Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Xoves, 26 de xullo de 2001 Páx. 10.185

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de maio de 2001 pola que se autoriza impartir ensinanzas de educación de persoas adultas en determinados centros docentes públicos de educación secundaria dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Segundo a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aprobou o Estatuto de autonomía de Galicia, e o Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre o traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, correspóndenlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as competencias en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado.

No marco destas competencias, a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, no seu artigo 52, prevé que as persoas adultas que queiran adquirir coñecementos equivalentes á educación básica contarán cunha oferta adaptada ás súas condicións e necesidades, co propósito de actualiza-la cualificación dos cidadáns, e que aquelas que teñan o título de graduado escolar poidan acceder a programas ou a centros docentes que lles axuden a alcanza-la formación básica prevista na mencionada lei para a educación básica obrigatoria nos centros ordinarios, dispoñendo dunha oferta e dunha organización adecuada ás súas características.

O Decreto 88/1999, do 11 de marzo (DOG do 13 de abril), polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación de persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros, establece no artigo 5 que nos centros en que se imparten ensinanzas de educación de persoas adultas poderá cursarse ensinanzas iniciais de ensino básico dos niveis I e II, así como aquelas conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria ou de nivel III.

Co fin de adapta-la oferta da educación secundaria obrigatoria ás condicións, necesidades e intereses das persoas adultas, dictouse a orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 26 de maio de 1997 (DOG do 15 de xullo), pola que se establecen as liñas básicas para o desenvolvemento do currículo das ensinanzas conducentes ó título de graduado en educación secundaria para as persoas adultas, e pola que se regulan as ensinanzas iniciais de niveis I, II e III conducentes ó título de graduado en educación secundaria.

En consecuencia co anteriormente exposto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Primeiro.-Autorízanse a imparti-las ensinanzas básicas (niveis I, II e III) conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria establecidas na Orde do 26 de maio de 1997 (DOG do 15 de xullo) ó centro docente público de educación secundaria que se menciona no anexo.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas todas aquelas ordes e disposicións que se opoñan ó cumprimento desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Provincia da Coruña.

15021482 IES San Clemente, Santiago de Compostela.