Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Martes, 14 de agosto de 2001 Páx. 10.959

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 20 de xullo de 2001 pola que se convoca concurso para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Xunta de Galicia, reservados ó persoal funcionario pertencente á escala específica á que se refire a disposición transitoria quinta da Lei 4/1988, do 26 de maio.

Por resolución da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 8 de outubro de 1999 ordenouse a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 7 de outubro de 1999, polo que se aprobou a nova relación de postos de traballo da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, na que figuran como vacantes diversos postos reservados ó persoal funcionario pertencente á escala específica adscrita á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, á que se refire a disposición transitoria quinta da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Segundo dispón o artigo 27 da dita lei, o concurso constitúe o sistema normal de provisión de postos de traballo vacantes na Administración.

Polo anterior, esta consellería, no uso das facultades atribuídas polo artigo 15.8º a) da Lei 4/1988, do 26 de maio, e de conformidade co establecido na citada lei, modificada pola Lei 3/1995, do 10 de abril, o Decreto 93/1991, do 20 de marzo, o artigo 18 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública modificado pola Lei 13/1996, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social, e demais normas concordantes, acorda convoca-lo presente concurso de méritos para a provisión dos postos de traballo vacantes e dotados orzamentariamente que se relacionan no anexo I da presente orde de conformidade coas seguintes

Bases

I. Requisitos de participación.

I.1. Só poderán participar no presente concurso os funcionarios/as da Administración Xeral da Xunta de Galicia, pertencentes á escala específica adscrita á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, prevista na disposición transitoria quinta da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia (Escala de Confrarías de Pescadores), que reúnan os requisitos esixidos para desempeña-los postos ós que se opta conforme o especificado en cada caso no anexo I da presente convocatoria, salvo aqueles que leven menos de dous anos desempeñando un posto definitivo obtido por concurso.

I.2. Están obrigados a participar no presente concurso os funcionarios da Administración xeral da Xunta de Galicia, pertencentes á escala especificada no parágrafo anterior, que estean en situación de

destino provisional nela e reúnan os requisitos esixibles na presente convocatoria e anexos correspondentes, debendo solicitar tódolos postos de traballo ós que poidan acceder, todo iso de conformidade co establecido no artigo 58 da Lei 4/1988, do 26 de maio, modificado pola Lei 3/1995, do 10 de abril. No suposto de incumprimento do anterior serán declarados de oficio en situación de excedencia voluntaria.

I.3. Poderán solicitarse por orde de preferencia as vacantes que se inclúen no anexo I desta orde, sempre que se reúnan as condicións esixidas nel.

Os erros manifestos que puideran advertirse, poderán ser emendados de oficio ou a petición da parte interesada e serán apreciados libremente por parte da comisión de valoración á que se fai referencia na base VI.

I.4. Así mesmo, os funcionarios que o desexen poderán solicita-los postos que resulten vacantes a consecuencia da resolución deste concurso, especificando a súa preferencia de acordo cos seguintes datos:

-Localidade (por orde de preferencia).

-Nivel do posto de traballo ó que se opte (especificando o nivel mínimo que se solicita). Os postos resultantes adxudicaranse de acordo coas puntuacións obtidas de conformidade co baremo que rexe neste concurso.

I.5. Unha vez transcorrido o período de presentación de instancias, as solicitudes formuladas serán vinculantes para o peticionario e os destinos adxudicados serán irrenunciables, salvo que se obtivese outro destino mediante convocatoria pública antes de finaliza-lo prazo de toma de posesión.

II. Valoración de méritos.

A valoración dos méritos para a adxudicación dos postos de traballo efectuarase conforme o seguinte baremo:

II.1. Antigüidade.

Valoraranse os servicios prestados nas administracións públicas, ata un máximo de 8,5 puntos. Para estes efectos computaranse os recoñecidos polo órgano competente que se prestasen con anterioridade á condición de funcionario. Non se computarán os servicios prestados simultaneamente con outros igualmente alegados, é dicir, non se valorarán os servicios prestados no punto a), sempre que se valoren para ese período os servicios prestados no punto b).

A valoración realizarase segundo os seguintes criterios:

a) Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de servicios como funcionario de carreira: 0,15 puntos.

Puntuación máxima deste epígrafe: 4,5 puntos.

b) Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de servicios como funcionario de carreira, desempeñando funcións de secretario dos órganos de goberno da confraría, circunstancia que se acreditará documentalmente achegando certificación do libro de actas da confraría, expedida polo patrón maior, facendo consta-lo nomeamento como tal e a súa data: 0,20 puntos.

Puntuación máxima deste epígrafe: 4 puntos.

II.2. Grao persoal consolidado.

Polo nivel 10 de grado consolidado: 1 punto.

Por cada unidade de nivel que exceda de 10: 0,15 puntos.

Puntuación máxima deste epígrafe: 4 puntos.

Nos supostos en que os funcionarios non teñan consolidado ningún grao persoal ou este sexa inferior a 10 computarase, para os efectos de puntuación no presente epígrafe, o nivel mínimo correspondente ó intervalo de niveis do grupo do corpo ou da escala á que pertenza o funcionario.

II.3. Valoración do traballo desenvolvido.

A valoración do traballo desenvolvido efectuarase de acordo cos seguintes criterios:

Só se computarán os traballos desenvolvidos nos últimos cinco anos como funcionario de carreira nos distintos grupos.

A valoración efectuarase da seguinte forma:

a) Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, sempre que o posto solicitado sexa inferior ó posto desempeñado en máis de dous niveis: 0,60 puntos.

b) Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, cando o posto desempeñado e o solicitado teñan igual nivel ou ó posto solicitado sexa inferior o posto desempeñado ata dous niveis: 0,40 puntos.

c) Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de traballo desenvolvido, sempre que o posto solicitado sexa de nivel superior ó desempeñado: 0,20 puntos.

Para os efectos anteriores, os servicios prestados na situación de comisión de servicios puntuaranse como realizados no posto de orixe do funcionario.

Puntuación máxima deste epígrafe: 3 puntos.

II.4. Cursos de formación e perfeccionamento.

Por cursos organizados e impartidos directamente pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e os seus institutos e escolas oficiais de ensinanzas náutico-pesqueiras, pola Escola Galega de Administración Pública, INAP, escolas oficiais de formación das restantes comunidades autónomas, universidade e Inem, así como os cursos informados favorablemente pola EGAP ou homologados por esta ou polo INAP, todos eles relacionados coas funcións propias do posto ó que se opte.

A valoración dos cursos farase de acordo cos seguintes criterios:

a) Por cada curso de aproveitamento igual ou superior a 40 horas lectivas: 0,40 puntos.

b) Por cada curso de aproveitamento inferior a 40 horas: 0,25 puntos.

c) Por cada curso con diploma de asistencia: 0,15 puntos.

d) Pola asistencia, debidamente acreditada, ó 1º Curso básico de formación administrativa de funcionarios da escala de confrarías (40 horas): 0,40 puntos.

e) Pola asistencia, debidamente acreditada, ó 2º Curso básico de formación administrativa de funcionarios da escala de confrarías (64 horas): 0,40 puntos.

Puntuación máxima deste epígrafe: 3 puntos.

Non se valorarán os diplomas relativos á celebración de xornadas, seminarios, simposios e similares.

Non se puntuarán os cursos que xa foron valorados noutro epígrafe do baremo.

II.5. Grao de coñecemento do idioma galego.

Iniciación ó galego: 1 punto.

Perfeccionamento de galego: 2 puntos.

Linguaxe administrativa, nivel medio de linguaxe administrativa local galega ou de linguaxe xurídica galega, os ciclos elemental e superior dos estudios de galego das escolas oficiais de idiomas: 3 puntos.

En caso de acreditar máis dun grao de coñecemento de galego, só se computará o superior.

Só se lle concederá validez, no que se refiere á acreditación do coñecemento do galego, ós cursos, estudios ou titulacións homologadas pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

II.6. Polo grupo ó que pertence o funcionario e desde o que participa no concurso outorgaranse os seguintes puntos.

Por pertencer ó grupo A: 5 puntos.

Por pertencer ó grupo B: 4 puntos.

Por pertencer ó grupo C. 3 puntos.

Por pertencer ó grupo D: 2 puntos.

Por pertencer ó grupo E: 1 puntos.

II.7. Titulacións académicas.

-Graduado escolar, formación profesional de 1º grado ou equivalente: 0,20 puntos.

-Título de bacharelato superior, formación profesional de 2º grao ou equivalente: 0,40 puntos.

-Título de enxeñeiro técnico, diplomado universitario, arquitecto técnico ou equivalente: 0,60 puntos.

-Título de licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalente: 0,80 puntos.

-Título de doutor: 1 punto.

Valoraranse as titulacións académicas distintas ás requiridas para o acceso ó corpo desde o que se concurse, agás que sirvan de base para obte-la titulación superior que se invoque, valorándose neste caso só esta última.

Non se terán en conta as titulacións que serviran de base para a obtención dunha superior.

Puntuación máxima deste epígrafe: 3 puntos.

Para os efectos de equivalencia de titulación só se admitirán as establecidas polo Ministerio de Educación e Ciencia con carácter xeral e válidas para tódolos efectos (debendo citar a continuación a disposición na que se establece a equivalencia e o BOE no que se publica).

II.8. A orde de prioridade para a adxudicación das prazas será determinada pola puntuación obtida de acordo co baremo anterior.

En caso de empate nas puntuacións acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados seguindo a orde establecida nos diferentes epígrafes desta base.

Tódolos méritos considerados nesta base computaranse ata a data de finalización do prazo de presentación de instancias.

De persisti-lo empate, resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido, e de ser igual polo segundo, a partir da letra resultante no sorteo que tivo lugar o día 13 de febreiro de 2001 (DOG nº 39, do 23 de febreiro). En último lugar solventaríase por sorteo entre os implicados.

III. Documentación.

III.1. Os datos relativos ás circunstancias persoais e administrativas dos concursantes, así como os concernentes ós méritos que aduzan, acreditaranse debidamente e deberán posuírse na data de finalización do prazo de presentación de instancias.

III.2. Os méritos, requisitos e datos imprescindibles deberán ser acreditados mediante certificado, que se acompañará coa instancia que se presente, segundo o modelo que figura como anexo III, debendo achegar á dita certificación o funcionario competente que certifique as fotocopias da documentación correspondente ás distintas situacións e méritos que se invoquen, que formarán parte integrante da certificación e presentaranse cotexadas fidedignamente debendo numerarse de acordo co indicado modelo, significando que non se valorarán aqueles méritos que para a/as comisión/s non estivesen suficientemente acreditados. Estas certificacións serán expedidas polas unidades seguintes, de acordo co destino de cada funcionario.

-Servicios centrais: secretario xeral, subdirector xeral ou xefe de servicio que teñan atribuídas fun

cións en materia de xestión de persoal, dependentes da secretaría xeral da consellería.

-Servicios periféricos: secretarios, ou se é o caso, funcionario responsable da área de persoal das delegacións territoriais ou comarcais da consellería.

IV. Solicitudes.

IV.1. As solicitudes para tomar parte no presente concurso dirixiranse ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e axustaranse ó modelo que se publica como anexo II desta orde, debendo presentarse a partir do día seguinte ó da finalización da publicación da convocatoria e dos seus anexos no DOG, ata o 7-9-2001, nos rexistros xerais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, nas súas delegacións territoriais e oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

IV.2. Os funcionarios con algunha discapacidade poderán instar, no caso de que lles fora adxudicado algún dos postos solicitados, a adaptación de medios materiais para o desempeño do dito posto, e a comisión de valoración poderá reclamarlle ó interesado, mediante entrevista, a información que considere precisa para a adaptación aducida, e igualmente, se é o caso, de consideralo oportuno, o dictame correspondente.

IV.3. Se por razóns de convivencia familiar, estivesen interesados nas vacantes que se anuncian para este concurso para unha mesma localidade dous funcionarios, se reúnen os requisitos esixidos, aínda que pertenzan a distintos corpos ou escalas, poderán condiciona-la súa petición ó feito de que ámbolos dous obteñan destino na mesma localidade, entendéndose en caso contrario anulada a petición efectuada por ámbolos dous. Os funcionarios que se acollan a esta petición condicional deberán concretalo na súa instancia e xuntar unha fotocopia da petición do outro funcionario.

IV.4. Unha vez transcorrido o período de presentación de instancias, non poderá renunciarse ás solicitudes formuladas e estas serán vinculantes para o peticionario e os destinos adxudicados serán irrenunciables, tanto no que se refiere á base I.4 como á I.5, salvo que se obteña outro destino mediante convocatoria pública antes de remata-lo prazo de toma de posesión.

V. Lista de admitidos e excluídos.

V.1. Expirado o prazo de presentación de instancias, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, dictará resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia na que se declarará aprobada a lista de admitidos e exluídos con indicación do lugar no que se atopan expostas.

V.2. Os excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir do seguinte ó da publicación da resolución, para poder emendar, se é o caso, o defecto que motivase a exclusión. Para tal efecto a esti

mación ou desestimación das ditas peticións de emendas entenderanse implícitas na resolución pola que se publique a lista definitiva.

Unha vez transcorrido o dito prazo, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura dictará resolución definitiva, contra a que se poderá interpoñer recurso potestativo de reposición ante a dita consellería, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderase impugnar directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co establecido no artigo 14.2º da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

VI. Comisión de valoración.

VI.1. A valoración dos méritos alegados polos concursantes para a adxudicación dos postos de traballo vacantes será efectuada polas comisións de valoración que prevé o artigo 12 do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna coa composición establecida nel. Estas comisións terán a categoría primeira das previstas no Decreto 299/1990, do 24 de maio, e serán nomeadas polo órgano convocante. Os acordos da comisión adoptaranse por maioría dos seus membros.

VI.2. Poderá nomearse máis dunha comisión de valoración cando iso fose necesario polo número de solicitantes.

Neste suposto corresponderalle á comisión de valoración número un resolver cantas consultas, interpretacións, criterios de valoración e de unificación poidan presentarse nas comisións sobre as normas que rexen o concurso, así como a coordinación das restantes comisións e recibi-los expedientes destas relativos ás correspondentes valoracións do concurso, e eleva-la proposta para a adxudicación da totalidade das prazas.

VI.3. A/as comisión/s poderán decidir incorporar ós seus traballos asesores, para aquelas tarefas que o requirisen. A proposta de designación destes faraa a comisión número un, procedéndose ó seu nomeamento polo órgano convocante.

VI.4. A proposta de adxudicación dos postos de traballo ofertados recaerá en todo caso sobre o concursante que obtivera maior puntuación conforme o baremo establecido na base II, así como, se é o caso, conforme os criterios de desempate fixados na base II.8.

VI.5. Unha vez efectuada a proposta provisional da comisión de valoración para a adxudicación dos destinos farase pública no DOG mediante unha resolución da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura. Os concursantes poderán formula-las oportunas reclamacións, se é o caso, contra a dita proposta ante esta consellería no prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ó da publicación, que se presentarán no rexistro xeral da Consellería de Pes

ca, Marisqueo e Acuicultura, nas súas delegacións territoriais e oficinas comarcais da dita consellería, ou nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

VI.6. Examinadas e resoltas pola/as comisión/s as reclamacións, se é o caso, presentadas, procederase a elevar proposta definitiva de resolución do concurso, que será resolta por unha orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, que se publicará no DOG e na que figurarán os destinos adxudicados a cada un dos participantes.

Para tal efecto a estimación ou desestimación das reclamacións entenderanse implícitas na citada orde.

VII. Adxudicación de destinos.

VII.1. Os destinos adxudicados serán irrenunciables, salvo que con anterioridade á finalización do prazo posesorio se obteña outro destino mediante convocatoria pública, ben polo procedemento de libre designación ou por concurso, en que poderán optar por un dos dous, estando obrigados a comunicar por escrito nos 3 días seguintes a opción realizada á Consellería da Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

VII.2. Os traslados que se deriven da resolución do presente concurso terán a consideración de voluntarios; en consecuencia non xerarán dereito á indemnización.

VIII. Toma de posesión.

VIII.1. A toma de posesión en tódolos postos adxudicados como consecuencia da celebración do presente concurso realizarase a partir da data que se faga constar na orde de resolución deste, desde a que se iniciará o cómputo dos prazos posesorios establecidos no artigo 14 do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna.

IX. Recursos.

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderase impugnar directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co establecido no artigo 14.2º da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2001.

P.D. (Orde 17-12-1997, DOG nº 246,

do 22 de decembro)

Miguel Ángel López Sieiro

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura