Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Venres, 10 de agosto de 2001 Páx. 10.866

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 6 de agosto de 2001 pola que se resolve a caducidade do expediente para determina-las persoas ou entidades obrigadas a realiza-las actuacións necesarias para proceder á limpeza e recuperación do solo declarado como contaminado no polígono de Torneiros, no concello do Porriño (Pontevedra) pola Orde do 8 de outubro de 1999 (Diario Oficial de Galicia número 197, do 11 de outubro), e fixa-la súa forma e prazo.

Visto o expediente polo que se acorda inicia-lo procedemento para declarar como solos contaminados os terreos afectados do polígono de Torneiros, no concello do Porriño (Pontevedra), e determina-las persoas ou entidades obrigadas a realiza-las actuacións necesarias para proceder á súa limpeza e fixa-la súa forma e prazos, e tendo en conta os seguintes:

Antecedentes de feito.

Por Orde do 16 de xullo de 1999, trala investigación de detalle realizada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, na que se avalía a contaminación existente nos terreos do polígono de Torneiros (fase I), acórdase inicia-lo procedemento para declarar como solos contaminados os terreos afectados do polígono de Torneiros, no concello do Porriño (Pontevedra); e abrir un período de información pública por un prazo de vinte días para que calquera persoa física ou xurídica poida examina-lo expediente e formula-las alegacións que considerase oportunas.

Por Orde do 8 de outubro de 1999, e dado que estaba acreditada a existencia de contaminación por HCH dos terreos delimitados no expediente, resól

vese declarar como solos contaminados os terreos afectados do polígono de Torneiros no concello do Porriño (Pontevedra), que se delimitaban no anexo desta orde, por presentar concentracións de HCH que supoñen un risco para o ambiente, e proseguir coas actuacións para determina-las persoas ou entidades obrigadas a proceder á súa limpeza e recuperación e fixa-la súa forma e prazo.

Fundamentos xurídicos.

O expediente iniciouse e foi instruído conforme o disposto nas normas legais aplicables, en particular na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e na Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos.

A competencia para a resolución deste procedemento correspóndelle ó conselleiro de Medio Ambiente de conformidade co disposto na Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, así como no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, en relación co Decreto 482/1997, do 26 de decembro, polo que e establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente.

O artigo 44.2º da LRXPAC, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, establece a caducidade do procedemento polo transcurso do prazo de resolución de tres meses establecido na mesma lei para este tipo de procedementos, e dado que neste caso o tempo transcorrido entre a data de inicio do procedemento e a data desta resolución supera o dito prazo, procede declara-la súa caducidade e o arquivo das actuacións.

Vistos os preceptos citados e demais de pertinente aplicación,

RESOLVO:

Declara-la caducidade do dito procedemento e o arquivo das actuacións sen prexuízo de que, de conformidade co previsto no artigo 92.3º da LRXPAC, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, se inicie un novo expediente.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de reposición con carácter potestativo ante o conselleiro de Medio Ambiente no prazo dun mes, ou ben interpor directamente o recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa, ou exercer calquera outro que se considere pertinente.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2001.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente