Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Luns, 13 de agosto de 2001 Páx. 10.920

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 186/2001, do 26 de xullo, polo que se desafecta do dominio público unha parcela, situada en San Lázaro, no termo municipal de Santiago de Compostela (A Coruña).

A Comunidade Autónoma de Galicia é titular, en virtude do Real decreto 3318/1982, do 24 de xullo,

sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de agricultura e pesca (BOE nº 292, do 6 de decembro de 1982), do predio denominado Hospital-Horta de San Lázaro, parroquia de San Lázaro (antes parroquia de Santa María de Sar), municipio da cidade de Santiago de Compostela, coñecida tamén como Leprosería e Horta de San Lázaro, de superficie total de 71.767 m, (que segundo certificación catastral e recente medición é de 72.950 m).

Na actualidade, o dito inmoble consta no Inventario de Bens e Dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia como ben de dominio público con destino a sede de dependencias administrativas da Xunta de Galicia.

Con data do 29 de xullo de 1996, o Concello de Santiago de Compostela asinou coa Consellería de Economía e Facenda un convenio de cooperación urbanística, asinándose así mesmo unha addenda ó dito convenio con data do 15 de xuño de 2000, asumindo entre outros o compromiso de ceder ó Concello de Santiago de Compostela unha superficie de terreo con destino a equipamento deportivo.

Co obxecto de dar cumprimento ó dito convenio, procede a desafectación do dominio público dunha parcela de 22.250 m, onde se sitúa o inmoble denominado Hospital-Horta de San Lázaro, parroquia San Lázaro (antes parroquia de Santa María de Sar), municipio de Santiago de Compostela (A Coruña), propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o disposto no artigo 24 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 10.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación de expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O punto segundo do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo de instrucción do expediente pola Consellería de Economía e Facenda, por instancia da consellería interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de xullo de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctase do dominio público unha parcela se describe como segue:

«Parcela de 22.250 m de superficie que linda ó norte, en liña recta de 174,20 m co camiño veciñal,

(hoxe rúa de Penamaría); ó sur, en liña curva de 54,96 m e en liña recta de 118,31 m, co resto do predio matriz; ó leste, en liña recta de 115,17 m cos predios de Carmen Míguez Losada, Dolores Fandiño Vilaseco, María Fandiño Vilaseco, Rosa Iglesias Rodríguez; ó oeste, en liña recta de 131,75 m cos predios de Agustín Rey Rivadas e Mª Dolores Quintela López».

A parcela obxecto de desafectación segregarase do predio matriz que figura inscrito no Rexistro da Propiedade nº 1 de Santiago de Compostela no tomo 1.280, libro 277, folio 185, predio nº 26.856, inscrición 1ª a nome da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º

O ben inmoble antes descrito adquire natureza patrimonial, sen prexuízo do cumprimento da recepción formal por parte de Consellería de Economía e Facenda do ben desafectado, de conformidade co disposto no artigo 27 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteseis de xullo de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda