Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Martes, 14 de agosto de 2001 Páx. 10.956

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 189/2001, do 5 de xullo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Barro, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de traída de augas de Agudelo (concello de Barro-Pontevedra).

O Concello de Barro, en sesión celebrada o día 3 de xullo de 2000, aprobou o proxecto de traída de augas de Agudelo e na sesión do día 25 de xaneiro de 2001, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do concello foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expe

diente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 27 de febreiro de 2001.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emtiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 1 de febreiro de 2001.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 30 de marzo de 2001.

A Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 20 de xuño de 2001.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque segundo sinala o concello trátase de abastecer e sanear de auga á parroquia de Agudelo, dada a escaseza manifesta desta para a subministración domiciliaria e a que na estación estival secan moitos dos pozos artesáns que subministran auga ás vivendas da zona. Tamén a seguridade na execución da obra obriga a que esta sexa executada antes da tempada estival.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de xullo de dous mil un

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Barro para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto da traída de augas de Agudelo.

Santiago de Compostela, cinco de xullo de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais