Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Martes, 14 de agosto de 2001 Páx. 10.948

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 25 de xuño de 2001 pola que se autorizan os conservatorios superiores de música da Coruña e de Vigo para impartir, con carácter provisional, as ensinanzas correspondentes ó primeiro curso do grao superior de música previstas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, para o curso escolar 2001/2002.

Segundo o disposto no artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, é competencia da Comunidade Autónoma galega a regulamentación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades e de acordo co artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 23 de xullo), a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ó que lle corresponden estas competencias.

Os conservatorios superiores de música da Coruña e de Vigo veñen impartindo as ensinanzas dos graos elemental, medio e superior de música correspondentes ó plan de estudios que regula o Decreto 2618/1966, do 10 de setembro (BOE do 24 de outubro), así como as dos graos elemental e medio de música previstas na Lei orgánica, 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

Tendo en conta que no curso escolar 2000/2001 se implantou na Comunidade Autónoma de Galicia o 6º curso do grao medio de música, das ensinanzas establecidas na LOXSE, coa finalidade de non interrompe-los estudios dos alumnos que este curso escolar superen este grao, e mentres non se rematen as actuacións necesarias por parte desta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a consecución das infraestructuras reguladas polo Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas (BOE do 28 de abril).

Esta consellería, logo do informe da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional e por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Autoriza-los conservatorios superiores de música da Coruña e de Vigo para impartir, con carácter provisional, as ensinanzas correspondentes ó primeiro curso do grao superior de música previstas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, para o curso escolar 2001/2002.

Segundo.-A presente orde, que esgota a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso potestativo

de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa (BOE do 14 de xullo).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltanse as direccións xerais de Ordenación Educativa e Formación Profesional, Centros e Inspección Educativa e Persoal para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria