Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Luns, 23 de xullo de 2001 Páx. 10.089

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2001, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a instalación eléctrica denominada: L.M.T., C.T. e R.B.T. A Venda-A Casanova, no concello do Pereiro de Aguiar (Ourense). (Expediente IN407A 00/79-3 A.T.).

Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na r/ Sáenz Díez nº 45, 32003 Ourense solicitou desta delegación provincial a autorización administrativa e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica de referencia.

No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Na fase de información pública presentou escrito o propietario do predio nº 11 da relación de afectados na L.M.T. ó C.T. da Casanova, quen alega a existencia de determinados erros ó relaciona-los bens afectados, o que será corrixido oportunamente de se-lo caso, logo das comprobacións que realice o perito da Administración no momento do levantamento das actas previas á ocupación. As alegacións de tipo económico serán resoltas polo órgano competente, o Xurado Provincial de Expropiación despois de analiza-las correspondentes follas de aprecio coas valoracións que presenten tanto beneficiaria, como o propietario do terreo afectado.

Vista sobre o terreo a traza da liña eléctrica proxectada, obsérvase que naquela non se dá ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso ás que se refire o artigo 161 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Sendo competente este organismo, con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma Galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio das competencias atribuídas polo Real decreto 1955/2000 e polo Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro (DOG do 16 de febreiro),

RESOLVO:

1º Autorizarlle a Unión Fenosa Distribución, S.A. o establecemento da instalación eléctrica que conta cos seguintes datos básicos para un orzamento de 17.045.351 pesetas:

-Dúas liñas eléctricas aéreas a 20 kV, en conductor LA-56 sobre apoios de formigón: a 1ª de 446 m de lonxitude derivada do apoio número 74 da L.M.T. Velle-O Pinto, e remata no C.T. proxectado, con 100 kVA e r/t 20.000/380-220 V na Casanova; a 2ª de 667 m de lonxitude, deriva da L.M.T. ó C.T. de Reboredo e remata no C.T. proxectado, aéreo de 100 kVA e a mesma r/t que o anterior, de Carballizos.

-Redes de baixa tensión a Carballizos; A Casanova e San Martiño en conductor forrado tipo R.Z.

2º Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica autorizada, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, de necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente levará implícita a autorización para o establecemento ou paso da instalación eléctrica sobre terreos de dominio, uso ou servicio público, ou patrimoniais do Estado, ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicios destes e zonas de servidume pública.

3º Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, dea comezo ó levanta

mento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifiquen individualmente, dos predios contidos na resolución desta delegación provincial do 16 de marzo de 2001, que se publicou no DOG do 30 de abril, no BOP de Ourense do 24 de abril e no xornal La Región do 28 de maio.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou calquera outro recurso que se considere pertinente.

Ourense, 5 de xuño de 2001.

Alfredo Cacharro Pardo

Delegado provincial de Ourense