Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Venres, 03 de agosto de 2001 Páx. 10.619

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se publica a declaración de impacto ambiental do 19 de xuño de 2001 do proxecto de apertura dun novo vertedoiro de entullos de construcción e demolición de obra en Vilalba (Lugo), promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e o Concello de Vilalba.

Antecedentes.

O Real decreto lexislativo 9/2000, do 6 de outubro, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, estipula que os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización de obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II, deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental cando así o decida o órgano ambiental en cada caso.

Á vista das características do proxecto, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cualificou o proxecto como sometido a avaliación de impacto ambiental con data do 19 de febreiro de 2001.

O obxecto do proxecto é a instalación dun vertedoiro de entullos nos ocos deixados por unha antiga explotación de cuarcita, para o que se prevé realiza-lo acondicionamento do vaso de vertedura. Esta canteira atópase a aproximadamente 12 quilómetros do núcleo de Vilalba, adxacente ó punto quilométrico 537+500 da estrada C-641.

No anexo I resúmese o contido do proxecto, as medidas protectoras e correctoras e o plan de vixilancia ambiental.

O estudio ambiental someteuse a información pública, por un prazo de 30 días, mediante Resolución do 1 de marzo de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 67 do 4 de abril. O resultado deste trámite recíbese con data do 30 de maio de 2001, sen que se teña constancia da presentación de alegacións.

Con data do 1 de marzo de 2001 consúltanse ás direccións xerais de Patrimonio Cultural, de Saúde Pública e Montes e Medio Ambiente Natural. O informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública ten entrada o 3 de abril de 2001, o da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural o 21 de maio de 2001 e o da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o 18 de xuño de 2001.

No anexo II resúmese o contido dos anteditos informes.

Efectuada a tramitación, conforme se establece no Decreto 442/1990, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula ós sós efectos ambientais a declaración de impacto ambiental do proxecto de apertura dun novo vertedoiro de entullos de construcción e demolición de obra no concello de Vilalba (Lugo), promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e o Concello de Vilalba.

O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No cumprimento das condicións desta DIA terase en conta que, segundo o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o Concello de Vilalba, a obriga de asumi-la explotación, mantemento e conservación das obras unha vez recibidas será do Concello de Vilalba ou, se é o caso, do adxudicatario. Durante a fase de obras, esta obriga recaerá na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa o documento titulado Proxecto de apertura dun vertedoiro de entullos de construcción e demolición no municipio de Vilalba (Lugo). Dicembro 2000 a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer pola presente declaración de impacto ambiental as seguintes condicións, ademais das incluídas na documentación avaliada, de xeito que se asegure a minorización dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito da declaración.

Esta declaración de impacto ambiental (DIA) refírese en exclusiva ó proxecto definido no documento titulado Proxecto de apertura dun vertedoiro de entullos de construcción e demolición no municipio de Vilalba (Lugo). Decembro 2000.

O vertedoiro localízase adxacente ó punto quilométrico 537,500 da estrada C-641.

Os residuos obxecto de depósito no vertedoiro serán inertes procedentes da construcción.

2. Sobre a xestión dos residuos.

2.1. No vertedoiro só poderán admitirse residuos considerados inertes, entendendo como tales os así definidos na Directiva 1999/31/CE do Consello do 26 de abril de 1999, relativa á vertedura de residuos, que se recolle a continuación:

-Residuos inertes: residuos que non experimentan transformacións físicas, químicas ou biolóxicas significativas. Os residuos inertes non son solubles nin combustibles, nin reaccionan física nin quimicamente, nin de ningunha outra maneira, nin son biodegradables, nin afectan negativamente a outras materias coas cales entran en contacto de forma que poidan dar lugar á contaminación do medio ambiente ou prexudica-la saúde humana. A lixiviabilidade total, o contido de contaminantes dos residuos e a ecotoxicidade do lixiviado deberán ser insignificantes, e en particular non deberán supoñer un risco para a calidade das augas superficiais.

2.2. A xestión de residuos rexerase polo principio de prevención da súa xeración, debendo limitarse a eliminación segura dos residuos, a aqueles residuos ou fraccións non susceptibles de valorización, dado o estado da técnica. Co fin de cumprir estes principios é obrigatorio realizar unha clasificación previa dos residuos xestionados, separando e xestionando os resi

duos valorizables, debendo discriminarse nas tarifas e prezos este feito.

2.3. Aplicarase o procedemento de control de entrada e identificación de carga contemplado no proxecto, garantindo que os materiais que se van depositar son exclusivamente residuos inertes, e procedendo á non aceptación destes en caso contrario.

2.4. Non estando previsto no proxecto destinar unha zona para as tarefas de mantemento de equipos e maquinaria, estas realizaranse en talleres autorizados.

2.5. Os lodos obtidos na balsa de decantación e na fosa de saneamento xestionaranse de acordo coa lexislación vixente.

3. Sobre o ruído.

3.1. Non se superarán os límites establecidos na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (DOG do 20 de agosto), e, se é o caso, o establecido polo Concello de Vilalba.

4. Sobre a atmosfera.

4.1. Os motores de combustión da maquinaria de obras deberán cumpri-los niveis de emisión de gases estipulados polo Decreto 3025/1974, do 9 de agosto, sobre limitación da contaminación atmosférica producida polos vehículos automóbiles, debendo dispor de documentación que o acredite.

5. Sobre as augas.

5.1. Durante a fase de obras, adoptaranse as medidas necesarias para evita-los arrastres das terras amoreadas temporalmente na superficie denominada área que se vai restaurar.

5.2. A calidade das augas procedentes da balsa de infiltración, previamente a súa incorporación á foxa da C-641, deberá cumprir como mínimo coas condicións recollidas na seguinte táboa:

ParámetroValor límiteUnidades

pH5, 5-9,5

Sólidos en suspensión 80mg/l

Materiais sedimentables 0,5ml/l

Sólidos grososAusentes

5.3. Para a vertedura, incluso indirecto, ó dominio público hidráulico das augas potencialmente contaminadas deberá obterse autorización de Augas de Galicia.

6. Sobre o solo.

6.1. Queda expresamente prohibido depositar calquera residuo fóra da superficie de vertedura prevista inicialmente, aínda que sexa con carácter temporal.

7. Sobre o patrimonio cultural.

7.1. Establécese unha área de exclusión no contorno do Conxunto Megalítico das Lagoas (GA27065043), cun raio de 160 m no cuadrante suroccidental, medidos desde o límite exterior do conxunto megalítico en cuestión, sendo este límite nos cuadrantes restantes de 200 m.

8. Sobre a restauración.

8.1. A zona denominada A3 no estudio deberá restaurarse previamente á posta en funcionamento do vertedoiro.

8.2. A totalidade da superficie do vertedoiro deberá ser revexetada.

8.3. As achegas externas de solo deberán contar coa súa procedencia e aptitude debidamente xustificadas, comprobándose o nivel de fertilidade e corrixindo as súas características, tal e como se recolle no proxecto.

8.4. A mestura de sementes que se van utilizar na revexetación deberá estar formada por especies presentes na zona, considerándose necesaria a substitución do Bromus inermis e da Erica arborea por outras especies do seu xénero propias da zona de localización do vertedoiro.

8.5. Procederase á rega regular, fertilización mineral de reforzo anual e resementeira das superficies revexetadas, ata que se asegure a viabilidade da revexetación.

8.6. O desmantelamento proxectado incluirá a restauración da balsa de infiltración.

9. Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas na documentación avaliada e no condicionado desta seclaración. Así mismo, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Este programa ten como obxectivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Tódolos controis realizados no seguimento, así como tódolas incidencias que se produzan, rexistraranse no momento da súa avaliación no libro-rexistro, tal e como se contempla no proxecto.

As analíticas que se van realizar serán efectuadas por laboratorio homologado segundo métodos oficiais de análise. Este laboratorio deberá realizar ademais a toma de mostras.

A documentación indicada a continuación deberá presentarse por duplicado perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

9.1. Informe final de obras:

Presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos, comprendendo, como mínimo os seguintes elementos:

a) Data de finalización das obras.

b) Plano en planta a escala 1:500 ou maior detalle, en coordenadas U.T.M. onde aparezan os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras.

c) Reportaxe fotográfica da zona, que reflicta o estado final do lugar.

d) Definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, así como memoria das medidas adoptadas para o control de acceso e vertedura. Ademais, definirase o responsable do control ambiental requirido no punto 10.2 desta declaración.

9.2. Informe de seguimento ambiental durante a fase de explotación:

Presentarase con periodicidade semestral, contada desde a data de inicio da explotación. Conterá unha memoria descritiva dos resultados obtidos nos controis previstos (anexo nº 6, control de explotación), acompañada de reportaxe fotográfica (sinalando lugar, data e hora de toma das fotografías) na que se reflicta o estado do vertedoiro e os seus arredores. Hay que sinalar que, no que respecta ás analíticas previstas, incluirase o contido en sólidos en suspensión, pH, conductividade, DQO, sólidos disoltos, turbidez, color e osíxeno disolto.

9.3. Informe de seguimento ambiental para a fase posclausura:

Presentarase con periodicidade semestral, contada desde a finalización dos traballos. Conterá, como mínimo, a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva dos resultados obtidos nos controis previstos (anexo nº 7, seguimento e control ambiental posclausura).

b) Reportaxe fotográfica (sinalando lugar, data e hora de toma das fotografías) na que se reflicta o estado do vertedoiro e os seus arredores.

c) Plano en planta a escala 1:500 ou maior detalle, en coordenadas U.T.M. onde aparezan os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por proposta motivada da entidade encargada do mantemento e control posclausura, ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-la frecuencia dos controis que se van realizar.

10. Condicións adicionais.

1. O Concello de Vilalba poderá solicitarlle ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se nesta na presente declaración.

Nesta circunstancia, efectuarase a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada esta declaración. Unha vez recibidas a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ó promotor o acordo adoptado.

2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o antedito concello deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

4. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto severo ou crítico sobre o medio ambiente, a Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que sexan corrixidas.

5. Esta dirección xeral, por iniciativa propia poderá dictar en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais a esta declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase posterior, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

6. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial das condicións impostas nesta DIA poderán ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

7. Esta resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificala.

8. Cumpriranse tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

ANEXO I

RESUMO DO PROXECTO

O obxecto do proxecto é a apertura dun novo vertedoiro de entullos de construcción no concello de Vilalba, cunha capacidade estimada en 74.275 m e 10 anos de vida útil.

Para a súa localización seleccionouse a zona alterada pola actividade extractiva dunha antiga explotación de cuarcita, localizada a uns 12 quilómetros do núcleo urbano de Vilalba, preto do vertedoiro actual de lixo deste concello.

Para a apertura do vertedoiro precísase o acondicionamento da zona, co obxecto de dar cumprimento ás especificacións da Directiva 1999/31/CE, en relación coa vertedura de residuos para vertedoiros de residuos inertes.

As obras de adecuación e acondicionamento previstas, de acordo co proxectado son:

-Delimitación do vaso de vertedura: realizaranse movementos de terras para incrementa-la capacidade do vaso, dotalo de pendentes suficientes para

a drenaxe de augas de infiltración durante a explotación e permiti-lo acceso.

-Impermeabilización do fondo do depósito cunha capa de arxila, e da cara interna dos diques con lámina de PEAD (polietileno de alta densidade) encorada nunha gabia. Por enriba colocarase unha capa de xeotéxtil antipunzonamento.

-Instalación dunha rede de recollida de augas de infiltración. Este trazado estará constituído por un eixe principal e conductos laterais pertorados de PEAD, que drenarán por gravidade ata o punto inferior do vertedoiro. Estes conductos estarán protexidos por unha lámina de xeotéxtil e por unha capa de acondicionamento de 40 cm, formada por material compactado procedente da escavación.

-Instalación duna balsa de gravidade de formigón armado cuberta superiormente. Cara a esta balsa serán conducidas as augas recollidas pola rede de drenaxe, que serán finalmente vertidas, trala súa decantación, na foxa da estrada C-641.

-Instalación dun sistema de drenaxe superficial, consistente nunha foxa de formigón localizada nos límites norte, leste e oeste do vertedoiro. Conducirá as augas ata a foxa da estrada C-641.

-Instalación dunha báscula, caseta de control e depósito de auga.

Medidas protectoras e correctoras.

Ademais das medidas de corrección de proxecto (impermeabilización do vaso, sistema de recollida de augas de infiltración, rede de drenaxe superficial e sistema de control da explotación do vertedoiro), prevese a aplicación das seguintes medidas:

-Recheo e revexetación con especies herbáceas e arbustivas do oco existente ó leste do vertedoiro.

-Humectación das vías de acceso e zonas de manobra.

-Aplicación do plan de clausura e selaxe do vertedoiro, para o que se prevé a cubrición da última capa de residuos con (de abaixo a arriba):

-Capa de impermeabilización, de 0.30 m de espesor, formada por arxilas.

-Lámina de xeotéxtil.

-Capa de drenaxe de augas de infiltración, de 0,20 m de espesor.

-Capa de solo de 0,50 m.

-Sementeira con mestura de especies pratenses e arbustivas.

Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Contémplase realizar un programa de vixilancia e seguimento ambiental para a fase de obras, explotación e posclausura, consistente en:

-Fase de obra: control das augas superficiais, emisións de po e da seguridade e saúde laboral.

-Fase de explotación: control de residuos admitidos, sistema de drenaxe e decantación, recheo e asentamentos, emisións de po e accesos.

-Fase de posclausura: control do sistema de recolla de augas de explotación, sistema de drenaxe, cobertura final, asentamentos, cuberta de revexetación e accesos.

ANEXO II

RESUMO DOS INFORMES

-A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural emite informe no que conclúe:

-Deberíanse aplicar dispositivos para evita-los arrastres das terras procedentes da escavación mentres non son empregadas no acondicionamento do vaso.

-Recalcula-lo dimensionamento das gabias de drenaxe e da balsa de infiltración, garantindo a súa funcionalidade.

-Considérase necesario unha representación da información escrita a través de gráficos.

-Existen erros e omisións no inventario de vexetación natural.

-Na matriz de impactos confúndense medidas correctoras con impactos positivos.

-O orzamento de restauración non se inclúe no orzamento xeral.

- O prezo unitario para a revexetación prevista considérase excesivo.

-A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe no que conclúe:

Informar favorablemente o Proxecto de apertura dun verdoiro de entullos de construcción e demolición no concello de Vilalba (Lugo), co seguinte condicionante que se incluirá na correspondente declaración ambiental:

-Co fin de evitar posibles afeccións, establecerase, para esta obra, unha área de exclusión no contorno do conxunto megalítico das Lagoas (GA27065043), cun raio de 160 m no cuadrante suroccidental, medidos desde o límite exterior do conxunto megalítico en cuestión, sendo este límite nos cuadrantes restantes, de 200 m.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2001.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental