Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Martes, 31 de xullo de 2001 Páx. 10.406

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 12 de xullo de 2001 pola que se convoca un concurso público de méritos para a selección de profesor/a bolseiro/a de lingua, literatura e cultura galegas para as universidades: Federal da Bahía (Brasil), Central de Barcelona, Granada, Complutense de Madrid e Sorbonne Nouvelle París III (Francia).

A promoción e o ensino da lingua galega é unha das competencias exclusivas que o Estatuto de autonomía de Galicia lle atribúe á Comunidade Autónoma galega.

A necesidade de actuar neses dous campos, sobre todo con relación ós galegos que viven fóra do noso país, recóllea a Lei 3/1983, de normalización lingüística, cando lle ordena ó Goberno galego que faga uso dos recursos que a Constitución española e mailo Estatuto de autonomía lle confiren para que os galegos que viven fóra da Comunidade Autónoma poidan dispoñer de servicios culturais e lingüísticos en lingua galega.

As actuacións tendentes á difusión da lingua, da literatura e da cultura galegas fóra de Galicia, especialmente nos ámbitos universitarios, permiten a súa presencia e o seu estudio en igualdade de condicións coas máis prestixiosas do mundo actual, facilitan o achegamento das comunidades de galegos e dos seus descendentes á nosa realidade lingüística e cultural, e contribúen á potenciación da imaxe de Galicia en xeral máis alá dos nosos límites xeográficos.

Para facer posible todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria asina convenios de colaboración con algunhas das principais universidades de España e do estranxeiro, convenios que posibilitan o ensino e a promoción da nosa lingua e da nosa cultura nesas institucións universitarias.

Ante a posible carencia dentro das propias universidades de persoal cualificado para levar a cabo ese labor, prevese a existencia de profesores bolseiros de lingua, literatura e cultura galegas que prestan os seus servicios nas propias institucións docentes e reciben delas a correspondente retribución. Na procura deste profesorado, a Consellería

de Educación e Ordenación Universitaria colabora no proceso de selección e efectúalles ás universidades as correspondentes propostas.

En consecuencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócase un concurso público de méritos para a selección dun profesor ou profesora bolseiro/a de lingua, literatura e cultura galegas en cada unha das seguintes universidades: Federal da Bahía (Brasil), Central de Barcelona, Granada, Complutense de Madrid e Sorbonne Nouvelle París III (Francia).

Artigo 2º.-Suxeitos.

1. Poderán participar neste concurso as persoas que teñan nacionalidade española e sexan licenciadas en filoloxía galega ou nas subseccións de galego-portugués de filoloxía hispánica ou galaico-portuguesa de filoloxía románica. No caso de funcionarios-as en servicio activo, terán que obte-la excedencia no seu posto de traballo para seren nomeados profesores-bolseiros.

2. Quedan excluídas aquelas persoas que, reunindo estes requisitos, exerceron xa como profesor ou profesora bolseiro de lingua, literatura e cultura galegas continuadamente durante os catro anos académicos anteriores ó actual 2000/2001.

Artigo 3º.-Duración.

1. O nomeamento dos seleccionados como profesor/a bolseiro/a abranguerá ata o 31 de agosto de 2002. Este inicial período de actuación poderase ir renovando, sucesivamente, para un novo ano académico, ata completar unha estadía máxima de cinco anos nesa institución universitaria, sempre que esta circunstancia non contraveña o que dispón a normativa de cada unha das universidades receptoras en canto á estadía de profesores bolseiros.

2. Para cada unha desas renovacións anuais, o profesor ou profesora bolseiro/a deberá reunir, no penúltimo mes do correspondente ano académico, os seguintes requisitos:

-Ter presentada na Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a memoria-resumo do ano académico que remata, co visto e prace da universidade.

-Contar con informes favorables tanto da universidade coma da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Se algún dos profesores ou profesoras bolseiros/as seleccionados desempeñase xa anteriormente esa función na mesma ou noutra universidade, no cómputo do período máximo ó que se aludiu anteriormente, deberase incluí-lo número de anos académicos transcorridos na anterior situación.

Artigo 4º.-Actividade.

Os referidos profesores ou profesoras bolseiros encargaranse da programación e da organización das necesarias actividades de difusión e promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas (non só na universidade senón tamén dentro do seu ámbito de influencia), e impartirán a docencia desas materias. En todo caso, a súa dedicación académica e maila consideración dentro da universidade axustaranse á normativa da propia institución docente.

Artigo 5º.-Dotación económica.

1. A dotación correspondente á retribución dos mencionados profesores e profesoras bolseiros financiarase con cargo á subvención que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria lle outorgue a cada unha das universidades para levar a cabo as accións de docencia, difusión e promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas especificadas nos convenios respectivos.

2. A retribución correspondente ó labor que desempeñe efectuaralla ó profesor ou profesora bolseiro a universidade que o acolle, ou, directamente, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, se así consta no convenio correspondente, e, en ámbolos casos, segundo a contía que para cada ano se determine.

3. Esta contía anual para o actual 2001 será de 2.500.000 pesetas, se é profesor/a bolseiro/a nunha universidade estranxeira, e de 2.200.000 pesetas, se o é nunha española.

4. Nesa retribución considéranse incluídos tódolos conceptos (viaxes, residencia, etc.).

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

As persoas interesadas presentarán a solicitude no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou por calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Utilizarán o formulario de solicitude que figura como anexo a esta orde e achegarán cando menos a seguinte documentación:

-Fotocopia compulsada do DNI.

-Fotocopia compulsada do título ou títulos de licenciado (ou do xustificante de telo solicitado).

-Certificado de estudios.

-Currículum vitae e xustificantes de tódolos méritos alegados.

-Escrito, asinado polo solicitante, que conteña unha explicación dos motivos da presentación da solicitude e mais un proxecto de traballo (máximo de 5 folios).

Artigo 7º.-Prazo de presentación.

1. O prazo de presentación das solicitudes será de vinte días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Os defectos nas solicitudes notificaránselles ós interesados e daráselles un prazo de dez días para que emenden os erros ou as omisións. Transcorrido ese prazo, e se non se producise a emenda, as peticións arquivaranse sen máis trámite.

Artigo 8º.-Órgano informante.

As solicitudes e a documentación acreditativa examinaraas e valoraraas unha comisión presidida polo director xeral de Política Lingüística e composta polos seguintes membros:

-O subdirector xeral de Promoción e Ensino da Lingua Galega.

-O xefe do servicio de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega.

-Por parte de cada universidade, un membro (ou persoa na que delegue) da comisión de seguimento prevista no convenio asinado coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística, que actuará de secretario con voz pero sen voto.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

1. Para levar a cabo o seu traballo a comisión valorará, entre outros, os seguintes aspectos:

-Currículum académico.

-Currículum profesional, se o tivese o/a solicitante.

-Asistencia a actividades de formación relacionadas coa lingua, coa literatura e coa cultura galegas.

-Docencia extracurricular (conferencias, relatorios, cursos, etc.) relacionada coa lingua, coa literatura e coa cultura galegas, especialmente no país da universidade que se solicita.

-Publicacións sobre temas relacionados coas materias obxecto de docencia e de promoción que o profesor ou profesora bolseiro debe levar a cabo.

-Experiencia na organización de actividades de difusión e promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas, especialmente no país da universidade que se solicita.

-Experiencia como profesor/a lector/a de lingua, literatura e cultura galegas nunha universidade de

fóra de Galicia, e en particular na que se solicita ou noutra do mesmo país.

-Coñecemento do país da universidade solicitada e da súa situación sociocultural.

-Coñecemento, se é o caso, do idioma oficial do país da universidade que se solicita.

-Interese do proxecto de traballo.

2. En calquera momento a comisión poderá convocar para unha entrevista os solicitantes que coide oportuno.

Artigo 10º.-Resolución.

1. Rematado o seu traballo, a comisión presentaralle un informe ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá e lle trasladará a proposta a cada unha das universidades. A aceptación por parte de cada universidade determinará a condición de profesor ou profesora bolseiro/a.

2. O prazo máximo para resolve-la convocatoria será de catro meses, contados a partir da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes entenderanse desestimadas de non resolverse a convocatoria no prazo anteriormente sinalado.

3. A antes mencionada resolución poralle fin á vía administrativa e notificaráselles ós solicitantes. Contra ela poderán interpoñer recurso potestativo

de reposición diante do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 11º

A resolución acerca da selección do profesor/a bolseiro/a correspondente ás universidades citadas estará condicionada á sinatura previa do convenio entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e cada unha desas universidades.

Disposicións derradeiras

1. Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

2. Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria