Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Xoves, 26 de xullo de 2001 Páx. 10.184

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de maio de 2001 pola que se traslada a oferta de ensinanzas de centros de educación permanente de adultos e aulas de educación permanente de adultos a institutos de educación secundaria.

Segundo a Lei ogánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aprobou o Estatuto de autonomía de Galicia, e o Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre o traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, correspóndenlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as competencias en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado.

No marco destas competencias, a Lei ogánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, no seu artigo 52 prevé que as persoas adultas que queiran adquirir coñecementos equivalentes á educación básica contarán cunha oferta adaptada ás súas condicións e necesidades, co propósito de actualiza-la cualificación dos cidadáns, e que aquelas persoas que teñan o título de graduado escolar poidan acceder a programas ou a centros docentes que lles axuden a alcanza-la formación básica prevista na mencionada Lei para a educación básica obrigatoria.

O Decreto 88/1999, do 11 de marzo (DOG do 13 de abril), polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación de persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros, establece no seu artigo 11 que as ensinanzas de adultos poderán impartirse en centros ordinarios de ensino non universitario que autorice a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Por outra parte, mediante a Orde do 4 de setembro de 2000 autorizouse impartir ensinanzas de educación de adultos en certos institutos de educación secundaria.

Coa finalidade de ofertar coas necesarias garantías de calidade o novo deseño das ensinanzas de adultos de acordo coas previsións da Lei ogánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e co ánimo de facilitar que se cursen ensinanzas de adultos alí onde se demandan, e que estas se poidan ofertar con apoio de medios e espa

cios axeitados, trasládase a oferta de ensinanzas de educación de adultos que ata o de agora se viñan impartindo en centros específicos e aulas en centros ordinarios a institutos de educación secundaria adaptados para imparti-las novas ensinanzas. En definitiva, trátase de mellora-la calidade e potencia-la oferta das ensinanzas das persoas adultas, á vez que se rendibilizan os recursos educativos existentes.

Na súa virtude, e no uso das competencias que ten atribuídas, esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Autoriza-lo traslado da oferta educativa que se viña impartindo nos centros e aula de educación de adultos ós institutos de educación secundaria que se relacionan no anexo.

Segundo.-O profesorado afectado polo punto primeiro que estea adscrito de forma definitiva ós centros e aula de educación de adultos incorporarase nas mesmas condicións ós institutos de educación secundaria que lle corresponda, impartindo as ensinanzas para as que estaba autorizado no centro de procedencia, e así mesmo, sempre que posúa a especialidade, poderá imparti-los módulos un e dous do nivel III de educación secundaria para adultos establecido na Orde do 26 de maio de 1997.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a dictar cantas normas sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, director xeral de Persoal e director xeral de Centros e Inspección Educativa.

ANEXO

A oferta educativa dos centros e da aula de educación de adultos relacionados na primeira columna trasládase ós institutos de educación secundaria que se correspondan na segunda columna.

A Coruña

Aula EPA de educación

de adultos

Instituto de educación secundaria

Aula do CEIP Centieiras15032081IES de Fene, Fene

Pontevedra

Centros EPAInstituto de educación secundaria

Centro EPA de Cangas36019475IES de Rodeira, Cangas

Centro EPA de Moaña36004745IES A Paralaia, Moaña