Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Mércores, 08 de agosto de 2001 Páx. 10.746

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 20 de xullo de 2001 pola que se clasifica como de interese social a Fundación Galega da Muller Emprendedora.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Galega da Muller Emprendedora, con domicilio na sede da Confederación de Empresarios de Galicia, en Santiago de Compostela, rúa do Vilar, nº 54.

Supostos de feito.

1. Ángeles Iglesias Daviña, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 2 de xullo de 2001 formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 14 de xuño de 2001, ante o notario Enrique Roger Amat, co número 2517 do seu protocolo, por Loida Zamuz Martínez, Ana-María Méndez Gómez, Ángeles de la Iglesia Daviña, María Teresa Ramona Rosario Vidal Gallego e Pilar Estévez Linares, que intervén en representación, como mandataria verbal de María José Rouco Lamela.

3. Segundo consta no artigo seis dos estatutos, é obxecto da fundación a potenciación, o reforzo e a participación da muller no mundo empresarial.

O padroado terá plena liberdade para determina-la actividade da fundación, dentro dos seus fins, de cara a aqueles obxectivos concretos que, a xuízo daquel, sexan os máis adecuados ou convenientes en cada momento, constituíndo o obxecto fundacional o fomento, a promoción e o recoñecemento de toda clase de iniciativas que reforcen a participación e presencia da muller no mundo empresarial e social.

4. O padroado da fundación estará constituído por Loida Zamuz Martínez como presidenta, Ana María Méndez Gómez como vicepresidenta, Ángeles de la Iglesia Daviña como secretaria e María Teresa Ramona Rosario Vidal Gallego e María José Rouco Lamela como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese social da Fundación Galega da Muller Emprendedora, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese social e

a súa adscrición á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 17 de xullo de 2001.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese social a Fundación Galega da Muller Emprendedora e adscribila á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública