Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Xoves, 16 de agosto de 2001 Páx. 11.026

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2001, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se fai pública a clasificación do monte Carqueixal, a favor dos veciños dos lugares de Verducedo, A Lama, Viloxe, A Cepada e Cascarballo, no concello de Montederramo (Ourense).

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense acordou, na sesión que tivo lugar o trinta de maio de dous mil un , adopta-lo seguinte acordo:

Visto o expediente de clasificación do monte como veciñal en man común denominado Carqueixal, a solicitude dos veciños dos lugares de Verducedo, A Lama, Viloxe, A Cepada e Cascarballo, no concello de Montederramo.

Resultando que con data 9 de abril de 1999 tivo entrada no rexistro da delegación provincial da Consellería de Medio Ambiente, en Ourense, escrito

dirixido ó Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común asinado polos veciños dos lugares de Verducedo, A Lama, Viloxe, A Cepeda e Cascarballo, da parroquia de San Cosme, no concello de Montederramo, solicitando que se declare o monte Carqueixal como veciñal en man común.

Resultando que o xurado provincial en sesión do día 30 de xuño de 1999 acordou tomar en consideración o citado escrito e inicia-lo expediente de clasificación do monte designando instructores do mesmo a Abel Carbajales Santaeufemia e Jose Ramón Goyanes Flores, que aceptaron tal cargo, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade da Pobra de Trives, e remitíndose comunicacións dirixidas ós veciños representantes dos lugares anteditos, ó presidente da Deputación Provincial de Ourense, ó alcalde do Concello de Montederramo, á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria: Servicio de Estructuras e Desenvolvemento Rural, á Delegación Provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, á Xerencia Territorial do Catastro, e ó xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais, publicándose edictos no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios do Concello de Montederramo, durante o prazo dun mes segundo

consta en dilixencia estendida ó dorso do edicto polo secretario do citado concello, que durante o prazo sinalado en edictos para que os interesados puidesen comparecer ou intervir no mesmo, en defensa dos seus dereitos, non consta presentada ningunha alegación.

Resultando que a anotación preventiva de iniciación do expediente practicouse no Rexistro da Propiedade da Pobra de Trives, como segue:

Asento nº 1.117 do diario 19, anotación preventiva letra A.

Resultando que na tramitación do expediente cumpríronse tódalas formalidades legais.

Considerando que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten xurisdicción e competencia para coñece-los expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter a teor do establecido no artigo 9 da citada lei.

Considerando que o tipo de comunidade xermánica que institúe a Lei de montes veciñais en man común ten como características esenciais as seguintes:

1. Que os condominios únense por vínculos persoais de vecindade agrupados en parroquias, aldeas, lugares, casareos ou barrios non constituídos formalmente en entidades municipais;

2. Que polo tanto o número de titulares é variable e indeterminado;

3. Que o patrimonio colectivo é utilizado e aproveitado polo veciño, en canto membro da agrupación veciñal, faltando a idea de cota no sentido xurídico-romano;

4. Que o patrimonio e a participación é inalleable, imprescritible e inembargable; e

5. Que a comunidade é indivisible, non podendo os comuineiros pedi-la actio communi dividundo.

Considerando que segundo informacións e testemuños resulta que os montes citados son aproveitados e posuídos en réxime de comunidade xermánica polos veciños dos lugares de Verducedo, A Lama, Viloxe, A Cepada e Cascarballo, no concello de Montederramo.

Considerando que das informacións recollidas resulta que os veciños dos lugares de Verducedo, A Lama, Viloxe, A Cepada e Cascarballo están conformes coa clasificación do citado monte como veciñal en man común.

Considerando que a teor do disposto na Lei de montes veciñais en man común, o expediente de clasificación iniciouse por acordo do xurado, a instancia dos veciños dos lugares de Verducedo, A Lama, Viloxe, A Cepada e Cascarballo da parroquía de San Cosme, para que este xurado poida acorda-la iniciación do expediente de clasificación.

Considerando que no recoñecemento en campo se comproba que a superficie do monte é de sete (7) hectáreas, tres (3) menos das solicitadas, concretándose o seu perímetro e precisando os lindeiros, tal e como se reflictan na parte dispositiva do acordo.

Vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu Regulamento do 4 de setembro de 1992, así como o establecido na Lei de procedemento administrativo de 30 de novembro de 1992.

Visto o Decreto 482/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura da Consellería de Medio Ambiente.

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man común, á vista dos antecedentes e fundamentos expostos e por unanimidade dos seus membros

ACORDA:

Primeiro.-Clasifica-lo monte denominado Carqueixal, de sete (7) hectáreas de superficie, aproximadamente, a favor dos veciños dos lugares de Verducedo, A Lama, Viloxe, A Cepada e Cascarballo, parroquia de San Cosme, no concello de Montederramo (Ourense), e cos datos que a seguir se relacionan, como veciñal en man común, en réxime de comunidade xermánica.

Os datos do citado monte son:

Concello: Montederramo (Ourense).

Denominación: monte Carqueixal.

Comunidade propietaria: veciños de Verducedo, A Lama, Viloxe, A Cepada e Cascarballo (parroquia de San Cosme).

Superficie total: 7 ha aproximadamente.

Estremas:

Norte: leiras particulares pola divisoria de augas.

Sur: leiras particulares de Antonio González González e Andrés Fernández Domínguez (veciños de Verducedo), e polo regato Forcha co m.v.m.c. Murriosa da parroquia de San Cosme, no concello de Montederramo.

Leste: pola pista forestal co m.v.m.c. Partido de Fontedoso e Mazaira, no concello de Montederramo.

Oeste: leira particular de José Gómez Gómez.

Descrición do perímetro:

Partindo do punto sito máis ó sur (1), sobre a pista forestal, a liña segue pola dita pista na dirección norte uns 90 metros, ata un punto (2), sito fronte a unhas pendentes de roca de lousa . Entre os puntos (1) e (2) limita polo leste co monte m.v.m.c. Partido de Fontedoso e Mazaira. Desde o punto (2) a liña ascende ó alto sinalado no plano co número (3), de 1.205 metros de altitude. Desde este alto, a liña segue na dirección noroeste, baixando pola divisoria de augas, ata atopar no punto (4), unha leira particular de José Gómez Gómez, veciño de Viloxe. Desde este punto e ata o punto (5), bordea a leira citada na dirección suroeste. Desde o punto (5) ó (6) bordea na dirección surleste, as leiras de Antonio González González e Andrés Fernández Domínguez, sitas entre o arroio Forcha, e o monte que se describe. Desde o punto (6) ó (1) a liña discorre pola valgada que continúa o arroio Forcha na dirección leste, lindando co m.v.m.c. Murriosa da parroquia de San Cosme.

Segundo.-Que se proceda á exclusión do citado monte de calquera inventario, catálogo ou rexistro público no que poidan figurar inscritos a favor de persoa ou entidade distinta á que agora se asigna a súa pertenza.

Notifíquese esta resolución ó alcalde-presidente do Concello de Montederramo, ós representantes da comunidade veciñal, ó xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais, ós que se lles fará saber que esta resolución que pon fin á vía administrativa, pode ser obxecto de recurso de reposición potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, ámbolos dous prazos a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia (artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa).

O que por orde do presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común

se fai público no Diario Oficial de Galicia, para xeral coñecemento.

Ourense, 30 de maio de 2001.

Miriam Areal López

Secretaria do Xurado provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense

Visto e prace

Agustín Prado Verdeal

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense