Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Mércores, 08 de agosto de 2001 Páx. 10.746

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 18 de xullo de 2001 pola que se convocan premios a experiencias e proxectos de promoción de conductas tolerantes realizados por profesores de centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos.

A través da educación transmítense e exercítanse os valores que fan posible a vida en sociedade, adquírense os hábitos de convivencia democrática e de respecto mutuo e prepárase ás persoas para a participación responsable nas distintas actividades e instancias sociais. Así o establece a Lei orgáni

ca 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, que no artigo 1 do título preliminar sinala, entre outros fins do sistema educativo, o da formación para a paz, a cooperación e a solidariedade entre os pobos, a formación para o respecto dos dereitos e liberdades fundamentais e para o exercicio da tolerancia e da liberdade dentro dos principios democráticos de convivencia.

Por outra parte, nos decretos 374/1996, do 17 de outubro, 324/1996, do 26 de xullo, e 7/1999, do 7 de xaneiro, que establecen, respectivamente, o regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria, o regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, e a implantación e regulación dos centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias na Comunidade Autónoma de Galicia, faise referencia expresa ó regulamento de réxime interior, que deberá ter en conta, entre outros aspectos, o referido ás normas de convivencia que favorezan as relacións entre os distintos membros da comunidade educativa.

Así mesmo, o Decreto 120/1998, do 23 de abril, polo que se regula a orientación educativa e profesional na Comunidade Autónoma de Galicia e a posterior normativa que o desenvolve, establecen a necesidade de potencia-la implementación de programas e actuacións que favorezan as relacións sociais e o clima convivencial nos centros educativos, implicando a toda a comunidade educativa no seu desenvolvemento.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a impulsa-las actividades de investigación e innovación educativa como medio de promoción e actualización profesional do profesorado e de mellora da calidade do ensino.

En consecuencia, co anteriormente exposto, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto da convocatoria.

Convócanse, dentro dos programas de innovación educativa, oito premios a experiencias e a proxectos de promoción de conductas tolerantes, para todo o ensino non universitario, que se estean levando a cabo ou se vaian desenvolver durante o curso 2001-2002.

Segundo.-Dotación económica.

Os oito premios ós que se alude no artigo anterior estarán dotados economicamente segundo a seguinte distribución:

Dous primeiros premios de 300.000 pesetas.

Tres segundos premios de 200.000 pesetas.

Tres terceiros premios de 100.000 pesetas.

A cantidade total destinada a premios é, polo tanto, dun millón cincocentas mil pesetas, e o seu pagamento farase con cargo á aplicación orzamentaria

07.04.322I.640.1 unha vez realizada a retención correspondente.

Terceiro.-Condicións de participación.

a) Poderán participar na presente convocatoria os profesores dos centros docentes que se indican: colexios de educación infantil e primaria; colexios de educación primaria; centros públicos integrados; institutos de educación secundaria; escolas oficiais de idiomas; instituto galego de bacharelato a distancia e centros colaboradores; conservatorios de música; escolas de artes e centros de educación permanente de adultos.

b) Os concursantes, de xeito individual ou en grupo, deberán presentar un programa da experiencia ou un proxecto de aplicación práctica no eido educativo sobre promoción de conductas tolerantes.

Cuarto.-Solicitudes.

As solicitudes seguirán o modelo establecido no anexo I desta orde e irán acompañadas da documentación que se indica a continuación:

a) Instancia dirixida á directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, asinada polo autor ou autora ou, se é o caso, polo coordinador ou coordinadora responsable da experiencia ou do proxecto, segundo o modelo do anexo I da presente orde.

b) Certificación da dirección do centro ou centros educativos (no caso de experiencias ou proxectos compartidos), acreditativa de que os participantes prestan os seus servicios no mesmo como persoal docente.

c) Memoria descritiva, dun máximo de 20 folios, da experiencia educativa na que se reflectirán os obxectivos e contidos desenvolvidos ou para desenvolver, a metodoloxía empregada ou para empregar, datas ou períodos da súa realización, desenvolvemento da experiencia e criterios e procedementos de avaliación, segundo o modelo do anexo II.

d) Declaración xurada, se procede, de que a experiencia presentada non foi premiada ou subvencionada con axudas procedentes de calquera outra Administración ou ente público.

Quinto.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes asinadas polo autor/a ou coordinador/a da experiencia ou proxecto dirixiranse á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (San Lázaro, 15771 Santiago de Compostela), presentándose a través do rexistro xeral. Tamén poderán utilizarse para a presentación de solicitudes calquera das dependencias previstas no artigo 38.4º da Lei 4/1999, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que optasen por presenta-la súa solicitude nunha oficina de correos, farano en sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 15 de outubro de 2001.

O proxecto presentarase en soporte informático e en soporte papel, por triplicado.

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, aquelas solicitudes que non presenten os requisitos sinalados, requerirase o interesado para que nun prazo de dez días emende as faltas ou xunte os documentos preceptivos; de non o facer considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente.

Sexto.-Composición e funcións da comisión.

1. As solicitudes serán avaliadas por unha comisión de selección integrada polos seguintes membros:

Presidente: a directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, ou persoa na que delegue.

Vocais: o xefe de Servicio de Ordenación e Innovación Educativa, o xefe de Servicio de Formación do Profesorado e un inspector educativo.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da Subdirección Xeral de Ordenación Educativa.

2. A comisión, se é o caso, poderá contar co asesoramento de especialistas.

3. A participación na convocatoria supón a aceptación de tódalas súas bases, así como a cesión do dereito da propiedade dos traballos premiados, nos que poderán introducirse as variacións que se consideren máis adecuadas á súa finalidade.

Sétimo.-Criterios de valoración.

A comisión seleccionará as experiencias e os proxectos tendo en conta os seguintes criterios:

a) A orixinalidade da experiencia ou proxecto e o feito de non ter sido premiado ou subvencionado con anterioridade.

b) A calidade pedagóxica.

c) Os resultados da experiencia ou a viabilidade da súa realización co máximo de aproveitamento, así como a metodoloxía empregada.

d) A transferibilidade.

e) A maior implicación e impacto na comunidade escolar.

f) A posibilidade de ser avaliado obxectivamente.

Oitavo.-Comunicación.

A proposta de concesión de premios emitida pola comisión avaliadora elevarase ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia, podendo declararse desertos os premios anunciados ou determina-la súa acumulación ou compartición. Contra esta resolución, que esgotará a vía admi

nistrativa, os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

As solicitudes entenderanse denegadas de non dictarse resolución no prazo máximo de resolución establecido no artigo noveno.

Noveno.-Prazo de resolución.

O prazo máximo de resolución da presente convocatoria será o 15 de decembro de 2001.

Décimo.-Recoñecemento das actividades realizadas.

Esta actividade terá a consideración de actividade de innovación educativa ó amparo do punto 14.1º da Orde do 13 de decembro de 1994 (DOG do 13 de xaneiro de 1995) sobre o procedemento de recoñecemento das actividades de promoción do funcionario de carreira docente non universitario. A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional expedirá a certificación correspondente ó profesorado participante unha vez presentada a memoria correspondente e recibido o informe favorable.

Décimo primeiro.-Xustificación da actividade.

No caso de tratarse de proxectos premiados, co fin de dar cumprimento ó artigo 10 desta orde, o autor/a ou coordinador/a quedará obrigado a presentar antes do 30 de xuño de 2002 unha memoria final, de acordo co modelo do anexo III.

Décimo segundo.-Retirada da documentación.

As persoas interesadas ou os seus representantes legais poderán retira-la documentación dos traballos non seleccionados e que non vaian ser obxecto de publicación, na Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional no prazo de 30 días a partir da publicación da resolución de concesión de premios da presente convocatoria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dicta-las disposicións necesarias no desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO II

Aspectos que hai que desenvolver na memoria descritiva para a solicitude de premios a experiencias ou proxectos de innovación educativa sobre programas de promoción de conductas tolerantes:

1. Datos de identificación:

1.1. Título.

1.2. Ámbito de aplicación do proxecto: (centro/s, rúa, localidade, provincia).

1.3. Delimitación do campo de traballo: (ciclo/s, curso/s, área/s...).

1.4. Autor/a ou coordinador/a da experiencia ou proxecto.

1.5. Datos bancarios do/a autor/a ou coordinador/a do grupo.

1.6. Datos persoais e profesionais do profesorado que intervén no proxecto e funcións de cada un neste.

2. Deseño:

2.1. Xustificación do proxecto: (contexto no que xorde, cuestións ás que pretende responder...).

2.2. Obxectivos que se pretenden: (que se vai experimentar e defini-la súa finalidade...).

2.3. Metodoloxía seguida ou que se vai seguir: (hipóteses formuladas, selección de variables, técnicas utilizadas ou que se van utilizar, organización...).

2.4. Programación polo miúdo do proxecto: (duración, fases, contidos, secuencias...).

2.5. Aspectos ou elementos para avaliar e a súa incidencia na práctica docente.

2.6. No caso de participantes de varios centros especificaranse os mecanismos establecidos para a coordinación, intercambio de información, posta en común e avaliación conxunta.

ANEXO III

Modelo que se seguirá para a presentación da memoria final:

-Descrición da experimentación e metodoloxía empregada.

-Obxectivos conseguidos.

-Recursos empregados.

-Ítems empregados no procedemento avaliativo.

-Conclusións máis destacables.