Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Venres, 10 de agosto de 2001 Páx. 10.861

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 6 de xullo de 2001, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dispón a publicación, no Diario Oficial de Galicia, dos estatutos da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés.

Visto o texto dos estatutos que rexerán a Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, observándose que a súa aprobación se realizou de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e 137 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, seguíndose os trámites de:

Primeiro.-O proxecto de estatutos foi elaborado pola comisión xestora e aprobado pola asemblea de concelleiros dos concellos de Arzúa, Melide, Monterroso, Palas de Rei, Paradela, Pedrafita do Cebreiro, O Pino, Portomarín, Samos, Sarria e Triacastela.

Segundo.-Con datas 26 de maio e 12 de xuño de 2000 o devandito proxecto recibiu o informe favorable das deputacións provinciais da Coruña e Lugo respectivamente.

Terceiro.-O proxecto foi sometido ó trámite de información pública durante o prazo dun mes, mediante a súa publicación no DOG nº 93, do 16 de maio de 2000.

Cuarto.-Así mesmo, con data do 15 de decembro de 2000, a Dirección Xeral de Administración Local emitiu informe sobre o contido do proxecto de estatutos.

Quinto.-O presidente da comisión xestora remitiu, con datas de entrada nesta consellería do 29 de marzo e 3 de xullo de 2001, copia certificada dos acordos adoptados polos concellos de Arzúa, Melide, Monterroso, Palas de Rei, Paradela, Pedrafita do Cebreiro, O Pino, Portomarín, Samos, Sarria e Triacastela de aprobación definitiva dos estatutos da mancomunidade de municipios para a súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia.

Xa que logo, a Dirección Xeral de Administración Local,

ACORDA:

Dispoñe-la publicación dos estatutos da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 141.2º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que se recollen como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2001.

Alfonso Rueda de Valenzuela

Director xeral de Administración Local

ANEXO

ESTATUTOS DA MANCOMUNIDADE DE CONCELLOS GALEGOS DO CAMIÑO FRANCÉS

Capítulo I

Constitución da mancomunidade

Artigo 1º

Os municipios de Arzúa, Melide, Monterroso, Palas de Rei, Paradela, Pedrafita do Cebreiro, O Pino,

Portomarín, Samos, Sarria, Triacastela, todos eles das provincias de Lugo e A Coruña, de conformidade co previsto na lexislación vixente, constitúen unha mancomunidade voluntaria como entidade administrativa con plena personalidade e capacidade xurídica, co obxecto de cumprir cos fins de competencia sinalados no capítulo II dos presentes estatutos.

Capítulo II

Denominación, domicilio, ámbito territorial, fins e personalidade

Artigo 2º.-Denominación, domicilio e ámbito territorial.

A citada entidade administrativa denominarase Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés.

A sede e domicilio social da mancomunidade será itinerante, de forma que coincida co da casa do concello que teña a presidencia.

Fíxase con carácter provisional, ata finais do ano 2000, como domicilio social e lugar en que radicarán os seus órganos de goberno e administración o da casa consistorial do Concello de Monterroso.

O ámbito territorial da mancomunidade comprenderá a totalidade dos termos municipais dos concellos mancomunados.

Artigo 3º

Os fins iniciais da mancomunidade son os que se refiren ó establecemento e prestación dos seguintes servicios da competencia municipal:

1. Conservación e mellora do camiño.

2. Promoción do dito camiño dentro e fóra da comunidade.

3. Deseño e execución de plans de actuación.

4. Dinamización sociocultural do camiño.

5. Defensa do camiño.

Na prestación destes servicios utilizaranse os sistemas e procedementos que se estimen máis adecuados ás necesidades do momento, axustándose á lexislación vixente de Administración local.

Artigo 4º

1. De acordo coa lexislación vixente en materia de réxime local e de acordo cos fins que pretende cumprir, na súa calidade de entidade local non territorial, correspóndelle á mancomunidade exerce-las seguintes potestades:

a) A regulamentaria e de autoorganización.

b) A tributaria e financeira, podendo establecer taxas, contribucións especiais e prezos públicos.

c) A de programación e planificación.

d) A de investigación, deslinde, desafiuzamento e recuperación de oficio dos seus bens.

e) A de execución forzosa e a sancionadora.

f) A de revisión de oficio dos seus actos e acordos.

2. Goza tamén das seguintes prerrogativas:

a) A de presunción de legalidade, lexitimidade, e a de executividade dos seus actos e acordos.

b) A inembargabilidade dos seus bens e dereitos nos termos previstos nas leis, e as de prelación e preferencia, así como as demais prerrogativas recoñecidas á Facenda Pública en relación cos seus créditos, sen prexuízo das que lles correspondan á Facenda do Estado e da Xunta de Galicia.

c) A mancomunidade poderá solicitar ós municipios integrantes o exercicio das súas potestades expropiadoras, de acordo coa lexislación vixente, actuando a mancomunidade como beneficiaria da expropiación.

Capítulo III

Da organización. Dos órganos de goberno

e administración

Artigo 5º

O goberno e a administración da mancomunidade estarán a cargo dos seguintes órganos:

a) O pleno.

b) O presidente e o vicepresidente.

c) A comisión de goberno.

d) A comisión de contas.

Artigo 6º.-Do pleno.

O pleno é o órgano supremo de goberno e administración da mancomunidade, á que representa e personifica con carácter de corporación de dereito público.

No dito pleno estarán representados tódolos municipios mancomunados correspondendo ós concellos respectivos elixir, de entre os seus membros corporativos, os vocais que deban representalos na mancomunidade.

Cada municipio elixirá un vocal para integra-los órganos de goberno da mancomunidade mediante acordo plenario.

O mandato dos vocais membros do pleno extinguirase ó cesar no cargo municipal que lexitimou a posibilidade da súa elección, ou ben porque así o acorde o seu respectivo concello.

Os vocais do pleno poderán ser reelixidos como tales.

Tódolos membros do pleno terán voz e voto nas sesións. Cando se produza empate repetirase a votación na mesma sesión e de reiterarse aquel, decidirá con voto de calidade a presidencia.

Artigo 7º.-Do presidente e vicepresidente.

O pleno, o día da súa constitución ou renovación elixirá co quórum da maioría absoluta, de entre os seus membros, un presidente e un vicepresidente.

Ambos cargos, para garanti-lo exercicio destes a tódolos concellos mancomunados, atender ó pluralismo político e territorial e facilita-lo acercamento da mancomunidade ós veciños dos respectivos concellos, irán por orde alfabética dos concellos; é dicir, o presidente será o do concello segundo a orde alfabética e o vicepresidente será o do seguinte concello na citada orde.

A orde alfabética é a seguinte: Arzúa, Melide, Monterroso, Palas de Rei, Paradela, Pedrafita do Cebreiro, O Pino, Portomarín, Samos, Sarria e Triacastela.

Os cargos de presidente e vicepresidente renovaranse anualmente seguindo a orde de concellos anteriormente mencionada; a mesma orde manterase na renovación á que se fai referencia no artigo 10º.

Artigo 8º.-Da comisión de goberno.

1. A comisión de goberno, órgano de estudio, asistencia ó presidente, estará constituída por cinco membros, dos que serán membros natos o presidente e o vicepresidente que o serán tamén da comisión, os tres restantes serán designados polo presidente de entre os membros do pleno. A renovación deste órgano producirase de forma sucesiva á do pleno no prazo dos trinta días seguintes.

2. A comisión de goberno poderá asumir funcións executivas, asumindo neste caso as competencias que lle delegue o presidente e o pleno.

Artigo 9º.-A comisión de contas.

1. A comisión de contas estará constituída por cinco membros, sendo membro nato o presidente, que o será tamén da comisión. Os vocais serán designados polo pleno. A renovación deste órgano producirase de forma sucesiva á do pleno, no prazo dos trinta días seguintes.

2. Correspóndelle á comisión de contas o exame, estudio e informe das contas anuais da mancomunidade.

Artigo 10º.-Renovación.

Como consecuencia da renovación das corporacións locais, derivada das sucesivas eleccións municipais, tódolos órganos da mancomunidade (pleno, presidencia, vicepresidencia, comisión de goberno e comisión de contas) que deban ser renovados serán elixidos ou, se é o caso, designados polo órgano a que estatutariamente corresponda esta competencia, no prazo dos 45 días seguintes ó da constitución das respectivas corporacións locais.

En caso de vacante, por falecemento, perda do cargo representativo en calquera dos municipios, etc., o concello afectado designará o correspondente substituto na primeira sesión que celebre.

Artigo 11º.-Atribucións do pleno.

1. As atribucións do pleno:

a) Constitución da mancomunidade e a súa disolución.

b) Modificación dos estatutos e fixación do seu domicilio social.

c) Admisión e separación de membros.

d) Aprobación de orzamentos e concerto de operacións de crédito.

e) Imposición e ordenación de taxas, prezos públicos e contribucións especiais.

f) Aprobación de contas.

g) Adquisición, administración e disposición de bens.

h) Aprobación de proxectos técnicos de investimento ou de primeiro establecemento.

i) Contratación de obras e servicios en xeral.

j) Determinación da forma de xestión dos servicios.

k) Exercicio de accións.

l) Elección de presidente e vicepresidente.

m) Nomeamento accidental de secretario ou secretario-interventor, interventor-tesoureiro, de existiren; e, se é o caso tesoureiro, e imposición de sancións ó persoal da mancomunidade que entrañen destitución ou separación do servicio.

n) Autorización para a contratación de persoal e aproba-las bases que rexerán para a contratación.

ñ) Finalmente, en canto lle sexan aplicables, terá as atribucións que a lexislación de réxime local lle outorga ó concello pleno.

o) Designa-los vocais da comisión de contas.

p) Control e fiscalización do labor do presidente e da comisión de goberno.

q) Disolución e liquidación da mancomunidade.

2. As competencias do pleno serán indelegables agás as seguintes que se poderán delegar na comisión de goberno: as sinaladas nas letras g), h), i), k) do parágrafo anterior.

Artigo 12º.-Do presidente e do vicepresidente.

Corresponderán ó presidente e, se é o caso, ó vicepresidente, as mesmas facultades que establece a vixente lexislación de réxime local para o alcalde como presidente do concello e xefe da Administración municipal, entre as que destacan as relacionadas con réxime de sesións, ordenación de pagamentos, rendición e publicación de contas, xestión orzamentaria, contratación de obras, xestión de servicios, subministracións, asistencias técnicas, contratos de servicios, asina-los contratos de persoal laboral e resolver sobre a súa denuncia e despedimento, publicación, execución de acordos e representación legal da mancomunidade.

O vicepresidente substituirá o presidente nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, asumindo tamén as competencias que, se é o caso, delegue o presidente.

Artigo 13º.-Do secretario-interventor e tesoureiro.

Os postos de secretario ou o secretario-interventor, así como os de interventor-tesoureiro, de existiren, ou no seu caso tesoureiro da mancomunidade, terán, respectivamente, tódalas facultades, obrigas e competencias que lles asigna a vixente lexislación de réxime local.

Capítulo IV

Funcionamento dos órganos colexiados da mancomunidade

Artigo 14º.-Do pleno e da comisión de goberno.

1. O pleno celebrará sesións ordinarias e extraordinarias. Reuniranse en sesión ordinaria polo menos dúas veces ó ano. No acto de constitución do pleno sinalarase o seu réxime de sesións.

Reunirase en sesión extraordinaria:

a) Por iniciativa do presidente.

b) Pola petición da terceira parte dos membros que a integran, que concretarán na súa petición os asuntos que haberán de tratarse.

2. A comisión de goberno celebrará sesións ordinarias e extraordinarias. Reunirase en sesión ordinaria coa periodicidade e nos días e horas que fixe o presidente e, en todo caso, celebrará sesión ordinaria cada catro meses.

A comisión de goberno poderá celebrar sesións extraordinarias cando así sexa convocada polo presidente.

3. As convocatorias e o réxime de sesións acomodaranse ás normas establecidas na lexislación de réxime local, para que os acordos adoptados obriguen a tódolos concellos integrados na mancomunidade.

Artigo 15º.-Dos acordos.

O quórum para a válida celebración das sesións do pleno da mancomunidade e da comisión de goberno será o dun tercio do número legal dos membros, sen que, en ningún caso, poida ser inferior a tres. Non poderá celebrarse ningunha sesión sen a asistencia do presidente e do secretario ou de quen legalmente os substitúan.

Os acordos adoptaranse por maioría simple dos membros presentes, salvo nos supostos en que a lei ou estes estatutos esixan un quórum especial, entendéndose por aquela a que se produza cando os votos ó seu favor son máis que os votos en contra. Cando se produza empate repetirase a votación na mesma sesión e, de reiterarse aquel, decidirá o presidente con voto de calidade.

O voto dos vocais poderá ser afirmativo ou negativo. Igualmente poderán absterse de votar.

Os ditos acordos obrigarán os municipios mancomunados na medida en que lles afecten.

Os acordos relativos ó establecemento, ampliación e mellora dos servicios propios da competencia da mancomunidade, así como os referentes á fixación

das achegas extraordinarias destinadas a cubri-los gastos do seu primeiro establecemento, ós que alude o artigo 18 dos presentes estatutos e ós que atinxen á determinación do módulo específico que teña que servir de base para o establecemento das contribucións ordinarias destinadas a sufraga-los gastos da súa conservación e explotación, que se concretan no parágrafo 2º do artigo 17, precisarán para adquiri-la condición de vinculantes para cada un dos municipios beneficiarios, que sexan ratificados polas respectivas corporacións mediante acordo plenario.

Transcorrido o prazo dun mes, contado desde a data de recepción dos mencionados acordos sen que recaera, por parte da corporación afectada, ningunha resolución ó respecto, considerarase producida aquela ratificación por aplicación do silencio administrativo.

Os municipios que, no seu día, non ratificasen os acordos xa reiterados, terán dereito a beneficiarse dos servicios establecidos pola mancomunidade, sen máis requisito previo que o da aceptación por parte da corporación afectada e, por medio de acordo plenario, de todas e cada unha das resolucións que a mancomunidade adoptase ó respecto e, en especial, as referentes á determinación das achegas ordinarias destinadas a sufraga-los gastos de conservación e explotación do servicio ou servicios, das achegas extraordinarias destinadas a cubri-los gastos do seu primeiro establecemento e relativas á organización, xestión e funcionamento destes servicios.

Será necesaria a maioría absoluta de vocais para:

1. Alleamento de bens, cando a súa contía non exceda do 10% do orzamento ordinario de ingresos da mancomunidade.

2. Determinación do domicilio social definitivo da mancomunidade e a súa alteración.

3. Admisión ou separación de membros e disolución da mancomunidade.

4. Separación do servicio dos funcionarios propios da mancomunidade.

5. Modificación dos estatutos.

6. Concesión e arrendamento de bens ou servicios por máis de cinco anos.

7. Aprobación de calquera outra forma de xestión directa ou indirecta dos servicios mancomunados.

8. Aprobación das operacións de crédito, empréstitos e concesións de quitacións e esperas.

9. Aprobación de orzamentos e as súas contas.

10. Imposición e ordenación de exaccións.

11. Tódalas demais materias contidas no artigo 47, parágrafo 3º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e 215.3º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Capítulo V

Recursos económicos

Artigo 16º

A facenda da mancomunidade estará constituída polos seguintes recursos:

1. Ingresos procedentes do seu patrimonio e demais de dereito privado.

2. Taxas e prezos públicos pola prestación de servicios ou a realización de actividades da súa competencia.

3. Contribucións especiais pola realización de obras ou polo establecemento de servicios ou ampliacións.

4. Ingresos procedentes de operacións de crédito.

5. Multas.

6. Subvencións e outros ingresos de dereito público.

7. Achegas ordinarias e extraordinarias dos municipios integrados na mancomunidade.

Artigo 17º.-Achegas ordinarias.

As achegas ordinarias de cada un dos municipios mancomunados estarán integradas polos seguintes conceptos:

1. As destinadas a financia-lo custo do funcionamento normal e ordinario dos órganos da mancomunidade. A súa contía fixarase en proporción ó censo de poboación de dereito resultante da última rectificación anual do Padrón Municipal de Habitantes. Esta achega será obrigatoria para tódolos municipios mancomunados.

2. As achegas tamén ordinarias, destinadas a sufraga-los gastos de conservación e explotación do servicio ou dos servicios que se pretendan instalar, que obrigará soamente a aqueles municipios que resulten afectados por cada servicio, dentro da mancomunidade, fixándose a achega de cada un con base nun módulo específico para cada servicio que se vai establecer, e que permita unha xusta e proporcional distribución das cargas en relación cos beneficios obtidos por cada municipio polos servicios utilizados.

Artigo 18º.-Achegas extraordinarias.

Terán o carácter de achegas extraordinarias as destinadas a facer fronte ós gastos de primeiro establecemento, ampliación e mellora das instalacións dos servicios, incluídos os gastos de amortización e xuros das operacións de crédito que fora necesario realizar.

Cada municipio virá obrigado a contribuír soamente para a instalación, ampliación e mellora dos servicios dos que resulte beneficiario.

As achegas para cada servicio utilizado sinalaranse proporcionalmente á poboación de dereito a 31 de decembro anterior, podendo rectificarse a cifra obtida aplicando outros módulos correctores, como extensión do termo, zonas urbanas, zonas forestais, rede de camiños, etc., segundo as características do servicio que contribúan ó seu financiamento.

Artigo 19º.-Orzamento.

O pleno formará e aprobará un orzamento anual de conformidade coas disposicións da Lei de facendas locais e as disposicións do seu desenvolvemento.

Artigo 20º.-Garantías.

Os municipios mancomunados comprométense a consignar nos seus respectivos orzamentos ordinarios ou nos investimentos que fora preciso, as cantidades suficientes para satisface-las obrigas e compromisos económicos contraídos, ós que se alude expresamente nos artigos anteriores, tanto os que teñen carácter ordinario, como ás extraordinarias que resultasen do servicio ou servicios que lles afecten. Transcorrido o prazo para o ingreso das achegas dos concellos, o presidente da mancomunidade poderá dirixirse á Comunidade Autónoma para que proceda á retención dos fondos do municipio debedor e o seu ingreso na facenda da mancomunidade.

Capítulo VI

Do persoal

Artigo 21º

1. Os postos de traballo que teñan atribuídas funcións de secretaría, intervención e tesourería serán desempeñados polos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional que exerzan no concello ó que lle corresponda a presidencia.

No suposto de non poderse cubrir as prazas con funcionarios da escala antes referida, o pleno poderá habilitar para os ditos cargos funcionarios municipais.

Cando as circunstancias o aconsellen, a mancomunidade instará a creación no seu cadro de persoal de prazas servidas por funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

2. A mancomunidade contará co persoal necesario para a realización das tarefas e desempeño dos servicios e funcións para que se constitúe, ó que lle serán de aplicación as disposicións polas que se rexe o persoal ó servicio da Administración local.

3. O pleno aprobará anualmente co orzamento un cadro de persoal que deberá recoller tódolos postos de traballo reservados a persoal funcionario e persoal laboral.

Capítulo VII

Do prazo de vixencia, modificación dos estatutos, separación de municipios integrantes e da disolución da mancomunidade

Artigo 22º.-Prazo de vixencia.

A mancomunidade constitúese por tempo indefinido, tendo en conta co carácter permanente dos fins que motivaron a súa creación.

Artigo 23º.-Modificación dos estatutos.

A modificación dos estatutos da mancomunidade axustarase ó procedemento establecido polo artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Artigo 24º.-Da separación de municipios mancomunados.

Calquera dos municipios que a integran poderán separarse da mancomunidade voluntariamente, logo

de informe do pleno, que será favorable, se se cumpren estas condicións:

1. Que transcorran, como mínimo, tres anos desde a data de constitución da mancomunidade ou desde o seu ingreso nela, se é posterior.

2. Que o acordo de separación o adopte o pleno da corporación respectiva, co voto favorable da maioría absoluta legal dos seus membros, expoñendo razoadamente os motivos, e responsabilizándose solidariamente cos demais municipios mancomunados do cumprimento proporcional das obrigas pendentes relativas ó servicio ou servicios nos que veña participando ou se comprometera a participa-lo dito concello.

3. Que a solicitude se formule cunha antelación mínima dun ano, sen deixar de cumprir cos compromisos contraídos nese prazo.

Artigo 25º.-Da disolución da mancomunidade.

A mancomunidade poderá disolverse por imposibilidade legal ou material de cumprir cos seus fins.

O procedemento que se seguirá para a disolución neste suposto será o previsto na lexislación vixente e, en todo caso:

1. Deberá ser aprobada unha memoria da disolución polo pleno, na que se precisará a liquidación do seu patrimonio e a liquidación económica dos dereitos esixibles e obrigas recoñecidas da mancomunidade, establecéndose se foran precisas as achegas dos entes integrantes de conformidade co previsto nos artigos 17 e 18.

2. Audiencia de tódolos concellos integrantes da mancomunidade.

3. Acordo de disolución definitivo do pleno, logo de materialización da liquidación incluída na memoria.

Artigo 26º.-Reversión dos bens.

Ó disolverse a mancomunidade reverterá ós concellos os bens desta en proporción ás respectivas achegas.

Disposición derradeira

Única.-As normas contidas nos presentes estatutos e en especial as relacionadas con atribucións dos órganos da mancomunidade, adopción de acordos, recursos económicos e disolución desta, entenderanse sen prexuízo da lexislación de réxime local, cando esta lexislación esixa a concorrencia doutros requisitos de fondo ou de procedemento para a validez e eficacia de determinados actos da mancomunidade.

Igualmente, aplicarase a dita lexislación con carácter supletorio dos presentes estatutos, no non previsto neles.

Disposicións transitorias

Primeira.-A Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés terá plena personalidade xurídica para o cumprimento dos seus fins, desde a publicación dos estatutos definitivamente aprobados no Diario Oficial de Galicia.

Dentro do mes seguinte á data en que resulten publicados os estatutos, o alcalde no que radique a sede provisional da mancomunidade, convocará a tódolos representantes dos municipios mancomunados, co obxecto de elixi-los órganos rectores e organiza-lo seu funcionamento.

Segunda.-O cargo de presidente e vicepresidente corresponderalles durante o ano 2001 ós alcaldes dos concellos de Palas de Rei e de Paradela respectivamente e, de conformidade co revisto no artigo 7 corresponderá a presidencia e vicepresidencia no ano 2002 ós concellos de Paradela e Pedrafita do Cebreiro.