Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Xoves, 30 de agosto de 2001 Páx. 11.610

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE VIGO

RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 2001 pola que se convocan probas selectivas para o ingreso por promoción interna na súa escala técnica de xestión.

En cumprimento do disposto nos estatutos desta universidade, aprobados por Resolución do 16 de setembro de 1993 (DOG do 22 de outubro), e co obxecto de atende-las necesidades de persoal de administración e servicios desta universidade,

Este rectorado, en uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 18 da Lei 11/1983, do 25 de agosto (BOE do 1 de setembro) de reforma universitaria, en relación co seu artigo 3.2º e), resolve convocar probas selectivas para o ingreso na escala técnica de xestión da Universidade de Vigo con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir catro prazas polo sistema de promoción interna. Non se reserva ningunha praza para a quenda de persoas con minusvalías, establecida pola Lei 23/1988, do 28 de xullo, a resultas da aplicación da porcentaxe do 3%.

1.2. O proceso selectivo constará de dúas fases, concurso e oposición, coas probas e puntuacións que se especifican no anexo I.

1.3. O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura no anexo II desta convocatoria.

1.4. As presentes probas selectivas axustaranse ó disposto na Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo; á Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada pola Lei 4/1991, e pola Lei 3/1995; ó Real decreto 364/1995, do 10 de marzo; ó Decreto 93/1991, do 20 de marzo; ós estatutos da Universidade de Vigo e ó disposto na presente convocatoria.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes deberán posuí-los seguintes requisitos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos durante todo o proceso selectivo:

a) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

b) Ter cumpridos os dezaoito anos e non ter alcanzada a idade de xubilación.

c) Estar en posesión ou en condicións de obte-lo título de doutor, licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalente.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non estar separado mediante expediente disciplinario de calquera das administracións públicas,

nin inhabilitado para o desempeño de funcións públicas por sentencia firme. No caso de nacionais dun Estado estranxeiro non estar sometido a sanción disciplinaria ou condena penal firme que impida no seu estado o acceso á función pública.

2.2. Ademais, os aspirantes deberán ser funcionarios de carreira dalgún dos corpos ou escalas de administración do grupo B, acreditar unha antigüidade de, polo menos, dous anos de servicios efectivos prestados nos devanditos corpos ou escalas e estar a prestar servicios na Universidade de Vigo, na data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3. Solicitudes.

3.1. As solicitudes para tomar parte nestas probas selectivas axustaranse ó modelo que figura como anexo III desta convocatoria e deberán presentarse acompañadas de fotocopia do DNI ou documento acreditativo de ser nacional dun Estado membro da Unión Europea, así como de copia dos títulos e diplomas acreditativos dos cursos alegados (alínea B.d. do anexo I).

3.2. As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade de Vigo no prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3.3. A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade de Vigo ou nos rexistros auxiliares dos campus de Lagoas-Marcosende, Ourense e Pontevedra ou segundo as restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.4. Os aspirantes con minusvalías deberán indicar no recadro nº 6 da instancia o grao de minusvalidez que padecen, e no recadro nº 8, as adaptacións de tempo e medios que para a realización das probas consideren necesarias.

3.5. Os erros de feito que puidesen advertirse, poderán emendarse en calquera momento, de oficio ou por pedimento do interesado.

3.6. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fixesen constar nas súas solicitudes, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 3.2. para a presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo non se admitirá ningún pedimento desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, o rector da Universidade de Vigo publicará no taboleiro de anuncios do rectorado, no prazo dun mes, resolución pola que se aprobe a lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos, con expresión das causas que motivaron a exclusión e o prazo de emenda dos posibles defectos, que será de 10 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación da devandita resolución.

4.2. Os aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o seu dereito a seren incluídos na relación de admitidos, serán definitivamente excluídos da realización das probas mediante resolución que se publicará no taboleiro de anuncios do rectorado e na que se indicará o lugar, data e hora de celebración do primeiro exercicio.

4.3. En todo caso, co obxecto de evitar erros e, no suposto de se produciren, para posibilita-la súa emenda en tempo e forma, os aspirantes comprobarán fidedignamente non só que non figuran na lista de excluídos, senón que os seus nomes constan correctamente na relación de admitidos.

5. Tribunal.

5.1. A composición do tribunal cualificador destas probas será publicada no taboleiro de anuncios do rectorado cunha antelación de, alomenos, un mes respecto da data de inicio do exercicio e terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ó rector da universidade, cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, ou se tivesen participado en tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas dentro dos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non se encontar incursos nas circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992.

Así mesmo, os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran as circunstancias citadas.

5.3. Logo da convocatoria do presidente, constituirase o tribunal coa asistencia do presidente e o secretario, ou de se-lo caso, daqueles que os substitúan, e a metade alomenos dos seus membros. Nesta sesión, o tribunal acordará tódalas decisións que correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.4. Para os efectos de celebración de sesións, deliberacións e adopción de acordos, requirirase a asistencia dos membros do tribunal especificadas no punto anterior.

5.5. O tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deba facer nos casos non previstos. O procedemento de actuación do tribunal axustarase ó disposto na Lei 30/1992.

5.6. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que estime pertinentes, limitándose os ditos asesores a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas. Serán nomeados polo rector da Universidade de Vigo, a proposta do tribunal, mediante resolución que será

publicada no taboleiro de anuncios do rectorado, seralles de aplicación o previsto na base 5.2. e deberán pertencer a grupo de titulación igual ou superior ó das prazas convocadas.

5.7. Os membros do tribunal cualificador deberán posuír titulación igual ou superior á esixida para ser admitido ás probas.

5.8. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que os aspirantes con minusvalidez gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ó resto dos aspirantes. Para as persoas con minusvalidez que o soliciten na forma prevista na base 3.4., estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios.

5.9. O presidente do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos ante o tribunal sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes, utilizando para iso os impresos aprobados pola orde do Ministerio da Presidencia do 18 de febreiro de 1985 (BOE do 22 de febreiro) ou calquera outro equivalente. O tribunal excluirá aqueles opositores que consignen nas follas de exame marcas ou signos que permitan coñece-la súa identidade.

5.10. Para efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no rectorado da Universidade de Vigo, rúa Areal nº 46-Vigo, teléfono 986 81 20 00.

5.11. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes ó das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos aspirantes iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra T, de conformidade coa resolución da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 14 de febreiro de 2001 (DOG do 23 de febreiro).

6.2. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

6.3. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun único chamamento sendo excluídos da oposición os que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal.

6.4. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración dos exercicios será efectuada polo tribunal nos lugares onde se celebrase o anterior, así como na sede do tribunal e por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilita-la súa máxima divulgación, con 48 horas de antelación, polo menos á data sinalada para a súa iniciación.

6.5. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos aspirantes carece dos requisitos esixidos pola pre

sente convocatoria, logo da audiencia do interesado, deberá propoñe-la súa exclusión ó rector da Universidade de Vigo, comunicándolle tamén as inexactitudes e falsidades formuladas polo aspirante na solicitude para os efectos procedentes.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal fará pública nos lugares de celebración deles e no rectorado a relación de aspirantes que os superasen, con indicación da puntuación obtida e do documento nacional de identidade.

7.2. Rematada a fase de oposición, e para os aspirantes que a superasen, o Servicio de Xestión de Persoal expedirá de oficio, certificacións acreditativas do tempo dos méritos (consonte o disposto no anexo I) e o tribunal fará públicos os puntos obtidos na fase de concurso.

7.3. A cualificación final do proceso selectivo virá dada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e na fase de concurso. Os puntos obtidos nesta última, en ningún caso, poderán sumarse para efectos de supera-la fase de oposición. No caso de empate, a orde establecerase atendendo á maior puntuación obtida no primeiro exercicio e, se este persistise, dirimirase a prol do que obtivese maior puntuación na fase de oposición, ó nivel de C.D., ó grao persoal consolidado e á formación, nesta orde.

7.4. O tribunal fará pública a lista de aspirantes que, segundo a orde de puntuación acadada por cada un deles, fosen seleccionados, que en ningún caso poderá contar cun número de candidatos superior ó das prazas convocadas.

7.5. Rematado o proceso selectivo, o presidente do tribunal elevará ó rector a relación definitiva de aspirantes aprobados por orde de puntuación, na que constarán as cualificacións da fase de concurso e de cada un dos exercicios da fase de oposición, e a suma total.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de vinte días naturais, a partir do seguinte a aquel no que se fagan públicas as relacións definitivas de aprobados, estes deberán presentar no rexistro xeral da Universidade de Vigo:

Fotocopia compulsada do título ou certificación académica que acredite ter realizados os estudios para a obtención do título de doutor, licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalente.

8.2. Os que dentro do prazo fixado, agás caso de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base 2.1, non poderán ser nomeados funcionarios e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

9. Nomeamento.

9.1. Concluído o proceso selectivo, aqueles que o superen serán nomeados funcionarios de carreira da escala de técnicos de xestión da Universidade de Vigo, mediante resolución rectoral que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

9.2. Por mor da natureza deste proceso selectivo, ós aspirantes que o superen e accedan á escala técnica de xestión da Universidade de Vigo, adxudicaráselles con carácter definitivo o posto que estivesen desempeñando nese momento.

9.3. A toma de posesión dos aspirantes que aproben o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da data de publicación da devandita resolución de nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

10. Norma derradeira.

A presente convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados nos casos e na forma establecidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ademais, a Universidade de Vigo poderá, se é o caso, proceder á revisión das resolucións do tribunal consonte o previsto na devandita lei.

Vigo, 23 de xullo de 2001.

Domingo Docampo Amoedo

Rector da Universidade de Vigo

ANEXO I

Exercicios de valoración

A) Fase de oposición.

A fase de oposición estará constituída polos seguintes exercicios selectivos e eliminatorios:

1º exercicio.-Consistirá en desenvolver por escrito catro temas de entre oito elixidos polo tribunal. O temario considerarase dividido en catro partes, a primeira integrada polos bloques de dereito comunitario e dereito administrativo; a segunda polos bloques de recursos humanos e xestión educativa e universitaria; a terceira polo bloque de xestión financeira; e a cuarta polo bloque de xerencia pública. Dos oito temas sorteados, corresponderán dous por cada unha das partes indicadas. Os aspirantes elixirán un tema de cada unha das partes.

O tempo máximo de realización será de 240 minutos.

Cualificarase de 0 a 100 puntos, sendo necesario obter 50 puntos para superalo.

2º exercicio.-Consistirá en contestar por escrito a dous supostos prácticos, de entre tres propostos polo tribunal, relacionados cos temas que figuran

no anexo II. Os supostos incluirán a elaboración dun informe.

O tempo máximo de realización será de 120 minutos.

Cualificarase de 0 a 100 puntos, sendo necesario obter 50 puntos para superalo.

B) Fase de concurso.

Valoraranse os seguintes méritos:

a) Antigüidade:

A antigüidade na Administración pública referida ó día de remate do prazo de presentación de solicitudes, valorarase ata un máximo de 32 puntos, a razón de:

-2 puntos por ano (0,17 por mes completo) de servicios prestados como funcionario de carreira ou funcionario interino do grupo B ou contratado laboral en postos de administración reservados a funcionarios do grupo B.

-1,2 puntos por ano (0,1 por mes completo) polos restantes servicios efectivos recoñecidos ó abeiro da Lei 70/1978, do 26 de decembro.

Non se computarán os servicios que se prestasen simultaneamente con outros igualmente alegados.

b) Grao persoal consolidado, segundo o grao persoal que se teña consolidado e formalizado a través do acordo de recoñecemento de grao pola autoridade competente o día de remate do prazo de presentación de solicitudes, outorgarase a seguinte puntuación:

GraoPuntos

2812

2711

2610

25 9

24 8

23 7

22 6

21 5

20 ou inferior 4

c) Nivel de complemento de destino, correspondente ó posto de destino definitivo que teña adxudicado a/o funcionaria/o o día de remate do prazo de presentación de solicitudes. Cualificarase do seguinte xeito:

NivelPuntos

2824

2722

2620

2518

2416

2314

2212

2110

20 ou inferior 8

d) Cursos: valorarase ata un máximo de 12 puntos, os cursos directamente relacionados coas funcións propias dos corpos e escalas do grupo B, de acordo cos seguintes criterios:

Certificado de aptitude ou aproveitamento: 0,12 puntos/hora.

Certificado de asistencia: 0,08 puntos/hora.

Curso de iniciación á lingua galega (ou validación): 0,08 puntos/hora (de non consta-la duración considerarase que esta foi de 60 horas).

Curso de perfeccionamento da lingua galega (ou validación): 0,12 puntos/hora (de non consta-la duración considerarase que esta foi de 75 horas).

No caso de acreditar máis dun grao de coñecemento só se computará o superior.

Cando no certificado non conste o número de horas, considerarase que a duración do curso é de 10 horas.

ANEXO II

Programa

I. Dereito comunitario.

1. As comunidades europeas: obxectivos e natureza xurídica. A adhesión de España ás comunidades. O Tratado da Unión Europea: efectos da unión política e económica.

2. As institucións das comunidades. O Consello de Ministros. A Comisión: especial referencia á súa estructura. O Parlamento Europeo. O Tribunal de Xustiza. O Consello Europeo.

3. O dereito comunitario. As súas fontes. Relacións entre o dereito comunitario e o ordenamento xurídico dos estados membros.

4. As funcións dos estados membros na aplicación do dereito comunitario en España. Papel das distintas administracións públicas.

5. O orzamento comunitario. A participación dos estados membros no proceso decisorio. A función pública comunitaria.

II. Dereito administrativo.

1. A Administración pública: concepto. A administración, as funcións e os poderes do Estado. O control lexislativo, xurisdiccional e político da administración. Administracións territoriais e institucionais. Organismos autónomos e sociedades estatais. Caracteres e diferencias.

2. A Administración pública e a norma xurídica. O principio de legalidade. A discrecionalidade da administración. Potestades regradas e potestades discrecionais. Relacións entre administración e xustiza.

3. As fontes do dereito administrativo. A primacía das fontes escritas no dereito administrativo. O valor do costume e os principios xerais do dereito. Leis: clases. Relacións entre lei e regulamento. Disposicións do executivo con forza de lei. O regulamento. Clases de regulamentos. Control.

4. Relación xurídico-administrativa. Concepto. Suxeitos da relación xurídico-administrativa. Personalidade xurídica das administracións públicas.

5. O acto administrativo. Concepto e clases. Elementos do acto administrativo: suxeito, causa, fin e forma. A eficacia do acto administrativo. Principios xerais. Executividade do acto administrativo. Procedementos de execución. Invalidez do acto administrativo. Nulidade de pleno dereito. Anulabilidade, validación e conversión. Irregularidades non invalidantes.

6. A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ámbito de aplicación. Principios informadores.

7. O procedemento administrativo xeral: iniciación, ordenación, instrucción e terminación.

8. Os procedementos especiais. O procedemento para a elaboración das disposicións de carácter xeral. As reclamacións previas ó exercicio de accións en vía xudicial.

9. Os dereitos do cidadán no procedemento administrativo. Réxime dos actos presuntos. As notificacións.

10. A potestade sancionadora da administración. Procedemento sancionador. Principios xerais. Sancións administrativas e medidas sancionadoras.

11. Os recursos administrativos. Concepto e clases. Requisitos xerais dos recursos administrativos. Materia recorrible, lexitimación e órgano competente. Os recursos na administración universitaria. A revisión de oficio dos actos administrativos. Procesos de lesividade.

12. A xurisdicción contencioso-administrativa. O recurso contencioso-administrativo.

13. Os contratos administrativos. Natureza, caracteres e clases. Elementos: suxeitos, obxecto, causa e forma. Formas de contratación. Contido e efectos dos contratos administrativos. Prerrogativas da administración. Cumprimento. Contratos de consultoría e servicios.

14. A responsabilidade patrimonial da Administración. Evolución histórica. Réxime xurídico actual.

15. O patrimonio privado das entidades públicas. Réxime xurídico. Potestades e réxime de adquisición, uso e alleamento. Os bens de dominio público. Réxime xurídico. Elementos. Suxeitos, obxectos, destinos. Protección.

16. A actividade administrativa de servicio público. A xestión directa dos servicios públicos. Normas de xestión dos servicios públicos. Modalidade de xestión indirecta, en especial a concesión. Empresas mixtas.

III. Recursos humanos.

1. O Estatuto dos traballadores. Principios xerais, estructura e contido. A Lei orgánica de liberdade sindical.

2. Os convenios colectivos: concepto, natureza, réxime xurídico. Partes. Procedemento. Contido.

3. O contrato de traballo. Concepto. Natureza. Suxeitos. Forma. Contido e réxime xurídico. Estructura.

4. Os conflictos colectivos. Concepto, tipos e procedemento de solución. Regulación.

5. A Seguridade Social. Réxime xeral. Afiliación e cotización. Acción protectora: continxencias e prestacións. Réximes especiais.

6. Selección dos funcionarios públicos. Adquisición da condición de funcionario público. Formación e perfeccionamento. A carreira administrativa. Perda da condición de funcionario.

7. Situacións administrativas. Función pública do Estado e comunidades autónomas. Deberes e incompatibilidades dos funcionarios públicos.

8. Os dereitos dos funcionarios públicos. Os dereitos económicos. Os dereitos de sindicación, representación e folga.

9. A responsabilidade dos funcionarios públicos e dos axentes da administración. Réxime disciplinario dos funcionarios públicos. Responsabilidade penal e patrimonial.

IV. Xestión financeira.

1. Os orzamentos do sector público. Significado político e económico. O déficit público: o seu financiamento e efectos económicos.

2. O orzamento. Concepto clásico e evolución das funcións do orzamento. Principios orzamentarios. Crise do orzamento clásico e novas técnicas orzamentarias, especial referencia ó orzamento por programas.

3. Aspectos básicos da xestión dos orzamentos xerais do Estado: orzamento de gastos. Nivel de vinculación de créditos orzamentarios. Gastos de proxección plurianual. Proxectos de investimentos vinculantes e non vinculantes. Obxectivos dos programas de gastos e indicadores para o seu seguimento.

4. A Lei xeral orzamentaria: características e estructura. A lei anual de orzamentos. Orzamentos xerais do Estado: a súa estructura.

5. O orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa estructura. A facenda da Comunidade Autónoma de Galicia. A elaboración anual do orzamento.

6. Modificacións orzamentarias: créditos extraordinarios e suplementos de crédito. Transferencias. Outras modificacións orzamentarias.

7. Procedemento común de execución do gasto público: autorización, compromiso de gasto. Recoñecemento da obrigación. Proposta de pagamento.

8. Procedemento de pagamento. O pagamento directo polo Tesouro público. Pagamentos a través de habilitados: anticipos de caixa fixa e pagamentos que se van xustificar.

9. Xestión dos gastos de persoal: retribucións dos empregados públicos. Devengo e liquidación. Os gastos de clases pasivas.

10. Xestión dos gastos contractuais: tipos de contratos, autorización e compromiso de gastos contractuais. Recoñecemento da obrigación e pagamento. Control dos gastos contractuais.

11. Xestión dos gastos de transferencias. As subvencións: procedemento da concesión. O recoñecemento da obrigación e pagamento das subvencións: reintegro e control.

12. O control da actividade económico-financeira do sector público. O control orzamentario: concepto, natureza e ámbito de aplicación. Control interno e externo. A intervención xeral. O Tribunal de Contas. Control da legalidade e control da eficiencia.

13. A contabilidade pública: contido, natureza e ámbito de aplicación. O Plan xeral da contabilidade pública. A Conta xeral do Estado.

14. Liquidación do orzamento e rendición de contas.

V. Xestión educativa e universitaria.

1. Sistema educativo: estructuras e niveis. A Lei de ordenación xeral do sistema educativo.

2. A Lei de reforma universitaria. A autonomía universitaria. Principios e liñas básicas do sistema educativo universitario. Reformas da L.R.U.

3. Profesorado universitario (I): clases e réxime xurídico. Selección. Dereitos e deberes.

4. Profesorado universitario (II): réxime de incompatibilidades. Retribucións. Dedicación.

5. Clases e réxime xurídico do persoal de administración e servicios. Especialidades.

6. As universidades. A súa natureza xurídica. Os estatutos das universidades públicas. Elaboración e aprobación. Posición e valor no ordenamento xurídico.

7. Réxime económico-financeiro das universidades públicas. Financiamento. O orzamento da Universidade de Vigo: elaboración, contido e estructura.

8. O patrimonio das universidades. Especial referencia ó patrimonio histórico-artístico xestionado polas universidades.

9. Taxas e prezos públicos no ámbito universitario.

10. Os Estatutos da Universidade de Vigo. Estructura e contido. O desenvolvemento estatutario.

VI. Xerencia pública.

1. A Administración ó servicio do público. Os procesos de modernización das administracións públicas. A calidade nos servicios públicos e os procesos de mellora continua.

2. Particularidades da xestión pública. O cambio organizacional. A resistencia ó cambio. Importancia dos postos xerenciais e a súa actuación no cambio organizacional.

3. Os conflictos nas organizacións. Técnicas de xestión de conflictos. A negociación.

4. A formulación de políticas públicas. Identificación de necesidades, problemas e alternativas.

5. A execución de políticas públicas. Os seus obxectivos; tipos e métodos; participantes e destinatarios da avaliación. Sistemas de avaliación de servicios públicos.

6. Planificación da xestión pública. A planificación estratéxica e operativa. A planificación de investimentos. Análise de custos.

7. O orzamento como instrumento de planificación, como instrumento de administración e xestión e como mecanismo xeral de coordinación. O ciclo orzamentario: as súas fases.

8. A dirección por obxectivos. A programación de proxectos. A técnica PERT-tempo. Outras técnicas.

9. O control da actuación pública. Control estratéxico e control da xestión. O control externo da xestión pública. Indicadores de xestión dos servicios públicos.

10. Desenvolvemento dunha cultura ó servicio da calidade. Proceso dun plan de mellora da calidade. Retroalimentación. Xestión de calidade. Organización para a xestión da calidade. Redeseño e mellora do proceso.

11. Sistemas de información para a dirección e para a xestión. A informática como ferramenta de dirección e xestión. Planificación de actividades, diagrama de procesos, seguemento de proxectos, control orzamentario. A informática como elemento de comunicación e de traballo en equipo. A informática e a modernización dos procesos administrativos.

12. A comunicación. O proceso de comunicación. Tipos de comunicación: oral e escrita; formal e informal; ascendente e descendente. Funcións e disfuncións da comunicación. Análise funcional. Efectos da comunicación.