Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Martes, 14 de agosto de 2001 Páx. 10.951

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 31 de xullo de 2001 pola que se convocan bolsas de nova adxudicación para a realización de estudios de terceiro ciclo nas universidades do Sistema Universitario de Galicia.

O Real decreto 778/1998, do 30 de abril, polo que se regula o terceiro ciclo de estudios universitarios, a obtención e expedición do título de doutor e outros estudios de posgrao, estructura os estudios do terceiro ciclo en dous períodos: o primeiro deles constitúe o período de docencia e o segundo o período de investigación tutelado, e ámbolos dous teñen como finalidade a especialización do estudiante nun campo científico, técnico ou artístico determinado, así como a súa formación en técnicas de investigación.

En consecuencia, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, e a Consellería da Presidencia e Administración Pública, a través da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, decidiron poñer en marcha, de forma coordinada, un programa que contribúa ó financiamento dos estudios do terceiro ciclo nas universidades do Sistema Universitario de Galicia por parte daqueles alumnos que, en función da súa capacitación, poidan converterse en futuros investigadores e profesores universitarios, encargándose a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, da convocatoria de bolsas para a realización de estudios de terceiro ciclo por parte daqueles estudiantes que non a desfrutaron anteriormente, tanto no período de docencia como no de investigación tutelado, e a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento das prórrogas das ditas bolsas que corresponden o segundo ano dos

estudios de terceiro ciclo (período de investigación tutelado).

Esta actuación conxunta encádrase dentro de Programa de Promoción Xeral da Investigación do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento (1999-2001) aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 18 de decembro de 1998 (Resolución do 9 de febreiro de 1999, DOG do 22 de febreiro).

Polo que antecede,

DISPONSE:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse bolsas para a realización de estudios de terceiro ciclo nas universidades do Sistema Universitario de Galicia para aqueles estudiantes que non a desfrutaron anteriormente, tanto no período de docencia como no de investigación tutelado.

Estas bolsas teñen como finalidade contribuír ó financiamento dos estudios de terceiro ciclo daqueles alumnos que, en función da súa capacitación, poidan converterse no xerme dunha nova xeración de investigadores.

Artigo 2º.-Orzamento.

Para a concesión das bolsas destinarase un total de 79.560.000 pesetas con cargo á aplicación orza

mentaria 07.05.322C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2001 e 2002 de acordo coa seguinte distribución: 19.890.000 pesetas no ano 2001 e 59.670.000 no ano 2002.

Nembargantes, as cantidades antes citadas poderanse incrementar en función das peticións presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito ou da achega da Secretaría de Investigación e Desenvolvemento, en función do acordo asinado o 18 de xullo entre a conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e o secretario de Investigación e Desenvolvemento.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Requisitos dos solicitantes.

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Ter aprobadas tódalas disciplinas requiridas para a obtención do título de licenciado, de enxeñeiro ou de arquitecto por unha escola técnica superior, incluído o proxecto, se o houbese.

c) Estar admitido ou ter solicitada a admisión, no curso 2001/2002, en programas de terceiro ciclo impartidos nas universidades da Coruña, Santiago de Compostela ou Vigo. Así mesmo, os bolseiros deberán comprometerse a integrarse nun grupo de investigación dun centro público de investigación da Comunidade Autónoma para realizar actividades complementarias de formación.

2. Contía.

O importe total das devanditas bolsas será de 780.000 pesetas brutas.

3. Período de aproveitamento.

A duración destas bolsas é de 12 meses comprendidos entre outubro de 2001 e setembro de 2002. As bolsas concedidas poderanse prorrogar por unha soa vez e para un só programa de doutoramento, e de acordo coa normativa que se elabore para o efecto.

Artigo 4º.-Formalización das solicitudes e documentación.

As solicitudes, no modelo oficial que se publica como anexo I á presente orde, e que está á disposición dos interesados nas dependencias da Dirección Xeral de Universidades, nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia e na Internet no enderezo http://www.xunta.es/conselle/ceoug/dxu/index.htm, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, xunto coa seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI ou doutro documento acreditativo da nacionalidade do solicitante.

-Certificación académica detallada dos estudios de licenciatura, na que figuren as cualificacións obti

das, as súas datas de obtención e o número exacto de convocatorias investidas en cada materia (orixinal ou fotocopia compulsada).

No caso de estudios validados, deberá presentarse así mesmo certificación académica, de idénticas características, para os estudios de orixe.

Os que acceden ó 2º ciclo dunha licenciatura a través do correspondente curso de adaptación, por estar en posesión dun título de diplomado ou por ter realizado o 1º ciclo dalgunha titulación que permita o acceso, para efectos de determina-la media do expediente académico, deberán xuntar ademais da certificación correspondente ó curso de adaptación 4º e 5º, a referente á diplomatura ou ós estudios de 1º ciclo realizados.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros non estatais deberán estar validados ou recoñecidos na data de finalización do prazo de presentación das solicitudes e deberase xuntar, se é o caso, a escala de puntuacións da correspondente universidade.

-Fotocopia compulsada do correspondente título ou, no seu defecto, documento acreditativo de pagamento das taxas correspondentes para a súa expedición.

-Certificado do secretario do correspondente departamento, segundo o modelo que se inclúe no impreso de solicitude, no que conste a admisión do solicitante no programa de doutoramento ou, no caso de que aínda non se fixera pública a relación de admitidos, copia da solicitude de admisión do solicitante no correspondente programa de terceiro ciclo na que figure o rexistro de entrada no correspondente organismo.

-Documento asinado polo director dun grupo de investigación da Comunidade Autónoma no que conste que no caso de obtención da bolsa, o solicitante integrarase no dito grupo para realizar actividades de formación tal como se establece no punto 10 das presentes bases.

O prazo para a presentación das solicitudes remata:

-O día 20 de setembro de 2001 para aqueles solicitantes que xa rematasen os estudios de licenciatura ou que os finalicen na convocatoria de xuño do presente curso.

-O 4 de outubro de 2001 para aqueles solicitantes que rematen os estudios de licenciatura na convocatoria de setembro do presente curso académico.

Artigo 5º.-Tramitación.

Os servicios da Dirección Xeral de Universidades comprobarán que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporase a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, nos taboleiros da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos das súas delegacións provinciais, no centro de información administrativa da Consellería de Presidencia e Administración Pública e nos das súas delegacións provinciais, nos dos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia, nos dos vicerrectorados dos

campus de Ferrol, Ourense, Lugo e Pontevedra e na Internet no enderezo http://www.xunta.es/conselle/ceoug/dxu/index.htm.

Esta lista estará exposta desde o 21 ó 30 de outubro de 2001, e os interesados poderán durante ese mesmo prazo, formular reclamación para emendar erros e faltas de documentos, ante a Dirección Xeral de Universidades, presentando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión considerarase que o interesado desiste da súa petición, nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992.

Artigo 6º.-Selección dos candidatos.

6.1. Comisión de selección.

A selección de bolseiros será efectuada por unha comisión constituída por dous representantes da Dirección Xeral de Universidades, dos que un deles actuará como presidente e outro como secretario con voz e con voto, máis un representante da Secretaría de Investigación e Desenvolvemento e os vicerrectores de Investigación das tres universidades galegas.

6.2. Criterios xerais de selección.

A selección de bolseiros farase en atención ó seu expediente académico de licenciatura e poderase valora-la tese de licenciatura. A media de expediente académico será obxecto de homologación tendo en conta os valores de medias de titulacións proporcionados polas universidades do Sistema Universitario de Galicia. Nembargantes, e con carácter excepcional, a comisión poderá adopta-lo criterio de conceder unha bolsa naquelas titulacións que por aplicación do procedemento anterior queden sen bolseiros sempre que concorran as seguintes circunstancias:

-Que o número de alumnos que remataron a dita titulación sexa tan reducido que determine que o dato de media de titulación non sexa representativo.

-Que o solicitante da bolsa de maior puntuación desa titulación teña unha media de licenciatura que a xuízo da comisión xustifique a concesión da bolsa.

Artigo 7º.-Resolución do concurso.

A comisión elevará a proposta de resolución, a través do director xeral de Universidades, para que ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia

Contra esta resolución que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/99 (BOE nº 12 do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 8º.-Condicións de desfrute.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou co desfrute doutro tipo de bolsas ou axudas, salvo co desfrute daquelas bolsas destinadas a cubrir algunha das accións formativas que o solicitante vai realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios, cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación).

As bolsas concédense para o curso completo, polo que no caso de renuncia ou revogación o bolseiro deberá reintegra-las cantidades xa aboadas, salvo en casos excepcionais autorizados pola Dirección Xeral de Universidades, logo de xustificación dos cursos superados e das actividades de formación realizadas polo bolseiro durante o período anterior á renuncia.

Artigo 9º.-Aceptación da bolsa e pagamento.

A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro no que se compromete a cumprir tódalas condicións recollidas nestas bases. Os pagamentos realizaranse despois de que as universidades acrediten que os bolseiros seleccionados están matriculados nos correspondentes programas de terceiro ciclo.

As bolsas aboaranse trimestralmente; o pagamento do último trimestre realizarase despois de que o titor do bolseiro emita informe favorable en relación co cumprimento por parte do bolseiro das súas obrigas recollidas no punto 10 das presentes bases.

Artigo 10º.-Obrigas dos bolseiros. Seguimento da axuda.

Os bolseiros están obrigados a asistir ás clases, seguir con aproveitamento os cursos correspondentes ó seu programa de doutoramento e a realiza-las actividades complementarias de formación que determine o titor e deberán integrarse nun grupo de investigación realizando dentro do mesmo actividades de formación, cunha dedicación mínima de 10 horas semanais e máxima de 15 horas semanais.

Os bolseiros están obrigados a comunicarlle á Dirección Xeral de Universidades a renuncia á bolsa tan pronto como se produza a causa que determine a dita renuncia.

Ó finaliza-lo período de desfrute da bolsa, e antes do 20 de outubro do ano 2002, o bolseiro deberá presentar certificación do director do grupo de investigación no que se integrou, na que faga consta-las actividades de formación realizadas durante o desfrute da bolsa.

O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nestas bases suporá a perda da bolsa concedida e, de se-lo caso, o reintegro das cantidades cobradas conforme o establecido no artigo 78 da lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto na Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, que modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Terceira.-As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral de Universidades de acordo coa lista de reserva que se estableza na resolución.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da Dirección Xeral de Universidades, da Secretaría de Investigación e Desenvolvemento ou da universidade correspondente en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir do día seguinte ó da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, producindo efectos desestimatorios a falta de resolución.

Sexta.-A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Universidades para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria