Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Mércores, 29 de agosto de 2001 Páx. 11.572

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2001, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, pola que se fai pública a clasificación do monte denominado Seixo, integrado por dúas parcelas denominadas Seixo-1 e Seixo-2, por solicitude dos veciños do lugar da Touza, parroquia de Armeses, do concello de Maside.

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense acordou, na sesión que tivo lugar o catro de xullo de dous mil un, adopta-lo seguinte acordo:

Visto o expediente de clasificación do monte como veciñal en man común denominado monte do Seixo, integrado por dúas parcelas denominadas Seixo-1 e Seixo-2, por solicitude dos veciños do lugar da Touza, parroquia de Armeses, do concello de Maside (Ourense)

Resultando que con data 21 de agosto de 1998 tivo entrada no rexistro da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente en Ourense escrito dirixido ó Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común asinado polos veciños do lugar da Touza, parroquia de Armeses, concello de Maside (Ourense), solicitando que se declare o monte do Seixo integrado por dúas parcelas denominadas Seixo-1 e Seixo-2, como veciñal en man común.

Resultando que o xurado provincial, en sesión celebrada en data 14 de xullo de 1999, acordou tomar en consideración o citado escrito e inicia-lo expediente de clasificación do monte, designando instructores del a Miguel Ángel González Trigás e Míriam Areal López, que aceptaron tal cargo, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade do Carballiño, e remitíndose

comunicacións dirixidas ós veciños do lugar da Touza, ó presidente da Deputación Provincial de Ourense, ó alcalde do Concello de Maside, á delegación provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, á Xerencia Territorial do Catastro, e ó xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais, e á delegación provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria: ó xefe do Servicio de Estructuras Rurais, publicándose edictos no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios do Concello de Maside , durante o prazo dun mes segundo consta en dilixencia expedida ó dorso do edicto polo secretario do citado concello, para que durante o prazo sinalado en edictos os interesados puidesen comparecer ou intervir nel, en defensa dos seus dereitos, e non consta presentada ningunha alegación.

Resultando que a anotación preventiva de iniciación do expediente, se practicou no Rexistro da Propiedade do Carballiño, como segue:

Asento número 346, do Diario 33, Anotación letra A a favor do lugar da Touza, Armeses, facendo consta-la existencia do expediente de iniciación de clasificación do predio como monte veciñal en man común e que o predio pode quedar afectado pola resolución final daquel que con data do 15 de decembro de 2000, se iniciou no folio 69, do libro 64 de Maside, tomo 477, predio 7.094.

Resultando que na tramitación do expediente se cumpriron tódalas formalidades legais.

Considerando que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten xurisdicción e competencia para coñece-los expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o teor do establecido no artigo 9 da citada lei.

Considerando que o tipo de comunidade xermánica que institúe a Lei de montes veciñais en man común ten como características esenciais as seguintes:

1) Que os condominios se unen por vínculos persoais de veciñanza agrupados en parroquias, aldeas, lugares, casaríos ou barrios non constituídos formalmente en entidades municipais;

2) Que, polo tanto, o número de titulares é variable e indeterminado;

3) Que o patrimonio colectivo é utilizado e aproveitado polo veciño, en canto membro da agrupación veciñal, faltando a idea de cota no sentido xurídico-romano;

4) Que o patrimonio e a participación é inalleable, imprescritible e inembargable; e

5) Que a comunidade é indivisible, non podendo os comuneiros pedi-la actio communi dividumdo.

Considerando que segundo informacións e testemuños resulta que os montes citados son aproveitados e posuídos en réxime de comunidade xermánica polos veciños do lugar da Touza, parroquia de Armeses, no concello de Maside.

Os datos do citado monte son os que se referencian na parte dispositiva deste acordo.

Considerando que das informacións recollidas resulta que os veciños do lugar da Touza, parroquia de Armeses, están conformes coa clasificación do citado monte como veciñal en man común.

Considerando que, segundo o teor do disposto na Lei de montes veciñais en man común, o expediente de clasificación se iniciou por acordo do xurado, por instancia dos veciños do lugar da Touza parroquia de Armeses, para que este xurado puidese acorda-la iniciación do expediente de clasificación.

Vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, o Decreto 260/1992, do 4 de setembro, así como o establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, do 26 de novembro de 1992.

Visto o Decreto 482/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente.

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, á vista dos antecedentes e fundamentos expostos e por unanimidade dos seus membros:

ACORDA:

Primeiro.-Clasifica-lo monte denominado monte do Seixo, integrado por dúas parcelas denominadas Seixo-1e Seixo-2, de 59.734 m aproximadamente en conxunto de superficie a favor dos veciños do lugar da Touza, parroquia de Armeses, no concello de Maside (Ourense), e cos datos que a seguir se relacionan, coma veciñal en man común, en réxime de comunidade xermánica.

Os datos do citado monte son:

Concello: Maside.

Denominación: monte do Seixo integrado por dúas parcelas denominadas Seixo-1 e Seixo-2.

Comunidade propietaria: Lugar da Touza ( parroquia de Armeses).

Superficie: 59.734 m, en conxunto, aproximadamente.

Neste monte atópanse os seguintes elementos:

-Mina e depósito de auga para toda a aldea.

-Unha antena e unha caseta de telefónica.

-Unha antena e unha caseta de TV.

-Unha liña telefónica que cruza de norte a sur.

Parcela Seixo-1:

Superficie: 58.289 m.

Estremas:

Norte: estrada da Touza a Piñeiro.

Sur: camiño público, Manuel Caride González e Concepción Puga Álvarez.

Leste: Concepción Puga Álvarez, Filemón Abellás González, Concepción Puga Álvarez, Benigno Fernández Míguez, Benigno Puentes Castro e Manuel González González.

Oeste: estrada da Touza a Piñeiro, Luís González Domínguez, Manuel García Álvarez, herdeiros de Emilia San Mamez Castro e camiño público.

Parcela Seixo-2:

Superficie: 1.445 m.

Estremas:

Norte: Concepción Puga Álvarez, Manuel García Álvarez, Francisco Vázquez Lois e Lidia García González.

Sur: estrada da Touza a Piñeiro.

Leste: estrada da Touza a Piñeiro e Antonio González Estévez.

Oeste: estrada da Touza a Piñeiro e herdeiros de José Lois González.

Segundo.-Que se proceda á exclusión do citado monte de calquera inventario, catálogo ou rexistro público no que poidan figurar inscritos a favor de persoa ou entidade distinta á que agora se asigna a súa pertenza.

Notifíquese esta resolución ó alcalde-presidente do Concello de Maside, ós representantes da comunidade veciñal, ó xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais, ós que se lles fará saber que esta resolución, que pon fin á vía administrativa, pode ser obxecto de recurso de reposición potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, ámbolos dous prazos a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia (artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa).

O que por orde do presidente do Xurado Provicial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, se fai público no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento.

Ourense, 4 de xullo de 2001.

Míriam Areal López

Secretaria do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense

Visto e prace

Agustín Prado Verdeal

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común de Ourense