Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Xoves, 16 de agosto de 2001 Páx. 11.028

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

EDICTO do 21 de xuño de 2001, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolve a clasificación do monte Silvoso pertencente ó lugar de Silvoso da parroquia da Insua do concello de Ponte Caldelas.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra dictou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente:

José Luis Díez Yáñez (Delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente).

Vocais:

Luis Mª Muíños Vidueira (letrado da Asesoría Xurídica da Xunta).

Teodoro Arribas Serrano (Xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais).

Vocais representantes do lugar de Silvoso da parroquia da Insua do concello de Ponte Caldelas:

Cándido Santoro Lorenzo.

Manuel Barreiro Barros.

Cándida Piñeiro Peso.

Secretaria.

Mª José León Gómez (Xefa do Servicio Técnico-Xurídico da Delegación de Medio Ambiente).

Na cidade de Pontevedra, sendo as dezasete horas do día vinte de xuño de 2001, coa asistencia das persoas á marxe citadas, reúnese na 3ª planta do edificio sito no nº 47 da rúa Benito Corbal o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir sobre a clasificación do monte Silvoso do lugar de Silvoso da parroquia da Insua do concello de Ponte Caldelas.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Por Cándido Santoro Lorenzo, na cualidade de presidente da comunidade veciñal do lugar de Silvoso da parroquia da Insua do concello de Ponte Caldelas, solicitouse con data 26-6-1997, a iniciación dos trámites para a clasificación como veciñal en man común do monte Silvoso sito no lugar de Silvoso da parroquia da Insua do concello de Ponte Caldelas.

Segundo.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais na súa reunión de data 24-2-1999 acordou inicia-los trámites para a clasificación do referido monte, así como a remisión do expediente ó Servicio de Montes e Industrias Forestais da Delegación Provincial de Medio Ambiente para o seu estudio e informe, nomeándose instructor do expediente a Serafín Quinteiro Blanco.

Terceiro.-Cumprida e observada a tramitación legal e regulamentariamente esixida, procedeuse á apertura do trámite de audiencia, non formulándose oposición á clasificación solicitada.

Cuarto.-Por acordo do xurado na reunión celebrada en data 29-11-2000, e como consecuencia do cesamento a petición propia do instructor nomeado, noméase instructor do expediente a José Luis Díez Yáñez.

Quinto.-Polo que afecta a parcela da que se solicita a súa clasificación, atópase situada entre Silvoso e o río Verdugo, na que vexetan especies arbustivas do xénero Ulex (toxo), con algunha rexeneración de frondosas autóctonas nas partes lindantes co río Verdugo e obedece á seguinte descrición:

Nome do monte: Silvoso.

Cabida: 21,32 ha.

Lindes:

Norte: predios particulares.

Sur: predios particulares e monte comunal.

Leste: camiño veciñal e casas de Silvoso.

Oeste: río Verdugo.

Descrición do perímetro: comezando pola esquina NE do monte, partimos da intersección do camiño da Insua a Silvoso, cos muros que delimitan cos predios particulares. Dirixíndonos cara ó oeste, baixamos en dirección ó río Verdugo polo límite dos predios particulares, sendo estes dos seguintes propietarios: José Vidal Peso, Deolinda Piñeiro Amoedo, Isaura Peso Garrido, Almeninda Piñeiro Amoedo e Luciano Amoedo, en onde o lindeiro toma dirección sur seguindo o curso do río Verdugo ata unha presa en onde empeza a subir en dirección leste lindando con monte comunal e posteriormente coas propiedades de Serafín Santoro Arpera, José Garrido Vilariño, Francisco Santoro, Isaura Peso Garrido e José Santoro Arpera onde o linde toma dirección norte por unha verea e as casas de Silvoso ata chegar ó camiño veciñal da Insua a Silvoso polo que continúa ata pecha-lo perímetro no punto de inicio.

Fundamentos de dereito.

1. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñece-los expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter a teor do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2. Trátase dunha parcela ben delimitada que inclúe dentro do seu perímetro un campo de fútbol, un parque infantil e un depósito de auga. No resto do monte vexetan especies arbustivas do xénero Ulex (toxo) con algunha rexeneración de frondosas autóctonas nas partes lindantes co río Verdugo. Segundo informes que figuran no expediente o monte atópase practicamente raso e é aproveitado polo común dos veciños. Do mesmo queda constancia no expediente segundo o manifestado polo alcalde de Ponte caldelas. A parcela atópase perfectamente delimitada por camiños, muros e río Verdugo, considerándose abondosa a planimetría achegada para identifica-lo monte sobre o terreo.

3. O aproveitamento e desfrute do monte corresponde desde tempo inmemorial ós veciños do lugar de Silvoso, sen asignación de cotas.

4. De conformidade co establecido no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, así como no artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, cómpre entender por montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades productivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa cualidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento veciñal de feito do dito monte por parte dos veciños. No presente caso, tanto dos informes realizados polo técnico competente como polo manifestado polo alcalde de Ponte Caldelas, dedúcese que efectivamente o monte en cuestión cumpre suficientemente o recollido no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, propón a súa clasificación con tal carácter.

En consecuencia, vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación ó caso examinado, o instructor propón e de maneira unánime o xurado

ACORDA:

Clasificar como veciñal en man común a favor dos veciños do lugar de Silvoso da parroquia da Insua

do concello de Ponte Caldelas o monte Silvoso por terse demostrado, no curso do expediente, o aproveitamento veciñal de feito en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos veciños do lugar e reuni-los requisitos establecidos no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, correspondéndose coa planimetría elaborada para o efecto polo Servicio de Montes e Industrias Forestais que forma parte inseparable da presente resolución, e de acordo coa descrición do perímetro, cabida e lindes sinalada no antecedente de feito quinto.

Contra a presente resolución que poñe fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da presente notificación, de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Pontevedra, 21 de xuño de 2001.

José Luis Díez Yáñez

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra