Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Luns, 13 de agosto de 2001 Páx. 10.919

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 185/2001, do 26 de xullo, polo que se modifican as contías establecidas nos artigos 25 e 26 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

A disposición adicional segunda da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo a redacción dada pola disposición adicional décimo cuarta da Lei 13/1988, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega de 1989, establece que o Consello da Xunta de Galicia poderá, a través de decreto, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, modifica-las contías establecidas, entre outros, nos artigos 25 e 26 da antedita Lei do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

As contías sinaladas nestes preceptos foron actualizadas polo Decreto 207/1994, do 30 de xuño (DOG nº 131, do 8 de xullo. c.e. DOG nº 143, do 27 de xullo).

Neste sentido, tendo en conta o substancial incremento de valores producido no sector inmobiliario

desde a inicial aprobación da devandita Lei 3/1985, como o evidencian as reformas xa operadas na normativa doutras administracións públicas na materia, e para os efectos dunha maior axilidade na tramitación dos expedientes patrimoniais, faise necesario eleva-las contías dos anteditos artigos.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de xullo de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-Ó abeiro da disposición adicional segunda da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, modifícanse as contías sinaladas nos artigos 25 e 26 da devandita Lei 3/1985, que quedan fixadas do seguinte xeito:

1. Contías do artigo 25.

Cando o valor dos bens e dereitos, segundo a declaración de alienabilidade, non exceda de 500 millóns de pesetas, corresponderalle acorda-lo alleamento á Consellería de Economía e Facenda; cando supere os 500 millóns de pesetas, ó Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda; e cando exceda de 2.000 millóns de pesetas, ó Parlamento, mediante lei.

2. Contía do artigo 26.

Se o valor dos bens inmobles é inferior a 250 millóns de pesetas, corresponderalle autoriza-lo alleamento directo á Consellería de Economía e Facenda, e nos demais casos, ó Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, en todo caso, mediante acordo motivado.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións da mesma ou inferior categoría se opoñan ó establecido neste decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteseis de xullo de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda