Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Martes, 14 de agosto de 2001 Páx. 10.948

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 26 de xullo de 2001 pola que se convoca a realización de proxectos de anticipación da primeira lingua estranxeira no segundo ciclo da educación infantil e no primeiro ciclo da educación primaria.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE) no capítulo segundo, artigo 14.1º, establece a lingua estranxeira como área obrigatoria para a educación primaria.

No desenvolvemento deste artigo, o Real decreto 1006/1991, do 14 de xuño, polo que se establecen as ensinanzas mínimas correspondentes á educación primaria, no anexo II dispón, con carácter xeral, o inicio da aprendizaxe da lingua estranxeira no segundo ciclo desta etapa. Igualmente, o Decreto 245/1992, do 30 de xullo, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, dispón, no seu artigo 8, a lingua estranxeira como área do 2º ciclo, é dicir, ós 8 anos, outorgándolle tres horas semanais.

Na actualidade, e como consecuencia dos cambios que se producen na sociedade, estamos inmersos nun proceso de integración nun contexto europeo plurilingüe e multicultural, polo que cómpre que os nenos e nenas, xa desde as primeiras idades,

vaian adquirindo unha progresiva sensibilización cara a outras linguas, distintas ás da súa comunidade, e cara a outras culturas, co fin de desenvolver actitudes de respecto e tolerancia.

O contacto con outras culturas a través da lingua favorece a comprensión doutras formas de pensar e actuar, e comporta unha visión máis ampla e rica da realidade. O grao de curiosidade que amosan os nenos e nenas destas idades facilitará o achegamento a outras linguas sempre que este se realice nun contexto pedagóxico adecuado no que se entre en contacto coa lingua estranxeira en situacións de comunicación lúdicas e próximas á súa realidade: saúdos, presentacións, instruccións sinxelas, xogos, cancións, etc.

No curso 1999-2000 comezouse o proceso de anticipación da primeira lingua estranxeira na nosa Comunidade Autónoma e procede, en consecuencia, impulsar e favorecer que outros centros inicien esta experiencia nas primeiras idades de escolarización e en contextos de aprendizaxe axeitados ó nivel de desenvolvemento dos nenos e nenas. Por isto, e en virtude das competencias que lle son atribuídas pola normativa vixente, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convoca-la realización, con carácter experimental, de proxectos de impartición da primeira lingua estranxeira no segundo e terceiro cursos do segundo ciclo da educación infantil e no primeiro ciclo da educación primaria, co fin de inicia-los nenos e nenas da nosa comunidade no contacto temperán con outras linguas da Unión Europea.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Poderán participar nestes proxectos os centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que impartan as etapas de educación infantil e/ou educación primaria.

Artigo 3º.-Requisitos de participación.

Os centros interesados en participar nesta experiencia deberán presenta-la súa solicitude de acordo co establecido no artigo 6º da presente orde. O inicio da experiencia deberá ser autorizado pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. Xuntarase á dita solicitude:

1. Breve descrición do proxecto que se pretende desenvolver, especificando os obxectivos, contidos, estratexias metodolóxicas, distribución espacio-temporal e as pautas de avaliación formativa.

2. Número de alumnos e grupos que participarán na experiencia.

3. Certificación da aprobación do proxecto polo claustro e o consello escolar.

4. Relación de profesorado con dispoñibilidade horaria que se compromete a participar.

Artigo 4º.-Condicións de participación.

1. O proxecto deberá desenvolverse ó longo dos dous cursos do ciclo para o que se presente asegurando que o alumnado complete as ensinanzas

da primeira lingua estranxeira ata o remate do ciclo. Nos centros que imparten educación infantil e primaria, se o proxecto se iniciase no segundo curso do segundo ciclo da educación infantil, deberá desenvolverse ata o remate do primeiro ciclo de primaria de forma que non haxa interrupción no contacto coa lingua estranxeira.

2. O proxecto renovarase automaticamente sempre que se cumpran as condicións de autorización e que a delegación provincial llo comunique á Dirección Xeral de Ordenación Educativa. Naqueles casos nos que os centros, que conten con autorización previa para ámbolos dous ciclos, decidan prescindir dun deles daráselle prioridade na continuidade ó 1º ciclo de educación primaria sobre ó de educación infantil.

3. O proxecto deberá ser aprobado polo claustro e mais polo consello escolar de cada centro.

4. A distribución temporal en cada un dos dous cursos do segundo ciclo da educación infantil será de corenta e cinco minutos semanais, distribuídos en tres sesións de 15 minutos, preferiblemente en días alternos, en ningún caso nun período semanal único. As sesións serán concibidas como unha familiarización e sensibilización cara á lingua estranxeira ligada ó estimulo da curiosidade do neno ou da nena.

5. A distribución temporal da primeira lingua estranxeira no primeiro ciclo da educación primaria será dunha hora e media semanal distribuída en tres sesións de 30 minutos, preferiblemente en días alternos, en ningún caso nun período semanal único. As devanditas sesións utilizaranse como un instrumento de comunicación en contextos ligados ós ámbitos de experiencia dos nenos e nenas e introducindo algunhas actividades de ensino-aprendizaxe propias doutras áreas: cantos, xogos, expresión rítmica, plástica, etc.

6. O profesorado que participe nesta experiencia deberá ser especialista no idioma estranxeiro ou estar habilitado para imparti-la devandita especialidade. Terá preferencia o profesorado que, ademais, teña experiencia docente en educación infantil ou no primeiro ciclo de educación primaria. Dado o carácter experimental deste plan a posta en marcha dun proxecto de anticipación non suporá incremento do profesorado do centro.

7. Dado o carácter experimental do plan cabe a posibilidade de que os centros educativos poidan compartir profesorado sempre que conten coa autorización da inspección educativa.

Artigo 5º.-Alumnado.

Ós alumnos do primeiro ciclo de educación primaria que participen nesta experiencia faráselles constar esta circunstancia nas páxinas destinadas a observacións do seu libro de escolaridade e no seu expediente académico.

Artigo 6º.-Tramitación de autorización.

1. A solicitude de nova autorización tanto para incorporarse ó proxecto de anticipación como para continuar cun proxecto xa autorizado deberá tramitarse a través da delegación provincial correspondente. O prazo para a súa presentación rematará o 15 de xuño.

2. As delegacións provinciais remitiranlle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, antes do 30 de xuño, as solicitudes de autorización acompañadas do informe da inspección educativa, que deberá facer constar:

-Se o proxecto recolle tódolos requisitos que se establecen nos artigos 3º e 4º da presente orde.

-Se as propostas pedagóxicas e organizativas son adecuadas para o nivel de desenvolvemento dos nenos e nenas.

-O número de grupos e de alumnos que van participar na experiencia por ciclo.

-A relación de profesores especialistas en lingua estranxeira, con dispoñibilidade horaria, dos que dispón o centro e que se comprometen a participar no proxecto.

O informe debe concluír se é favorable ou desfavorable.

3. Tanto no caso dos centros que continúen coa experiencia como no daqueles que deixen de satisface-las condicións que sustentan a autorización segundo o artigo 7º, a delegación provincial correspondente comunicarao tamén antes do 30 de xuño, á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

Artigo 7º.-Criterios de autorización.

Correspóndelle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, á vista do informe pertinente da inspección educativa, a selección e autorización dos proxectos, para o que se seguirán os seguintes criterios:

1. Adecuación do proxecto ós aspectos sinalados nos artigos 3º e 4º da presente convocatoria.

2. Adecuación das propostas pedagóxicas e organizativas ó nivel de desenvolvemento madurativo dos nenos e nenas ós que se dirixen.

3. Dispoñibilidade de recursos humanos no centro. A autorización do proxecto non suporá aumento do cadro de persoal do centro.

Artigo 8º.-Apoio e certificación.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria prestará apoio ó profesorado que participe nos proxectos que resulten autorizados mediante as asesorías técnicas do servicio de formación do profesorado, as asesorías técnicas dos centros de formación e recursos e o desenvolvemento de cursos de formación específicos. A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional certificará a participación dos profesores e profesoras implicados como actividade de innovación educativa e así mesmo terán preferencia para participar nas actividades de formación no estranxeiro organizadas pola devandita dirección xeral.

Artigo 9º.-Memoria final.

Os centros enviarán unha memoria xustificativa do proxecto. Nesta farase consta-lo grao de consecución de obxectivos, contidos, distribución horaria empregada así como o número de alumnos e grupos por ciclo participantes na experiencia. Así mesmo, farase referencia nela se o centro educativo ó final

do ciclo desexa continuar coa experiencia ou se deixa de cumpri-los requisitos establecidos no artigo 7º da devandita orde.

A dita memoria deberá ser remitida ó Servicio de Ordenación e Innovación Educativa antes do 15 de xuño.

Artigo 10º

1. Os servicios provinciais de inspección educativa remitirán á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, antes do 28 de febreiro, preferiblemente en formato de táboa de Microsoft Word ou Word Perfect a relación actualizada de centros participantes na experiencia na que figure o número de alumnos por grupo e ciclo, a distribución horaria e o número de profesores ou profesoras implicados. Así mesmo, comunicarán á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a relación de centros que cesen e se houbo cambios no número de alumnos e grupos participantes na experiencia por ciclo.

2. Os servicios provinciais de inspección educativa remitirán a relación dos profesores participantes na experiencia á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, antes do 15 de maio, preferiblemente en formato de táboa de Microsoft Word ou Word Perfect. As columnas constarán dos datos seguintes: nome do profesor ou profesora, DNI, nome do centro, código do centro, concello e localidade.

Disposicións transitorias

Primeira.-De forma excepcional no curso 2001-2002 no referente ó artigo 7º a solicitude de autorización remitirase á delegación provincial na primeira quincena do mes de setembro debendo presenta-la documentación requirida tendo en conta as condicións de participación establecidas no artigo 4º desta orde.

Segunda.-As delegacións provinciais remitirán as solicitudes xunto cos informes da inspección educativa á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional antes do 30 de setembro. Os devanditos informes deberán reflectir non só se cumpren os requisitos de participación senón tamén as condicións de participación establecidos nos artigos 3º e 4º da presente orde concluíndo se o informe é favorable ou desfavorable.

Terceira.-A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional comunicará ós centros a autorización ou non autorización.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional e a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa a dicta-las instruccións precisas para a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria