Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Martes, 04 de setembro de 2001 Páx. 11.774

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2001, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da modificación do convenio colectivo do persoal laboral da Deputación Provincial da Coruña.

Visto o texto da acta asinada o día 24 de maio de 2001 pola comisión negociadora do convenio colectivo do persoal laboral da Deputación Provincial da Coruña, integrada polos representantes da corporación e do comité de empresa e aprobada en sesión plenaria da corporación celebrada o día 30 de maio de 2001, mediante o que se acorda a modificación do convenio colectivo, de conformidade co disposto no artigo 90, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económicas e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 12 de xuño de 2001.

María Silva Costoya

Delegada provincial da Coruña

Acta.

Na deputación provincial e sendo as dez horas do día vintecatro de maio de dous mil un, reúnense a comisión negociadora do convenio colectivo do persoal laboral integrada polos membros que figuran a seguir:

Por parte de la corporación: José Luis Fernández Mouriño.

Polo comité de empresa: Esther Busto Gerpe, Antonio Gómez Charlín, Ana Mª Guimarey Álvarez, Silvia Suárez Moya e Juan Pájaro Hermo.

Actúa de secretaria: Ana Marcos García.

A comisión propón modifica-los artigos que figuran a seguir do vixente convenio colectivo do persoal laboral:

a) Modificación do artigo 33.1º, ó que se lle dá a seguinte redacción:

1. Xubilación forzosa. A xubilación forzosa declararase de oficio ó cumpri-lo traballador os sesenta e cinco anos de idade, agás cando, ó cumprila non acredite o período mínimo de cotización á Seguridade Social para causar dereito a pensión, suposto no que se prorrogará de oficio a situación de servicio activo polo tempo necesario para cubri-lo citado período mínimo de cotización esixido, momento no que se producirá a baixa de maneira automática.

Malia o disposto no parágrafo anterior, a declaración de xubilación non se producirá ata o momento en que os traballadores cesen na situación de servicio activo, naqueles supostos nos que voluntariamente prolonguen a súa permanencia nela, ata como máximo, os setenta anos de idade. Para tal efecto poderán optar pola prolongación da permanencia no servicio activo, mediante escrito dirixido ó presidente da deputación cunha antelación de dous meses, como mínimo, á data na que cumpran os sesenta e cinco anos de idade, entendéndose recoñecida pola deputación a citada prórroga se non se notificase ós interesados resolución expresa e motivada en contrario antes dos quince días que preceden a aquela data.

b) Modificación do artigo 53.2º ó que se lle dá a seguinte redacción:

2. A contía dos citados anticipos será de ata catro mensualidades cun tope máximo de 1.000.000 de pesetas.

c) Engadir unha disposición adicional 2ª, coa seguinte redacción:

Disposición adicional

Segunda.-Non será de aplicación o prazo de dous meses establecido no artigo 33.1º para os traballa

dores que cumpran os sesenta e cinco anos de idade nos meses de xuño, xullo e agosto do ano 2001.

E sendo as dez horas e trinta minutos dos día ó principio sinalado, levántase a sesión, estendéndose a presente acta que asinan os membros de reunión, en proba de conformidade do cal eu, como secretaria, certifico.