Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Martes, 04 de setembro de 2001 Páx. 11.775

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2001, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do texto do convenio colectivo da empresa Construcciones Alea, S.L. de Ourense e a acta de rectificación do texto citando as partes asinantes.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Construcciones Alea, S.L. de Ourense (código de convenio nº 3200162), con entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 28 de maio de 2001, subscrito con data 25 de maio de 2001, dunha parte por Luis Ogando Hermida, en representación da parte empresarial, e doutra polo comité de empresa, en representación dos traballadores desta, e a acta de rectificación do texto citando as partes asinantes.

Esta delegación provincial, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo e demais normas aplicables de dereito común,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 18 de xuño de 2001.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo provincial para a empresa

Construcciones Alea, S.L.

2001-2002

Capítulo I

Ámbito e vixencia

Artigo 1º.-Ámbito.

1. O presente convenio afecta a tódolos traballadores que presten os seus servicios na empresa na

provincia de Ourense, así como os contratados durante a vixencia del. Igualmente afecta os traballadores que, estando afiliados en Ourense, se despracen a outras provincias por necesidades de traballo.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

1. O presente convenio substitúe e anula tódolos anteriores, mesmo o vixente na actualidade e entrará en vigor o día da súa publicación no BOP de Ourense.

2. Para os efectos económicos, entendéndose por estes única e exclusivamente as diferencias salariais que deriven do incremento acordado sobre a táboa salarial, entrará en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2001.

3. Este convenio terá unha duración bienal, estendéndose desde o 1 de xaneiro de 2001 ata o 31 de decembro de 2002 e será prorrogado por un período igual, salvo denuncia por calquera das partes cunha anticipación mínima de tres meses á data do 31 de decembro de 2001. Esta denuncia deberá facerse por escrito e comunicada en forma á outra parte.

4. En caso de non ser denunciado no tempo e forma anteriormente expresados e prorrogado por igual período de vixencia, a revisión salarial realizarase conforme os criterios que se establecen neste.

Artigo 3º.-Revisión.

Para o segundo ano de vixencia, isto é, para o período do 1 de xaneiro de 2002 ó 31 de decembro de 2002, a táboa de salarios revisarase despois de negociación do comité de empresa co representante legal da mesma, tomando como orientación e recomendación a normativa vixente no que respecta a xornada e demais temas de carácter social.

Artigo 4º.-Lexislación complementaria.

Para todo o non previsto no presente convenio aplicarase o disposto na Lei do Estatuto dos traballadores, ou convenio xeral do sector da construcción.

Capítulo II

Contrato de traballo

Artigo 5º.-Contrato de traballo.

A) Regulación xeral.

1. O contrato de traballo será subscrito entre empresa e traballador, obrigatoriamente por escrito, con entrega dun exemplar a este, conforme o formato aprobado por disposición de carácter normativo que, necesariamente, deberá ser rexistrado na oficina de emprego á que pertenza o centro de traballo ó que se incorpore o traballador e entregada unha copia del (copia básica), ó representante dos traballadores.

2. En ningún caso se poderá comezar a traballar sen que previamente se tivese procedido á inscrición do traballador na Seguridade Social.

B) Subcontratación.

1. Cando a empresa contrate ou subcontrate con outros a realización das obras ou servicios correspondentes á propia actividade daqueles, deberá comprobar que os ditos contratistas estean ó día no pagamento das cotas da Seguridade Social. Para o efecto pedirá por escrito, con identificación da empresa afectada, certificado de estar ó día nos pagamentos da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

2. A empresa contratada, nun prazo máximo de trinta días, deberá presenta-lo certificado indicado no punto anterior. Transcorrido este prazo, quedará exonerada de responsabilidade a empresa principal.

Artigo 6º.-Período de proba.

1. Poderá concertarse por escrito un período de proba que, en ningún caso, poderá exceder de:

a) Técnicos titulados superiores: 6 meses.

b) Empregados:

Niveis III, IV e V: 3 meses.

Niveis VI ó X: 2 meses.

Resto de persoal: 15 días naturais.

c) Persoal operario:

Encargados e capataces: 1 mes.

Resto de persoal: 15 días naturais.

2. Durante o período de proba o traballador terá os dereitos e obrigas correspondentes á súa categoría profesional e posto de traballo que desempeñe, como se fose de cadro de persoal, excepto os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso, sen necesidade de previo aviso e sen que ningunha das partes teña dereito a indemnización ningunha, debéndose comunica-la desistencia por escrito.

3. Transcorrido o período de proba sen que se producise a desistencia, o contrato producirá plenos efectos, computándose o tempo dos servicios prestados para efectos de permanencia na empresa.

Capítulo III

Clasificación profesional

Artigo 7º.-Clasificación do persoal.

A clasificación do persoal afectado polo presente convenio é meramente enunciativa e non supón obriga de ter cubertas tódalas prazas enumeradas, se as necesidades da actividade da empresa non o requiren.

Artigo 8º.-Clasificación por niveis e categorías profesionais.

Niveis Categorías

IITítulo superior.
IIITítulo medio.

Xefe de 1ª administrativo.

IVAxudante de obra.

Encargado xeral.

Xefe de persoal.

VDelineante superior.

Xefe administrativo.

VIDelineante de primeira.

Topógrafo.

Encargado de obra.

Oficial 1ª administrativo.

VIIDelineante de 2ª

Capataces, oficial 2ª adm.

Topógrafo práctico de 2ª

VIIIAuxiliar administrativo.

Oficial 1ª oficio.

IXOficial 2ª oficio.
XSerenos e almaceneiro.
XIPeón especializado.
XIIPeóns ordinarios.
XIIITraballadores de 17 anos.

Capítulo IV

Tempo de traballo

Artigo 9º.-Xornada laboral.

1. Durante a vixencia do presente convenio establécese unha xornada laboral anual de 1.756 horas.

2. A xornada semanal establécese en corenta horas de traballo efectivo distribuídas en oito horas diarias de luns a venres, ambos inclusive.

3. Para axusta-lo calendario laboral anual no presente exercicio de 2001, fíxanse como días non laborais o 26 de febreiro, 30 de abril, 17 e 18 de maio, 2 de novembro, 7, 24 e 31 de decembro, e 4 horas correspondentes á xornada de tarde do día 5 de xaneiro.

Artigo 10º.-Vacacións.

1. As vacacións terán unha duración de trinta días naturais para tódalas categorías.

2. O total dos días anuais de vacacións poderá distribuílo a empresa para efectos de desfrute da forma seguinte: quince días ininterrompidos para desfrutar preferentemente no verán. o resto, para desfrutar de acordo entre o traballador e a empresa, atendendo preferentemente ás necesidades do traballo.

3. Independentemente do reflectido nos parágrafos anteriores, a empresa poderá da-las vacacións a todo ou parte do persoal en dúas veces ou quendas, sendo a primeira no verán e segunda no inverno.

4. Para efectos do devengo de vacacións, considerarase como tempo efectivamente traballado o correspondente á situación de ILT, sexa cal for a súa causa. Non obstante, dado que o dereito de desfrute de vacacións caduca co transcurso do ano natural, perderase se ó vencemento deste o traballador

continuase de baixa, aínda que manterá o dereito a percibi-la diferencia entre a retribución de vacacións e a prestación de incapacidade laboral transitoria.

Unha vez iniciado o desfrute do período regulamentario de vacacións, se sobrevén a situación de incapacidade temporal, a duración dela computarase como días de vacacións, sen prexuízo do dereito do traballador a percibi-la diferencia que puidese existir entre a retribución correspondente a vacacións e a prestación de incapacidade temporal.

Artigo 11º.-Permisos e licencias.

A empresa concederá licencias retribuídas ós traballadores que o soliciten nos seguintes casos:

a) Por matrimonio: 15 días naturais, sempre que o traballador leve como mínimo un ano de antigüidade.

b) Por matrimonio de fillos: 2 días naturais.

c) Por falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade 2 días naturais: cando con tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento, o prazo será de 4 días naturais.

d) Por parto de esposa: 2 días naturais. Se concorre enfermidade grave no parto, aumentarase a 4 días naturais.

e) O traballador terá dereito á asistencia médica o tempo necesario e retribuído, presentando o comprobante correspondente.

Capígulo V

Retribucións

Artigo 12º.-Táboa salarial.

Establécese unha táboa de percepcións económicas para a xornada laboral ordinaria así como para as horas extraordinarias que será, para cada traballador, a que corresponda á súa categoría profesional, sen discriminación ningunha por razón de sexo, e que se contén no anexo I deste convenio.

Artigo 13º.-Complemento de asistencia.

1. Se establece un complemento de asistencia para os productores das categorías II a XIII con rendemento normal e que non teñan ningunha falta de asistencia non xustificada ó traballo (importe segundo anexo I).

2. A primeira xornada non traballada completa suporá a perda de 4 días de complemento, a segunda a perda de 10 días de complemento e a terceira a perda total. As faltas non xustificadas computaranse dentro de cada mes natural. Para a determinación do complemento de asistencia diaria, dividirase entre vintecinco a cantidade que figura baixo este concepto na táboa salarial que se contén no anexo I deste convenio.

3. A perda deste complemento é independente das sancións que marca a ordenanza laboral e demais disposicións sobre a materia.

Artigo 14º.-Desgaste de ferramentas.

Establécese unha indemnización por desgaste de ferramentas para aqueles traballadores a que non lle sexa facilitada pola empresa, consistente en 40 pesetas por cada día de traballo efectivo. A empresa determinará os casos particulares de achega de ferramentas polo traballador.

Artigo 15º.-Antigüidade.

A antigüidade queda conxelada na base do ano 1988, no senso de que quedan conxelados os prezos dos bienios e quinquenios calculados sobre aquela base. É dicir, o prezo de tódolos bienios devengados e que se devenguen no futuro para as categorías niveis do 2 ó 12 é de 2.317 pesetas (cinco por cento de 46.347 pesetas). O prezo de tódolos quinquenios devengados e que se devenguen no futuro é o de 3.244 pesetas (sete por cento de 46.347 pesetas). Non obstante respectaranse aquelas cantidades que a título persoal veñan percibindo os traballadores por este concepto, sen que caiba compensalas no cómputo xeral do convenio. É dicir, o prezo dos bienios e dos quinquenios que sexan superiores ós que se sinalan neste convenio e sexan pagos na actualidade polas empresas, manteranse, quedando con esta data conxelado na dita contía.

Artigo 16º.-Gratificacións extraordinarias.

1. Os traballadores afectados polo presente convenio terán dereito exclusivamente a dúas pagas extraordinarias ó ano, que se aboarán nos meses de xuño e decembro.

2. A contía das pagas extraordinarias non se devengarán mentres duren calquera das causas de suspensión de contrato previstas no artigo 45 da Lei do Estatuto dos traballadores.

3. Os traballadores que ingresen ou cesen no decurso de cada semestre natural, devengarán a paga en proporción ó tempo de permanencia na empresa durante o mesmo, de acordo co que determina o artigo 62 do convenio xeral.

Artigo 17º.-Axudas de custo.

Establécese unha axuda de custo igual para tódalas categorías de tres mil cincocentas pesetas (3.500) diarias e unha media axuda de mil cincocentas pesetas (1.500) diarias, por cada día efectivo para todo o persoal da empresa, sexa cal for a súa categoría.

Non obstante, pódense substituír estes importes pola fórmula, que de común acordo se establecerá, de gastos por xustificar.

Artigo 18º.-Indemnización en caso de accidente ou hospitalización.

Tódolos traballadores da empresa, en caso de accidente laboral ou hospitalización, percibirán durante o período de hospitalización ou da ILT por accidente con cargo á empresa, a diferencia entre a cantidade fixada pola Seguridade Social e o importe do salario que viña percibindo nunha mensualidade normal, de tal forma que durante o período de ILT perciba o 100 por 100 da mensualidade normal.

Artigo 19º.-Pagamento de salarios.

1. A empresa queda obrigada a aboa-los salarios dentro dos cinco primeiros días hábiles do mes seguinte ó mes vencido en que se devenguen.

2. A empresa destinará ó pagamento a hora inmediatamente seguinte á finalización da xornada ordinaria. Cando por necesidades organizativas se realice o pagamento dentro da xornada laboral, esta interromperase e prolongarase despois do horario de traballo polo tempo investido no pagamento, sen que en ningún caso tal prolongación poida exceder máis dunha hora.

3. O tempo investido no pagamento de retribucións e anticipos a conta das mesmas, quedará exento do cómputo da xornada laboral, considerándose como de mera permanencia no centro de traballo e por tanto non retribuído para ningún efecto.

4. O traballador deberá facilitar á empresa ó tempo do seu ingreso ou incorporación á mesma, o seu número de identificación fiscal (NIF), de conformidade coa normativa aplicable ó respecto.

Capítulo VI

Compensación e absorción

Artigo 20º.-Compensación e absorción.

Tendo en conta da natureza deste convenio, tódalas melloras tanto económicas como de tipo social que poidan aparecer por disposición oficial durante a vixencia del, non terán eficacia práctica e, en consecuencia, serán absorbidas por este, se as condicións deste convenio, consideradas globalmente e en cómputo anual, superan as citadas melloras.

Capítulo VII

Cesamentos e indemnizacións

Artigo 21º.-Cesamentos e indemnizacións.

En relación cos contratos, segundo o carácter adquirido polos traballadores en razón de permanencia e funcións ó servicio da empresa, os cesamentos axustaranse ós seguintes requisitos:

a) Durante o período de proba, que se detalla no artigo 14 do R.D. lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, as empresas poderán prescindir dos servicios de toda clase do persoal no momento en que o consideren oportuno, se non posúe ou non se adapta ás condicións necesarias para a súa función sen indemnización ningunha.

b) O persoal fixo de obra cesará cando termine os traballos da súa especialidade na obra en que viñese prestando os seus servicios. A indemnización que se establece para estes traballadores consistirá no 4,5 por 100, calculado sobre o salario base das táboas do convenio devengados durante a vixencia do contrato.

c) Os traballadores que formalicen outros contratos dos regulados no R.D. 8/97 ou normas que os substitúan, terán dereito, unha vez finalizado o contrato correspondente por expiración do tempo convido,

a percibiren unha indemnización por conclusión do 4,5 por 100, se a duración tivese sido inferior, igual ou superior a 365 días, calculada sobre os conceptos salariais das táboas do convenio aplicable, devengados durante a vixencia do contrato.

Capítulo VIII

Disposicións varias

Artigo 22º.-Prima de casado.

A todo traballador que leve como mínimo un ano de antigüidade na empresa e contraia matrimonio outorgaráselle unha gratificación ou prima por matrimonio de quince mil pesetas (15.000).

Artigo 23º.-Roupa de traballo.

Ó persoal afectado por este convenio seralle entregada pola empresa unha peza de roupa de traballo ou funda e un par de botas normais, adecuadas ó centro de traballo, cada seis meses, sendo obrigatorio o seu uso cando o traballo o requira. Estas pezas serán en todo momento propiedade da empresa e o traballador estará obrigado á súa boa conservación e uso. A empresa poderá facer constar nesas pezas o seu anagrama ou o da actividade.

Os traballadores devolverán as pezas de roupa vellas ó causaren baixa na empresa. De non facelo, a empresa poderá desconta-lo 50% do importe correspondente ó equipamento da súa última entrega.

Artigo 24º.-Póliza de seguros e indemnizacións.

1. Establécense as seguintes indemnizacións para tódolos traballadores afectados polo presente convenio:

a) En caso de morte derivada de enfermidade común ou accidente non laboral, o importe dunha mensualidade de tódolos conceptos das táboas do convenio aplicable vixentes en cada momento.

b) En caso de morte, incapacidade permanente, absoluta ou grande invalidez, derivada de accidente de traballo ou enfermidade profesional, a empresa aboará 6.000.000 de pesetas , para o cal se compromete a unha compañía de seguros con delegación na localidade.

2. Nos supostos de morte, as indemnizacións establecidas aboaranse á viúva ou beneficiarios do traballador, segundo as normas da Seguridade Social.

3. A referida póliza só abranguerá os procesos iniciados a partir da vixencia e validez dela.

4. Esta indemnización é compatible coa pensión ou indemnización que poida causa-lo traballador na Seguridade Social ou mutualidade. Non obstante o anterior, a indemnización pada con cargo ás pólizas de seguro de accidente terá a consideración de entregas á conta das indemnizacións que no seu día fixen os xulgados e tribunais de xustiza por sentencia definitiva e firme, e que sexan a cargo da empresa.

Artigo 25º.-Seguranza e saúde laboral.

O traballador poderá porse de acordo coa empresa para acudiren a cursos de prevención de riscos laborais que se organicen a través do servicio de prevención da mutua de accidentes de traballo e enfermidades profesionais da Seg. Social núm. 275, Fraternidad-Muprespa, ou Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e que teñan relación directa co sector construcción.

Disposicións adicionais

Primeira.-Comisión mixta paritaria.

Para interpreta-lo contido deste convenio, vixia-lo seu cumprimento ou exerce-las funcións de arbitraxe nos problemas e cuestións suscitadas como consecuencia da aplicación do mesmo, noméase unha comisión mixta que está formada da seguinte maneira:

Por parte da empresa, o representante que interveu na confección do presente convenio, ou no seu defecto outra persoa con representación legal.

Por parte dos traballadores, o presidente do comité de empresa e os dous compoñentes de mais idade do comité.

Ámbalas partes poderán solicita-la designación de asesores ou expertos no número que coiden conveniente.

As funcións e actividades da comisión mixta non obstruirán en ningún caso as accións laborais correspondentes.

Segunda.-Cláusula especial.

O persoal que cese incumprindo o requisito de comunicalo á empresa, con oito días de anticipación perderá o dereito á parte proporcional das gratificacións extraordinarias de verán e Nadal. Esta notificación deberá facela verbalmente ou por escrito, con obrigatoriedade por parte da empresa, de expedir comprobante da dita petición.