Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Mércores, 08 de agosto de 2001 Páx. 10.750

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 23 de xullo de 2001 pola que se convocan axudas para realizar ensinanzas de formación profesional específica de grao medio en familias profesionais con escasa demanda por parte do alumnado durante o curso 2001-2002, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, asígnalle á Comunidade Autónoma a competencia plena na regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

O Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, ó abeiro das normas constitucionais, estatutarias e legais correspondentes, traspasa á Comunidade Autónoma funcións e servicios da Administración do Estado en materia de educación.

Pola súa banda, o Decreto 213/1998, do 10 de xullo, atribúelle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, entre outras competencias, o establecemento das normas e orientacións precisas para a efectividade das ensinanzas de formación profesional.

As permanentes e cada vez máis dinámicas transformacións económicas e tecnolóxicas, así como os cambios nas estructuras da organización empresarial, poñen de manifesto a necesidade de contar con recursos humanos cualificados e permanentemente actualizados, e así contribuír á xeración e ó mantemento do emprego.

Co fin de favorece-lo necesario equilibrio entre os profesionais que precisa o mercado laboral e a cualificación dos traballadores, faise necesario potenciar entre a xuventude aquelas familias profesionais e ciclos formativos de grao medio das ensinanzas regradas de formación profesional específica que, aínda sendo pouco demandadas polo alumnado, contan con perspectivas de inserción laboral e, en consecuencia, facilitan a súa incorporación ó primeiro emprego.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Convócanse axudas para alumnos e alumnas que inicien no curso académico 2001-2002 ensinanzas de formación profesional específica de grao medio das seguintes familias profesionais:

* Actividades agrarias.

* Actividades marítimo-pesqueiras.

* Edificación e obra civil.

* Fabricación mecánica.

* Industrias alimentarias.

* Madeira e moble.

* Mantemento e servicios á producción.

* Téxtil, confección e pel.

* Vidro e cerámica.

Segundo.-Para poder solicitar estas axudas ó estudio será necesario estar matriculado por primeira vez no curso 2001-2002 nalgún ciclo formativo de grao medio das familias profesionais indicadas no artigo primeiro, en centros de educación secundaria da Comunidade Autónoma nos que as ditas ensinanzas estean sostidas con fondos públicos.

Terceiro.-As axudas serán concedidas con cargo ó concepto orzamentario 07.04.322S.480.1 da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, por un importe total máximo de 20.380.000 pesetas.

Cuarto.-A contía das axudas individuais concedidas será única e poderá ascender ata un máximo de 60.000 pesetas por alumno.

Quinto.-As solicitudes de axuda ó estudio presentaranse entre o 3 e o 29 de setembro, segundo modelo que se recolle no anexo I desta orde, ó que se xuntará:

* Fotocopia cotexada do xustificante de matrícula na que conste que o alumno está matriculado por primeira vez no curso 2001-2002 no ciclo formativo para o que solicita a axuda.

* Declaración do conxunto de tódalas solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes para o curso 2001-2002.

As solicitudes e a documentación requirida presentaranse no centro onde os alumnos vaian cursa-los estudios.

As secretarías deses centros remitirán a referida documentación á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, rúa San Lázaro 107, 15771 -Santiago de Compostela, dentro dos 5 días naturais seguintes ó da finalización do prazo.

Sexto.-A selección das peticións levarase a efecto por unha comisión integrada por:

* A directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional ou persoa en quen delegue.

* A xefa do Servicio de Formación en Empresas e Orientación Laboral.

* O xefe do Servicio de Educación de Adultos e Xestión Económica.

* Un membro dos servicios de Inspección Educativa designado pola Inspección Central.

* Un director dun centro de educación secundaria que imparta ensinanzas de formación profesional específica, designado pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

* Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario con voz e sen voto.

Sétimo.-A comisión, vistas as solicitudes presentadas e o crédito dispoñible, fará a correspondente proposta de adxudicación de axudas á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, quen dictará a oportuna resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo.-O prazo de reclamacións será de 10 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia. As reclamacións formuladas serán resoltas no prazo dun mes pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

Noveno.-Unha vez resoltas as reclamacións, as adxudicacións terán carácter definitivo. Contra esta resolución cabe recurso de alzada ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes.

Décimo.-As solicitudes entenderanse desestimadas de non dictarse resolución expresa no prazo de cinco meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Décimo primeiro.-As axudas efectuaranse nun só pagamento, a través de conta ou cartilla de aforro abertas a nome do beneficiario ou da persoa que desempeñe a súa representación legal.

O pagamento da axuda require a aceptación previa por parte do beneficiario e o compromiso de que seguirá as avaliacións continuas durante o curso 2001-2002.

Nos quince días seguintes ó da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, o alumno beneficiario da axuda remitiralle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional:

* O anexo II desta orde, relativo á aceptación previa da subvención concedida e ó compromiso de segui-las avaliacións continuas durante o curso 2001-2002.

* Unha declaración xurada respecto da percepción ou non doutras axudas e subvencións para a mesma finalidade, para efectos do disposto no artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa (DOG do 31 de decembro).

* Os datos da entidade bancaria e o código da conta do alumno.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, que modifica o artigo 78 do texto da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Décimo segundo.-O desfrute destas axudas é compatible con outras de carácter xeral con cargo a fondos públicos.

Décimo terceiro.-A falsidade dos datos ou a falsificación de documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de tódolos dereitos do solicitante e a correspondente devolución da cantidade total percibida, sen prexuízo doutras responsabilidades ás que houbera lugar, logo da apertura do correspondente expediente.

Décimo cuarto.-Os directores dos centros educativos arbitrarán as medidas necesarias para que esta orde sexa coñecida por tódolos membros da comunidade educativa e porque os beneficiarios cumpran cos requisitos establecidos. Así mesmo, a inspección educativa asesorará os centros na tramitación da presente orde e velará polo seu estricto cumprimento.

Décimo quinto.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a desenvolve-lo disposto nesta orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria