Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Martes, 14 de agosto de 2001 Páx. 10.955

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 188/2001, do 5 de xullo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto da obra número 80, Plan Operativo Local 2000, Foz. Proxecto reformado da estrada provincial Ver-Vilaxoane, alargamento e mellora, afirmado e terminación desde o punto quilométrico 0,58 ó 3,40 (paso inferior FEVE no punto quilométrico 0,67), (concello de Foz).

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión celebrada o día 3 de novembro de 2000, aprobou o proxecto de obra nº 80, Plan Operativo Local 2000, Foz. Proxecto reformado da estrada provincial Ver-Vilaxoane, alargamento e mellora, afirmado e terminación do punto quilométrico 0,58 ó punto quilométrico 3,40 (paso inferior FEVE en punto quilométrico 0,67), e na sesión do día 30 de abril de

2001, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 21 de xuño de 2001.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque segundo sinala a deputación, tralos ensaios feitos na cimentación dun paso inferior baixo a liña do ferrocarril FEVE, os resultados obtidos aconsellan modifica-lo trazado inicial do proxecto cara a outra zona máis estable e de máxima seguridade para a realización dunha obra complexa que deberá executarse sen interrompe-lo tráfico ferroviario, e que é un proxecto reformado doutro que xa foi aprobado

e declarado de urxencia. A obra é de vital importancia para a comunicación da zona e os accesos a Igrexa de San Martiño de Mondoñedo, antiga sede da diocese, pola que transita moito tráfico e viandantes.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de xullo de dous mil un

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de obra nº 80, Plan Operativo Local 2000, Foz. Proxecto reformado da estrada provincial Ver-Vilaxoane, alargamento e mellora, afirmado e terminación do punto quilométrico 0,58 ó punto quilométrico 3,40 (paso inferior FEVE no punto quilométrico 0,67).

Santiago de Compostela, cinco de xullo de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais