do órgano de goberno e o réxime de adopción de acordos.

O padroado da fundación estará integrado por un total de dez membros: cinco representantes da AGP; dous de comisións obreiras; dous de UXT e un da CIG. Os membros serán os seguintes:

Presidente: o que desempeñe a presidencia da AGP en cada momento.

Vicepresidente: será designado, de maneira rotatoria, polas centrais comisións obreiras e UXT de entre algún dos seus membros do Padroado.

Secretario: será designado, de maneira rotatoria, polas centrais comisións obreiras e UXT de entre algún dos seus membros do Padroado.

Tesoureiro: será designado polo presidente entre algún dos membros do Padroado da parte empresarial.

Vocais: tres representantes da Asociación Gallega de Pizarristas e tres representantes das seguintes centrais sindicais: un de comisións obreiras; un de UXT e un da CIG.

Sétimo.-Pola Secretaría Xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, unha vez revisados os seus estatutos, foi solicitado informe da Asesoría Xurídica, conforme o disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego, que aquela emitiu con data do 26 de febreiro de 2001.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, de acordo coa lei. O artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia atribúelle a esta Comunidade Autónoma competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego, así como co artigo 1 do Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, modificado polos decretos 117/1999, do 23 de abril e 202/2000, do 21 de xullo, é competencia desta consellería a declaración de interese

galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións, da Fundación Laboral da Pizarra, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas por aquela, asumindo as funcións que como protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-O abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débese destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación da fundación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, da nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico, e, por outra banda, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data do remate do exercicio, unha memoria das actividades realizadas durante o ano e da xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data de peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus Estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto, pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei 30/1994, do 24 de novembro, de fundacións e incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral; a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro; o Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego; o Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, modificados polos decretos 117/1999, do 23 de abril e 202/2000, do 21 de xullo, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, así como a demais normativa de desenvolvemento dela e a de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Laboral da Pizarra de Sobradelo de Valdeorras (Ourense).

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, para o que o padroado aboou a taxa correspondente, en virtude do disposto na Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a composición do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto na normativa de xeral aplicación citada, en especial á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a render contas anualmente ó protectorado e a xustificar a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñer recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución. En todo caso non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producira a desestimación presunta do recurso de reposición.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2001.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude