Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Luns, 23 de xullo de 2001 Páx. 10.075

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 13 de xullo de 2001 pola que se fai público o contido das bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica ós programas de especialización laboral.

O Consello de Dirección do Igape, na súa reunión de 13 de xullo de 2001, aprobou as bases reguladoras das axudas do Igape ós programas de especialización laboral, segundo o texto que se xunta á presente resolución, facultando a directora xeral para a súa publicación.

Polo antedito,

RESOLVO:

Facer público o texto das bases reguladoras das axudas do Igape para os programas de especialización laboral, que se xunta á presente resolución.

O crédito reservado para o financiamento das axudas para conceder no exercicio 2001 con cargo a estas bases ascende a 601.012,10 euros (100.000.000 de pesetas)

O dito crédito financiarase con cargo á partida 01.02.14.01.01.651 dos orzamentos do Igape para 2001, podéndose establecer compromisos plurianuais dentro dos límites autorizados.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2001.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica

Bases polas que se regulan as axudas ós programas de especialización laboral

O decreto de incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, que no seu artigo 12 prevé, dentro das axudas á formación, divulgación, asistencia técnica e contratación de persoal especializado, a posibilidade da contratación de traballadores. Co fin de dar resposta ás necesidades de especialización de persoal das empresas galegas con coñecementos específicos e experiencia práctica en cualificacións técnicas de alta especialización ou novas e de escasa implantación na Comunidade Autónoma, o Igape convoca unha iniciativa de apoio a programas de formación e especialización práctica de titulados nunha política de dobre obxectivo, dunha banda dar resposta ás necesidades descritas do mercado e das empresas galegas de persoal con capacidades específicas que o sistema educativo vixente non chega a propiciar, no curto prazo, e doutra banda para facilitarlle ós traballadores galegos a formación especializada e a experiencia

práctica complementaria ós coñecementos adquiridos no seu período de formación regrada. Neste sentido os programas deberán tender a determinar unha mellora do capital humano especializado, por sectores ou tecnoloxías, no entramado empresarial galego, contribuíndo dese xeito á xeración dunha base de man de obra especificamente capacitada e á especialización do mercado laboral, que representa un dos aspectos fundamentais da competitividade rexional.

Coa posta en marcha deste programa trátase de dar resposta a curto e medio prazo, considerando que a longo prazo deberá se-lo sistema educativo o encargado de complementa-la súa oferta para responder ás necesidades de formación profesional demandadas polo mercado, cando sexan reais e duradeiras, con base na súa condición de estructurais.

As axudas irán dirixidas a apoiar programas ambiciosos de capacitación e especialización práctica de titulados para as Pemes galegas a través das solicitudes que determinados organismos intermedios con carácter de agrupación empresarial poidan facer, especificando o obxectivo do programa respecto ás necesidades do mercado e das empresas galegas, o número estimativo de titulados que recibirán a especialización teórico-práctica, a duración prevista do programa e as empresas colaboradoras líderes ou os centros de excelencia nos que se levará a cabo a contratación en prácticas dos titulados. As solicitudes incluirán a descrición e duración do período de capacitación especializada previsto para cada un dos contratados, que poderá incluír períodos de formación ou familiarización complementarios á propia estadía na empresa ou centro colaborador. Posto que o programa non deberá responder exclusivamente ás necesidades dunha empresa individual senón que tenderá a dar resposta a necesidades

existentes nun sector completo ou á demanda de especialización tecnolóxica deficiente de carácter horizontal, ó remate do período de especialización, a man de obra especializada poderá ser directamente contratada polas empresas ou ben mellora-la oferta de especialización demandada polo mercado.

Base 1ª.-Obxectivos.

É obxecto das presentes bases regula-la convocatoria de programas de formación teórico-práctica mediante bolsas-contratos en prácticas dirixidas á especialización profesional en procesos, mecanismos ou técnicas empresariais determinadas cara á cobertura de deficiencias de oferta de man de obra especializada existentes e detectadas no mercado. As axudas do Igape irán destinadas a favorece-la implantación de programas formativos en empresas ou centros colaboradores que deberán ser líderes nacionais ou internacionais no seu ámbito ou ben representativas de sectores ou subsectores de interese na Comunidade Autónoma de Galicia, todo iso coordinado polos organismos intermedios de carácter empresarial.

Base 2ª.-Tipo de axuda.

As axudas previstas nestas bases consistirán en subvencións a fondo perdido do 70% sobre o salario bruto pagado polas empresas ou centros colaboradores na contratación en prácticas dos destinatarios da formación durante o período de contratación. Cando o interese global da proposta así o aconselle, a porcentaxe anterior poderase incrementar ata o 100% do salario bruto, e tamén, prever gastos de desprazamento e aloxamento cando resulten da asistencia a eventos de interese formativo de carácter nacional ou internacional, incorridos durante o período formativo.

Ademais, cando a proposta inclúa unha fase de formación teórica previa, asumida e coordinada polo organismo intermedio solicitante, o Igape poderá subvencionar ata un 45% dos custos dela.

Base 3ª.-Requisitos dos beneficiarios.

3.1. Os organismos intermedios galegos de marcado carácter de agrupación empresarial (asociacións empresariais, federacións ou confederacións empresariais, fundacións cun padroado maioritariamente empresarial, e cámaras de comercio) poderán presentar programas de especialización, que incidan na cobertura de deficiencias da oferta da man de obra especializada detectadas no mercado de traballo, en colaboración con empresas ou centros de excelencia que acollerán ós titulados destinatarios da especialización mediante a fórmula de contratación en prácticas.

3.2. As empresas ou centros colaboradores deberán cumpri-las seguintes condicións:

a) Te-la consideración de pequena e mediana empresa, segundo a definición do anexo III e, ademais, ter radicado o centro da súa actividade ou algún centro productivo na Comunidade Autónoma de Galicia ou ben acreditar un liderado nacional ou internacional no aspecto de especialización previsto no programa.

b) Comprometerse fidedignamente a colaborar no desenvolvemento integral do programa de especialización.

c) Nos casos en que o organismo intermedio achegue centros ou empresas colaboradoras non galegas ou non Pemes, os beneficiarios do programa formativo adquirirán a condición de bolseiro do Igape, séndolles aboada directamente a eles a bolsa concedida para a súa formación.

3.3. Os titulados que se poderán incorporar ó programa formativo a través do proceso de selección deberán cumpri-las seguintes condicions:

a) Ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Cumprir algunha das seguintes condicións:

I) Ter veciñanza administrativa en Galicia.

II) Ser natural de Galicia.

III) Ser fillo de emigrantes galegos.

c) Non manter relación laboral en vigor co organismo intermedio nin con ningunha das entidades colaboradoras.

d) Reuni-los requisitos necesarios para formalizar un contrato en prácticas coas empresas ou centros colaboradores.

Base 4ª.-Programas de especializacion subvencionables.

4.1. Ó abeiro destas bases, as entidades descritas na base 3ª.1 poderán presentar ó Igape programas de formación teórico-práctica especializada de titulados. Os programas serán apoiables en función das dispoñibilidades orzamentarias e sempre que non existan outros programas de apoio público que poidan atender ás necesidades previstas.

4.2. Os ditos programas deberán reuni-las seguintes condicións:

4.2.1. Xustificación da iniciativa: cada programa deberá xustificar que vai dirixido a un ou varios aspectos ou técnicas empresariais (deseño industrial, comercio exterior, tecnoloxía avanzada, entre outros) nos que exista para o mercado galego deficiencia de oferta de persoal coa calificación necesaria para desempeña-las funcións relativas ó aspecto ou técnica especificada, e non existan outros programas de apoio público específicos.

Posto que os programas propostos deberán tender a dar resposta a unha necesidade xustificada do mercado, máis alá das propias empresas colaboradoras, non serán apoiados programas nos que o alcance sexa de escasa entidade ou nos que o número de titulados a capacitar por especialidade non sexa minimamente relevante para o conxunto do sector ou actividade económica á que vai dirixido o proceso.

4.2.2. Axentes implicados: os organismos intermedios deberán formalizar coas empresas ou centros participantes un convenio de colaboración, conxunto entre tódolos participantes, no que se especifiquen os compromisos e obrigas de cada un dos participantes no programa así como o outorgamento da representación ó organismo intermedio na interlocución co Igape en calquera aspecto do programa. O dito convenio deberá formar parte da proposta.

4.2.3. Descrición do programa de especialización:

4.2.3.1. Cada solicitude especificará a duración do programa proposto, as especializacións profesionais que se pretenden cubrir, o número de titulados que se prevé especializar nas mesmas; así como a análise da demanda e a xustificación de deficiencias, que permitan establece-las necesidades reais do mercado en Galicia (presentes ou previstas a curto prazo) ás que se intenta dar resposta co programa. A duración do programa de especialización poderá ser plurianual pero en ningún caso poderá supera-los tres anos. No caso de que a duración do programa proposto supere un ano, o proceso de selección e asignación de titulados proposto deberá tamén prever unha fase de execución por cada anualidade prevista respecto á duración total do programa.

4.2.3.2. Cando o programa inclúa formación teórica previa ás contratacións, prevista e asumida polo organismo intermedio solicitante, deberase proporciona-la información detallada deste proceso formativo previo, incluíndo obxectivos, lugares de impartición, contidos formativos, custo detallado por asistente, entre outros, así como a duración prevista da mesma que, con carácter xeral, non superará os 3 meses.

4.2.3.3. Para cada unha das contratacións previstas no programa e realizadas polas empresas ou centros colaboradores o período máximo de contratación subvencionado polo Igape limitarase a un ano. No caso de empresas ou centros non galegos, a dura

ción do período de desfrute da bolsa terá o mesmo límite máximo dun ano.

4.2.4. Coordinación do programa e selección dos destinatarios da formación:

4.2.4.1. Ó organismo intermedio responsable da solicitude que resulte aprobada corresponderalle a coordinación do programa completo e o proceso de selección e asignación dos destinatarios da formación para especializar, de acordo co proceso proposto e aprobado a tal fin polo Igape.

4.2.4.2. O organismo intermedio deberá presentar, ademais, a proposta do proceso de selección e asignación para a contratación dos titulados polas empresas ou centros participantes na proposta, o dito proceso deberá asegura-lo cumprimento dos principios de publicidade, igualdade, concorrencia e mérito esixibles, a dita proposta de selección formará parte do programa aprobado podendo o Igape establecer na resolución as condicións que considere adecuadas de cara a asegura-lo cumprimento dos ditos principios.

4.2.4.3. O organismo intermedio será responsable do seguimento e supervisión da execución do programa xerando directamente e instando os participantes os informes de progreso que se establezan.

4.3. Cando o Igape o considere oportuno, poderá propoñer cambios concretos no programa, que poderán ser aceptados polos solicitantes.

4.4. O Igape poderá establecer convenios, individual ou conxuntamente con distintos departamentos da Xunta de Galicia e outras institucións públicas co fin de implementar programas de especialización que se consideren estratéxicos; o réxime e condicións dos mesmos adecuaranse ó que se estableza nos citados convenios, que serán obxecto de publicación no DOG.

Base 5ª.-Conceptos subvencionables.

5.1. Cando sexa aprobado polo Igape un plan formativo previo á contratación, proposto e asumido polo organismo intermedio solicitante, serán subvencionables ata o 45% os custos de asistencia dos destinatarios da formación organizada externamente ou ben os custos de organización e desenvolvemento cando a formación sexa especificamente preparada para o programa.

5.2. Así mesmo, será subvencionable o 70% do salario bruto percibido polos destinatarios da formación a través dos seus contratos nas empresas ou centros de excelencia non superiores a un ano. O salario percibido polo titulado deberá axustarse ó previsto polo convenio aplicable á categoría do persoal contratado. A subvención poderá chegar ata o 100% do salario bruto cando o interese global da proposta así o aconselle.

En todo caso o límite de axuda será de 18.030 euros (2.999.940 pesetas) por contrato. As subvencións serán aboadas ás empresas ou centros que leven a cabo as contratacións.

5.3. No caso de empresas ou centros non galegos, as bolsas a conceder polo Igape directamente ós titulados serán de ata 18.030 euros (2.999.940 pesetas) cando a formación sexa en territorio nacional. Cando a formación sexa fóra de España o seu importe axustarase ó nivel de vida do país de destino, de acordo con algún dos parámetros de equiparación salarial utilizados no Igape.

5.4. No caso de que estivese previsto adestramento ou formación complementaria mediante a presencia ou asistencia a eventos relacionados coa especialización proposta, o Igape poderá subvencionar ata o 100% os custos de desprazamento e aloxamento dos destinatarios da formación.

5.5. O cofinanciamento dos gastos deberá ser asumido polo organismo intermedio ou polas entidades colaboradoras e deberá ser especificado na proposta.

Base 6ª.-Criterios preferentes de concesión.

Para a concesión das axudas ós programas de especialización, valoraranse os seguintes factores:

a) A necesidade do mercado a cubrir, é dicir, a insuficiencia de oferta de man de obra especializada no aspecto empresarial ou técnica concreta na que se propón a especialización.

b) O obxecto da especialización; neste aspecto será valorable a especialización en:

I) Tecnoloxía avanzada.

II) Novas tecnoloxías aplicadas a un sector.

III) Técnicas específicas para sectores emerxentes ou de escasa implantación en Galicia.

IV) Técnicas específicas deficitarias en sectores estratéxicos: mar-industria, rochas ornamentais, agro-industria, téxtil-confección, automóbil, telecomunicacións-audiovisual, turismo, silvícola-forestal, madeireiro e ambiente.

c) O alcance do programa de especialización proposto en canto ó número de titulados que se prevé especializar, en relación coas necesidades sectoriais ou horizontais ás que dar resposta no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) O plan formativo previo cando sexa previsto.

e) A previsión de adestramento complementario á estadía nas empresas ou centros colaboradores.

f) As achegas do organismo intermedio solicitante e das entidades colaboradoras ó programa.

Base 7ª.-Tramitación das solicitudes de subvención.

7.1. Os organismos intermedios interesados deberán presentar ó Igape a súa instancia de solicitude, segundo modelo que figura no anexo I, nas oficinas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) ou en calquera das formas previstas pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracions públicas e do procedemento administrativo común.

7.2. A solicitude acompañarase de:

a) A documentación, en orixinal ou en copia cotexada, enumerada no anexo II.

b) Calquera outra documentación ou información adicional que considere conveniente para unha correcta análise da solicitude.

7.3. Poderase excluír aquela documentación que conste xa actualizada no Igape, debendo o solicitante especifica-lo número de expediente no que anteriormente foi presentado.

7.4. Presentada a solicitude, se non reunise os requisitos esixidos nestas bases, requirirase o interesado para que nun prazo de 10 días hábiles desde o seguinte á recepción do requirimento emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa indicación de que en caso contrario terase por desistido da súa petición e dictarase a correspondente resolución de arquivo, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e cos efectos previstos no artigo 42.1º de dita lei. Este prazo, cando existan causas xustificadas, poderá ser prorrogado de oficio ou a instancia de parte por un período que non exceda a metade do inicial. O requirimento de documentación suspenderá o prazo para resolver.

7.5. Unha vez completas, as solicitudes serán estudiadas polos servicios técnicos da Subdirección de Difusión Tecnolóxica e Plans Estratéxicos Empresariais. A Dirección de Área de Promoción e Innovación do Igape remitirá proposta para a súa resolución pola dirección xeral.

7.6. O Igape resolverá sobre a concesión ou denegación das axudas no prazo máximo de dous meses, descontados os períodos de suspensión.

7.7. Na resolución de concesión farase consta-lo prazo para levar a cabo o proxecto, o importe máximo dos gastos subvencionables a xustificar, as condicións e o proceso aprobado para a selección dos destinatarios da formación a especializar, así como a obriga por parte do perceptor da axuda de indicar en todo labor de difusión, publicidade ou análogo da actividade subvencionada, a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape, e, se é o caso, pola Unión Europea a través do Fondo Social Europeo (FSE). A resolución de concesión tamén poderá establecer, en función do alcance do programa de especialización, tramos independentes das condicións de xustificación e liquidación para os efectos do disposto na base 12ª. Estes tramos poderán establecerse por períodos temporais ou por grupos de titulados, se estes fosen numericamente significativos.

Base 8ª.-Notificación e aceptación.

As resolucións de concesión deberán ser aceptadas por escrito polos beneficiarios ou os seus representantes, segundo a base 4.2.2 no prazo de quince días hábiles a partir do seguinte ó da súa notifi

cación. No caso contrario, entenderase que os beneficiarios renuncian a ela, dictándose resolución neste sentido. A aceptación por parte dos interesados suporá a obriga de cumpri-las condicións establecidas na resolución, nestas bases e demais disposicións que sexan de aplicación.

Base 9ª.-Recursos.

9.1. A resolución esgotará a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto na Lei da xurisdicción contencioso-administrativa, poderase interpor contra elas recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o seguinte ó da súa notificación, se fora expresa, e se non o fora, o prazo será de seis meses a partir do seguinte a aquel no que se entenda producido o acto presunto.

9.2. Con anterioridade á interposición do recurso contencioso-administrativo, poderase interpor no prazo dun mes desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución, recurso potestativo de reposición, que resolverá ó Consello de Dirección do Igape. Se o acto fora presunto, o prazo de interposición do recurso será de tres meses a partir do día seguinte a aquel no que se entenda producido o dito acto.

Base 10ª.-Obrigas dos beneficiarios.

10.1. Obrigas dos organismos intermedios: os organismos intermedios obrigaranse a cumprir co contido do programa nos termos nos que sexa aprobado e, en particular, nos seguintes aspectos:

10.1.1. Elabora-lo programa de especialización, exerce-la súa coordinación e o seguimento a través de cuestionarios de satisfacción.

10.1.2. Xestiona-lo proceso de selección dos titulados a especializar nas empresas ou centros colaboradores e realiza-la asignación dos mesmos.

10.1.3. Cando o programa inclúa un plan formativo teórico previo, asumilo en tódolos seus extremos.

10.1.4. Cando o programa inclúa incorporacións de titulados a empresas ou centros non galegos ou non Pemes, xestión do proceso, obtención dos informes de progreso e, se é o caso, asunción dos gastos de asistencia a eventos de carácter formativo dos titulados durante o período subvencionable.

10.1.5. Exercer de coordinador do programa e de interlocutor co Igape ante calquera circunstancia que se produza no seu transcurso.

10.2. Obrigas das empresas ou centros participantes.

10.2.1. Asinar un documento de compromiso de formación teórico-práctica de calidade para os titulados que lle sexan asignados a través do programa de especialización aprobado e designa-lo organismo intermedio como representante ante o Igape da xestión do programa no que participan.

10.2.2. Formalizar cos titulados que lle sexan asignados, un contrato de traballo nos termos e condicións da proposta. No caso de cesamento da relación contractual por causas non imputables á empre

sa ou entidade, a subvención reducirase proporcionalmente ó período contractual efectivamente realizado. No contrato laboral deberá pactarse a xornada completa.

10.2.3. Aboarlle ós titulados asignados o salario pactado que será, como mínimo, o estipulado no convenio que resulte de aplicación.

10.2.4. Dar de alta o titulado no grupo de cotización que legalmente lle corresponda segundo a súa titulación e aboa-la cota empresarial da Seguridade Social; a dita cota será pola súa conta e entenderase non incluída no importe da subvención.

10.2.5. Entregarlle ó Igape, directamente ou a través do organismo intermedio solicitante, a seguinte documentación no prazo que se estableza:

a) Copias compulsadas dos contratos e altas na Seguridade Social.

b) Datos bancarios da empresa.

c) Copia das nóminas aboadas e dos boletíns de cotización á Seguridade Social.

d) Memoria de actividades dos contratados.

10.2.6. Facilita-los labores de inspección e control que o Igape e a Consellería de Economía e Facenda poidan realizar.

10.3. Obrigas dos titulados destinatarios da formación especializada.

10.3.1. Mante-la dedicación axeitada necesaria para o seguimento do plan de especialización e cumpri-las tarefas que, dentro do marco previsto no programa proposto, lle sexan encomendadas.

10.3.2. Asinar coas empresas galegas os contratos perceptivos tralo proceso de selección.

10.3.3. No caso de incorporacións a empresas ou centros non galegos remitir trimestralmente os informes de progreso emitidos pola empresa ou centro onde se procede á formación práctica e as solicitudes de cobro da bolsa, sexa directamente ou a través do organismo intermedio responsable da xestión do proceso. Neste caso non poderá suscribir, no período de duración da bolsa, contrato laboral ningún.

Base 11ª.-Incidencias e modificacións do proxecto.

11.1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda, e en tódolos casos, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, ou a súa revogación, no caso de considerarse que a modificación afecta a un aspecto substancial da concesión.

11.2. Os beneficiarios quedan obrigados a comunicar ó Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente á execución dos fins para os que estas foron concedidas. En particular, deberá remitir unha declaración complementaria das axudas recibidas para o mesmo proxecto.

11.3. A Dirección Xeral do Igape poderá acorda-la modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conducta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación de ter concorrido na concesión inicial no supuxeran a denegación da axuda.

11.4. O acto polo que se acorde a modificación da resolución ou, se é o caso, se denegue, será dictado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente no que se dará audiencia ós interesados.

Base 12ª.-Xustificación e liquidación.

12.1. Como primeiro paso da xustificación da realización do programa, o organismo intermedio deberá remitir ó Igape a descrición e o resultado do proceso de selección e asignación de titulados ás entidades colaboradoras para a súa especialización.

12.2. Sen prexuízo das facultades de inspección concedidas ó Igape, a xustificación da execución do programa completo e o cumprimento de condicións farase mediante a presentación, dentro do prazo de dous meses establecido a partir da data límite de desenvolvemento do programa, da documentación que se especifica no anexo IV (solicitude de cobro para organismos intermedios).

12.3. No caso de que existan razóns xustificadas para o atraso no cumprimento de condicións, os ditos prazos poderán ser prorrogados de oficio ou por instancia do beneficiario por un período que non superará a metade do período inicialmente acordado, mediante resolución expresa e motivada.

12.4. No caso de que exista unha formación previa, o organismo intermedio colaborador poderá presentar, á finalización dela, unha solicitude de cobro para a subvención concedida por ese concepto, achegando a documentación indicada no anexo IV (solicitude de cobro para organismos intermedios).

12.5. No caso dos bolseiros radicados en entidades colaboradoras fóra de Galicia, estes poderán presentar unha solicitude de cobro trimestral das súas bolsas, achegando a documentación sinalada no anexo V (solicitude de cobro para bolseiros).

12.6. Para cada xustificación de execución dun contrato, a empresa ou centro colaborador poderá presentar unha solicitude de cobro, segundo modelo do anexo VI (solicitude de cobro para empresas ou centros colaboradores) e unha vez comprobada polo Igape a documentación xustificativa, procederase ó pagamento da subvención correspondente en liquidación única para cada contrato de especialización rematado. A liquidación terá en conta a subvención sobre os custos salariais máis a correspondente ó adestramento complementario no caso de que fora previsto e aprobado.

12.7. En caso de que as solicitudes de cobro descritas nos puntos 12.4 e 12.6 desta base foran presentadas antes da documentación esixida no punto 12.2 destas bases, as cantidades aboadas polo Igape terán a consideración de pagamentos á conta, debendo, neste caso, presentar, ademais, aval solidario de entidade financeira que cubra o importe do pagamento parcial e dos seus xuros calculados ó tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da súa concesión e polo prazo que medie entre a data de solicitude e como mínimo aquela na que se cumpran tres meses do fin do prazo de xustificación previsto na resolución de concesión.

Base 13ª.-Incumprimento de condicións.

13.1. Non se poderá esixi-lo pagamento da subvención concedida e procederá a revogación da axuda e, se é o caso, o reintegro total ou parcial da contía percibida e os xuros de demora devengados desde o seu pagamento, nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Incumprimento dalgunha das obrigas previstas ós beneficiarios na cláusula décima.

c) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

d) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda cando da execución definitiva do programa resulte un número de titulados especializados sensiblemente inferior ó previsto.

e) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública. No caso das condicións referidas ás duracións previstas das contratacións ou estadías dos titulados, cando estas resulten inferiores ás previstas e por causas non imputables ós beneficiarios, non se considerará incumprimento e procederase de acordo co disposto na base 11ª, todo iso sen prexuízo do punto d) anterior.

13.2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos nos que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia coas subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima dos gastos subvencionables que se estableza.

13.3. O órgano competente para iniciar, tramitar e resolve-lo expediente será aquel que dictou a resolución de concesión.

13.4. O procedemento de incumprimento iniciarao o Igape, de oficio, ben por iniciativa do órgano concedente, ou como consecuencia das actuacións de control da Intervención Xeral, por petición razoada doutros órganos que teñan atribuídas facultades de inspección na materia ou por denuncia. Comunicaranse ós beneficiarios, ou ós seus representantes, segundo base 4.2.2, as presuntas causas determinantes do incumprimento e as posibles consecuencias do mesmo. Poderá decretarse incumprimento

parcial, se se considera que tal incumprimento é de escasa entidade, non desvirtúa a finalidade da subvención ou non é imputable ó beneficiario.

13.5. Os interesados poderán, en calquera momento anterior ó trámite de audiencia, aducir alegacións ou presentar documentos e outros elementos de xuízo.

13.6. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redacta-la proposta de resolución, porase de manifiesto ós interesados, que disporán dun prazo de quince días para alegar e presenta-los documentos e xustificantes que estimen pertinentes. Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

13.7. Presentadas as alegacións ou transcorrido o prazo de quince días sen contestación por parte do beneficiario, a Dirección Xeral do Igape dictará a resolución que proceda, pronunciándose sobre o alcance do incumprimento. A dita resolución establecerá as novas condicións da subvención e decretará, se é o caso, o reintegro do indebidamente percibido ata ese momento, incrementado cos correspondentes xuros de demora.

13.8. O prazo máximo para resolve-los procedementos sobre incumprimento será de seis meses computados desde o acordo de inicio. Se pasado ese prazo non se dictase resolución, entenderase caducado o procedemento sen prexuízo de que se notifique a resolución declarando a caducidade e ordenando o arquivo das actuacións.

13.9. O reintegro voluntario polo interesado, en calquera momento anterior á proposta de resolución, producirá a terminación do procedemento, sen prexuízo de que se dicte resolución pola que se declare esa circunstancia e da iniciación do procedemento sancionador cando os feitos que motivaron o procedemento de reintegro puideran ser constitutivos de infracción administrativa.

13.10. Será competencia dos órganos de recadación a xestión recadatoria en período voluntario e executivo nos expedientes de reintegro, en virtude do disposto pola Consellería de Economía e Facenda. As contías a reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación o previsto nos artigos 19 a 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario.

Base 14ª.-Incompatibilidade.

As axudas previstas nestas bases serán incompatibles con calquera outra das reguladas polo Igape ou calquera Administración ou organismo público que de axeitada resposta á proposta de especialización presentada. Cando segundo o establecido na base 2ª, a subvención supere o 75% do salario bruto do titulado contratado ou se computen gastos de desprazamento ou aloxamento, as axudas concedidas non poderán excede-los límites cuantitativos establecidos no Regulamento (CE) Nº 69/2001 da Comisión Europea do 12 de xaneiro de 2001 relativo ás axudas de mínimis.

Base 15ª.-Informes.

Para os efectos de configurar unha base de datos autonómica sobre axudas e subvencións públicas, segundo o establecido na disposición adicional terceira do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, o Igape remitirá á Consellería de Economía e Facenda a información sobre a xestión das axudas establecidas nestas bases.

Base 16ª.-Control e comprobación das axudas.

16.1. Sen prexuízo da comprobación material previa ó pagamento, da realidade dos gastos subvencionados que proceda, o Igape, anualmente, elaborará un Plan de Comprobación de Axudas e Subvencións, cos criterios que estableza o seu consello de dirección e que en todo caso deberá garanti-la obxectividade da mostra sinalada. Todo iso sen prexuízo das competencias doutros organismos e entidades respecto á vixilancia e control de axudas e subvencións.

16.2. Así mesmo, os beneficiarios sométense ás actuacións de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas, así como ás que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento das axudas con fondos europeos. Neste sentido os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos ditos organismos.

Base 17ª.-Interpretación.

17.1. En todo o non disposto polas presentes bases, será de aplicación o disposto para axudas e subvencións no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

17.2. Correspóndelle ó presidente do Igape a facultade de dicta-las disposicións necesarias para a aplicación das axudas previstas nestas bases, así como para resolve-las dúbidas concretas que se susciten en aplicación delas.

Base 18ª.-Vixencia.

Estas bases entrarán en vigor o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia e terán vixencia indefinida ata que non se publique a súa derrogación expresa. Anualmente e unha vez aprobado o seu orzamento, o Igape publicará a reserva de crédito dispoñible con cargo ás mesmas para cada exercicio orzamentario, limitándose a concesión das axudas ás dispoñibilidades orzamentarias.

Base 19ª.-Silencio administrativo.

As solicitudes que non fosen resoltas nos prazos que para cada caso se establecen nas presentes bases poderán considerarse desestimadas.