Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Luns, 13 de agosto de 2001 Páx. 10.921

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 2 de agosto de 2001 pola que se amplía a convocatoria de axudas para a retirada do mercado de fariñas animais.

A orde do 23 de marzo de 2001 (Diario Oficial de Galicia do 4 de abril) estableceu a convocatoria de axudas ós fabricantes de fariñas animais para a retirada e procesamento de despoxos de matadoiros e industrias cárnicas de Galicia e a súa posterior eliminación e/ou destrucción conforme a normativa vixente. Os requisitos establecidos sinalaban que as fariñas animais debíanse producir con data máxima do 30 de xuño de 2001, ó ser esa a data límite establecida neses momentos pola normativa comunitaria de validez da prohibición do uso desas fariñas na alimentación animal. Ampliado o citado prazo de prohibición ata o 31 de decembro de 2001, procede ampliar tamén o prazo de validez das axudas ata a mesma data.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983,

do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente e demais normativas de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º-Obxecto.

O obxecto desta orde é amplia-la convocatoria de axudas establecidas na Orde do 23 de marzo de 2001, pola que se establecen axudas para a retirada do mercado de fariñas animais, a aquelas producidas ata o 31 de decembro de 2001.

Artigo 2º-Características das axudas e requisitos.

Os beneficiarios, características e requisitos dos productos son os mesmos cós sinalados na Orde do 23 de marzo de 2001, salvo no punto b) do artigo 4º no que a data establecida do 1 de xullo de 2001 debe ser substituída pola do 1 de xaneiro de 2002.

Artigo 3º-Tramitación.

Establécese un prazo ata o 15 de setembro de 2001 para presenta-las solicitudes de axuda, debéndose acompañar coa seguinte documentación:

1. Se o interesado solicitou axuda a través da Orde do 23 de marzo de 2001 e presentou, polo tanto, a documentación sinalada no artigo 6 da citada orde, soamente deberá actualizala engadindo unha memoria coa previsión de refugallos que se van procesar entre o 1-7-2001 e o 31-12-2001 incluíndo os puntos referenciados no punto 3º do artigo 6. Así mesmo, na mesma memoria deberá incluír calquera outra variación que puidera haber sobre a información incluída na petición presentada con anterioridade.

2. No caso de non ter solicitado axuda con anterioridade a través da Orde do 23 de marzo 2001, débese incluír toda a documentación sinalada no artigo 6 da citada orde, ampliando as previsións recollidas no punto 3º ata o 31-12-2001.

O procedemento de resolución e pagamento das axudas, así como a súa compatibilidade e o réxime de recursos son os mesmos cós citados na Orde do 23 de marzo de 2001.

Artigo 4º-Seguimento e control.

Para o seguimento e control das axudas, así como no referente ás normas sobre incumprimentos, será de aplicación o disposto na Orde do 23 de marzo de 2001, salvo no caso do parágrafo segundo do artigo 11, que debe ser substituído pola seguinte: «No caso de que nas análises de control das características das fariñas elaboradas, resulten valores inferiores ós contidos en materia seca e proteína bruta requiridos, aplicarase a reducción proporcional correspondente na subvención que se vai percibir. Non obstante, no caso de dárense valores notoriamente inferiores ós requiridos, poderá ocasiona-la perda da totalidade da subvención correspondente a esa partida, e do resto da subvención aínda non percibida se os referidos valores foran repetitivos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación normativa.

Autorízase o director xeral de Industrias e Alimentación para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria