Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Luns, 23 de xullo de 2001 Páx. 10.086

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 13 de xullo de 2001 pola que se fai público o contido das bases reguladoras da Comisión Técnica de Análise e Avaliación de Proxectos do Instituto Galego de Promoción Económica.

O Consello de Dirección do Igape, na súa reunión de 13 de xullo de 2001, aprobou as bases reguladoras da Comisión Técnica de Análise e Avaliación de Proxectos do Igape, segundo o texto que se xunta á presente resolución, facultando a directora xeral para a súa publicación.

Polo que antecede,

RESOLVO:

Facer público o texto das bases reguladoras da Comisión Técnica de Análise e Avaliación de Proxectos do Igape, o que se xunta á presente resolución.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2001.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego de Promoción

Económica

Bases reguladoras da Comisión Técnica de Análise e Avaliación de Proxectos do Igape

O Igape, na procura de consolidar e mellorar continuamente o servicio prestado á Comunidade Autónoma na promoción económica da mesma, no momento da posta en marcha dun novo marco de axudas e co obxectivo de dota-la súa actuación dunha avaliación técnica e de seguimento constante que permita o contraste necesario para reforzar ou adecua-las iniciativas de promoción que se vaian desenvolvendo, considera necesaria a creación dun órgano técnico multidisciplinar coa finalidade de facilita-las tarefas de coordinación do instituto e as deste, con outras institucións públicas autonómicas no ámbito da promoción económica e que facilite os apoios necesarios para mante-lo seguimento permanente e continuo sobre a evolución da actividade económica e sobre a eficacia das políticas de gasto do Igape e a súa repercusión nesa evolución.

Así mesmo, as diferentes liñas de axuda postas en marcha polo instituto orixinan multiples tipoloxías de proxectos dos distintos sectores empresariais, apoiados por formulacións integrais que indiquen o impacto previsto de cada iniciativa na empresa e no tecido empresarial. A posta en marcha dun órgano multidisciplinar permitirá obter unha visión técnica autorizada que referende a calidade dos proxectos e dea valor engadido ás propostas, xunto co apoio que representará na avaliación dos mesmos para os órganos xestores.

Base 1ª.-Créase a Comisión Técnica de Análise e Avaliación de Proxectos como órgano multidis

ciplinar de asesoramento e apoio, baixo a dependencia directa da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica.

Base 2ª.-Á Comisión Técnica de Análise e Avaliación de Proxectos corresponderalle:

a) Informar sobre a viabilidade económica e financeira dos proxectos empresariais globais presentados ó abeiro dos programas e liñas de axuda do Igape, así como sobre o seu impacto estratéxico na Comunidade Autónoma.

b) Analizar iniciativas, suxestións e propostas de actuacións, relacionadas co desenvolvemento e implantación dos proxectos empresariais suxetos a análise.

c) Estudiar e informar sobre a conveniencia das adecuacións periódicas que con base nas directrices de política económica da Xunta de Galicia, resulten necesarias en materia de priorización territorial, de actividades subvencionables o preferentes, de conxuntura económica ou outros aspectos que deban terse en conta para a determinación das axudas do instituto, así como das actuacións a desenvolver polo Igape que, no ámbito das súas competencias, resulten axeitadas para a dinamización económica de Galicia.

d) Emitir informe técnico sobre os convenios que se pretendan formalizar en desenvolvemento do previsto nas bases reguladoras das axudas do Igape.

e) Realiza-las consultas técnicas que sexan formuladas pola Dirección Xeral do Igape.

f) Realiza-los informes ou calquera outra actuación que se lle encomende pola Dirección Xeral do Igape.

Base 3ª.-Os informes da comisión, que terán un carácter non vinculante, valorarán, respecto o previsto nos apartados a) e b) de base 2ª, os distintos aspectos dos documentos achegados que fundamenten o proxecto sometido a análise e que neste caso, terá a dobre función de achegar un elemento de reflexión ó proxecto empresarial e de constituír un instrumento de apoio ó xestor á hora de elabora-la súa proposta de resolución.

Base 4ª.-A Comisión Técnica de Análise e Avaliación de Proxectos estará constituída polos técnicos do Igape, Xesgalicia, CEEI Galicia e, se é o caso, os das consellerías ou outras institucións públicas autonómicas en función do proxecto de que se trate e que, por proposta dos órganos responsables correspondentes, sexan designados pola dirección xeral do instituto.

Co fin de asegura-lo axeitado funcionamento da comisión, a Dirección Xeral do Igape designará un coordinador executivo que será o responsable de desenvolver tódalas tarefas que sexan necesarias para logra-lo seu áxil e eficaz funcionamento.

O Consello de Dirección do Igape aprobará, por proposta da dirección xeral, o Regulamento interno de funcionamento da comisión.

Base 5ª.-As presentes bases entrarán en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.